Ir al contenido principal

15 domingo TO C 2022

PERSOAS CHAMADAS A FACER DA COMPAIXÓN EIXE DO NOSO ACTUAR

CANTO GOZOSO

ENTRADA: Vinde axiña (Nº 10)

LECTURAS: Canta, aleluia (Nº 21)

OFERTORIO: Benaventurados (Nº 118)

COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120)

ABRINDO O CORAZÓN

Mestre, que teño que facer para herdar a vida eterna? Esa é a cuestión que hoxe lle plantexa un xurista a Xesús. Esa é tamén a cuestión que moitas veces nos plantexamos nós. A resposta, onte é hoxe, é a mesma: practicar a misericordia, a compaixón, o amor.

Á beira do camiño van quedando persoas despoxadas, empobrecidas, maltratadas. E unha vez máis estamos obrigadas e obrigados a escoitar a chamada do evanxeo. Ou seguimos camiñando, facendo oídos xordos á súa chamada, como o sacerdote e o levita, dando voltas e voltas sobre nós mesmos ou actuamos como o bo samaritano, comprometéndonos activamente a resolver a súa necesidade.

Ese é o noso reto; esa é a nosa tarefa.

UN CORAZÓN MAGOADO

Porque son moitas as ocasións nas que pasamos de longo diante de quen precisa a nosa axuda; SEÑOR, ENCHÓUPANOS COA TÚA COMPAIXÓN.

Por facer da fe rito e costume e non compromiso de vida co mundo e coa xente; CRISTO, ENCHÓUPANOS COA TÚA COMPAIXÓN. 

Por facer oídos xordos ás túas palabras “misericordia quero e non sacrificios”; SEÑOR, ENCHÓUPANOS COA TÚA COMPAIXÓN.

QUE ESCOITA A PALABRA

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DO DEUTERONOMIO

Si, faille caso á voz do Señor, o teu Deus, gardando os seus mandamentos e os seus preceptos, o escrito no libro desta lei. Si, convértete ao Señor, o teu Deus, con todo o teu corazón e con todo o teu ser.

Si, este mandamento que eu che mando hoxe non é imposible para ti nin che resulta inaccesible. Non está no ceo para dicires: ¿Quen subirá por nós ao ceo e nolo collerá e nolo fará escoitar, para que nós o cumpramos? Tampouco está da outra banda do mar para dicires: ¿Quen cruzará por nós ao outro lado do mar e nolo collerá e nolo fará escoitar, para que nós o cumpramos? Si, a palabra está moi cerca de ti: na túa boca e no teu corazón, para a cumprires.

PALABRA DO SEÑOR

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA DE PAULO AOS COLOSENSES

Cristo é a imaxe do Deus invisible,

de toda criatura el é o primeiro nacido,

e por medio del fixéronse as cousas,

as da terra e tamén as do ceo,

as vistas cos ollos,

as por eles non vistas;

señoríos sexan ou ben maxestades,

sexan principados, tamén potestades;

el é modelo e fin do universo creado.

Antes ca todo está el,

todo nel se cimenta aínda hoxe.

É tamén a cabeza do corpo

‑o corpo é a Igrexa‑.

El é o principio,

o primeiro en nacer de entre os mortos,

de xeito que en todo

sexa sempre o primeiro.

Porque nel quixo Deus habitar

coa súa total plenitude:

reconciliar así o universo

consigo, por el;

e no sangue da cruz

poñer paz entre os seres da terra

e do ceo, servíndose del.

PALABRA DO SEÑOR


PROCLAMACIÓN DA BOA NOVA DO NOSO SEÑOR XESUCRISTO SEGUNDO LUCAS

Ergueuse certo xurista e preguntoulle para o poñer á proba:

- Mestre, ¿que teño que facer para herdar a vida eterna?

El respondeulle:

- ¿Que pon a Lei? ¿Que les?

Contestou:

- Amarás o Señor teu Deus con todo o teu corazón, con toda a túa alma, toda a túa forza e con todo o teu entendemento, e o próximo coma a ti mesmo.

El díxolle:

- Contestaches perfectamente; cúmpreo e vivirás.

Pero o xurista, querendo xustificarse, preguntoulle a Xesús:

- ¿E quen é o meu próximo?

Xesús replicou:

- Dunha vez un home baixaba de Xerusalén a Xericó, e asaltárono uns bandidos, que, despois de o roubaren e bouraren nel, deixárono medio morto. Cadrou a baixar polo mesmo camiño un sacerdote, que, ó velo, deu un rodeo e pasou de largo. Igual fixo un clérigo, que pasaba por alí: ó chegar e velo, deu un rodeo. Pero un samaritano, que ía de camiño polo mesmo lugar, ó velo, sentiu mágoa e achegándose a el, curoulle as feridas con aceite e viño e vendoullas. Logo, montouno na súa cabalgadura, levouno a unha pousada e coidouno. O outro día colleu dous denarios, deullos ó pousadeiro, e díxolle: "Coida del, e cando volva xa che pagarei o que gastes de máis".

¿Quen dos tres che parece que foi próximo do que caeu nas mans dos bandidos?

El respondeu:

- O que practicou a misericordia con el.

Díxolle Xesús:

- Pois ti vai e fai outro tanto.

PALABRA DO SEÑOR

NA BUSCA DA SÚA QUENTURA 

- O mandamento está moi preto de ti, no teu corazón e na túa boca. cúmpreo: Desde crianzas ensináronnos o Decálogo, a lei de Deus, o que tiñamos que cumprir para non pecar, para fuxirmos do castigo de Deus, para irmos ao paraíso. Co paso do tempo fixémonos persoas adultas e, ao pior, a nosa vida de fe non madurou, senón que permaneceu e permanece nun infantilismo constante que pouco a pouco vai facendo que detrás das nosas actuacións e das nosas palabras haxa calquera tipo de motivación (social, política, intereses particulares…) agás a motivación relixiosa. Noutras ocasións esta motivación relixiosa aparece coma algo negativo (non fagamos isto, non vaia ser que Deus nos castigue), detrás da cal está o medo, a maxia, a superstición ou un culto baleiro, ritualista, frío, sen sentido. 

Porén, o cristianismo non recoñece máis que unha forma para relacionarnos con Deus: o amor. Nunca o medo ao castigo, nin o desexo dun premio, nin a lei que me obriga a facer algo baixo pena de pecado mortal ou venial, nin a tradición familiar. Ensinóusenos a doutrina, saturóusenos de nocións abstractas, definicións, normas morais e dogmas… pero ensinóusenos a amar a Deus?, ensinamos nós, coma testemuñas de Xesús, a amar a Deus?; preparóusenos para vivir a fe dunha forma serena, libre e responsable, para saber presentármonos diante de Deus sen medo e darlle unha resposta nosa, saída desde o fondo da nosa conciencia coma unha convicción persoal?. A primeira lectura que hoxe escoltamos déixanolo claro: ”o precepto do Señor non é inalcanzable, non está no ceo, nin fóra deste mundo, senón que está no noso corazón”. Aí é onde temos que buscalo e atopalo.

- Fai ti o mesmo: practica a misericordia co teu próximo: A relixión, calquera relixión, é algo moi cómodo. Trátase de cumprir cunha serie de obrigas e xa somos bos. Ir ao templo, facer as miñas oracións, novenas.... pedirlle aos meus santos e xa está. E mesmo podemos facer unha relixión á carta. O importante é crer en algo... por se as moscas. O caso é que realizando algúns ritos, teñamos contento a Deus, que gañemos o ceo. Despois, xustificad@s, content@s e tranquil@s... marchamos a outra cousa bolboreta, sen problemas. Ves, só hai que cumprir as normas, canto máis ao pé da letra mellor. Por iso a moit@s cristiáns de hoxe, que van máis alá, comprometendo a vida, díselles todo tipo de lindezas: roxos, revolucionarios, subversivos, que non son piadosos...., facendo realidade aquela frase de Helder Cámara “cando lle dou pan a un famento, chámanme santo; cando pregunto por que a xente pasa fame, chámanme comunista”. O sacerdote e o levita son representantes oficiais da relixión, preocupados polo templo, o culto e o servizo legal a Deus. Seguro que serían uns xudeus intachables, seguro que estarían ben vistos polas autoridades relixiosas, seguro que... pero estaban ben lonxe de descubrir que El é amor. Estaban enfermos de narcisismo. Só miraban coma os burros, cara adiante, sen ser quen de mirar en abano para descubrir a quen estaba ferido no camiño. Xesús descualifícaos, porque estar “oficialmente” ao servizo de Deus e pasar de longo diante da persoa necesitada é non entender o mandado de Deus, é pasar de longo diante do que hai que facer para ter vida. A relixiosidade sen próximo terxiversa o mandado de Deus, é falsa. O samaritano, en troques, estaba mal visto, era un revolucionario, un ninguén, un herexe, un proscrito; pero soubo mirar en abano para descubrir a quen estaba tirado na cuneta. E hoxe?. Pois podemos seguir afirmando o mesmo: a nosa Igrexa, a que formamos tod@s nós, tamén segue doente de narcisismo, segue a mirar só de fronte, pechándose a descubrir e a axudar a quen está desconsolado, marxinado, silenciado e abatido, ou o que é pior, sendo ela tantas veces quen pon o pé no pescozo de tanta xente para tirala e calala dunha vez por todas. 

- Aquel home anónimo, viaxeiro solitario, sen nome nin compaña, maltratado por bandidos e medio morto, ten rostro e nome: o dos millóns de parad@s, o dos minusválidos, o das mulleres silenciadas e relegadas, o dos anciáns reducidos a caixeiros automáticos, o dos enfermos, relegados a un mero número, o das zonas rurais esquecidas, o dos países subdesenvolvidos... Pero claro, aínda hai moitos letrados dentro da nosa Igrexa que prefiren seguir preguntándolle ao vento quen é o meu próximo, pechándose á evidencia. Porén, a Palabra déixanos claro unha vez máis que Deus segue estando nas nosas mans, que o podemos tocar na persoa enferma, na famenta, na explotada, na inocente, na perseguida... que o amamos cando de verdade amamos... mesmo ao noso inimigo. Cando nos fartaremos de tanta teoría?. Cando inxectaremos a vacina contra a terrible enfermidade do narcisismo que tantas vítimas vai sementando ao noso redor?. Cando nos enchouparemos da misericordia do Señor e non da rixidez da letra?.

COA FORZA DA ORACIÓN DA COMUNIDADE

Presentamos a nosa oración comunitaria dicindo: 

GRAZAS POR CONVIDANOS A SER PERSOAS SAMARITANAS DO TEU AMOR

Pola Igrexa que formamos tod@s nós; para que descubramos que só hai un xeito de irmos pola vida: camiñando coma o samaritano, cos ollos e o corazón ben abertos para deternos diante de quen estea precisado da nosa cercanía, aínda que non pense, sinta, rece ou ame coma nós, OREMOS.

GRAZAS POR CONVIDANOS A SER PERSOAS SAMARITANAS DO TEU AMOR

Polas nosas comunidades, para que pasemos das hostilidades á hospitalidade, dos desencontros á comuñón, do afán de protagonismo á humildade, da prepotencia á sinxeleza, do “eu” ao “nós”, e así evitemos a tentación do narcisismo e de mirar só para o noso embigo, OREMOS.

GRAZAS POR CONVIDANOS A SER PERSOAS SAMARITANAS DO TEU AMOR

Por todas as persoas samaritanas do mundo de hoxe, aquelas das que ninguén espera nada bo; pero que en realidade aos ollos de Deus practican o amor solidario, OREMOS.

GRAZAS POR CONVIDANOS A SER PERSOAS SAMARITANAS DO TEU AMOR

Fai, Señor, da nosa oración comunitaria fermento que faga levedar o noso corazón na xustiza e na solidariedade. P.X.N.S. Amén.

PARA CAMIÑAR CON ESPERANZA

O amor é a expresión máis alta de toda a vida e permítenos existir. Ante este contido tan esencial da fe, a Igrexa non pode permitirse actuar como o fixeron o sacerdote e o levita co home abandonado medio morto no camiño (cf. Lc 10,25-36). Non se pode mirar para outro lado e dar as costas para non ver moitas formas de pobreza que piden misericordia. Dar as costas para non ver a fame, a enfermidade, as persoas explotadas…, é un pecado grave; é tamén un pecado moderno, un pecado actual. Nós, as persoas cristiás, non nolo podemos permitir. Non sería digno da Igrexa nin dunha persoa cristiá «pasar de longo» e pretender ter a conciencia tranquila só porque se rezou ou porque se foi o domingo a Misa” 

(Francisco Catequese para os Operadores de Misericordia, 

Praza de S. Pedro, 3 de setembro de 2016)


Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Ascensión 2025 C

  7º Domingo de pascua. Ascensión.2025 A ASCENSIÓN:  ATRÁS QUEDARON OS CENÁCULOS NOS QUE ESCONDERSE E APARTARSE DO MUNDO CANTOS · Entrada.- Con ledicia vimos ( 3 ) · Lecturas.- Cantade ao Señor ( 23 ) · Ofertorio.- Cantádelle ao Señor ( 33 ) · Comuñón.- Señor Xesús bendito sexas (52) ABRÍNDONOS AO ESPÍRITO A Ascensión do Señor é a festa coa que Xesús nos quere transmitir que unha vez que El xa non está correspóndenos a nós perder os medos, saír da casa e anunciar no medio do mundo a forza, sempre alentadora e esperanzada, da súa mensaxe. El chámanos a ser testemuñas de toda a alegría rebordante que nos ofrece coa súa Boa Nova, porque xa non é tempo de esconderse e laiarse. Agora comeza o tempo do compromiso, da presenza activa e non excluínte, no medio do mundo. E sempre desde alí onde esteamos. Atrás quedaron os cenáculos nos que esconderse e apartarse do mundo. El farase presente se nós, co noso actuar e coa coherencia e honestidade de da nosa palabra, o facemos presente. CU...

Epifania 2025

A ESTRELA DE DEUS GUÍA O CAMIÑO CARA Á BELÉN DA SINXELEZA CANTOS:  Panxoliñas OLLOS ABERTOS Paz e ben. Hoxe é un día máxico e de maxia. Máxico porque Deus móstrasenos a toda a humanidade, sen distincións. El non repara na nosa condición social, na cor da nosa pel, no noso xénero ou na nosa idade. El é man aberta que acolle e abraza sen exclusións de ningún tipo. Pero tamén é día de verdadeira maxia, para pequenos e grandes: a maxia da ilusión e da capacidade de sorprendernos pola estrela do Señor, que guía a nosa vida. Con esta invitación a non perder nunca a maxia da ilusión, comecemos a nosa celebración de hoxe. CORAZÓN MISERICORDIOSO Señor, inda que Ti nos invitas á maxia da ilusión, nós confundimos o camiño e andamos no pesimismo, por iso che dicimos, SEÑOR, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, Ti non cansas nunca de dicirnos que só quen ten capacidade de sorprenderse seguirá fiel no teu vieiro, por iso che pedimos, CRISTO, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, pol...