Ir al contenido principal

Cristo Rei 2023

Traballemos para saciar canta fame e sede de xustiza descubramos no noso mundo


Cantos

         Entrada.- Que ledos hoxe estamos (5 )

Lecturas.- O Señor é o meu pastor: nada me falta ( 27 )

Ofertorio.-  Recibe Señor ( 31 )

Comuñón.- Ide e pregoade ( 55)

Mirada agradecida

Paz e ben. Cincuenta e dúas semanas despois, volvemos celebrar a festa de Cristo Rei do Universo; e con ela o final do ano litúrxico. Cincuenta e dúas semanas nas que fomos reuníndonos ao redor da mesa do altar para celebrar e compartir; para agradecer e pedir; para rezar persoal e comunitariamente. Un tempo no que fomos celebrando que algunhas persoas se foron incorporando á comunidade, a outros despedímolo tamén comunitariamente; moitas veces temos sentido a alegría da festa parroquial, e canto nos temos alegrado na primeira eucaristía de nenos e nenas das nosas parroquias! E en todos e cada un de todos estes momentos sabendo que non estabamos sos, porque sentimos a acollida da comunidade e a forza da presenza de Xesús neste camiñar.

E que mellor remate que tendo a Xesús como o que alenta, anima, empurra e consola todo este camiñar na construción deste reinado que nos chama a vivir con actitude creativa e renovadora.

Que esta celebración que agora comezamos aqueza o noso corazón e acompañe o noso compromiso sempre acolledor e solidario.

Corazón misericordioso

·      Pola nosa incapacidade para superar tristuras e desesperanzas. Señor, aléntanos na construción do Reino.

·      Porque as nosas dúbidas escurecen moitas veces as nosas esperanzas. Cristo, aléntanos na construción do Reino.

·      Por non saber, en moitas ocasións, abrir os brazos e acoller. Señor, aléntanos nas construción do Reino.

Palabra proclamada

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE EZEQUIEL

 

Di o Señor: ‑Velaí, eu en persoa virei

seguírlle-las pisadas ás miñas reses e buscalas.

O mesmo que mira o pastor polos años,

o día en que el se atopa diante do rabaño dispersado,

así eu vou mirar polas miñas reses,

e vounas salvar, sacándoas de tódolos sitios

por onde se espallaron un día de nubes e escuridade.

Eu mesmo apacentarei o meu rabaño,

e eu en persoa fareino acougar

‑é o meu Señor, Iavé, quen fala‑.

Buscarei a ovella perdida,

farei volve-la extraviada,

vendarei a que ten a pata partida,

fortalecerei á feble,

pero farei que perezan a gorda e a forte.

Apacentarei o meu rabaño conforme a xustiza.

¡Oíde vós, meu rabaño! Así fala o meu Señor, Iavé:

‑Vede, eu vou xulgar entre ovella e ovella,

entre carneiros e castróns. Palabra do Señor.

 

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PRIMEIRA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO ÓS CORINTIOS

 

Irmáns e irmás: Cristo resucitou dos mortos, coma primicia dos que dormen. Porque xa que por un home entrou a morte, tamén por un home chegou a resurrección dos mortos. Igual que todos morren por Adam, así tamén por Cristo todos revivirán. Pero cada un no seu intre: primeiro, Cristo; logo, no Día da súa Vinda, os que sexan de Cristo; despois será a fin, cando lle entregue o Reino a Deus Pai, unha vez destruído todo Principado, toda Potestade e toda Dominación. Porque é necesario que El reine ata que poña a tódolos seus inimigos por debaixo dos seus pés. A morte será o derradeiro inimigo destruído. 

E cando lle teña todo sometido, entón tamén o propio Fillo se someterá a quen lle someteu a El todo: para que Deus sexa todo en todo. Palabra do Señor.

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO

 

Dilles Xesús ós seus discípulos:

Cando veña o Fillo do Home na súa gloria e tódolos anxos con el, sentará no seu trono glorioso. Diante del xuntaranse tódalas nacións; e separará uns dos outros, como xebra o pastor as ovellas das cabras. E poñerá as ovellas á súa dereita e as cabras á súa esquerda. Entón dirá o Rei ós da súa dereita:

"Vinde, benditos do meu Pai; recibide a herdanza do Reino preparado para vós desde a creación do mundo. Porque tiven fame e déstesme de comer; tiven sede e déstesme de beber; fun forasteiro e acolléstesme; estiven espido e vestístesme; enfermo e visitástesme; estiven na cadea e viñéstesme ver".

Entón preguntaranlle os xustos:

"Señor, ¿cando te vimos famento e che demos de comer; ou sedento e che demos de beber? ¿Cando te vimos forasteiro e te acollemos; ou espido e te vestimos? ¿Cando te vimos enfermo ou na cadea e te visitamos?"

O rei contestaralles:

"Asegúrovos que canto fixestes cun destes irmáns meus máis pequenos fixéstelo comigo".

E diralles logo ós da súa esquerda:

"Arredade de min, malditos; ide para o lume eterno preparado para o Satán e para os seus anxos. Porque tiven fame e non me destes de comer; tiven sede, e non me destes de beber; fun forasteiro e non me acollestes; estiven espido e non me vestistes; enfermo e na cadea e non me visitastes".

Eles replicaranlle:

"Señor, ¿cando te vimos famento ou sedento, forasteiro ou espido, enfermo ou na cadea e non che acudimos?"

El responderalles:

"Asegúrovos que canto deixastes de facerlle a un destes máis pequenos, deixastes de mo facer a min.

Daquela irán estes ó castigo eterno, e os xustos á vida eterna". Palabra do Señor.

 

Palabra remoída

·      Cando falamos de Deus énchesenos sempre a boca para pedirlle, esixirlle, mandarlle... pero xa son menos as veces nas que agradecemos que nos teña ofrecido todo un amplo campo no que ir descubrindo a súa presenza e as moitas posibilidades que temos de saír de nós para sentir a alegría do encontro co irmán e a irmá, nas persoas enfermas, nas persoas que están soas, nas persoas entristecidas, nas persoas desenganadas ante os sucesivos fracasos que lle foron chegando, nas persoas precisadas de sanación ou nas persoas que fomos  invisibilizando. En todas estas, e moitas outras, situacións dásenos a posibilidade de sentir que ser crente non é unha retórica abstracta e baleira de contido, senón un camiño de humanización e unha posibilidade de ser felices facendo felices ás demais persoas.

 

·      Que ben o expresa a primeira lectura que hoxe temos escoitado! O Deus en cuxas mans nós poñemos non nos da as costas, non se volve estatua de sal, non se desentende da nosa vida. Camiña ao noso lado, camiña con nós, camiña facéndose compañeiro nun vieiro moitas veces tortuoso e cheo de dificultades.Buscaranos, acolleramos, alegrarase de ternos atopado, porque é un Deus sempre con nós. Non é unha entelequia de ignorantes e iletrados; é o Deus sensible que se alegra coas nosas alegrías e que sofre coas nosas tristuras e dores. É un Deus con nós e dos nosos.

 

·       E como cumio de todo este mostrarse como un Alguén compañeiro da viaxe da vida, rematamos o ano litúrxico co capítulo vinte e cinco do Evanxeo de Mateo: “ vinde benditos... porque tiven fame, sede, estiven en coiro, enfermo ou na cadea e viñéstesme ver”. Todo un camiño de compromiso moral e de traballo pola dignificación das persoas. Un camiño que hoxe se nos pon por diante a cada unha e cada un de nós para que, non descartando a ninguén, o percorramos con este mesmo estilo; o estilo que propón Xesús, sabendo que no final sempre atoparemos a aperta agarimosa e tenra do Deus que crea por amor.

Oración compartida

                                   Sabéndonos persoas sempre acompañadas da bendición de Deus, abrimos agora o noso corazón a compartir a oración comunitaria. Fagámolo dicindo: Grazas, Señor, por acompañar as nosas pisadas.

·      Para que Igrexa non se enrede en discusións baleiras, e traballe cada día polas persoas máis excluídas, silenciadas e feitas invisibles. Oremos. Grazas, Señor, por acompañar as nosas pisadas.

·      Para que nas nosas parroquias non deamos nunca as costas ás persoas que están a pasar por momentos de dificultade. E aquí e agora rezamos especialmente polas persoas enfermas, polas viven solas, polas que non teñen suficiente para vivir con dignidade, polas que nunca se sentiron queridas. Oremos. Grazas, Señor, por acompañar as nosas pisadas.

·      Para cada un e cada unha de nós non nos creamos mellores e superiores aos demais. E poñendo a mirada e o corazón no Evanxeo, sexamos quen de non ignorar nin desprezar ás persoas migrantes, enfermas, abusadas ou acosadas. Oremos. Grazas, Señor, por acompañar as nosas pisadas.

Señor, que a nosa mirada e o noso corazón sexan sempre sensibles a dor, tristura e esquecemento das persoas máis fráxiles e débiles da nosa sociedade. Por Cristo o noso Señor. Amén.

Acougo interiorizado

A sabedoría do corazón sae de ti cara ao teu irmán. Ás veces o noso mundo esquece o valor especial do tempo que se pasa á beira da cama dos enfermos, porque nos desacougan as présas, o frenesí de facer, de producir, e esquecemos a dimensión da gratuidade, de coidar da outra persoa. No fondo, detrás desta actitude hai moitas veces unha fe morna, que esqueceu aquela palabra do Señor, que di: "Fixéchesmo".

 

Por este motivo, gustaríame lembrar unha vez máis “a prioridade absoluta da ‘saída de si cara ao outro’ como un dos principais mandamentos que fundan toda norma moral e como o sinal máis claro para discernir o camiño do crecemento espiritual como resposta ao don absolutamente gratuíto de Deus”. ( Francisco)

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2024 B

ALÍ ONDE NOS NECESITAS, ABRIMOS CAMIÑOS Á ESPERANZA (CORPUS 2024) CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Baixo o lema “Alí onde nos necesitas, abrimos camiños á esperanza” celebramos a xornada da caridade, que nos convida a non esquecer que, sempre e en todo lugar, a Igrexa, cada unha das persoas que a formamos, estamos chamadas a ser servidoras e samaritanas, achegándonos para aliviar, acompañar, escoitar e erguer a tanta xente ferida e tirada nas cunetas da vida. O Señor, que hoxe sae ás nosas rúas, volve dicirnos: “Estou aquí, facendo o camiño contigo”. Abramos o noso corazón para escoitar a súa voz que, dun xeito alto e claro, convídanos a abrir camiños de esperanza. CO CORAZÓN FERIDO Ti convídasnos a abrir camiños de esperanza; pero nós moitas veces somos profetas de calamidades, por...

3 Coresma 2024

DIANTE DA TENTACIÓN DE MERCADEAR COA FE, PROPOÑAMOS GRATUIDADE CANTO GOZOSO o     ENTRADA .- Eu sei de quen me fiei  ( 64) o     LECTURAS .- Oh, Señor, escólleme ( 62 ) o     OFERTORIO.-  Grazas Señor na mañá ( 34) o     COMUÑÓN.-   Ti es camiño e verdade ( 57)   Sinal de Coresma.-  Engadimos unha nova parte do corazón roto que estamos a conformar.   ESPERTANDO Á RENOVACIÓN              As comunidades cristiás vanse conformando ao redor da persoa e a palabra de Xesús. Persoa e palabra desde as que se nos invita a interiorizar a fe, as conviccións, os valores e actitudes desde os que vivir. Pero ocorre que moitas veces, por razóns diversas, imos esquecendo estes dous aspectos fundamentais da fe para caer na inconsistencia das rutinas, os costumes, o aburrimento desde os que acabamos vivindo a fe. No evanxeo de hoxe escoitaremos co...

6 Pascua 2024

  CONSTRUÍNDO CASA COMÚN SEN FACER DISTINCIÓNS NIN PERDER A IDENTIDADE CANTOS ·        ENTRADA:  Con ledicia vimos todos ao altar (Nº 2) ·        LECTURAS:  Cantádelle ao Señor unha cantiga nova (Nº 23) ·        OFERTORIO:  O amor é o meirande (Nº 120) ·        COMUÑÓN:  No colo de miña nai (Nº 49)   AQUECENDO O CORAZÓN              Neste sexto domingo de Pascua invítasenos a prestar atención, poñendo corazón, ollos, mans, pensamento, pés... para vivir facendo do amor cerne da nosa vida. A isto chámanos o Evanxeo de hoxe. Non é doado, sabémolo, pero non podemos renunciar a tentalo, porque só quen se esforza pode recoller logo o froito do seu esforzo.          Cando Xesús fala do amor, non está a teorizar nin tampouco a dicir palabras pa...