Ir al contenido principal

1 advento 2023

Advento tempo de miradas con corazón

Sinal de Advento.- 

Como nos anteriores anos, tamén neste propoñemos un sinal para todo o tempo de Advento. Colocamos diante do altar un taboleiro no que poñemos un corazón feito en cartolina no medio, e que iremos rodeando ao longo das semanas de Advento co nome da cada unha das actitudes que se invitan a traballar e interiorizar ao longo deste tempo litúrxico. Nesta primeira semana é a misericordia. No espazo superior do taboleiro colocamos un debuxo que conteña a seguinte lenda: “Advento, miradas con corazón”. Cada domingo iremos axuntando o nome dunha nova actitude.

Cantos

Entrada.- Volve, Señor ( 90 )
Lecturas.- Amóstrame, Señor ( 20 )
Ofertorio.- Velaqui Señor o viño ( 37)
Comuñón.- Xesús chamado amigo ( 89 )

Abrindo o corazón

Comezamos un novo tempo litúrxico, o ADVENTO. Un tempo para revisar e converternos; un tempo para esperanzarnos e ilusionarnos; un tempo para prepararnos e facer do corazón, tantas veces insensible, sexa quen de latexar misericordia, gratitude, colaboración e xenerosidade. Catro actitudes que nos han ir axudando ao longo deste tempo litúrxico a prepararnos para acoller ao Señor que ven, unha vez máis, chamar a nosa porta para que lle abramos e poida entrar.
Esforcémonos para que as nosas sexan sempre miradas con corazón.

Misericordia compartida

  • Polas veces nas que as nosas miradas non sandan senón que feren. Señor, que miremos con misericordia.
  • Polas veces nas que o noso corazón se volve insensible á dor das demais persoas. Cristo, que miremos con misericordia.
  • Polas veces nas que as nosas mans se pechan no canto de abrirse a axudar e acoller. Señor, que miremos con misericordia.

Palabra proclamada

Proclamación da  Palabra recollida na profecía de ISAÍAS

Ti, Señor, e-lo noso pai,
o "noso Redentor desde sempre" é o teu Nome.
Por que, Señor, nos deixaches descarrilar lonxe dos teus vieiros,
e fixeches endureces o noso corazón apartándose do teu respecto?
¡Cambia de actitude por amor dos teus servos,
por amor das tribos da túa herdanza!
¡Ai, se racháse-lo ceo (e) baixases!
¡Coa túa presencia rebulirían os montes,
Baixaches, (e) coa túa presencia tremeron os montes:
unha cousa que desde antigo nunca se oíra,
(pero) certo que se nos fixo escoitar:
O ollo non viu fóra de ti ningún deus, que tal lle faga a quen espera nel.
Atopácheste co que se alegraba e practicara a xustiza,
cos que se lembraban de ti nos teus vieiros.
Velaí: estabas enfadado porque pecaramos,
(pero) estaremos sempre nos teus vieiros e salvarémonos.
Todos nós fomos coma un impuro,
e toda a nosa xustiza como a roupa da menstruante.
Todos nós murchamos coma a folla,
e as nosas iniquidades leváronnos coma o vento.
Non había quen invocase o teu nome,
quen espertase para acollerse a ti,
porque ti escondíchesnos a túa cara,
e alagáchesnos co lote das nosas culpas.
Pero agora, Señor, ti es o noso Pai.
Nós sómo-lo barro e ti es o oleiro,
pois obra das túas mans somos todos nós.
    Palabra do Señor. Grazas a Deus

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PRIMEIRA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO ÓS CORINTIOS

Irmáns e irmás:
Desexámosvos gracia e paz de parte de Deus, noso Pai, e do Señor Cristo.
Non paro de lle dar gracias a Deus por vós, pola gracia de Deus que se vos deu por medio de Cristo Xesús. Porque por medio del quedastes ricos en todo, nos dons da palabra e do coñecemento: e así confirmouse solidamente entre vós o testemuño en favor de Cristo. De xeito que non carecedes de ningún don, mentres agardáde-la revelación do Noso Señor Xesús Cristo. El é quen vos manterá firmes deica á fin, para que ninguén vos poida acusar de nada no día do Noso Señor Xesús Cristo. Deus é fiel e foi El quen vos chamou á comunidade do seu Fillo Xesús Cristo, noso Señor. Palabra do Señor. Grazas a Deus.

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS

Dilles Xesús ós seus discípulos:
Estade á espreita e atentos, que non sabedes cando será o momento.
É coma un home que foi ó estranxeiro, deixando a casa e maila facenda nas mans dos seus criados, encargándolles a cada un o que tiña que facer; e ó porteiro ordenoulle que velase.
Vixiade vós, polo tanto, pois non sabedes cando chegará o amo da casa: se á tardiña ou con noite cerrada, se co canto do galo ou no amencer. Non vaia ser que chegue de repente, e vos atope durmindo. E o que vos digo e vós, tamén llelo digo a todos: ¡Estade en vela!

Palabra remoída

O Advento e un tempo de graza e de esperanza. Porque é momento que a Igrexa nos ofrece para que retomemos camiño, para que reconsideremos actitudes equivocadas, para que paremos e pensemos cal e como é a resposta que cada unha e cada un de nós estamos a dar ao don da fe que temos recibido o día do noso bautismo. Graza e esperanza convértense ao longo destas semanas de preparación para o Nadal en guieiros que nos van marcando camiño, orientando pasos e propoñéndonos o horizonte cara onde se nos chama a orientar a nosa vida. Non é entón o advento un tempo de rutina, un tempo morto ou un tempo que nos soa a modo de retrouso, todo o contrario. O Advento ha de espertarnos do sono da preguiza e folgazanaria na que todas e todos nos caemos tantas veces. O Advento é o tempo de experimentar e gozar da alegría coa que o Deus da misericordia se volve achegar a nós para que retomemos camiño sen fardos pesados.
E desta necesidade de ser persoas agradecidas é do que lle falaba Paulo a aquelas persoas ás que el lles mostrara a mensaxe de Xesús. E faino non para recriminarlles nada, ao contrario, as súas son palabras que invitan e animan; palabras que chaman a que sexamos xente de ben, xente agradecida; palabras que non firan nin exclúan. Dicíanolo tamén o papa Francisco no vídeo da rede da oración mundial, co que el nos agasalla cada mes, cando afirmaba: “construamos unha igrexa sen barreiras, e non só físicas”. Esforcémonos logo para erradicar de nós a tentación da exclusión, de poñer barreiras que separan entre as persoas. Agradezamos este tempo que hoxe comezamos para que poidamos traballar en poñer miradas con corazón nas persoas e no mundo, fagámolo sempre con actitudes de misericordia.
E Xesús no Evanxeo chámanos a non descoidarnos neste noso esforzo de ser xente misericordiosa. Cando el di, “ estade á espreita e atentos”, as súas palabras convértense en guieiro para non nos deixar por camiños que non nos fan sentir o gozo e a ledicia da fe; por camiños que nos converten en persoas tristeiras e aburridas; por camiños que non nos levan a atoparnos con persoas que , camiñando a nosa par, nos alenten, nos animen, nos ilusionen e nos estimulen. A fe non é un xarope para adormecernos, ao contrario é sempre estímulo para abrir camiños renovados, creativos, compartidos e solidarios. Vixiemos logo ao longo deste tempo de Advento para que a nosa vida, as nosas vidas, non caian no desasosego e a insubstancia. E se xa caeron, que mellor que este tempo de Advento para erguernos e volver a camiñar!

Oración compartida

Desde a misericordia como actitude a potenciar e vivir ao longo deste tempo de Advento, unámonos para rezar e dicir: Fainos, Señor, persoas misericordiosas.
  • Para que a Igrexa sexa sempre misericordiosa, saiba acoller e perdoar a quen se achega a ela, e non se insensibilice ante a dor de quen sofre. Oremos. Fainos, Señor, persoas misericordiosas.
  • Para que aproveitemos este tempo de Advento para esforzarnos por ser comunidades cristiás máis misericordiosas, solidarias e sempre esforzándose por non excluír a ninguén. Oremos.. Fainos, Señor, persoas misericordiosas.
  • Para que cada unha e cada un de nós, fagamos da misericordia luz que vaia axudándonos a dar pasos de achegamento e pacificación para coas persoas, contrarrestando a nosa tentación de ser violentos e indiferentes. Oremos. Fainos, Señor, persoas misericordiosas.
Señor, que este tempo de Advento sexa para nós camiño de misericordia, conversión e cambio. Por Cristo o noso Señor. Amén.

Aloumiño de conversión

Comezamos o tempo litúrxico de Advento. É un tempo rico para a nosa vida de cristiáns; para a nosa vida persoal e social; para a nosa vida interior e exterior.
Advento é tempo de liturxia, de vida e de "esperanza". E non é unha esperanza calquera: esperamos ao que é a razón da nosa existencia: "Por quen vivimos, nos movemos, existimos e morremos".
Si, o Señor está á nosa porta ; á nosa porta persoal e social. Xesús quere entrar e habitar en nós e no mundo "todo e en todos"; en "toda persoa e en tódalas persoas"; isto significa, segundo Paulo VI na súa Carta "Evanxelización no mundo contemporáneo", que: "Nada da experiencia humana é allea á Evanxelización". Por iso, esperamos a Xesús, neste Advento 2023, e abrimos a nosa vida a el, para que este ano veña, naza e teña "un lugar na pousada"; e a través de nós. Xesús quere nacer para a xente e para o mundo. Ven salvar, non condenar. 
(Eugenio Pizarro)

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Ascensión 2025 C

  7º Domingo de pascua. Ascensión.2025 A ASCENSIÓN:  ATRÁS QUEDARON OS CENÁCULOS NOS QUE ESCONDERSE E APARTARSE DO MUNDO CANTOS · Entrada.- Con ledicia vimos ( 3 ) · Lecturas.- Cantade ao Señor ( 23 ) · Ofertorio.- Cantádelle ao Señor ( 33 ) · Comuñón.- Señor Xesús bendito sexas (52) ABRÍNDONOS AO ESPÍRITO A Ascensión do Señor é a festa coa que Xesús nos quere transmitir que unha vez que El xa non está correspóndenos a nós perder os medos, saír da casa e anunciar no medio do mundo a forza, sempre alentadora e esperanzada, da súa mensaxe. El chámanos a ser testemuñas de toda a alegría rebordante que nos ofrece coa súa Boa Nova, porque xa non é tempo de esconderse e laiarse. Agora comeza o tempo do compromiso, da presenza activa e non excluínte, no medio do mundo. E sempre desde alí onde esteamos. Atrás quedaron os cenáculos nos que esconderse e apartarse do mundo. El farase presente se nós, co noso actuar e coa coherencia e honestidade de da nosa palabra, o facemos presente. CU...

Cristo Rei 2025

  UN REI DE SERVIZO NUN MUNDO PRECISADO DE ACOLLIDA E ESCOITA: XESÚS CRISTO CANTO GOZOSO   ·        ENTRADA .- Que ledos hoxe estamos (  ) ·        LECTURAS .- Moito me alegrei (  ) ·        OFERTORIO.-  Na nosa terra ( 36 ) ·        COMUÑÓN.-  No colo de miña nai   ESCOITA ACTIVA          Remata hoxe o ano litúrxico que comezabamos o primeiro domingo de Advento, hai xa un ano. Un ano de ledicias e tristuras, de esperanzas e desacougos, de loitas e cansazos, pero sempre guiados pola forza e a presenza de Xesús o Mestre, aquel que pasou facendo o ben e tendendo a man a quen ía atopando ao longo do camiño.          E hoxe, como remate deste camiñar, celebramos a festa de Cristo Rei coa que queremos poñer de manifesto que o seu r...