Ir al contenido principal

32 Domingo TO A 2023

PERSOAS ORGULLOSAS DA NOSA FE

(DÍA DA IGREXA DIOCESANA)

Cantos

· Entrada.- Unha parroquia nova ( ).
· Lecturas.- Canta Aleluia ( 21).
· Ofertorio.- Grazas, Señor, graciñas ( 50 ).
· Comuñón.- Oh, Señor, escólleme ( 62).


Mirada agradecida

Sabedoría e esperanza son os eixes nos que se move hoxe a Palabra de Deus. Non a sabedoría de quen ten moito coñecemento e pouca humanidade, senón desde a sabedoría esperanzada de quen aprendeu a valorar o sinxelo, o pequeno, o humilde.
Hoxe, desde esta sabedoría esperanzada, a Igrexa española celebra o día da “Igrexa diocesana”; o día no que as comunidades tomamos conciencia de quen somos e cara onde imos. Nin estamos sos nin camiñamos son, senón que levamos con nós a forza da fe. Unha fe da que nos sentimos orgullosos e orgullosas. Unha fe que vivimos na nosa comunidade, na nosa diocese, na Igrexa universal. Unha fe que temos que testemuñar coa nosa vida.

Corazón misericordioso

· Porque deixamos que outras persoas decidan por nós; SEÑOR, QUE NON SEXAMOS PERSOAS ATOLADAS.
· Porque non valoramos a fe na nosa vida; CRISTO, QUE NON SEXAMOS PERSOAS ATOLADAS.
· Porque non estamos dispostas e dispostos a comprometernos no camiño da sinodalidade; SEÑOR, QUE NON SEXAMOS PERSOAS ATOLADAS.

Palabra proclamada

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DA SABEDORÍA

Raiolante e perenne é a Sabedoría

e enxérgana sen dificultade os que a aman;

déixase atopar dos que a procuran.

Adiántase a se dar a coñecer polos que a arelan.

Quen madrugue por ela non ha de cansar:

atoparaa chantada a carón da súa porta.

O matinar nela é xa o cumio da prudencia,

quen por ela deixa o sono axiña se verá libre de preocupacións,

pois ela de seu vai de acá para alá á procura dos que dela sexan dignos,

aparéceselles benigna nos vieiros,

sáelles ó encontro en calquera proxecto.

 

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PRIMEIRA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO ÓS TESALONICENSES

Irmáns e irmás:

Non queremos que esteades desinformados verbo dos mortos, para que non vos agoniedes coma os outros, os que non teñen esperanza. Porque, se cremos que Xesús morreu e que resucitou, do mesmo xeito Deus, por medio de Xesús, levará con El os que xa morreron. Iso é o que vos dicimos apoiados na palabra do Señor: que nós, os que vivimos, os que quedemos para a Vinda do Señor, non teremos vantaxe sobre os que xa morreron; pois a un sinal de mando, á voz do arcanxo e ó son da trompeta de Deus, o Señor en persoa baixará do ceo: entón os cristiáns defuntos resucitarán primeiro; despois, nós, os que quedemos vivos, seremos arrebatados xunto con eles nas nubes, para irmos ó encontro do Señor no aire e así estaremos sempre co Señor. Polo tanto, consoládevos uns a outros con estas palabras.

 

PROCLAMACIÓN DA BOA NOVA DO NOSO SEÑOR XESUCRISTO SEGUNDO MATEU

O Reino dos Ceos parecerase a dez mociñas que, collendo os seus candís, saíron recibir o noivo. Cinco eran atoladas e cinco asisadas. As atoladas colleron os candís pero non os encheron de aceite; as asisadas, en troques, cos candís levaron tamén as aceiteiras cheas. Como o noivo tardaba, pegoulles o sono, e botaron unha durmidela.
Alá pola media noite oíuse berrar:
- "¡Veña, que chega o noivo, ídeo recibir!"
Erguéronse todas aquelas mociñas e prepararon os candís.
Entón dixéronlles as atoladas ás asisadas:
- "Dádenos un chisco de aceite, que os nosos candís esmorecen".
Responderon as asisadas:
- "Non vaia ser que non chegue para vós e para nós; mellor será que vaiades á tenda e que o merquedes".
No intre que elas ían mercalo, chegou o noivo, e as que estaban preparadas entraron con el no banquete de vodas, e pechouse a porta.
Máis tarde chegaron as outras mociñas chamando:
- "¡Señor, Señor, ábrenos!"
Pero el respondeulles:
- "Asegúrovos que non vos coñezo".
Vixiade, logo, xa que non sabedes nin o día nin a hora.

PALABRA DO SEÑOR

Palabra remoída

Que importante é saber escoitar e que pouco nos adestramos neste exercicio!!! Falamos, falamos, falamos.... pero canto nos custa pechar a boca para abrir os oidos e, sobre todo, o corazón. Pois ben, a Palabra que vimos de proclamar nesta mañá convídanos a camiñar na escoita. Ese é o camiño da sabedoría. A escoita de quen ten vivido, a escoita de quen ten sufrido, a escoita de quen ten aprendido na dura escola da vida, na escoita das persoas maiores... Esa é a verdadeira sabedoría, a sabedoría da que hoxe se nos fala.
Só desde esta sabedoría seremos capaces de descubrir a esperanza cristiá como camiño cara á plenitude. Que ben o entendeu Paulo e que ben llo transmite a aquela comunidade de Tesalónica: as persoas que nos precederon está xa no colo de Deus e alí agardan a resurrección. Que maior sabedoría a de descubrir que camiñamos cara Deus!!!
Mais o camiño non o facemos en soidade: Deus e a comunidade camiñan con nós. Hoxe celebramos a ledicia de sentir que formamos parte dunha diocese na que podemos vivir a nosa fe. E por iso somos convidadas e convidados a tomar conciencia de que o camiño temos que facelo sinodalmente, pois todas as persoas somos igual de importantes e todas temos un lugar dentro da Igrexa. Unha Igrexa que hoxe celebra que só podemos sentir e ser tal en comunidade. Compartindo, unindo, colaborando, participando... ao estilo de Xesús. E iso é o que hoxe agradecemos na celebración ao sabernos Igrexa acompañada polo bispo, alentada polas persoas que animan as nosas celebracións e agarimada por todas e todos os que hoxe nos imos reunindo para compartir o domingo, o día do Señor. E como non, iso é un orgullo!!!!! Manteñamos, logo, as nosas lámpadas accesas!!!!! 

Oración compartida

Coa sabedoría dos nosos maiores, facemos agora memoria agradecida por ser comunidade que comparte a oración, buscando nela a forza que nos axude a non deixarnos abater pola tristura, e dicimos:
QUE NOS SINTAMOS ORGULLOSOS DA NOSA FE
  • Para que a Igrexa traballe con sabedoría, e non con medo, buscando comprender e dialogar canto pasa no mundo, para deste xeito poder seguir anunciando a Xesucristo, OREMOS.
  • Para que nas nosas comunidades non nos deixemos abater pola desesperanza na que se mergulla tanta xente que foi cambiando a fe en Xesús pola fe nos cartos, o poder ou o dominio sobre os demais; OREMOS.
  • Para que nós resistamos a tentación de converter a mensaxe cristiá nunha simple realización de prácticas de piedade desconectadas da vida; OREMOS.
Señor, acolle, alenta e dános azos para vivir na auténtica e verdadeira sabedoría, facendo da fe non durmideira, senón estímulo. P.X.N.S.

Acougando en esperanza

Esperta, Señor, os nosos corazóns que se durmiron en tonterías e xa non teñen forza para amar con paixón.
Esperta, Señor, a nosa ilusión, que se apagou con pobres ilusións e xa non ten razóns para esperar.
Esperta, Señor, a nosa fe durmida, para que deixe de ter pesadelos e poidamos vivir todos os días como festa.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Ascensión 2025 C

  7º Domingo de pascua. Ascensión.2025 A ASCENSIÓN:  ATRÁS QUEDARON OS CENÁCULOS NOS QUE ESCONDERSE E APARTARSE DO MUNDO CANTOS · Entrada.- Con ledicia vimos ( 3 ) · Lecturas.- Cantade ao Señor ( 23 ) · Ofertorio.- Cantádelle ao Señor ( 33 ) · Comuñón.- Señor Xesús bendito sexas (52) ABRÍNDONOS AO ESPÍRITO A Ascensión do Señor é a festa coa que Xesús nos quere transmitir que unha vez que El xa non está correspóndenos a nós perder os medos, saír da casa e anunciar no medio do mundo a forza, sempre alentadora e esperanzada, da súa mensaxe. El chámanos a ser testemuñas de toda a alegría rebordante que nos ofrece coa súa Boa Nova, porque xa non é tempo de esconderse e laiarse. Agora comeza o tempo do compromiso, da presenza activa e non excluínte, no medio do mundo. E sempre desde alí onde esteamos. Atrás quedaron os cenáculos nos que esconderse e apartarse do mundo. El farase presente se nós, co noso actuar e coa coherencia e honestidade de da nosa palabra, o facemos presente. CU...

Epifania 2025

A ESTRELA DE DEUS GUÍA O CAMIÑO CARA Á BELÉN DA SINXELEZA CANTOS:  Panxoliñas OLLOS ABERTOS Paz e ben. Hoxe é un día máxico e de maxia. Máxico porque Deus móstrasenos a toda a humanidade, sen distincións. El non repara na nosa condición social, na cor da nosa pel, no noso xénero ou na nosa idade. El é man aberta que acolle e abraza sen exclusións de ningún tipo. Pero tamén é día de verdadeira maxia, para pequenos e grandes: a maxia da ilusión e da capacidade de sorprendernos pola estrela do Señor, que guía a nosa vida. Con esta invitación a non perder nunca a maxia da ilusión, comecemos a nosa celebración de hoxe. CORAZÓN MISERICORDIOSO Señor, inda que Ti nos invitas á maxia da ilusión, nós confundimos o camiño e andamos no pesimismo, por iso che dicimos, SEÑOR, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, Ti non cansas nunca de dicirnos que só quen ten capacidade de sorprenderse seguirá fiel no teu vieiro, por iso che pedimos, CRISTO, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, pol...