Ir al contenido principal

Pentecoste 2024

Cantos

Entrada.- Todos xuntos (56)
Lecturas.- Manda o teu Espírito (26)
Ofertorio.- Na nosa terra (36)
Comuñón.- Eu soñei (58)

ESPERTANDO A COMPARTIR

Hoxe é domingo de Pentecoste, e con esta festa rematamos o tempo de Pascua. Ao longo destes cincuenta días fomos escoitando como a primeira comunidade se ía organizando, logo da tristura que lles provocara a morte de Xesús. E non o facían de calquera xeito, non, eran conscientes de que a presenza do Señor camiñaba no medio deles, por iso non se deixaban ir da tristura permanente, coma se o do (duelo) non rematase nunca. Sabendo que a forza do Señor alentaba a súa vida, loitaban por comunicar aos demais a alegría que estaban a vivir no nome de Xesús, á vez que non se deixaban amedrentar polos poderosos e xulgadores profesionais daquel tempo.
Que tamén nós, como aqueles cristiáns e cristiás da primeira hora, deixemos que a presenza do Espírito nos anime neste noso camiñar hoxe no medio do mundo.

SABÉNDONOS PRECISADOS

  • Que a presenza do Espírito nos faga sentir Igrexa sinodal e participativa. MANDA O TEU ESPÍRITO.
  • Que aprendamos a camiñar en comuñón escoitándonos sen crernos superiores aos demais. MANDA O TEU ESPÍRITO.
  • Que nos liberemos dos medos que nos cohiben e nos quitan liberdade. MANDA O TEU ESPÍRITO.

A ESCOITAR A TÚA PALABRA

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DOS FEITOS DOS APÓSTOLOS

 

Cando se cumpriron os días de Pentecostes, estaban todos xuntos no mesmo sitio. De súpeto, veu do ceo un ruído coma dun forte golpe de vento, que encheu toda a casa onde estaban; 3e apareceron talmente coma linguas de lume, que, repartidas, foron pousando unha sobre cada un deles. Quedaron cheos do Espírito Santo e puxéronse a falar noutras linguas, conforme lles concedía o Espírito.

Había daquela en Xerusalén xudeus piadosos de tódalas nacións da terra. O se producir aquel estrondo, xuntouse a xente e ficou moi desconcertada, porque cada un os sentía falar na súa propia lingua. Pasmados e admirados, dicíanlles uns a outros: "¡Olla! ¿E todos estes que están aí a falar non son galileos? ¿E logo como é que os sentimos falar cada un de nós no noso propio idioma nativo? Partos, medos, elamitas, xente da Mesopotamia, Xudea, Capadocia, Ponto, Asia, Frixia e Panfilia, do Exipto e da parte de Libia contra Cirene, forasteiros romanos tanto xudeus coma prosélitos, cretenses e árabes, sentimos falar nas nosas linguas das grandezas de Deus". Palabra do Señor.

 

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PRIMEIRA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO ÓS CORINTIOS

 

Irmáns e irmás:

Ninguén que diga "Arrenegado sexa Xesús", fala movido polo Espírito de Deus; e ninguén é capaz a dicir "Xesús é o Señor", se non é baixo o influxo do Espírito Santo.

Hai diversidade de dons, pero un mesmo Espírito. Hai diversidade de servicios, pero un mesmo Señor. Hai diversidade de realizacións, pero un mesmo Deus, que é quen realiza todo en todos.

A cadaquén dáselle a manifestación do Espírito para o ben común. A un o Espírito dálle palabra de sabedoría; a outro dálle palabra de ciencia o mesmo Espírito; a aquel outro o mesmo Espírito concédelle fe. A un este mesmo Espírito dálle o don de curacións; a outro, o don de facer milagres; a outro, o don da profecía; a outro, discernimento de espíritos. A un, don de falar distintas linguas; a outro, o saber interpretar esas linguas. Pero todo isto é un e o mesmo Espírito quen o realiza, repartindo a cada un en particular, como a El lle parece.

Porque igual que o corpo, sendo un, ten moitos membros e todos estes membros, con seren moitos, non fan máis dun corpo: así tamén Cristo. Porque a todos nos bautizaron nun único Espírito, para formarmos un único corpo: tanto xudeus coma gregos, tanto escravos coma libres. E a todos se nos deu a beber un único Espírito. Palabra do Señor.

 

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN

 

Naquel día, o primeiro da semana, ó serán, estando pechadas as portas onde estaban os discípulos, por medo dos xudeus, chegou Xesús, e, poñéndose no medio, díxolles:

‑Paz convosco.

Dito isto, mostróulle-las mans e mailo costado. Os discípulos alegráronse, vendo o Señor. El díxolles outra vez:

‑Paz convosco: coma o Pai me mandou a min, tamén eu vos mando a vós.

E dito isto alentou sobre eles, e díxolles:

‑Recibide o Espírito Santo: a quen lles perdoéde-los pecados, quedaranlles perdoados; a quen llelos reteñades, quedaranlles retidos. Palabra do Señor.

LEVÁNDOA A NOSA VIDA

Estaban xuntos. Pasaran cincuenta días, os peores momentos, pero eles non se dividiron, non fixeron grupos de afíns, non se deixaron levar polas coaccións e os medos. Todo o contrario: as dificultades leváronos a unirse máis, a sentir que tiñan moito en común, a descubrir que se precisaban para levar a cabo a encomenda de Xesús: “ide e anunciade... e non estaredes sos”. E claro que non estaban sos! Sentían a forza do Espírito Santo nos seus corazóns, nas súas vidas, nas decisións que ían tomando diante de todo canto estaban a vivir. É dicir, eles e elas foron reafirmando a mensaxe de Xesús, e facíano afrontando retos e reuníndose para compartir mesa de pan e viño como Xesús lles encomendara na Última Cea. E a nosa tarefa hoxe é actualizar esta presenza de Xesús entre nós alimentándonos deste pan e viño que nos darán a forza para non deixarnos levar de todo canto xustifica a manipulación, a mentira, o maltrato, a desigualdade ou a inxustiza. Para ser voz de esperanza e novidade de igualdade e xustiza que pon sempre á persoa por riba das institucións. Por iso estamos e seguimos xuntos e xuntas.
Formarmos un único corpo. Como lle ocorría a aqueles cristiáns e cristiás de hai dous mil anos, tampouco nós estamos sos para ir desenvolvendo a nosa tarefa. Xesús deixounos un gran agasallo: o Espírito Santo. E El non nos dá as costas. Todo o contrario: vai ao noso paso e segue as nosas pisadas para acompañarnos. Faino para que entre nós non acampen nin a diferenza, nin a distinción, nin a clase social nin a cultura ou a lingua. Para El e con el somos cidadáns e cidadás do mundo. Un mundo onde cabemos todas e todos, e no que temos, iso si, que esforzarnos por escoitarnos, por prestarnos atención, por non tentar facer menos a quen non é coma nós ou non pensa igual. O Espírito Santo é o mellor antídoto contra a crispación, tan presente na nosa sociedade hoxe en día. Que a nosa cidadanía do mundo nos achegue e iguale, fronte aos que queren pecharse só cos seus e entre os seus!
Tamén eu vos mando a vós. Aquí nesta frase resúmese a razón e o porqué do noso estar no medio do mundo cunha actitude activa, participativa e sinodal. El envíanos, pero non de calquera xeito. Non: o seu envío leva engadido o mellor antídoto contra o desánimo e a tentación de abandonar na tarefa de facer da persoa centro, e da dignidade razón para non calar diante das inxustizas e dos intentos de dominar, mandar e impoñer criterios, visións e maneiras uniformes e únicas de traballar por un mundo mellor: o Espírito Santo. Nel sentimos a forza, a unión e o alento de continuar, sen deixarnos levar do desacougo. Segue sempre connosco, Espírito Santo!

COMO ORACIÓN COMPARTIDA

Porque Deus agasallounos co Espírito Santo, oramos con confianza pola Igrexa e o mundo do que forma parte dicindo: QUE O TEU ESPÍRITO ALETEXE SOBRE NÓS.

  • Polo papa Francisco, para que siga alentando unha Igrexa compasiva e sempre misericordiosa. Oremos. QUE O TEU ESPÍRITO ALETEXE SOBRE NÓS.
  • Polas persoas que conformamos a Igrexa, para que nunca teñamos medo a manifestar coa nosa coherencia de vida a fe que profesamos. Oremos. QUE O TEU ESPÍRITO ALETEXE SOBRE NÓS.
  • Para que nas nosas comunidades aprendamos a traballar vencendo o individualismo e a rutina do sempre se ten feito así. Oremos. QUE O TEU ESPÍRITO ALETEXE SOBRE NÓS.

Deus Pai bo, que alentas o noso camiñar e nos agasallas coa presenza do Espírito en nós. Acompaña a oración que hoxe compartimos ao reunirnos comunitariamente para escoitar a túa palabra e compartir o teu pan. P.X.N.S. Amén.

QUE NOS CHAMA SER TESTEMUÑAS

A oración ao Espírito Santo é espontánea. Debe vir do teu corazón, debes preguntar nos momentos de dificultade. Veña Espírito Santo! A palabra clave é esta: vén, vén. Pero tes que dicilo coa túa lingua, coas túas palabras: vén porque estou en dificultades, vén porque estou na escuridade, vén porque non sei que facer, vén porque estou a piques de caer, vén, veña. É a palabra do Espírito, chamar ao Espírito".
Así, coa presenza do Espírito, salvagardamos a liberdade, seremos cristiáns libres, libres, non apegados ao pasado no feo sentido da palabra, non encadeados ás prácticas rutineiras. A liberdade cristiá, fainos madurar, axudaranos a camiñar no Espírito, en liberdade e na alegría porque cando vén o Espírito Santo, vén a alegría, a verdadeira alegría”. (Francisco)

Comentarios

Entradas populares de este blog

Pentecostes 2026

PENTECOSTES: O MILAGRE DE NON SER LADRILLOS IGUAIS SENÓN PEZAS VIVAS DA DIVERSIDADE CANTO GOZOSO   ö ENTRADA: Vinde axiña (   10     ) ö ASPERSIÓN: A auga do Señor (Nº 125) ö LECTURAS: Manda o teu Espírito ö OFERTORIO: Sementar, sementarei ö COMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55) MIRADA AGRADECIDA Hoxe pechamos o tempo de Pascua, e facémolo do mellor xeito posible: co cumprimento por parte de Xesús da súa promesa de non deixarnos na orfandade, senón de agasallarnos co Espírito Santo. E se pensamos neste Espírito, a mellor imaxe non é a dun coro onde todas as persoas cantan a mesma melodía coa mesma voz. O Espírito parécese máis a unha gran orquestra, onde cada instrumento é totalmente diferente, ten o seu propio timbre, o seu propio xeito de soar e o seu propio acento. O milagre non é que o violín soe a trompeta, senón que cadaquén, estando ben afinada e ben afinado na súa propia identidade, contribúa a crear unha música final que a ningun...

Corpus 2026

ELIXE AMAR. ELIXE COMUNIDADE... ASÍ NINGUNHA PERSOA TERÁ QUE RECIBIR MIGALLAS. CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe celebramos o Corpus Christi, o Día da Caridade, e facémolo co corazón de festa pero cos pés afincados no chan. Moitas veces corremos o perigo de reducir este día a unha procesión fermosa, a custodias brillantes e a efémeras alfombras de flores. Pero o Corpus é o recordatorio de que Deus non quedou nunha teoría, senón que se fixo pan para poder ser alimento e para poder ser compartido. Non o esquezamos: o deserto segue aí fóra. O deserto da soidade da xente maior, o deserto da falta de oportunidades da mocidade, o deserto de tantas familias que non teñen vivenda ou que non chegan a fin de mes. E neses desertos resoa con forza a chamada deste ano: Elixe amar, elixe comunidade. Porque a caridade non é dar as sobr...

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...