Ir al contenido principal

13 domingo TO B 2024

UNHA MENSAXE RADICAL: NIN A SUPERIORIDADE DO VARÓN NIN A SUBMISIÓN DA MULLER VEÑEN DE DEUS

CANTO GOZOSO

ENTRADA: Que ledicia a miña (Nº 4)
LECTURAS: Xesús é Señor (Nº 16)
OFERTORIO: Todos xuntos (Nº 56)
COMUÑÓN: Pan do ceo (Nº 53)

PARA NON PERDER O PASO

Traballar pola igualdade. Ese é o convite que se nos fai nesta mañá. Unha igualdade asentada, tal e como nos lembra o libro da Sabedoría, no feito de que as persoas somos creadas a imaxe e semellanza de Deus. Posuímos a mesma dignidade, polo que cae de seu que somos iguais.
Nun mundo frío, insolidario, individualista, no que as desigualdades de todo tipo medran cada día, a mensaxe de Xesús quere ser raiola de sol que aqueza o noso corazón tantas veces indiferente.

CO CORAZÓN FERIDO

û  Porque se nos enche a boca falando de igualdade: de xénero, de oportunidades, de dignidade.... pero andamos ben lonxe de poñela en práctica na nosa vida, buscando sempre o noso propio proveito, SEÑOR QUE A FE CURE O NOSO EGOÍSMO.

û  Porque somos persoas afeitas a vivir no consumismo e no materialismo, e cústanos facer realidade e vida valores coma austeridade, compartir, solidariedade ou aforro, CRISTO, QUE A FE CURE O NOSO EGOÍSMO.

û  Porque seguimos sen escoitar, valorar e respectar a voz de tantas e tantas mulleres abocadas ao silencio, á obediencia é a submisión, SEÑOR, QUE A FE CURE O NOSO EGOÍSMO.

UNHA PALABRA PROCLAMADA

 

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DA SABEDORÍA

Porque non fixo Deus a morte

nin se aleda co exterminio dos vivos;

creouno todo, de certo, para que subsista

e as criaturas do mundo son saudables;

non hai nelas veleno mortal

nin ten o Hades imperio sobre a terra,

porque a Xustiza é inmortal.

Pois Deus creou ó home para a incorrupción

e fíxoo imaxe do seu propio ser,

mais pola envexa do demo entrou a morte no mundo,

e os seus secuaces téñena de probar.

PALABRA DO SEÑOR

 

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA SEGUNDA CARTA DE PAULO APÓSTOLO AOS CORINTIOS

Xa que abundades en todo ‑en fe, en palabras, en ciencia, en interese por todo e en amor a nós‑, que abundedes tamén nesta graza. Ben sabedes o xeneroso que é o noso Señor Xesús Cristo: sendo rico, fíxose pobre por vós, para que vós vos fixésedes ricos coa súa pobreza.

Non se trata de que vós pasedes apuros por aliviardes a outros, senón de que exista igualdade. Neste momento a vosa abundancia pode remediar a carencia deles, para que a abundancia deles poida vir en auxilio da vosa carencia. Así haberá igualdade, de acordo co que está escrito: A quen recollía moito, non lle sobraba; e a quen recollía pouco, non lle faltaba.

PALABRA DO SEÑOR

 

 

 

PROCLAMACIÓN DA BOA NOVA DO NOSO SEÑOR XESUCRISTO SEGUNDO MARCOS

Pasando de novo nunha barca para a banda de enfronte, xuntouse moita xente arredor del, que estaba na beira do mar. Nisto chegou un dos xefes da sinagoga, chamado Xairo, que, ó velo, botouse ós seus pés suplicándolle:

-       A miña filla está a piques de morrer; ven impor sobre ela as túas mans, para que sande, e viva.

E foise con el, seguido de moito xentío, que o estrullaba.

Había unha muller, que padecía hemorraxias desde doce anos atrás, e levaba sufrido moito cos médicos, que lle acababan cos bens; total para nada, porque a cada paso ía a peor. Como oíra falar do que facía Xesús, achegouse entre a xente por detrás e tocoulle o seu vestido, dicindo para si: "Aínda que non sexa máis que tocarlle o seu vestido, ficarei sa". E secándoselle a fonte da hemorraxia, sentiu no seu corpo que estaba curada do mal.

Axiña Xesús, decatándose da forza que saíra del, volveuse e preguntou:

-       ¿Quen me tocou na roupa?

Os discípulos respondéronlle:

-       Ti ben ves a xente preméndote; ¿e aínda preguntas por quen te tocou?

Pero el seguía mirando arredor, para ver quen fora. Daquela, a muller, medorenta e tremendo, sabendo o que lle sucedera, veu caer ante el contándolle toda a verdade. El díxolle:

-       Filla, a túa fe sandoute, vaite en paz, curada para sempre da túa doenza.

Aínda estaba el falando, cando chegaron da casa do xefe da sinagoga a dicirlle:

-       A túa filla acaba de morrer. ¿Para que andar xa molestando ó Mestre?

Pero Xesús, ó escoitar o que estaban a falar, díxolle ó xefe da sinagoga:

-       Non temas, abonda que teñas fe.

E non permitiu que ninguén o acompañase, fóra de Pedro, Santiago e Xoán, o irmán de Santiago.

O chegaren á casa do xefe da sinagoga, vendo o gran barullo que facían con choros e lamentos, entrou e díxolles:

-       ¿A que vén tanto barullo e tanto chorar? A meniña non morreu, está a durmir.

E todos facían riso del. Pero botándoos a todos fóra e levando con el os pais da meniña e mais os seus acompañantes, entrou onde estaba a nena. Colleuna pola man e díxolle:

-       Talitha, qumi (que quere dicir: "rapaza, érguete").

A rapaciña ergueuse de contado, e botouse a andar, que xa tiña doce años. E aquela xente quedou coa boca aberta. El insistiulles en que non llo contasen a ninguén, e mandou que lle desen de comer.

PALABRA DO SEÑOR

UNHA PALABRA QUE AGROMA

Deus non se recrea na destrución dos viventes. Temos escoitado moitas veces un discurso catastrofista e que xustifica o mal porque “Deus o quere así”. Porén, o texto do libro da Sabedoría, móstranos unha imaxe totalmente contraria a este pensar, sentir e dicir. Como poder confiar nun Deus que nos manda dor, morte, destrución, desamor...?, como se vai aledar Deus da inxustiza, a opresión, a explotación, a pobreza… se é Deus da vida?. Isto debera levarnos a pensar se non estaremos manipulando ao noso antollo, ou buscando xustificacións á nosa propia incapacidade, a imaxe de Deus. Si, porque moitas veces detrás destas formas de facer e actuar escóndese a comodidade de non querer implicarnos en buscar razóns, en analizar comportamentos, en asumir as nosas propias responsabilidades. Que fácil é atribuírlle a Deus o que non é máis que a consecuencia das nosas propias incapacidades ou das nosas propias decisións!. Deus só poderá estar a favor da vida, e do respecto que esta merece sempre.
Desde esta perspectiva de fraternidade universal que nos dá a fe, sentímonos plenamente identificadas co que Paulo lle di aos corintios: só se descubrimos a igualdade de todas as persoas coma unha esixencia da nosa fe, podemos entender o mandado do amor que nos deixou Xesús, poderemos entender por que a igrexa ten que poñer no centro do seu actuar e do seu sentir ás persoas máis necesitadas e vulnerables.... de aquí e tamén do lonxe. Non é unha moda ou un pretender aparecer nos medios de comunicación, senón unha esixencia que está na raíz da fe en Xesús e da mensaxe que nos invitou a vivir desde o testemuño.
E esta igualdade da que a Palabra nos fala abrangue todas as facetas nas que os seres humanos estamos mergullados: igualdade de oportunidades, igualdade de dignidade, igualdade de trato, igualdade de dereitos.... e igualdade de xénero. Si, porque se ben na nosa sociedade camiñamos paseniñamente cara á igualdade de xéneros e oportunidades entre homes e mulleres, na nosa Igrexa todo vai moito máis lento. Así, en liñas xerais, os varóns sospeitan de todo “movemento feminino” e reaccionan rapidamente contra calquera plantexamento que poida poñer en perigo a súa situación de privilexio sobre a muller. Nunha Igrexa dirixida por varóns, non somos quen de descubrir todo o pecado que se encerra no dominio que os homes exercen, de moitos xeitos, sobre as mulleres. As persoas que seguimos a Xesús temos que tomar conciencia de que isto non é algo natural, de que Xesús non o quixo así, senón que é un comportamento viciado polo egoísmo e a imposición inxusta do poder machista, patriarcal e androcéntrico. Que hoxe escoitemos con lucidez, sinxeleza e sinceridade a interpelación daquel de quen, segundo nos di o relato evanxélico “saíu forza” para curar á muller e que nos chama a vivir a igualdade.

DESDE A ORACIÓN COMUNITARIA

Desde a confianza e a igualdade ás que sempre nos invitas, presentamos agora a nosa oración comunitaria, e dicimos xunt@s:

QUE CAMIÑEMOS NA IGUALDADE

*  Pola Igrexa, para que neste tempo de individualismo nos esforcemos por saber acoller, axudar e acompañar a todas as persoas que sofren as consecuencias dunha sociedade baseada no ser e non no ter, OREMOS. 

QUE CAMIÑEMOS NA IGUALDADE

*  Para que nas nosas comunidades saibamos vencer as desconfianzas, os medos e os comentarios ferintes, OREMOS. 

QUE CAMIÑEMOS NA IGUALDADE

*  Por nós, para que non teñamos medo a traballar pola igualdade real e efectiva en todos os ámbitos, OREMOS

QUE CAMIÑEMOS NA IGUALDADE

Grazas, Señor, por invitarnos a vivir na confianza, e a deixar atrás canto nos fai desconfiados e inseguros. P.X.N.S. Amén.

 

PARA SENTIR A LEDICIA DO COMUNITARIO

Non viñeches a xulgar os nosos erros
senón a buscar á persoa perdida,
a defender á persoa acusada,
a liberar á persoa que está en catividade,
a curar á persoa que está ferida,
a acoller á persoa que está desamparada,
a lavar á persoa que está manchada,
a sandar á persoa que está enferma,
a erguer á persoa que está caída,
a salvar á persoa que se sente culpable,
a devolverlle a dignidade á persoa que a perdeu.
Ti que cres en nós.
Ti que esperas de nós.
Ti que nos amas que nós mesmas e nós mesmos.
Ti que es máis grande que todos os nosos pecados,
recréanos e danos un futuro novo e mellor.

Comentarios

Entradas populares de este blog

1 Advento 2024

Carpinteiras do berce da esperanza   CANTOS ·        ENTRADA: Volve, Señor. (Nº 90) ·        LECTURAS: Amostrame, Señor, os camiños da vida (Nº 20) ·        OFERTORIO: Velaquí Señor o viño (Nº 37) ·        COMUÑÓN: Xesús chamado amigo (Nº 89)   SINAL O sinal que utilizaremos neste tempo de Advento vai ser un berce. Berce que iremos conformando ao longo dos catro domingos, para que cando chegue o día de Nadal poidamos poñer sobre el ao Neno recén nacido.   ABRINDO O CORAZÓN             Comezamos hoxe as catro semanas de Advento previas ao tempo de Nadal. Ao longo delas invitarásenos a volver os ollos e o corazón ao Señor, de xeito que cando El chegue nos atope cos brazos abertos e toda a mellor das disposicións para que quede con e entre nós.          ...

Epifania 2025

A ESTRELA DE DEUS GUÍA O CAMIÑO CARA Á BELÉN DA SINXELEZA CANTOS:  Panxoliñas OLLOS ABERTOS Paz e ben. Hoxe é un día máxico e de maxia. Máxico porque Deus móstrasenos a toda a humanidade, sen distincións. El non repara na nosa condición social, na cor da nosa pel, no noso xénero ou na nosa idade. El é man aberta que acolle e abraza sen exclusións de ningún tipo. Pero tamén é día de verdadeira maxia, para pequenos e grandes: a maxia da ilusión e da capacidade de sorprendernos pola estrela do Señor, que guía a nosa vida. Con esta invitación a non perder nunca a maxia da ilusión, comecemos a nosa celebración de hoxe. CORAZÓN MISERICORDIOSO Señor, inda que Ti nos invitas á maxia da ilusión, nós confundimos o camiño e andamos no pesimismo, por iso che dicimos, SEÑOR, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, Ti non cansas nunca de dicirnos que só quen ten capacidade de sorprenderse seguirá fiel no teu vieiro, por iso che pedimos, CRISTO, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, pol...

Santos 2024

  Tódolos Santos. 2024 Camiñando na comuñón do Pai, do Fillo e do Espírito Santo Cantos Entrada.-  Benaventurados  ( 118) Lecturas.-  O amor é o meirande  ( 119) Ofertorio.-  Quédate, Señor, connosco   ( 63 ) Comuñón.-  Non vou so   ( 60 )   Ollos para ver          As persoas cristiás celebramos hoxe a festa da esperanza. Non é nin a festa dos disfraces nin a festa do medo, é a festa do agradecemento polo testemuño de vida que nos teñen deixado homes e mulleres, os santos da porta do lado, como diría o papa Francisco, que foron quen de construír comunidade en comuñón. Sabendo unir, escoitar, acompañar e mostrar que na vida, o que nos fai verdadeiramente felices é facer o ben, e non rosmar e estar permanentemente facendo crítica e vendo so o negativo das demais persoas.          E hoxe entón a festa da comuñón no Pai, no Fillo e no espírito...