Ir al contenido principal

10 Domingo TO B 2024

 TAMÉN NÓS CREMOS, E POR ISO FALAMOS

CANTO GOZOSO

ö ENTRADA: Unha xuntanza de amor (Nº 7)

ö LECTURAS: Eu soñei (Nº 58)

ö OFERTORIO: Grazas, Señor, graciñas (Nº 50)

ö COMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55)

PARA NON PERDER O PASO

Cantas veces na nosa vida temos calado diante de inxustizas notorias contra nós ou contra os nosos irmáns e as nosas irmás. Cantas veces temos “comulgado con rodas de muíño” para non ter problemas, para evitar represalias, por medo ao que dirán ou que pensarán. Cantas veces deixamos que pisen os nosos dereitos ou que non respecten a nosa dignidade por sentirnos inferiores, por vergoña, por non armar balbordo. E resulta que o Señor hoxe dinos que non quere que sexamos politicamente correctos, senón profeticamente correctos; que non quere que sexamos persoas mudas, xordas ou cegas, senón persoas cos ollos, os oídos e os beizos ben abertos. Nós cremos.... e por iso falamos e testemuñamos a nosa fe con palabras e obras. Que esta celebración que agora comezamos nos dea folgos e alento.

CO CORAZÓN FERIDO

û  Por ter calado ou mirado cara outro lado diante de tantas e tantas inxustizas, sen ter o valor de denuncialas profeticamente, SEÑOR, MÓSTRANOS A TÚA MISERICORDIA.

û  Porque non valoramos nin agradecemos na nosa vida cotiá o feito de que nos escollas para sermos fillas túas e fillos teus, mensaxeiras e mensaxeiros do teu amor, CRISTO, MÓSTRANOS A TÚA MISERICORDIA.

û  Porque na nosa vida de fe somos moito máis partidarios de impoñer que de espertar e invitar por medio do testemuño dunha vida coherente, SEÑOR, MÓSTRANOS A TÚA MISERICORDIA.

O AGASALLO DA PALABRA

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DA XÉNESE

Deus chamou polo home, preguntándolle: 

-       "¿Onde estás?" 

Respondeu o home: 

-       "Oínte no xardín, e tiven medo. O verme espido, agacheime".

Preguntoulle o Señor Deus: 

-       "¿Quen che dixo que estabas espido? ¿É que comiches da árbore da que che prohibira comer?"

Respondeulle o home: 

-       ‑"A muller que me deches por compañeira ofreceume do froito, e comín".

O Señor Deus díxolle á muller: 

-       "¿Qué é o que fixeches?" 

E a muller respondeu: 

-       "A serpe enganoume, e comín". 

Entón o Señor Deus díxolle á serpe: 

-       "Porque fixeches isto, maldita sexas entre os animais e as feras todas do monte. Andarás arrastrada e comerás po toda a túa vida. Poño hostilidade entre ti e a muller, entre a túa liñaxe e a dela. Ti tentarás de atanguerlle o calcañar, pero ela esmagarache a cabeza".

PALABRA DO SEÑOR

 

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA SEGUNDA CARTA DE PAULO APÓSTOLO AOS CORINTIOS

Irmás e irmáns:

Mantendo, con todo, o mesmo espírito de fe, segundo o que está escrito creo e por iso falo, tamén nós cremos e por iso falamos. Porque sabemos que Aquel que resucitou a Xesús nos ha resucitar tamén a nós con Xesús e nos ha colocar convosco onda el. Todo isto acontece por causa vosa, de modo que, ó estenderse a graza, se multiplique o número dos agradecidos, para gloria de Deus.

Por iso non nos apoucamos: aínda que o noso exterior vai esmorecendo, o interior, todo o contrario: renóvase de días a días. Os sufrimentos transitorios e leves prepárannos unha inmensa carga de gloria eterna por riba de toda medida. Non poñemos as nosas olladas nas cousas que se ven, senón nas que non se ven; porque as que se ven son efémeras, mentres que as que non se ven son eternas.

Sabemos que, se a nosa morada terrestre ‑que vén ser coma unha cabana‑, se derrubase, contamos cunha edificación de Deus, unha casa eterna no ceo, non feita por mans de homes. 

PALABRA DO SEÑOR

 

PROCLAMACIÓN DA BOA NOVA DO NOSO SEÑOR XESUCRISTO SEGUNDO MARCOS

Foron para a casa; alí xuntouse de novo tanta xente, que nin podían comer. E cando o souberon os seus parentes, foron buscalo á forza; porque a xente dicía que perdera o sentido. Os letrados que baixaran de Xerusalén, dicían: "ten dentro a Belcebú; bota fóra os demoños co poder do príncipe dos demoños". El chamou por eles e púxolles estas comparanzas:

-       ¿Como pode Satán botar a Satán? Se un reino está dividido en contra de si mesmo, non se pode manter en pé. Se unha casa está dividida en contra de si mesma, non pode subsistir. Así que, se Satán está dividido e loita contra si mesmo, non pode subsistir e está perdido.

Ninguén pode entrar na casa dun home forte, e roubarlle canto ten, se primeiro non o amarra; só entón poderá arramplar con canto hai na casa.

Tede por seguro que todo se lles perdoará ós homes, os pecados e cantas blasfemias digan; pero a quen blasfeme contra o Espírito Santo, nunca se lle perdoará, e cargará eternamente co seu pecado.

Isto dicíao porque eles acusábano de que tiña dentro un espírito malo.

Nisto chegan súa nai e mais os seus irmáns, e mandárono chamar desde fóra. Era moita a xente que estaba sentada arredor del, e fóronlle dicir:

-       Aí fóra están túa nai e mais teus irmáns, que te veñen buscar.

El respondeu:

-       ¿Quen é miña nai, e quen son meus irmáns?

E mirando os que estaban sentados arredor del, dixo:

-       Velaí a miña nai e mais os meus irmáns: pois o que cumpra a vontade de Deus, ese é o meu irmán, a miña irmá e miña nai.

PALABRA DO SEÑOR

 

UNHA PALABRA QUE AGROMA

ü  As lecturas de hoxe chámannos a tomar conciencia da nosa tarefa de sermos profetas e profetisas do Señor no medio do mundo. Desde esta afirmación entendemos o que nos di Paulo: cremos e por iso falamos, sendo a súa voz, o seu corazón e as súas mans. Esta mediación esíxenos honestidade no sentir e actuar de cada día, sendo capaces de ver a persoa de Cristo na xente que nos rodea, inda que isto, moitas veces non resulte doado, e pida de nós un esforzo de comprensión e verdadeira misericordia. Porque El nos elixiu na persoa de Cristo, todas e todos asumimos a responsabilidade de levar a Cristo no noso actuar e tamén no noso saber escoitar, acoller e traballar para ser fermento de esperanza diante de tantas tristuras e dificultades que a vida vai presentando ás persoas.

ü  Conscientes de que esa é a nosa tarefa, Xesús envíanos, como enviou aos apóstolos, para que sexamos esa presenza súa alí onde nos atopemos. Desde a palabra que cada domingo imos escoitando, somos chamadas e chamados a non deixarnos ir polos vieiros dunha fe murcha e tristeira, senón que, seguindo as pegadas do Mestre, invítasenos a buscar novas realidades desde as que ir proclamando a mensaxe, vivindo a ledicia de poder presentar un camiño novo a quen aínda non coñece a Xesús, desbaratando a idea de que as persoas cristiás somos teimudas e reincidentes no mesmo de sempre, que non arriscamos, que non saímos, porque non estamos convencidas, a anunciar coas nosas actitudes o que dá sentido e forza á vida: a ledicia do evanxeo.

ü  E isto non se pode facer desde a división, o enfrontamento, o individualismo ou calquera actitude que camiñe pola vía da desunión. Ser comunidade supón aprender a camiñar cos demais, a escoitar todas as voces, non só as que soan como a nós nos guste. E para iso non han ser as modas de quen aparece máis nos medios de comunicación –inda que sexa para contar as súas miserias- ou de quen ten medios económicos para que se fale del; senón de quen sabe que o que une, aleda e fai que descubramos a razón e sentido da vida. E este, para nós, non pode ser outro máis ca Xesús, e El non fai capelas de amigos, senón que serve e chámanos a facer da nosa vida o evanxeo a través do que sexamos capaces de dar testemuño de que Reino xa está aquí, e temos que ir enredándonos nel.

DESDE A ORACIÓN COMUNITARIA

Con sinxeleza de corazón e co compromiso de traballar por ir cambiando o que nos afasta de ti, dicimos:

QUE DEAMOS TESTEMUÑO DA VERDADE 

*    Pola Igrexa, para que nunca teña meda a desentoar co que comunmente se fai, se di, se pensa... como facía Xesús, OREMOS.

QUE DEAMOS TESTEMUÑO DA VERDADE 

*    Polas nosas comunidades, para que sempre saibamos escoitar, respectar e valorar todas as voces, aínda cando non estean de acordo co que nós pensamos, OREMOS.

QUE DEAMOS TESTEMUÑO DA VERDADE

*    Para que cada un e cada unha de nós, para que descubramos na nosa vida a ledicia de sabérmonos persoas salvadas e queridas por Deus, converténdonos así en testemuñas vivas do evanxeo que nos leva a anunciar a súa boa nova e a transformar o noso mundo, OREMOS.

QUE DEAMOS TESTEMUÑO DA VERDADE

Grazas, Señor, por invitarnos a valorar e sentir o gozo de sermos filas e fillos dun Deus que nos quere e nos invita a querer aos demais. PXNS.

PARA SENTIR A LEDICIA DO COMUNITARIO

Non é bo quedar nas beiras...
Entra na auga,
vai pouco a pouco,
non teñas présa.
Coñece, escoita, acompaña...
e sempre con atención,
con agarimo, sen présa.
Na auga hai moita xente
que pode precisar de ti.
Non lle deas as costas.
Abre os brazos, tende a man,
e nunca perdas pé.
Si o fas, a túa inseguridade
será a dos que están ao teu lado.
Mira ao redor,
bota un sorriso,
abre os teu brazos,
achégate que quen está só.
Coma Xesús.
Coma María.
Que o teu si sexa de esperanza e solidariedade.
Sen medo e con confianza.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Epifania 2025

A ESTRELA DE DEUS GUÍA O CAMIÑO CARA Á BELÉN DA SINXELEZA CANTOS:  Panxoliñas OLLOS ABERTOS Paz e ben. Hoxe é un día máxico e de maxia. Máxico porque Deus móstrasenos a toda a humanidade, sen distincións. El non repara na nosa condición social, na cor da nosa pel, no noso xénero ou na nosa idade. El é man aberta que acolle e abraza sen exclusións de ningún tipo. Pero tamén é día de verdadeira maxia, para pequenos e grandes: a maxia da ilusión e da capacidade de sorprendernos pola estrela do Señor, que guía a nosa vida. Con esta invitación a non perder nunca a maxia da ilusión, comecemos a nosa celebración de hoxe. CORAZÓN MISERICORDIOSO Señor, inda que Ti nos invitas á maxia da ilusión, nós confundimos o camiño e andamos no pesimismo, por iso che dicimos, SEÑOR, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, Ti non cansas nunca de dicirnos que só quen ten capacidade de sorprenderse seguirá fiel no teu vieiro, por iso che pedimos, CRISTO, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, pol...

1 Advento 2024

Carpinteiras do berce da esperanza   CANTOS ·        ENTRADA: Volve, Señor. (Nº 90) ·        LECTURAS: Amostrame, Señor, os camiños da vida (Nº 20) ·        OFERTORIO: Velaquí Señor o viño (Nº 37) ·        COMUÑÓN: Xesús chamado amigo (Nº 89)   SINAL O sinal que utilizaremos neste tempo de Advento vai ser un berce. Berce que iremos conformando ao longo dos catro domingos, para que cando chegue o día de Nadal poidamos poñer sobre el ao Neno recén nacido.   ABRINDO O CORAZÓN             Comezamos hoxe as catro semanas de Advento previas ao tempo de Nadal. Ao longo delas invitarásenos a volver os ollos e o corazón ao Señor, de xeito que cando El chegue nos atope cos brazos abertos e toda a mellor das disposicións para que quede con e entre nós.          ...

Santos 2024

  Tódolos Santos. 2024 Camiñando na comuñón do Pai, do Fillo e do Espírito Santo Cantos Entrada.-  Benaventurados  ( 118) Lecturas.-  O amor é o meirande  ( 119) Ofertorio.-  Quédate, Señor, connosco   ( 63 ) Comuñón.-  Non vou so   ( 60 )   Ollos para ver          As persoas cristiás celebramos hoxe a festa da esperanza. Non é nin a festa dos disfraces nin a festa do medo, é a festa do agradecemento polo testemuño de vida que nos teñen deixado homes e mulleres, os santos da porta do lado, como diría o papa Francisco, que foron quen de construír comunidade en comuñón. Sabendo unir, escoitar, acompañar e mostrar que na vida, o que nos fai verdadeiramente felices é facer o ben, e non rosmar e estar permanentemente facendo crítica e vendo so o negativo das demais persoas.          E hoxe entón a festa da comuñón no Pai, no Fillo e no espírito...