RESPONSABLES NUNHA TAREFA COMÚN: COIDAR E CURAR DESDE A SINODALIDADE
CANTO GOZOSO
ENTRADA: Camiñarei ( 12 )
LECTURAS: O Señor é o meu Pastor ( 27 )
OFERTORIO: Velaquí ( 37 )
COMUÑÓN: Quédate, Señor, connosco ( 63 )
DISPOÑÉNDONOS A AQUECER O CORAZÓN
Cando facemos moitas cousas á vez, sen pensalas ben, sen pararnos a reflexionar sobre as consecuencias dunha decisión ou doutra, corremos o risco de caer nun activismo superficial e desacougante.
As lecturas de hoxe invítanos a un actuar paseniño, e desde elas convídasenos a ir máis a modo, pensando, contrastando, discernindo as decisión que tomamos na vida. Tanto a nivel persoal como a nivel comunitario.
Neste camiño vai a insistencia do papa Francisco sobre a necesidade dun actuar na Igrexa de maneira sinodal, entre todas e todos, pensando as decisións, buscando momentos para orar en comuñón, deixándonos levar polo aleteo do Espírito.
Comecemos entón a nosa oración comunitaria de hoxe sen présa e con fondura.
ABRÍNDONOS Á MISERICORDIA
Porque nin coidamos nin curamos as nosas feblezas, SEÑOR, QUE RECOBREMOS A ESPERANZA.
Porque nos custa traballar polo diálogo e o entendemento, CRISTO, QUE RECOBREMOS A ESPERANZA.
Porque moitas veces o activismo nos impide buscar momentos de acougo e reflexión, SEÑOR, QUE RECOBREMOS A ESPERANZA.
PALABRA PROCLAMADA
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE XEREMÍAS
¡Ai dos pastores que deixan que se perda o rabaño
e que o espantan do meu pasteiro! – é o Señor quen fala-.
Por isto, así lles fala o Señor, Deus de Israel,
ós pastores que apacentan ó meu pobo:
-Vós espantades as miñas ovellas,
escorrentádelas e non coidades delas;
ollade que eu vos pedirei contas da maldade dos vosos feitos -é o Señor quen fala-.
Eu xuntarei o resto das miñas ovellas,
traéndoo de tódolos países a onde as esparexín,
e fareinas volver ós seus pasteiros,
onde criarán e se multiplicarán.
Para elas constituirei pastores que as apacenten,
de xeito que xa non volvan ter medo, nin se espanten,
nin se perda ningunha -é o Señor quen fala-.
Ollade que chegan os días -é o Señor quen fala-
en que farei abrollar de David un retoño lexítimo,
será rei de verdade e comportarase con prudencia,
administrará o dereito e a xustiza no país.
Desde os seus días Xudá vivirá a salvo,
e Israel vivirá en paz.
O título que se lle dará será este: "O Señor é a nosa xustiza". Palabra do Señor.
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO ÓS EFESIOS
Irmáns e irmás:
Pero vós, que antes estabades lonxe, agora gracias a Cristo Xesús estades cerca, no sangue de Cristo. El é a nosa paz: o que dos dous pobos fixo un só, derrubando a medianeira divisoria -a inimizade-, e abolindo na súa carne aquela Lei de mandamentos e normas, para crear en si mesmo cos dous unha nova humanidade, facendo a paz; e reconciliando con Deus ámbolos dous nun único corpo por medio da cruz, matando nel mesmo a inimizade. El veu e anunciou a paz: paz para vós -os de lonxe-, e paz para os que estaban cerca: porque por el temos uns e outros acceso ó Pai, nun mesmo Espírito. Palabra do Señor.
PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS
Cando volveron a reunirse con Xesús, os apóstolos contáronlle canto fixeran e ensinaran. El díxolles:
-Vide vós comigo a un lugar arredado, e descansade un pouco.
Eran moitos os que ían e viñan, e nin para comer atopaban tempo.
Fóronse sos na barca a un lugar arredado. Pero, ó velos marchar, a xente foinos seguindo por terra desde tódalas vilas, e chegaron primeiro ca eles. Así, cando desembarcaron, atopouse cunha grande multitude. El, conmovido, porque eran coma ovellas sen pastor, púxose a predicar ensinándolles moitas cousas. Palabra do Señor.
PALABRA REMOÍDA
Na Igrexa, inda que durante moito tempo non se tivera en conta, e mesmo tampouco agora nalgúns dos seus sectores máis conservadoras e “clericalistas”, todas e todos somos alguén; é dicir, somos persoas, e polo tanto importantes. Con capacidade de dicir e de que nos escoiten; con compromiso para non deixar que sexan so grupos de poder e presión os que manden, dirixan e decidan polos demais.
Como tantas veces temos escoitado neste pontificado, ninguén sobra, todas e todos somos importantes. Claro que para que iso poida ser así, tamén nós temos que comprometernos, asumir a nosa responsabilidade cando se nos chama a opinar, a expresarnos, a actuar manifestando o que sentimos ou como vemos nós as cuestións. Facelo así é poñerse no camiño da participación, da implicación e responsabilidade, evitando deste xeito caer no infantilismo, na manipulación das conciencias ou o sometemento.
E temos que facelo e actuar así porque a nosa referencia ten que ser sempre Cristo. Paulo llelo dicía a aqueles cristiáns e cristiás de Éfeso, pero tamén isto mesmo vale para nós hoxe. Se Cristo non enchoupa a nosa fe, a nosa vida, o noso actuar, o noso xeito de estar e mirar o mundo baleira é a nosa fe. Cristo une e non enfronta, acolle e non exclúe, perdoa e non condena, practica e misericordia e non o rancor. Canto temos que cambiar, todas e todos nós, para que sexamos cribles neste noso mundo no que tan importantes son os referentes en tódolos campos da vida! Porque se a mentira, o engano, a manipulación son o círculo vicioso que cada día escoitamos en medios e institucións, é, para nós, momento de dar un paso adiante e romper este círculo vicioso que desespera e tanto entristece.
É o mesmo Xesús o que no evanxeo o que lles di aos apóstolos que para que iso poida ser así, é preciso facer as cousas con tranquilidade, sen buscar chegar primeiro ou obter recoñecemento, porque cando as cousas non se repensan como a importancia das situacións necesitan, acaban por crear máis frustración que esperanza. De aí que os invita a buscar momentos para a reflexión, o acougo, a oración. Porque é neses momentos onde se pode atopar a forza para despois traballar por unha Igrexa máis evanxélica e por un mundo no que as persoas non sexan utilizadas por ninguén ao seu favor. Non unha Igrexa do “sempre se fixo así”, senón por unha Igrexa reflexiva e capaz de responder, servindo, non mandando nin impoñendo, a canto precisan as persoas e situacións polas que elas pasan no noso mundo. Que non queda lonxe, senón na nosa casa, no noso barrio, na nosa parroquia, no noso concello... alí onde estamos as persoas.
COMPARTINDO O QUE NOS UNE
Porque Deus insiste na forza e no valor da oración, unímonos para compartir e dicir: Señor, que a oración enchoupe a nosa vida.
Para que sexamos unha Igrexa de escoita, acollida e testemuño. Oremos. SEÑOR, QUE A ORACIÓN ENCHOUPE A NOSA VIDA.
Para que alí onde esteamos traballemos, con responsabilidade, por dar testemuño ledo e coherente da fe que compartimos e celebramos. Oremos. SEÑOR, QUE A ORACIÓN ENCHOUPE A NOSA VIDA.
Para que non nos deixemos levar pola preguiza, o cansazo, o costume na nosa maneira de vivir e testemuñar a nosa fe. Oremos. SEÑOR, QUE A ORACIÓN ENCHOUPE A NOSA VIDA.
Grazas, Señor, por invitarnos a asumir a nosa responsabilidade de crentes na sociedade, na Igrexa e na familia, traballando pola xustiza, o diálogo e o entendemento. Por Cristo o noso Señor. Amén.
RECENDO DA FE
“Transmitir a fe” non quere dicir “facer proselitismo”, “buscar xente que apoie este equipo de fútbol” ou “este centro cultural”. Trátase de testemuñar con amor. Transmitir a fe non quere dicir “dar información” senón “fundar un corazón” na “fe de Xesucristo”. Transmitir a fe non se pode facer de forma mecánica: ‘Estuda este libro e despois bautízote. Non. É outro o camiño para transmitir a fe: transmitir o que nós recibimos. E este é o desafío para un cristián: ser fecundo na transmisión da fe. Tamén é o desafío da Igrexa: ser nai fecunda, dar a luz fillos na fe”. A transmisión da fe atravesa xeracións, da avoa á nai, a través do perfume do amor. Por tanto, unha primeira actitude da transmisión da fe é, seguramente, o amor. A segunda é o testemuño. (Francisco)
Comentarios