Ir al contenido principal

17 Domingo BO B 2024 Persoas Maiores

“NA VELLEZ NON ME ABANDONES”

(IV XORNADA MUNDIAL DAS PERSOAS AVOAS E MAIORES)

CANTO GOZOSO

ö ENTRADA: Con ledicia vamos todos ao altar (Nº 2)

ö LECTURAS: Escoita ao Señor (Nº 15)

ö OFERTORIO: Grazas, Señor, na mañá (Nº 34)

ö COMUÑÓN: Pan do ceo, pan de vida (Nº 53)

MIRADA AGRADECIDA

Celebramos hoxe en toda a Igrexa a IV Xornada Mundial das Persoas Avoas e Maiores baixo o lema “Na vellez non me abandones. E facémolo non só como un deber de gratitude e afecto, senón coma unha necesidade para poder construír unha sociedade máis humana e fraterna. Non se trata de celebrar un aniversario unha vez ao ano. Non. Trátase máis ben de traballar para que as persoas maiores se sintan sempre parte importante da nosa comunidade e da nosa historia. 

Porque unha sociedade que prescinde das persoas maiores é unha sociedade enferma; unha sociedade que invisibiliza ás persoas maiores é unha sociedade enferma; unha sociedade que utiliza ás persoas maiores é unha sociedade enferma; unha sociedade que se esquece das persoas maiores é unha sociedade enferma; unha sociedade que agocha ás persoas maiores é unha sociedade enferma.

Por iso comezamos a nosa celebración abríndonos á voz do Señor que nos chama a traballar cada día para conectar xeracións.

CORAZÓN MISERICORDIOSO

*      Porque moitas veces nós tamén discriminamos e apartamos, xogando a ser pequenos deuses, SEÑOR, QUE COMPARTAMOS O PAN DO AMOR. 

*      Porque moitas veces preferimos deixar que apodreza o noso pan antes de compartilo coa xente, CRISTO, QUE COMPARTAMOS O PAN DO AMOR.

*      Por non saber agradecer o que as persoas maiores fan por nós; SEÑOR, QUE COMPARTAMOS O PAN DO AMOR.

PALABRA OFRECIDA

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO SEGUNDO DOS REIS

Daquela chegou un home, que lle traía ao home de Deus o pan das primicias: vinte pans de cebada e trigo novo na alforxa. 

Eliseo díxolle:

-"Dállos á xente, e que coman". 

O seu servidor preguntoulle:

- "¿Que é isto para cen persoas?". 

A iso Eliseo respondeu:  

-"Dállos á xente, e que coman, pois isto di o Señor: comerán e sobrará". 

El servíullos á xente, que comeu; e aínda sobrou, conforme a palabra do Señor.

 

PALABRA DO SEÑOR

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA AOS EFESIOS

Irmás e irmáns:

 

Por tanto, eu, preso polo Señor, pídovos que camiñedes segundo a dignidade da chamada que recibistes, con total humildade, sinxeleza e paciencia, aturándovos uns a outros con amor, esforzándovos por manter a unidade do espírito no vínculo da paz. Hai un só corpo e un só Espírito, do mesmo xeito que se vos chamou a unha única esperanza na vosa vocación. Hai un só Señor, unha soa fe, un só bautismo, e un só Deus e Pai de todos, que está sobre todos, por todos e en todos.

PALABRA DO SEÑOR

 

 

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN 

Despois disto foi Xesús á outra banda do Mar de Galilea (o de Tiberíades). Seguíao unha chea de xente, porque viran os sinais que facía nos enfermos. Subiu Xesús ó monte e sentou alí cos seus discípulos. Estaba a chegar a Pascua, a festa dos xudeus. Levantou a vista Xesús e, vendo vir tanta xente cara a el, díxolle a Filipe:

¿Onde imos mercar pan, para que coma esta xente? (Isto dicíao para tentalo, que el ben sabía xa o que ía facer).

Respondeulle Filipe:

Nin medio ano de xornal chega para que cada un deles reciba un codelo.

Un dos seus discípulos, Andrés, o irmán de Simón Pedro, díxolle:

Hai aquí un rapaz que ten cinco bolos de pan de cebada e dous peixes. Claro que, ¿que é iso para tantos?

Xesús ordenou:

Facede sentar a xente.

Había moita herba naquel sitio. E sentaron como uns cinco mil homes. Entón colleu Xesús os pans e, dando grazas, repartiu ós sentados canto quixeron e o mesmo os peixes. Cando se fartaron, díxolles ós seus discípulos:

Recollede os anacos sobrantes, para que non se estrague nada.

Entón xuntáronos e encheron doce cestas cos anacos dos cinco bolos de pan de cebada, que lles sobraran ós que comeron. O veren aqueles homes o sinal que fixera, dicían: "Este si que é o profeta que había de vir ó mundo".

Entón Xesús, decatándose de que o ían vir coller para proclamar o rei, retirouse só outra vez ó monte.

PALABRA DO SEÑOR

 

PALABRA QUE ALEDA, ALENTA E MOVE

Tal e como nos lembra Francisco na súa mensaxe para a IV Xornada Mundial das Persoas Avoas e Maiores:

 

·      Deus nunca abandona ás súas fillas e aos seus fillos. E moito menos cando a idade avanza, cando as forzas fraquean, cando aparecen as canas e o estatus social decae, cando a vida se volve menos produtiva e corre o risco de parecernos inútil. A diferenza de nós, Deus non repara nas aparencias, e non descarta elixir a persoas que para moitos resultan irrelevantes. Deus non descarta ningunha pedra. Ao contrario, as máis vellas son a base segura sobre a que se poden apoiar as pedras novas, para construír entre todas o edificio.

·      Deus sigue mostrándonos a súa misericordia, sempre e en cada etapa da vida, e en calquera condición na que nos atopemos, mesmo nas nosas traizóns. A miúdo a soidade é amarga compañeira da vida das persoas maiores e avoas. Unha soidade que pode ter múltiples causas: nos países máis pobres, as persoas anciás están soas porque as súas crianzas víronse obrigadas a emigrar; nas zonas de conflito as persoas maiores quedan soas porque os homes son chamados a combater e as mulleres deixan o país para dar seguridade ás súas crianzas; nas sociedades “avanzadas e modernas” esténdese a crenza de que as persoas maiores son unha carga que quita recursos ao desenvolvemento do país. Por outra parte, hoxe son moitas as mulleres e os homes que buscan a súa propia realización persoal levando unha existencia autónoma, desligada dos demais, pero cando se envellece, a medida que as forzas minguan, a ilusión de non precisar de ninguén revélase como un imposible.

·      A liberdade e a valentía de Rut convídannos a percorrer un camiño novo. Sigamos os seus pasos. Non deixemos de mostrar a nosa tenrura ás persoas avoas e maiores das nosas familias, visitemos ás que están desanimadas ou ás que xa non esperan que un futuro distinto sexa posible. Fronte á actitude egoísta que leva ao descarte e á soidade, contrapoñamos o corazón quente e o rostro aberto de quen ten a valentía de dicir: “non te abandonarei”, e de emprender un camiño diferente: o camiño de conectar xeracións.

PALABRA QUE UNE EN ORACIÓN

Sendo Deus esperanza e vida, fagámoslle o agasallo da nosa oración comunitaria desde a vida que compartimos dicindo:

QUE NOS ESFORCEMOS POR CONECTAR XERACIÓNS

·      Para que a Igrexa que formamos todas e todos nós Señor sexa motor dunha revolución da tenrura que coloque ás persoas máis vulnerables no centro do seu sentir, do seu actuar e do seu querer, OREMOS. 

·      Para que nas nosas comunidades as persoas maiores se sintan queridas, acollidas, escoitadas e necesarias, OREMOS. 

  • Para que nós nunca caiamos na tentación do edadismo, discriminando, utilizando, arrinconando ou invisibilizando ás persoas maiores nas nosas familias, nas nosas comunidades, na sociedade, OREMOS.
  • Para que nunca esquezamos que a soidade e o descarte das persoas maiores non son inevitables, senón o resultado de opcións equivocadas que non recoñecen a dignidade da persoa, OREMOS. 

Nas túas mans poñemos este momento de oración comunitaria, coa convicción  de que a escoitas, alentas e acompañas. P.X.N.S. Amén.

MIRADA ESPERANZADA

Señor, Deus fiel, 

Ti que nos creaches á túa imaxe, +

Ti que nunca nos deixas solos,

acompañándonos en cada estación da vida,

non nos abandones, coida de nós

e concédenos, unha vez máis, 

descubrirnos como fillas túas e fillos teus.

Renova os nosos corazóns coa túa Palabra,

e non permitas que ningunha persoa sexa descartada.

Que o teu Espírito de amor nos configure coa túa tenrura

ensinándonos a dicir:

“non te abandonarei” a quen atopemos no noso camiño.

Que o teu Fillo nos axude a non perder o gusto pola fraternidade,

e a non aceptar o triste conformismo da soidade.

Axúdanos a mirar o futuro con esperanza renovada,

e fai que a Xornada Mundial das Persoas Avoas e Maiores

sexa un día sen soidade, primicia da túa paz.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Santos 2024

  Tódolos Santos. 2024 Camiñando na comuñón do Pai, do Fillo e do Espírito Santo Cantos Entrada.-  Benaventurados  ( 118) Lecturas.-  O amor é o meirande  ( 119) Ofertorio.-  Quédate, Señor, connosco   ( 63 ) Comuñón.-  Non vou so   ( 60 )   Ollos para ver          As persoas cristiás celebramos hoxe a festa da esperanza. Non é nin a festa dos disfraces nin a festa do medo, é a festa do agradecemento polo testemuño de vida que nos teñen deixado homes e mulleres, os santos da porta do lado, como diría o papa Francisco, que foron quen de construír comunidade en comuñón. Sabendo unir, escoitar, acompañar e mostrar que na vida, o que nos fai verdadeiramente felices é facer o ben, e non rosmar e estar permanentemente facendo crítica e vendo so o negativo das demais persoas.          E hoxe entón a festa da comuñón no Pai, no Fillo e no espírito...

1 Advento 2024

Carpinteiras do berce da esperanza   CANTOS ·        ENTRADA: Volve, Señor. (Nº 90) ·        LECTURAS: Amostrame, Señor, os camiños da vida (Nº 20) ·        OFERTORIO: Velaquí Señor o viño (Nº 37) ·        COMUÑÓN: Xesús chamado amigo (Nº 89)   SINAL O sinal que utilizaremos neste tempo de Advento vai ser un berce. Berce que iremos conformando ao longo dos catro domingos, para que cando chegue o día de Nadal poidamos poñer sobre el ao Neno recén nacido.   ABRINDO O CORAZÓN             Comezamos hoxe as catro semanas de Advento previas ao tempo de Nadal. Ao longo delas invitarásenos a volver os ollos e o corazón ao Señor, de xeito que cando El chegue nos atope cos brazos abertos e toda a mellor das disposicións para que quede con e entre nós.          ...

3 Advento 2024

  CARPINTEIRAS E CARPINTEIROS DO BERCE DA XUSTIZA SINAL DE ADVENTO:  Colocamos no taboleiro a terceira parte do noso berce. CANTO GOZOSO   §      Entrada: Volve, Señor (Nº 90)  §      Lecturas: Que ledicia miña (Nº 4) §      Ofertorio: Na nosa terra (Nº 36) §      Comuñón: Ven axiña visitarnos (Nº 86)   OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN   Estamos xa no terceiro domingo do Advento. Nas semanas anteriores a Palabra de Deus invitábanos a espertar e a ir preparando o berce do noso corazón. Neste domingo, entre as palabras de ánimo do profeta Sofonías e a invitación á ledicia de Paulo, fáisenos unha nova indicación que vén responder, coma nos tempos do Bautista, á nosa pregunta de “que temos que facer?”. A indicación desta terceira semana é ben directa e clara: convértete e practica a xustiza!. Porque non nos enganemos: todas as persoas estamos necesitadas de conversión, de cambiar actitud...