Ir al contenido principal

Amar aos inimigos, ¡que tolería!

Domingo 7 do Tempo Común


Pórtico
Na nosa sociedade, no noso mundo, impera a lóxica do odio e da violencia. Unhas veces de forma directa, pero outras, escondida baixo grandes palabras: respecto ás normas, obediencia á vontade de Deus, apoio a unha nación, defensa da democracia e da nosa civilización... Parece que a reconciliación non é unha prioridade e o perdón está suxeito á vinganza previa ou, cando menos, á derrota dos inimigos.
Pero Xesús quere que aprendamos outra forma de facer as cousas, outra forma de ver a realidade. Non é cousa de deixarse esmagar polos violentos ou polos inxustos, pero mentres non “poñamos a outra meixela”, non será posible rachar a lóxica da violencia e da vinganza. Que a nosa celebración de hoxe sirva para achegarnos ao perdón e á reconciliación.

Perdón

  • Porque seguimos facendo realidade en nós aquilo de: ”o que ma fai, págama”; Señor, enchóupanos coa túa misericordia.
  • Porque somos dos que perdoan, pero non esquecen, e a memoria do mal fainos infelices, Cristo, fainos sentir o teu perdón
  • Porque queremos que os demais recoñezan a súa culpa, pero non somos quen de recoñecer os nosos defectos, Señor, fainos sentir o teu perdón

Remuíño
Nunha sociedade ferida por tantas inxustizas e abusos, onde medran as silveiras dos intereses e das rivalidades, onde agroman tantos toxos de xenreiras, discordias e agresividade, son necesarias persoas sanas que dean outra clase de froitos. A pregunta entón sería: ¿que podemos facer cada un e cada unha de nós para sandar un pouco a convivencia social?. Quizais cómpre empezar por non facerlle a ninguén a vida máis difícil do que xa é. Esforzarnos por vivir de tal xeito que alomenos onda nós a vida sexa máis humana e levadeira. Non envelenar o ambiente co noso pesimismo, a nosa amargura e a nosa agresividade. Crear ao noso redor unhas relacións distintas, baseadas na confianza, na bondade e na cordialidade. Saber acoller e comprender, non xulgar nin condear sen compaixón. Xunto a nós hai persoas que sofren inseguridades, incomprensión.... que precisan abrirse aos demais e que alguén as escoite.

Que difícil o que Xesús nos pide!: sorprender ao próximo con máis do que este espera, dar máis alá do esixido, perdoar máis alá do soñado, tratar aos demais co amor e a comprensión coa que nos tratamos a nós mesmos. Reto difícil... pero non imposible.O querer está en nós.

Non nos rebaixamos. Perdoar a quen nos fai mal, dar sen recibir a cambio,... non significa unha merma da nosa persoa. É o amor o que fai que o noso estilo de vida sexa ese e polo tanto estamos capacitados para dicir aos demais que merece a pena este estilo de vida, que merece a pena seguir a Xesús. Con esixencias, con fallos, con pecado, pero co ánimo da forza do Pai. Deixemos de lado o medo ao que dirán, o medo a parecer inferiores ante os demais, a ser pouco homes-mulleres por ter sentimentos así. Porque se queremos que os demais nos traten así, non o facemos nos?

Que esta celebración sexa un toque de atención para todos nós e a nosa comunidade para que tomemos en serio a ensinanza de Xesús xa que é o único camiño para ser verdadeiramente felices e ao mesmo tempo de facer felices aos demais.

Oración da comunidade

Señor, antes de que fosemos coñecedores da túa bondade e da túa misericordia, ti perdoaches os nosos pecados e quixeches que fosemos parte da túa familia. Por iso erguemos a ti a nosa oración e dicimos confiados:

Fainos instrumentos da túa paz

Oramos como Igrexa, como comunidade de crentes que queren facer da túa Palabra a razón da nosa vida; para sermos un instrumento de paz e de reconciliación. Oremos

Fainos instrumentos da túa paz

Oramos como parroquia, como grupo de persoas preocupadas por levar a xustiza e a liberdade a un mundo dividido e enfrontado por conflitos políticos, sociais e relixiosos. Oremos.

Fainos instrumentos da túa paz

Oramos como persoas responsables da nosa vida e do noso entorno, para que sexamos capaces de perdoar na nosa casa, aos nosos veciños, á xente coa que estamos e convivimos. Oremos.

Fainos instrumentos da túa paz

Pai, ti segues entregando a túa vida e a túa graza para que no mundo sexa posible o amor e a reconciliación. Danos un corazón capaz de perdoar e de rachar coa lóxica da violencia. Por Cristo, noso Señor. Amén


Para a reflexión
Veña o teu reino de xustiza.
Veña o teu reino de verdade.
Veña o teu reino de amor.
Reina, Señor, nos nosos corazóns.
Fai de nós propagadores do teu Reino.
Que saibamos partir o pan e facernos pan.
Libéranos das nosas escravitudes.
Libéranos de tropezos e caídas.
Libéranos de tódolos males.
Fainos, Señor, testemuñas do teu amor.

Cantos.
Entrada: Veña o teu reino Señor.
Lecturas: Escoita ao Señor
Ofertorio: Na nosa terra
Comuñón: Oh, Señor, Escólleme

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Ascensión 2025 C

  7º Domingo de pascua. Ascensión.2025 A ASCENSIÓN:  ATRÁS QUEDARON OS CENÁCULOS NOS QUE ESCONDERSE E APARTARSE DO MUNDO CANTOS · Entrada.- Con ledicia vimos ( 3 ) · Lecturas.- Cantade ao Señor ( 23 ) · Ofertorio.- Cantádelle ao Señor ( 33 ) · Comuñón.- Señor Xesús bendito sexas (52) ABRÍNDONOS AO ESPÍRITO A Ascensión do Señor é a festa coa que Xesús nos quere transmitir que unha vez que El xa non está correspóndenos a nós perder os medos, saír da casa e anunciar no medio do mundo a forza, sempre alentadora e esperanzada, da súa mensaxe. El chámanos a ser testemuñas de toda a alegría rebordante que nos ofrece coa súa Boa Nova, porque xa non é tempo de esconderse e laiarse. Agora comeza o tempo do compromiso, da presenza activa e non excluínte, no medio do mundo. E sempre desde alí onde esteamos. Atrás quedaron os cenáculos nos que esconderse e apartarse do mundo. El farase presente se nós, co noso actuar e coa coherencia e honestidade de da nosa palabra, o facemos presente. CU...

Cristo Rei 2025

  UN REI DE SERVIZO NUN MUNDO PRECISADO DE ACOLLIDA E ESCOITA: XESÚS CRISTO CANTO GOZOSO   ·        ENTRADA .- Que ledos hoxe estamos (  ) ·        LECTURAS .- Moito me alegrei (  ) ·        OFERTORIO.-  Na nosa terra ( 36 ) ·        COMUÑÓN.-  No colo de miña nai   ESCOITA ACTIVA          Remata hoxe o ano litúrxico que comezabamos o primeiro domingo de Advento, hai xa un ano. Un ano de ledicias e tristuras, de esperanzas e desacougos, de loitas e cansazos, pero sempre guiados pola forza e a presenza de Xesús o Mestre, aquel que pasou facendo o ben e tendendo a man a quen ía atopando ao longo do camiño.          E hoxe, como remate deste camiñar, celebramos a festa de Cristo Rei coa que queremos poñer de manifesto que o seu r...