Ir al contenido principal

III DOMINGO DO T.O. 2008

Fagamos Igrexa de comuñón, e non capeliñas de desunión

PÓRTICO
Non ser capaz de entender, e polo tanto de asumir, que os cristiáns somos un grupo máis, inda que numeroso, na nosa sociedade plural, democrática e chamada a construírse desde o respecto dos Dereitos Humanos, fainos, moitas veces, caer na tentación de querer impoñer a tod@s o que é o xeito de ver as cousas por parte dos que nos sentimos seguidores de Xesús de Nazaret. Isto leva a que acabemos en enfrontamentos dialécticos, descualificacións e, polo tanto, creando un clima de crispación. E isto nunca é bo para ninguén, e moito menos para os que temos como lema facer do mundo a casa de tod@s.
Que a celebración de hoxe nos faga superar a tentación de crear grupos de presión que, pretendendo presentarse como fieis ao seguimento de Xesús, só buscan tensionar e enrarecer as relacións entre cantos formamos parte da nosa sociedade.

PERDÓN
Porque non queremos darnos conta de que o Reino de Deus xa está aquí, e correspóndenos facelo presente coa nosa vida e as nosas actitudes, Señor, que non apaguemos a luz do teu Reino.
Porque non acabamos de superar a tentación de crernos mellores ca os demais, sen ser capaces de valorar o bo que teñen os que non pensan coma nós, Cristo, que non apaguemos a luz do teu Reino.
Porque nos custa caer na conta de que o que nos move a nós non pode ser máis que a fidelidade a Cristo, e non outras fidelidades, Señor, que non apaguemos a luz do teu Reino.

REMUÍÑO
· Rógovos que vos poñades todos de acordo e que non haxa divisións entre vós
Nun momento no que é tan difícil entender que a vivencia da fe ten que levarnos a aprender a distinguir o accesorio do fundamental, non estaría de máis que volveramos tod@s a nosa atención aos textos da Palabra, para facer dela oración e compromiso para a vida.
Non é cuestión de facer da Igrexa unha institución uniforme e monocorde, ao contrario, é urxente saber diferenciar que a unidade está na aceptación e na acollida da persoa de Xesús. Que acoller o Reino é acollelo a El. E non debemos confundir esta acollida co que foi a concreción desta acollida ao longo dos dous mil anos de historia e vida da Igrexa. Se non conseguimos entender isto estaremos sempre na disputa, na tensión , no enfrontamento e na división.
Por que nos empeñamos, entón, por facer da Igrexa a identificación coas posicións de determinados grupos políticos, namentres satanizamos a outros?. A Igrexa é plural, e ten que camiñar sempre na aceptación, acollida e valoración desta pluralidade. O Evanxeo é unha Boa Nova que non é reducible a un partido ou asociación política. E a súa misión non é romper ou desunir, senón construír comunidades solidarias e comprometidas no respecto e defensa da dignidade humana. Toda dignidade, non só algunhas.
· Porque non me mandou Cristo a bautizar, senón a predica-lo Evanxeo
Vivir na búsquea do entendemento, na creación de tecido social comprometido na defensa da dignidade humana, lévanos aos crentes a que cando tomemos decisións nas que as persoas nos vexamos implicadas, tentemos antes pensar qué supón e a onde nos leva a toma destas decisións. Non nos vale actuar porque o fan tod@s, ou porque nolo dixeron os que mandan. Isto levará a descubrir que o bautismo non é un rito, senón unha responsabilidade, unha esixencia: convértenos en testemuñas do Evanxeo. O que nos faría caer na conta que non por ter recibido un sacramento xa nos convertemos en seguidores de Xesús, e polo tanto cristiáns. Non, o que nos esixe é testemuñar coa nosa vida que o Reino xa está aquí, e iso alenta as nosas dificultades e fornece os nosos proxectos. Xesús non quería ritos, senón seguimento desde a vida da súa mensaxe.
· Vide comigo, e fareivos pescadores de homes... Eles deixaron de contado o aparello, e seguírono
El segue a chamarnos. Que coma os Apóstolos, tamén nós saibamos deixar todo aquilo que nos impide seguilo, todo aquilo que non fai das nosas familias, dos nosos traballos, das nosas parroquias, dos nosos países... verdadeiros espazos de diálogo, entendemento, traballo solidario e crecemento persoal, de Reino de Deus.

ORACIÓN DA COMUNIDADE
Invitados a non caer na tentación de facer da Igrexa comunidade enfrontada e dividida, dirixamos a nosa oración a Deus e digamos xunt@s.
Que a luz do Reino alente a nosa vida
Pola Igrexa, para que saibamos camiñar na unidade e no respecto da pluralidade, favorecendo sempre o que é fundamental á mensaxe de Xesús, e non impondo o que é pura e simple concreción histórica. Oremos.
Que a nosa luz do Reino alente a nosa vida
Polas nosas comunidades, para que saibamos entender que é necesario respectar a liberdade e as formas de vivir plurais de cada un dos seus membros, porque todo o que leve a facer presente a Xesús entre nós, é anuncio do Evanxeo. Oremos.
Que a luz do Reino alente a nosa vida
Por cantos nos sentimos verdadeiramente empeñados en camiñar no seguimento de Xesús, para que o fagamos sempre con dispoñibilidade, esperanza, alegría e diálogo. Oremos.
Que a nosa luz do Reino alente a nosa vida
Grazas, Señor, por descubrirnos que non son os ritos, senón a vida o que fai do Evanxeo un verdadeiro anuncio transformador de persoas e sociedade. P.X.N.S. Amén.
REFLEXIÓN
Vivir ao pairo
O espazo do Reino non é un cálido e cómodo recuncho desvinculado da vida.
Non é unha burbulla espiritual para a paz interior.
O espazo do Reino está feito de exporse, arriscar, implicarse, complicarse,
namorarse e rir, sufrir, loitar e a intres gañar ou perder,
sabendo que, alá onde vaiamos, ti vas connosco.
Non pasa nada por vivir ao pairo,
se na incerteza somos capaces de volvernos a ti para que guíes os nosos pasos.
No noso mundo de seguridades e certezas necesitamos rezar para pedirche a lucidez de quen arrisca, a sabedoría de quen nada posúe e a valentía de quen todo o soña posible.
CANTOS
· ENTRADA.- Unha parroquia
· LECTURAS.- Sede o sal
· ORFERTORIO.- Xurdirá
· COMUÑÓN.- Eu soñei

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2026

ELIXE AMAR. ELIXE COMUNIDADE... ASÍ NINGUNHA PERSOA TERÁ QUE RECIBIR MIGALLAS. CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe celebramos o Corpus Christi, o Día da Caridade, e facémolo co corazón de festa pero cos pés afincados no chan. Moitas veces corremos o perigo de reducir este día a unha procesión fermosa, a custodias brillantes e a efémeras alfombras de flores. Pero o Corpus é o recordatorio de que Deus non quedou nunha teoría, senón que se fixo pan para poder ser alimento e para poder ser compartido. Non o esquezamos: o deserto segue aí fóra. O deserto da soidade da xente maior, o deserto da falta de oportunidades da mocidade, o deserto de tantas familias que non teñen vivenda ou que non chegan a fin de mes. E neses desertos resoa con forza a chamada deste ano: Elixe amar, elixe comunidade. Porque a caridade non é dar as sobr...

Pentecostes 2026

PENTECOSTES: O MILAGRE DE NON SER LADRILLOS IGUAIS SENÓN PEZAS VIVAS DA DIVERSIDADE CANTO GOZOSO   ö ENTRADA: Vinde axiña (   10     ) ö ASPERSIÓN: A auga do Señor (Nº 125) ö LECTURAS: Manda o teu Espírito ö OFERTORIO: Sementar, sementarei ö COMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55) MIRADA AGRADECIDA Hoxe pechamos o tempo de Pascua, e facémolo do mellor xeito posible: co cumprimento por parte de Xesús da súa promesa de non deixarnos na orfandade, senón de agasallarnos co Espírito Santo. E se pensamos neste Espírito, a mellor imaxe non é a dun coro onde todas as persoas cantan a mesma melodía coa mesma voz. O Espírito parécese máis a unha gran orquestra, onde cada instrumento é totalmente diferente, ten o seu propio timbre, o seu propio xeito de soar e o seu propio acento. O milagre non é que o violín soe a trompeta, senón que cadaquén, estando ben afinada e ben afinado na súa propia identidade, contribúa a crear unha música final que a ningun...

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...