Ir al contenido principal

Mansos e humildes

Mansos e humildes, pero non domesticados


Hai que facer discípulos, non prosélitos... non basta que deas o Evanxeo, has de abrir coa túa vida a paixón por comelo” (P. Casaldáliga)

Pórtico

Estamos nunha sociedade cada vez máis tecnificada, chea de electrodomésticos e de aparellos electrónicos, na época do móbil, de internet, do ordenador... Pero tamén é a sociedade da soidade, do individualismo. O comunitario, a colaboración, o traballo de todos decaeu e tamén o diálogo sereno e pausado. Só falamos o imprescindible, o xusto,... canta soidade xeramos, canta frustración...


Por iso, un novo domingo somos alentad@s a dispor o corazón para acoller a Palabra proclamada e levala á nosa vida. Fagámolo con humildade e mansedume, vivámola coa alegría da comuñón esperanzada.


Perdón

  • Por non confiar en Ti para poder aprender da túa gratuidade, SEÑOR, ALENTA O NOSO CAMIÑAR.

  • Por non ser capaz de levar a forza da túa bendición a quen se sente angustiado e sen esperanza, CRISTO, ALENTA O NOSO CAMIÑAR.

  • Porque somos cristiáns consumidores de ritos: vodas, bauticeiros, rosarios e novenas, pero andamos moi lonxe de aterrar para encarnar a fe no aquí e no agora, SEÑOR, ALENTA O NOSO CAMIÑAR.


Remuíño

  • Non estaría de máis que tod@s; pero dun xeito especial os que presiden e acompañan as nosas comunidades, meditasen paseniñamente o que hoxe nos di o Señor por boca do profeta Zacarías; que sigue alentando a esperanza do pobo. Nun tempo no que camiñamos na desesperanza e no desalento, nun tempo que os profetas de calamidades describen coma tempo de apocalipse, de persecución, de desastre… o profeta lémbranos que Deus segue a camiñar con nós… pero non desde unha estrutura piramidal (que tantas nostalxias levantan), senón desde unha estrutura de comuñón. Non desde a xuntanza do poder e da Igrexa, senón desde o camiño da sinxeleza. Non desde as parafernalias nas que moitas veces se teñen convertido as nosas celebracións, senón desde a valoración das cousas pequenas que van tecendo a tea da nosa vida: un sorriso alentador, unha man no traballo, un rato de compañía….

  • Só se somos capaces de entender que a fe non é para agochar nos templos e para reducila ao privado, camiñando e sendo presenza alentadora e esperanzada para todas as persoas que camiñan con nós, poderemos entender e experimentar a liberación que Xesús nos ofrece e que ben lonxe está do pesado xugo que moitos, demasiados, queren impoñer sobre os nosos ombreiros.

  • Os que non están cheos de si mesmos e non son autosuficientes, son os que descobren a Xesús. Esta é unha invitación a que non desprecemos a ninguén pola súa formación ou polo seu nivel cultural, xa que, aínda que non foron á universidade, descobren a Deus nas súas vidas, son sinxelos, de bo corazón… e nós, somos sinxelos de corazón?, admiramos e agradecemos aquilo que recibimos de balde?.


  • Hoxe é un bo día para que tod@s nos preguntemos: por que a nosa mensaxe resulta máis escura e complicada que a de Xesús?.


Oración da comunidade

Desde a apertura de corazón á que nos chamas, poñemos agora a nosa oración na túa confianza, para que sintamos a túa presenza no noso camiñar cotián, e dicímosche xuntos:


QUE APRENDAMOS DA TÚA MANSEDUME

  • Por unha Igrexa que non perda tanto tempo en dogmatismos, senón que saiba cargar cos xugos de tantos irmáns entristecidos e desacougados, OREMOS.

QUE APRENDAMOS DA TÚA MANSEDUME

  • Polas nosas comunidades, para que a fe que compartimos nos leve a avanzar coa realidade na que estamos e vivimos, implicando aí a nosa vida, OREMOS.

QUE APRENDAMOS DA TÚA MANSEDUME

  • Por cantos estamos abert@s á palabra hoxe proclamada, para que a acollamos de verdade, e non deixemos que esvare por nós convertida en rutina, desgana e ritualismo.Oremos.

QUE APRENDAMOS DA TÚA MANSEDUME

Grazas, por darnos luz a unha vida tantas veces chea de sombras, e necesitada da túa claridade.Amén.


Reflexión

Confía na súa palabra: non temas.

Confía na súa promesa: terás a lumieira das estrelas.

Confía na súa bendición: terás froitos de amor.

Confía na súa presenza: eu estou contigo.

Confía no seu evanxeo: terás un fillo divino.

Confía nos seus dons: a efusión do Espírito.

Confía nos seus amores: lévote nas palmas das miñas mans e no meu corazón. Amén.


Cantos

Entrada: Vinda axiña

Lecturas: A túa palabra

Ofertorio: Na nosa terra

Comuñón: Gracias, Señor, graciñas

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Ascensión 2025 C

  7º Domingo de pascua. Ascensión.2025 A ASCENSIÓN:  ATRÁS QUEDARON OS CENÁCULOS NOS QUE ESCONDERSE E APARTARSE DO MUNDO CANTOS · Entrada.- Con ledicia vimos ( 3 ) · Lecturas.- Cantade ao Señor ( 23 ) · Ofertorio.- Cantádelle ao Señor ( 33 ) · Comuñón.- Señor Xesús bendito sexas (52) ABRÍNDONOS AO ESPÍRITO A Ascensión do Señor é a festa coa que Xesús nos quere transmitir que unha vez que El xa non está correspóndenos a nós perder os medos, saír da casa e anunciar no medio do mundo a forza, sempre alentadora e esperanzada, da súa mensaxe. El chámanos a ser testemuñas de toda a alegría rebordante que nos ofrece coa súa Boa Nova, porque xa non é tempo de esconderse e laiarse. Agora comeza o tempo do compromiso, da presenza activa e non excluínte, no medio do mundo. E sempre desde alí onde esteamos. Atrás quedaron os cenáculos nos que esconderse e apartarse do mundo. El farase presente se nós, co noso actuar e coa coherencia e honestidade de da nosa palabra, o facemos presente. CU...

Cristo Rei 2025

  UN REI DE SERVIZO NUN MUNDO PRECISADO DE ACOLLIDA E ESCOITA: XESÚS CRISTO CANTO GOZOSO   ·        ENTRADA .- Que ledos hoxe estamos (  ) ·        LECTURAS .- Moito me alegrei (  ) ·        OFERTORIO.-  Na nosa terra ( 36 ) ·        COMUÑÓN.-  No colo de miña nai   ESCOITA ACTIVA          Remata hoxe o ano litúrxico que comezabamos o primeiro domingo de Advento, hai xa un ano. Un ano de ledicias e tristuras, de esperanzas e desacougos, de loitas e cansazos, pero sempre guiados pola forza e a presenza de Xesús o Mestre, aquel que pasou facendo o ben e tendendo a man a quen ía atopando ao longo do camiño.          E hoxe, como remate deste camiñar, celebramos a festa de Cristo Rei coa que queremos poñer de manifesto que o seu r...