Ir al contenido principal

Domingo 11 TO 2008

Porque recibimos de balde,

que saibamos dar de balde

Pórtico

Tamén hoxe, como fixo cos seus apóstolos, Xesús segue chamando. Esa chamada é a cada un e cada unha de nós; e como ocorría naquel momento, correspóndenos responder non só coa palabra, senón cos feitos. A misión é anunciar a Boa nova do Reino, o que supón estar cerca das doenzas e dificultades das nosas xentes para poñer mans e corazón na tarefa de ilas curando.

Que a celebración de hoxe nos faga sensibles á necesaria dispoñibilidade que debemos ter para que o anuncio do Reino se vaia convertendo en actitudes e accións.

Perdón

  • Porque en demasiadas ocasións da nosa vida as nosas inseguridades, os nosos medos, as presións do noso contorno…fan que non sexamos fieis e coherentes coas nosas convicións, SEÑOR, QUE VIVAMOS NA GRATUIDADE.
  • Cristo, que nos esforcemos por deixar atrás a tentación do egoísmo e a comenencia na relación cos irmáns, CRISTO, QUE VIVAMOS NA GRATUIDADE.
  • Porque non somos capaces de experimentar en nós a túa xenerosidade gratuíta, solidaria e misericordiosa, SEÑOR, QUE VIVAMOS NA GRATUIDADE.

Remuíño

ð Moitos cristiáns pensan estar vivindo a súa fe con responsabilidade porque se preocupan de cumprir determinadas prácticas relixiosas e tratan de axustar o seu comportamento a unhas normas morais e a unhas leis eclesiásticas.

Do mesmo xeito, moitas comunidades pensan estar cumprindo fielmente a súa misión porque se afanan en ofrecer diversos servizos de catequese e por celebrar dignamente o culto.

Pero, é isto o que Xesús quería poñer de manifesto ao enviar aos seus discípulos polo mundo?, é esta a vida que quería infundir no medio das persoas?.

Cómpre escoitar de novo as palabras de Xesús para redescubrir a verdadeira misión dos crentes na sociedade. Así, a nosa primeira tarefa tamén hoxe é proclamar que Deus está preto das persoas, empeñado en salvalas e facelas felices. Pero este anuncio dun Deus salvador non se fai por medio de discursos e palabras suxestivas, non se proclama pola radio nin se difunde por televisión, non se asegura só con catequeses nin clases de relixión.

Só hai un xeito de proclamar a Deus: traballar de balde por infundir ás persoas unha nova vida:

Ø Curar enfermos, liberando ás persoas de todo aquilo que as fai sufrir, sandando a quen se sente destruído pola dor ou anguriado pola dureza da vida.

Ø Resucitar mortos, liberar ás persoas de todo aquilo que mata a súa esperanza. Esperta de novo á vida, á confianza, á vontade de loita.

Ø Limpar gafos, limpar a nosa sociedade de mentiras, hipocrisías e convencionalismos, vivindo con verdade, sinxeleza e honradez.

Ø Liberar ás persoas de ídolos que escravizan, posúen e perverten a nosa convivencia.

  • Son moitos os textos nos que Deus chama: Abrahám, Moisés, Xeremías... a Alianza é a expresión deste saír de Deus ao noso encontro. Acollelo supón que estamos dispostos non a converter a Deus no recurso fácil e manipulable aos nosos intereses, senón estar dispost@s a levalo á vida. O traballo é moito, ninguén sobra e tod@s somos necesarios. Se El o fixo de balde, tamén nós así temos que facelo, o que leva a cuestionar tantos comportamentos dos que se non hai cartos, prebendas ou beneficios polo medio, non só non se converten en anunciadores do Reino, senón que se negan a realizar a misión para a que foron chamados! Non esquezamos nunca, tod@s, pero especialmente: curas, bispos, papa... que o que temos recibido de balde, de balde temos que dalo.
  • Velaquí a fermosa tarefa para a que Xesús nos require: liberar ás persoas para anunciar a Deus. Porque para Deus somos alguén, desde esa confianza, desde o sentírmonos queridos e recoñecidos por El, anunciámolo co noso actuar. Comecemos.

Oración Da comunidade

Invitados hoxe a descubrir a importancia da fe na gratuidade da nosa vida, poñémonos nas mans de Deus para que nos dea folgos que nos leven a afastarnos de caer na tentación de facer da fe un supermercado de grande rendibilidade económica. Oramos dicindo:

QUE APRENDAMOS A VIVIR A FE NA GRATUIDADE

1. A anada é moita; pero os traballadores son poucos. Para que a Igrexa en todos os seus membros: papa, bispos, curas e segrares se afaste da tentación de converter a fe nunha cuestión mercantil, esquecendo que o amor e a entrega aos demais son os que nos achegan a Deus, OREMOS.

QUE APRENDAMOS A VIVIR A FE NA GRATUIDADE

2. E xa que de balde recibistes, dade de balde tamén. Para que nas nosas comunidades non confundamos a mensaxe do Reino con comportamentos pouco fieis e contrarios ao que é a gratuidade, axuda, colaboración e participación activa, OREMOS.

QUE APRENDAMOS A VIVIR A FE NA GRATUIDADE

3. Servide ao Señor con alegría. Por tod@s @s que estamos aquí xunt@s, para que vivamos na ledicia, na fidelidade e na entrega, respondendo xenerosamente á túa chamada, OREMOS.

QUE APRENDAMOS A VIVIR A FE NA GRATUIDADE

Grazas por descubrirnos o teu rostro humano, alegre e que busca canto axuda a tod@s e non o que beneficia só a uns poucos elixidos.P.X.N.S.Amén.

Reflexión

Facede discípulos, non mestres;

facede persoas, non escravos;

facede camiñantes, non xente asentada;

facede servidores, non xefes.

Facede irmáns.

Facede crentes, non xente crida;

facede buscadores da verdade, non amos de certezas;

facede creadores, non imitadores;

facede cidadáns, non estranxeiros:

Facede irmáns.

Facede persoas de encontro,

con entrañas e tenrura,

con promesas e esperanzas,

con presenza e paciencia,

con misión e envío.

Facede irmáns.

Facede discípulos meus;

dádelle todo o que eu vos din;

descargade as vosas costas e sentídevos irmáns.

Ulibarri, F.

Cantos

Entrada: Todos xuntos/Vinde axiña

Lecturas: Escoita ao Señor

Ofertorio: Grazas, Señor, graciñas

Comuñón: Acharte presente na vida

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Ascensión 2025 C

  7º Domingo de pascua. Ascensión.2025 A ASCENSIÓN:  ATRÁS QUEDARON OS CENÁCULOS NOS QUE ESCONDERSE E APARTARSE DO MUNDO CANTOS · Entrada.- Con ledicia vimos ( 3 ) · Lecturas.- Cantade ao Señor ( 23 ) · Ofertorio.- Cantádelle ao Señor ( 33 ) · Comuñón.- Señor Xesús bendito sexas (52) ABRÍNDONOS AO ESPÍRITO A Ascensión do Señor é a festa coa que Xesús nos quere transmitir que unha vez que El xa non está correspóndenos a nós perder os medos, saír da casa e anunciar no medio do mundo a forza, sempre alentadora e esperanzada, da súa mensaxe. El chámanos a ser testemuñas de toda a alegría rebordante que nos ofrece coa súa Boa Nova, porque xa non é tempo de esconderse e laiarse. Agora comeza o tempo do compromiso, da presenza activa e non excluínte, no medio do mundo. E sempre desde alí onde esteamos. Atrás quedaron os cenáculos nos que esconderse e apartarse do mundo. El farase presente se nós, co noso actuar e coa coherencia e honestidade de da nosa palabra, o facemos presente. CU...

Cristo Rei 2025

  UN REI DE SERVIZO NUN MUNDO PRECISADO DE ACOLLIDA E ESCOITA: XESÚS CRISTO CANTO GOZOSO   ·        ENTRADA .- Que ledos hoxe estamos (  ) ·        LECTURAS .- Moito me alegrei (  ) ·        OFERTORIO.-  Na nosa terra ( 36 ) ·        COMUÑÓN.-  No colo de miña nai   ESCOITA ACTIVA          Remata hoxe o ano litúrxico que comezabamos o primeiro domingo de Advento, hai xa un ano. Un ano de ledicias e tristuras, de esperanzas e desacougos, de loitas e cansazos, pero sempre guiados pola forza e a presenza de Xesús o Mestre, aquel que pasou facendo o ben e tendendo a man a quen ía atopando ao longo do camiño.          E hoxe, como remate deste camiñar, celebramos a festa de Cristo Rei coa que queremos poñer de manifesto que o seu r...