Pórtico
Perdón
- Polas veces nas que o medo ten afogado a nosa esperanza, SEÑOR, PERDOA O NOSO DERROTISMO.
- Polas veces nas que a desilusión non nos deixou crer que a solidariedade é posible, CRISTO, PERDOA O NOSO DERROTISMO.
- Polas veces nas que a nosa frivolidade non nos deixa ver que a desigualdade, a inxustiza e a fame só serán erradicadas se empeñamos a nosa vida e cambiamos os nosos comportamentos tan cómodos e viciados, SEÑOR, PERDOA O NOSO DERROTISMO.
Con que facilidade somos capaces de desconectar cando algo non nos interesa!. Cómo nos imos acostumando a pasar, facer os desentendidos ou despreocuparnos de canto vai un pouco máis alá do noso contorno, ou pide un pequeno esforzo da nosa parte. É que, asumámolo dunha vez, somos moi interesados, e gústanos ir ao noso, sen que nos compliquen moito os demais as cousas ou nos pidan un pequeno esforzo, sexa esta do tipo que sexa. Pois ben, a Igrexa hoxe, a través da ONG “Mans Unidas”, non só quere facernos unha chamada á solidariedade persoal de cada un de nós, senón tamén denunciar esta dobre moral que tantas veces utilizamos. Pois por unha banda dicimos que cremos na solidariedade, que este mundo é inxusto, que hai que facer algo, que…pero logo, á hora de meterlle o dente a cousa, imos pondo escusas e desculpas para non poñer tempo, ilusión, esforzo e compromiso da nosa parte. Que pouco lugar ocupa a fe, a mensaxe e seguimento de Xesús na nosa vida!
Tentemos entón partir da nosa vida e ver que lugar ocupa e que importancia ten o mundo que está máis alá do ámbito no que nos movemos tódolos días. É dicir, se son consciente de que podo, superando o derrotismo do isto vai moi mal e non se pode facer nada, levar a cabo moitas tarefas, moitas respostas diante de tantas situacións de fame que hai non só a moitos quilómetros, senón na nosa mesma parroquia: persoas soas que agradecerían unha visita, persoas impedidas que disfrutarían de alguén que voluntaria e gratuitamente as saque a pasear, persoas ás que lle agradaría non ser un número máis entre tantos, sobre a realidade da pobreza e as consecuencias da crise, en todas e cada unha das concrecións que estamos a vivir; senón ser tratadas con amor e cariño. A isto nos chama a reflexionar a xornada deste domingo, e coma diciamos no comezo, é xa tempo de botar fóra o medo para que renaza a esperanza. Temos os vimbios, tamén temos un grande mestre, a que esperamos?.
ORACIÓN DA COMUNIDADE
Falar da fame desde o noso primeiro mundo, é doado e pode levarnos a crernos redentores da humanidade. Porén, a celebración de hoxe quere facernos pensar que se non cambiamos a nosa maneira de facer as cousas de cada día e de superar as nosas comodidades rutinarias, de nada nos valerá a nosa solidariedade material. Por iso dicimos xuntos a Deus:
QUE OS NOSOS MEDOS DEAN PASO Á ESPERANZA
- Pola Igrexa, que hoxe celebra o día da concienciación e solidariedade diante do gran mal da fame no mundo, para que non esqueza que levar a Cristo supón levar tamén xustiza, liberación e denuncia de toda corrupción, OREMOS.
QUE OS NOSOS MEDOS DEAN PASO Á ESPERANZA
- Para que nas nosas comunidades non caiamos na tentación de reducir a solidariedade ao donativo económico que hoxe imos dar para a superación da fame no mundo, e tomemos conciencia de que hai outras moitas fames ao carón das nosas casas: fame de ser escoitados, fame de ser visitados, fame de ser axudados, fame de non ser enganados, fame de educación, fame de pensar antes de dicir ou facer… fame de verdadeira acollida de Xesús na acollida ao veciño, OREMOS.
QUE OS NOSOS MEDOS DEAN PASO Á ESPERANZA
- Por nós, para que deixemos de durmir no sono que nos leva a acomodar a nosa fe a un simple cumprimento, esquecendo que a fe é seguimento e camiño ao lado de Xesús, quen renunciou ao ritualismo para vivir na fraternidade, OREMOS.
QUE OS NOSOS MEDOS DEAN PASO Á ESPERANZA
Como ves, Señor, son moitas as fames que temos e das que somos partícipes. Danos azos para que as vaiamos deixando atrás, e comece a agromar en nós a fartura do amor entregado, solidario e sincero cara os irmáns. P.X.N.S. Amén.
Reflexión
Chamei á túa porta, gritei ao teu corazón, para estar ao teu carón, para disfrutar da túa calor. Por que me rexeitas?. Ábreme irmán!
Por que me interrogas se son de Africa, América, Asia ou Europa?. Acólleme irmán!.
Por que me preguntas o tamaño do meu nariz, a gordura dos meus labios, a cor da miña pel, o nome dos meus deuses?. Apértame irmán!.
Ábreme a túa porta, ensancha o teu corazón, só son unha persoa: a persoa de sempre, a persoa dos celos, a persoa que se che parece
(Felipe Filombe. Poeta camerunés)
Cantos
Entrada: Amigos nas penas
Lecturas: A túa Palabra
Ofertorio: Eiquí están, Señor
Comuñón: Eu soñei
Comentarios