Ir al contenido principal

Domingo 7 do TO 2008 (22 de febreiro)

Seremos cribles se somos capaces de levar aos corazóns magoados palabras de esperanza, e non de condena

Pórtico

            Non é doado nin falar nin entender no noso mundo e hoxe a palabra perdón. Por unha banda, moitos asóciano a sacramento da reconciliación – penitencia-, sacramento que durante moito tempo foi  experiencia de xuízo, condena, medo, control   e dominio da conciencia das persoas;  e pola outra, é unha palabra demasiado asociada ao mundo do relixioso. Porén, o perdón é unha experiencia fondamente humana; unha experiencia que libera e axuda a madurar, a crecer como seres humanos, a ser conscientes das nosas propias limitacións. E iso no noso mundo, un mundo que se considera ilimitado  sen ningún tipo de  traba, non e moi doado de entender. Por iso a celebración de hoxe pode se unha boa oportunidade para que  pensemos sobre a importancia de ter unha actitude de ofrecer e tamén de outorgar o perdón na nosa vida. Se o facemos, seguro que nos iremos sentindo  moito máis conscientes das nosas limitacións, pero tamén das nosas moitas posibilidades. Abrámonos entón a comuñón desde a participación na celebración de  hoxe. 

Perdón

·        Porque coidamos que é imposible cambiar o que nos fai infelices. Señor,que vivamos na perdoanza.

·        Porque cústanos facerche un oco na nosa vida. Cristo, que vivamos na perdoanza.

·        Porque  pedimos moitos aos demais, pero estamos pouco dispostos a dar. Señor, que vivamos na perdoanza..

Remuíño

Ollade: eu estou facendo algo novo; xa agroma. Estas palabras de Isaías son todo un proxecto de vida para cantos nos sentimos persoas ás que a fe vai alentando e  renovando cada día. Si, inda que polo noso xeito de vivir, mesmo de facer as cousas, moitas veces caiamos na rutina e na inercia, e pensemos que ten que ser así porque non hai outro xeito, a Palabra de Deus, volve dicirnos un día máis que hai outros xeitos e formas de facer as cousas, que temos que ir botando fora as nosas desganas e andazos, que xa está ben de asentarnos no cómodo, no que non supón nin implica esixencia ningunha da nosa parte. Se de verdade queremos que esa Palabra madure e creza en nós, temos que estar dispostos a acollela, e pasala pola peneira do que facemos cada día. Non o vedes?, está a agromar, pídenos renovación, que non nostalxia; chámanos a abrir camiños novos, camiños de futuro, camiños de esperanza, non revisionismos trasnoitados que so aledan aos acomodados e satisfeitos, pero que deixan nas beiras a moitas persoas. A que esperamos. Espabilemos dunha vez!

Para Xesús non había medias tintas, El non era un mixiricas  de andar ao sol que máis quentaba, o seu si era si; e o seu non era non. Podemos nós dicir o mesmo? A súa foi unha entrega en totalidade: pais, amigos, marxinados, enfermos, esquecidos... non tentaba sacar tallada, non era un calculador que botaba contas sobre o que lle ía dar máis rendibilidade as súas decisións. Non, para El, o centro de todo o seu dicir e facer, era a opción, o compromiso pola persoa, a súa defensa, sen permitir que ninguén menoscabase a súa dignidade. Era unha persoa de e con criterio, podemos nós dicir o mesmo?

El hoxe invítaos a achegarnos , a toparnos coa súa persoa, a buscar a nosa sanación. Estamos dispostos a dar ese paso, seremos capaces de converter os impulsos que nos levan a non falarlle a algúns, a non colaborar con outros, a dicir que este e deste xeito e aquel deste outro, a... en momentos de perdón, colaboración e reconciliación persoal e social? seremos capaces, dunha vez por todas de deixar atrás esa individualidade que tanto caracteriza ás xentes das nosas parroquias, a nós mesmos, para comezar a pensar en comunitario, en colaboración, en procura do ben social? Seremos capaces de converter a indiferenza en encontro e participación? Desde o perdón sanador que ofrece Xesús, hoxe ábresenos a cada un de nós unha nova posibilidade, non a deixemos escapar.

Oración da comunidade

         O perdón,  cando é sincero, é unha experiencia fondamente sanadadora, que saibamos abrir a nosa vida a esta sanación que pos no noso camiño, e digamos xuntos:

Que non dubidemos da nosa capacidade de amar

·       Señor, que  a Igrexa, comuñón de comunidades no medio do noso mundo, saiba vivir, acoller, ofrecer e celebrar o perdón coma experiencia liberadora e leda. Oremos.

Que non dubidemos da nosa capacidade de amar

·        Señor, nas nosas comunidades moitas veces negámonos a revisar as nosas actitudes e a vivir a gozosa experiencia do perdón, converténdonos en persoas baleiras e sen capacidade de sentir a dor e tristura que están a vivir moitos dos nosos irmáns. Oremos.

Que non dubidemos da nosa capacidade de amar.

·        Señor, que cada un de nós teñamos a sinceridade de recoñecer os erros e equivocacións, sabendo pedir perdón e construír a nosa vida cheos de esperanza e ilusión. Oremos.

Que non dubidemos da nosa capacidade de amar.

Grazas, Señor, por axudarnos a caer na conta de que so abríndonos ao amor e ao perdón, somos capaces de entender a túa Palabra. P.X.N.S.Amén.

Reflexión

( Salmo 15)

Quen, Señor, se hospedará  na túa tenda?

Quen habitará no teu santo monte?

Aquel que anda rectamente e practica a xustiza:

Que ten sinceridade no corazón

E non calumnia coa súa lingua;

O que non lle fai mal ao se veciño

E non difama ao seu próximo;

O que estima desprezable ao malvado

E aprecia aos que temen ao Señor;

O que non se vira no xuramento,

Aínda que sexa no seu dano;

O que non presta con usura  o seu diñeiro

E non se deixa subornar contra o inocente.

Quen así se comporte,

Endexamais non perecerá.


Cantos

            Entrada.- Non vou so

            Lecturas.-  Arrepentido

            Ofertorio.- Pan do ceo, pan de vida

            Comuñón.- Ti es camiño e verdade

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Santos 2025

  BENAVENTURADAS AS XENTES DE BEN QUE, AO ESTILO DE XESÚS, PASARON SEMENTANDO XENEROSIDADE Canto para agradecer Ø    Entrada.-  Benaventurados Ø    Lecturas.-  Podo do divino e do humano Ø    Ofertorio.-  Na nosa terra Ø    Comuñón.-  No colo da miña nai Ollos para ver          Hoxe é a festa de tódolos Santos, a festa do agradecemento a tantas persoas de ben que foron deixando no medio de nós pegadas de solidariedade xenerosa e entregada. Falamos daquelas persoas, moitas delas témolas coñecido, que nos deixaron esa sementiña de esperanza en momentos nos que a vida se volvía dura e difícil.          Homes e mulleres que foron construíndo a súa santidade desde a sinxeleza e a humildade de facer canto o corazón lle pedía para construír un mundo mellor. Homes e mulleres aos que Francisco lles chamaba os santos da porta do lado, porque a ...

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...