Ir al contenido principal

Remol Pentecostes

FALAR PARA QUE SE ENTENDA E NON PARA QUE SE FALE DE NÓS

PÓRTICO

Son moitas as veces nas que se di que a Igrexa se ten posicionado sobre este ou aqueloutro tema. Pero cando se afirma iso somentes aparece a voz dos bispos (e case sempre os mesmos bispos), que no nome da toda a Igrexa –non o esquezamos: Igrexa somos tod@s–, manifestan que ese é o pensamento da Igrexa. A partires de aí, xa temos polémica montada a través dos medios de comunicación, e minutos nos telexornais por dous ou tres días, ata a próxima. Faise valer deste xeito aquilo de “que falen de nós, inda que sexa mal”.

            Pero máis alá das polémicas, poderíamos preguntarnos: é de verdade a voz da Igrexa?. Ou é a voz, autorizada e á que sempre debemos prestar atención, dos bispos?. Porque non é o mesmo unha cousa ca outra. Pois se Igrexa somos tod@s, algo teremos que dicir os demais cristiáns sobre cuestións que nos afectan e estamos a vivir, moitas das veces a sufrir. E teremos que facelo sen buscar polémica, pero sen esquecer que como crentes tamén temos voz e dereito a ser escoitados, e que non se debe confundir voz do maxisterio –os bispos son mestres- coa voz de toda a Igrexa.

            Que a festa de Pentecostes nos axude a descubrir que o importante non é que haxa unha sola voz, senón que, inda que haxa moitas, poidamos entendernos

PERDÓN

  • Por excluír da comuñón eclesial a quen non pensa coma nós, SEÑOR, QUE NOS ABRAMOS AO ESPÍRITO.
  • Por crer que só debe haber unha voz na Igrexa, esquecendo que en Pentecostes eran moitas e entendíanse, CRISTO, QUE NOS ABRAMOS AO ESPÍRITO.
  • Porque moitas veces preferimos deixarnos levar e non poñer reflexión, forza e dinamismo no que facemos, SEÑOR, QUE NOS ABRAMOS AO ESPÍRITO

REMUÍÑO

Como en Pentecostes, tamén nós hoxe máis que nunca, somos urxidos a non esquecer qué significou que os Apóstolos sentisen a forza do Espírito. Si, hoxe máis que nunca, porque estamos a vivir un momento no que parece que quen non pensa igual, quen é capaz de tender pontes de diálogo con outras visións, quen se aparta da dura liña oficial, non só non é ben considerado, senón que se lle tacha de rupturista e fóra da comuñón; case que de traidor ao Espírito e á mensaxe de Xesús. Porén, a primeira lectura de hoxe dinos todo o contrario; é dicir, os Apóstolos perderon o medo e foron capaces de dicir o que sentían e querían comunicar, e non só iso, senón que, ao facelo, os que os escoitaban eran capaces de entendelos, e non se crían únicos en impoñer o que un pensaba, senón que buscaban que todos escoitasen e comprendesen. Hoxe a Igrexa, moitas das veces, parece camiñar no senso contrario, parece que quere falar para que non a entendan ou para que con ela polemicen. Non estaría de máis que todos nós prestásemos máis atención ao que significa a festa de hoxe e actuaramos en consecuencia.

E porque Xesús é o Señor, e o seu Espírito vai camiñando no medio de toda a Igrexa, non ao lado duns poucos, sabemos, e estamos chamados a vivilo con convicción e confianza, que na Igrexa hai pluralidade, non uniformidade nin pensamento único. Por iso, desde a confesión na fe do Deus que nos deixou ao Espírito con nós para seguir sementando esperanza e vida, tamén dicimos, cremos, e desde aí vivimos, sabendo que: ”Hai diversidade de servizos, pero un Señor. Hai diversidade de realizacións, pero un mesmo Deus,que é quen realiza todo en tod@s”. Pois se é así, e Paulo non tiña dúbida ningunha, non deberiamos perder tempo, ou desaproveitalo en cousas que só desgastan e cansan, pero non nos fan nin anunciar nin testemuñar a mensaxe. Porque se El nos mandou que foramos testemuñas, isto non pode acadarse mentres andemos a discutir sobre cousas que non so non unen nin dignifican, senón que van posibilitando que moitas persoas se vaian afastando da Igrexa e dos que a ela a representan. Pois se o corpo é un tendo moitos membros,e todos son importantes, así tamén na Igrexa, tod@s valemos e ninguén ha ser excluído, o único que necesitamos é querer facelo. A que esperamos?

Por iso, coma os xudeus, temos que perder o medo, non deixar que outros falen por nós, e deixar que a forza do Espírito entre en nós para poder responder ao envío de Xesús: ”tamén eu vos mando a vós”. Non será que nos é máis doado falar doutros que non nos deixan, para agochar a nosa mediocridade do non querer vivi-la dispoñibilidade?.

ORACIÓN DA COMUNIDADE

            Que deixando entrar na nosa comunidade a forza do Espírito, nos esforcemos por encher o mundo da túa semente. Con esta convicción dicimos xuntos:

MANDA O TEU ESPÍRITO, SEÑOR

Para que toda a Igrexa, non só os seus pastores, sexa voz no medio do mundo que alente proxectos solidarios e humanizadores, que leven dignidade a tantas persoas ás que non se lle recoñece, OREMOS.

MANDA O TEU ESPÍRITO, SEÑOR

Para que nas nosas comunidades deixemos de render ao mínimo, ritos baleiros e costumes, e nos deixemos levar da forza do Espírito para ser creativos, solidarios, cercanos, e sempre dispostos a ofrecer as nosas mans para canto sexa colaboración comunitaria, OREMOS.

MANDA O TEU ESPÍRITO, SEÑOR

Por tod@s nós, para que na nosa vida, non teñamos medo á novidade do Espírito que nos invita a sacar de nós o vello, o anacrónico, e a poñer creatividade, ilusión e dinamismo na nosa vivencia da fe e na relación coas persoas, OREMOS

MANDA O TEU ESPÍRITO, SEÑOR

Grazas,Señor, por non querer deixarnos orfos, e deixarnos ao Espírito coma compañeiro na andaina da nosa vida. P.X.N.S. Amén.

PARA A REFLEXIÓN

Bendicímoste, Pai, polo don do Espírito

que, por medio do teu Fillo, lle fas ao mundo.

Bendicímoste por ter posto o teu Espírito

en homes e mulleres, en nenos e adultos,

e en toda a historia humana:

Espírito de forza nos seus xuíces e gobernantes,

Espírito creador nos seus sabios investigadores,

Espírito soñador nos seus artistas e poetas,

Espírito solidario nos seus pobres pobres;

Espírito de vida no pobo.

Que o Espírito nos dea forza para loitar

pola verdade, a xustiza e o amor,

luz para comprender a todas as persoas,

axuda para servir,

xenerosidade para amar,

solidariedade para vivir,

paciencia para esperar...

Pai, que o teu Espírito sopre sobre a Igrexa,

dándolle unidade e nova savia evanxélica;

que lle traia a todos os pobos, razas e nacións

a liberdade, a igualdade e a fraternidade.

E finalmente, fainos sensibles

á acción do teu Espírito no mundo e na historia.

Axúdanos a descubrilo na ciencia,

na cultura, no traballo, na técnica,

en todo aquilo que o ser humano e o Espírito

preparan conxuntamente no alumbramento

dos ceos novos e da terra nova.

Por Xesucristo, o teu Fillo resucitado e irmán noso. Amén.

CANTOS

ENTRADA: Temos unha festa

LECTURAS: Manda o teu Espírito

OFERTORIO: Grazas, Señor, graciñas

COMUÑÓN: Eu soñei

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...

Santos 2025

  BENAVENTURADAS AS XENTES DE BEN QUE, AO ESTILO DE XESÚS, PASARON SEMENTANDO XENEROSIDADE Canto para agradecer Ø    Entrada.-  Benaventurados Ø    Lecturas.-  Podo do divino e do humano Ø    Ofertorio.-  Na nosa terra Ø    Comuñón.-  No colo da miña nai Ollos para ver          Hoxe é a festa de tódolos Santos, a festa do agradecemento a tantas persoas de ben que foron deixando no medio de nós pegadas de solidariedade xenerosa e entregada. Falamos daquelas persoas, moitas delas témolas coñecido, que nos deixaron esa sementiña de esperanza en momentos nos que a vida se volvía dura e difícil.          Homes e mulleres que foron construíndo a súa santidade desde a sinxeleza e a humildade de facer canto o corazón lle pedía para construír un mundo mellor. Homes e mulleres aos que Francisco lles chamaba os santos da porta do lado, porque a ...