Ir al contenido principal

Ascensión do Señor

CABEZA FRÍA, CORAZÓN QUENTE E PÉS SEMPRE NO CHAN: CREO!

PÓRTICO

Quizás, un dos reproches que máis se lle fan ás persoas públicas, é que viven ao marxe da sociedade, que non conectan coas aspiración nin co sentir da xente, fallando así nos medios para buscar solucións aos problemas máis urxentes. As palabras están baleiras e os xestos son para a galería. O importante é saír na foto, aínda que non se diga nada ou se engane con falas promesas.

A festa de hoxe, a Ascensión do Señor, vén mostrarnos que Xesús está máis que nunca presente no medio de nós. Os seus xestos e palabras, a súa doazón, están cheas de esperanza e ilusión. O baleiro non ten senso.

Que a celebración de hoxe nos faga máis conscientes de que os cristiáns debemos conectar coas demais persoas.

PERDÓN

  • Pola nosa insistencia de querer camiñar mirando ao ceo, esquecendo que ao noso lado hai mans que nos piden que as axudemos, SEÑOR, QUE OS NOSOS PASOS SIGAN AS TÚAS PEGADAS.
  • Por non ser capaces de vencer a tentación de mirar só para o ceo, esquecendo que é na terra onde temos que poñer os pés que nos leven á liberdade, á xustiza, á paz e ao perdón,CRISTO, QUE OS NOSOS PASOS SIGAN AS TÚAS PEGADAS.
  • Por non acabar de caer na conta de que os rezos, se non van acompañados de boas obras, son estériles, SEÑOR, QUE OS NOSOS PASOS SIGAN AS TÚAS PEGADAS.

REMUÍÑO

Cantas veces a comodidade, o pasotismo, o medo, a desilusión... se instalan na nosa vida e todo nos dá igual. Cantas oportunidades perdemos de ser felices, de sentirnos útiles, de realizarnos como persoas botando unha man sen pedir nada a cambio, facendo un rato de compaña a quen se sente só ou a quen está triste ou visitando a quen está enfermo. Por que non daremos descuberto que a fe ten que levarnos xustamente a iso: a andar pola vida doutro xeito, con outro talante, con máis esperanza?. Na festa de hoxe, a Ascensión, poñémonos de gala, de largo, para tomarmos conciencia do noso quefacer como cristiáns e cristiás: debemos asumir responsabilidades no mundo e co mundo. Porque a relixión entendida só de xeito vertical fixo e fai que moitas persoas queden mirando cara ao ceo, inmóbiles, cos brazos cruzados, sen preocuparnos das “cousas mundanas”, senón só das celestiais, retirándonos á vida do individualismo, dos grupos burbulla, do illamento.... porque fóra da Igrexa, entendida como templo, non hai salvación.

Porén a pregunta que se nos lanza hoxe é ben clariña: que facedes aí plantados mirando cara ao ceo?, que facedes con esa dobre moral hipócrita á que tan afeitos estamos?, que facemos aquí sen mover nin un só dedo para que o mundo mude?, que facemos aquí, refuxiados nos cuarteis de inverno de sancristías e templos sen saír a dar razón da nosa esperanza?.

Porque non podemos esquecer que o escenario no que se desenvolve a nosa tarefa non pode ser outro máis que aquel no que vivimos: o mundo. O noso compromiso cristián ten que levarnos a transformalo desde abaixo e desde dentro, como fixo Xesús. Estamos chamados a mergullarnos na sociedade, a politizarnos, a mundanizarnos, dando a nosa man a todas aquelas persoas que, coma nós, traballan por construír a civilización do amor desde o respecto á dignidade da persoa. Non somos os únicos, non somos os mellores, non estamos perseguidos... pero tampouco podemos ser perseguidores, querendo impoñer as nosas convicións e créndonos en posesión da verdade absoluta. Queremos traballar xunt@s, con ilusión e esperanza, dando testemuño da nosa fe coas nosas vidas, cadaquén alí onde se atopa: na súa casa, coa súa familia, no seu barrio, cos compañeiros de traballo, nas nosas comunidades parroquiais...En resumo, queremos e debemos ser unha igrexa en movemento, a que esperamos para empezar a camiñar?.

ORACIÓN DA COMUNIDADE

                No nome do Señor reunímonos. Facémolo para compartir e celebrar a fe, para dar grazas, para poñer na súa man a nosa vida. Nesta confianza, dicímosche:

QUE NON REDUZAMOS A FE A REZOS BALEIROS.

Para que o envío que nos fas a cantos nos sentimos Igrexa, sexa acollido con dispoñibilidade, confianza e esforzo por facer das nosas obras compromiso para transformar o mundo e as súas estruturas en presenza do Reino, OREMOS.

QUE NON REDUZAMOS A FE A REZOS BALEIROS

Que nas nosas comunidades non empobrezamos a vivencia da fe, escondéndoa en comportamentos individualistas, despreocupados do que lle pasa aos demais e pouco críticos con canto impide que as persoas poidan vivir con dignidade e xustiza, OREMOS.

QUE NON REDUZAMOS A FE A REZOS BALEIROS

Que os que hoxe abrimos corazón, cabeza e mans a acoller a Palabra proclamada, saibamos facer dela actitudes e comportamentos que rompan a pasividade e a despreocupación cara os demais; apostando, deste xeito, por unha fe non de conservación, senón verdadeiramente misioneira, OREMOS.

QUE NON REDUZAMOS A FE A REZOS BALEIROS

Deixándonos levar da túa man, Señor, queremos facer da fe recibida no bautismo, un compromiso de amor que nos converta en misioneiros teus no medio do noso mundo P.X.N.S.Amén.

REFLEXIÓN

Hai que ter confianza en Deus, irmán, irmá;

porque El confiou en nós.

Hai que ter fe en Deus,

porque El creu en nós.

Hai que darlle creto a Deus,

porque El deunos creto a nós.

Hai que poñer a nosa esperanza en Deus

porque El púxoa en nós.

Confiounos ao seu Fillo,

confiounos a súa casa,

a súa Boa Nova.

Hai que esperar en Deus,

hai que esperar con Deus.

CANTOS

  • ENTRADA: Andarei na presenza do Señor
  • LECTURAS: Cantádelle ao Señor unha cantiga nova
  • OFERTORIO: Acharte presente
  • COMUÑÓN: Ide e pregoade

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Ascensión 2025 C

  7º Domingo de pascua. Ascensión.2025 A ASCENSIÓN:  ATRÁS QUEDARON OS CENÁCULOS NOS QUE ESCONDERSE E APARTARSE DO MUNDO CANTOS · Entrada.- Con ledicia vimos ( 3 ) · Lecturas.- Cantade ao Señor ( 23 ) · Ofertorio.- Cantádelle ao Señor ( 33 ) · Comuñón.- Señor Xesús bendito sexas (52) ABRÍNDONOS AO ESPÍRITO A Ascensión do Señor é a festa coa que Xesús nos quere transmitir que unha vez que El xa non está correspóndenos a nós perder os medos, saír da casa e anunciar no medio do mundo a forza, sempre alentadora e esperanzada, da súa mensaxe. El chámanos a ser testemuñas de toda a alegría rebordante que nos ofrece coa súa Boa Nova, porque xa non é tempo de esconderse e laiarse. Agora comeza o tempo do compromiso, da presenza activa e non excluínte, no medio do mundo. E sempre desde alí onde esteamos. Atrás quedaron os cenáculos nos que esconderse e apartarse do mundo. El farase presente se nós, co noso actuar e coa coherencia e honestidade de da nosa palabra, o facemos presente. CU...

Domingo Ramos 2025

TRANSFORMEMOS A FLOR MURCHA DA CORESMA NO VERDE ESPERANZADO CARA Á PASCUA   Comézase fóra, a poder ser nun lugar un pouco afastado da Igrexa, para poder camiñar procesionalmente unha vez bendicidos os ramos.  COMEZANDO A CAMIÑAR Xesús púxose en camiño cara a Xerusalén ,escoitaremos na lectura do evanxeo de Lucas. Un camiño que se converte en sinal de contradición. En Xerusalén vivirá a morte; pero tamén alí, na mesma Xerusalén, na resurrección, mostrarase a grandeza e a fondura do Deus que envía ao seu Fillo para ser coma nós. A resurrección é, xa que logo, o triunfo, a esperanza, o punto de chegada dun camiño duro, difícil e cheo de dificultades. Nós hoxe tamén, coma Xesús, poñémonos en camiño cara esa Xerusalén que nos levará da mesa da fraternidade ao triunfo da Noite Santa da vida, pasando pola tristura e o desacougo da Paixón do Venres Santo. Dispoñámonos, poñendo o mellor de nós, a comezar esta andaina de salvación e esperanza. ACOLLENDO A BENDICIÓN DE DEUS Señor, sabénd...