Ir al contenido principal

DOMINGO 14 T.O.


 

Cando o escándalo agocha a envexa…

só sabemos desprezar

Pórtico

Moitas veces manifestamos a nosa desconformidade diante de diversas situacións que pasan no ámbito no que nos movemos. Nunha grande maioría de veces esta desconformidade non vai acompañada dunha proposta alternativa, senón que é un fundir o que hai pero sen presentar outro xeito de facer as cousas ou algunha idea nova. Isto pasa no mundo da política, na cultura, no ensino…tamén nas nosas parroquias. E o que esta actitude case sempre agocha non é máis que envexa e ganas de que todo veña abaixo, para logo poder dicir que non se fai nada, que todo é o mesmo, que isto morre, que o mellor é deixalo que rebente. Canta hipocrisía se esconde tras desta maneira de facer as cousas!.

    Pois ben, Xesús, diante desta actitude, volve hoxe darnos unha nova lección e fálanos de que no pequeno, no que aparentemente non é importante -non é fillo do carpinteiro?- está presente a man de Deus e toda a capacidade de unir e remar na dirección do que humaniza por parte do ser humano. E así, diante desta actitude de desprezo e de non valoración das moitas cousas que en tantos sitios se están a facer, xurde nalgunhas persoas un compromiso que pon de manifesto que a pesares do derrotismo hai esperanza e futuro. Que nós non caiamos nesta rede que tenta confundir chamando desprezo ao que simplemente é envexa.

Perdón

  • Porque non acabamos de entender que somos febles e limitados e precisamos dos demais, SEÑOR, QUE A ENVEXA NON ANIÑE NOS NOSOS CORAZÓNS.
  • Por non saber distinguir que non todo vale e que non todo dá o mesmo, CRISTO, QUE A ENVEXA NON ANIÑE NOS NOSOS CORAZÓNS.
  • Porque en ocasións non é o amor, senón o desprezo ao que fan os outros, o que medra no noso corazón, SEÑOR,QUE A ENVEXA NON ANIÑE NOS NOSOS CORAZÓNS.

Remuíño

  • Aparentemente, se miramos ao noso redor non vemos profetas no mundo de hoxe. Digo aparentemente porque a pouco que profundemos cos nosos ollos seguro que imos descubrinos moitas persoas, máis dunha ou de dúas, que profetizan no noso mundo. Profetizan loitando por reivindicacións xustas e humanizadoras; profetizan axudando, con paradigmas actuais –xeitos de explicar e entender a realidade– a mensaxe de Xesús, facéndoo sen medo a condenas ou imposición de silencios; profetizan sendo capaces de mostrar actitudes de austeridade e desprendemento nun mundo cada vez más dilapidador e egoísta; profetizan sendo a voz, a man, o corazón… dos sen voz e necesitados do noso tempo. Só nos fai falla que abramos ben os ollos, e non nos deixemos levar polos ventos reinterpretadores do conservadurismo tan de moda neste momento dentro e fóra da Igrexa. Por que somos tan obstinados de corazón para non velos?.
  • O profeta de hoxe sabe estar no mundo con actitudes de sinxeleza, con capacidade de aprender dos demais, buscando sempre o que une, e non deixándose levar de arroutos que separan e crispan. Ser profeta hoxe supón asumir, como nos di Paulo, a nosa debilidade, e coñecer que nin o sabemos nin o podemos todo; que non podemos estar no mundo pretendo ser gardiáns da ortodoxia no canto de ser promotores de salvación e liberación. Porque só sendo conscientes de que necesitamos uns dos outros, venceremos a tentación da soberbia e o pecado de crernos únicos, mellores e superiores aos demais. Nunha palabra: redentores de patrias e xeradores de polémicas. Non estaría de máis que tod@s, eclesiásticos incluídos, miremos un pouquiño para o noso interior e nos comprometamos a deixar atrás esta tentación de que sen nós acabase o mundo, para ver a presenza da forza de Cristo na nosa fraqueza.
  • Porque son moitos os fill@s de carpinteir@s aos que por selo se lle nega palabra, presenza e recoñecemento do seu labor entregado, calado e constante. Como ocorría con Xesús. E nesta negación estase negando tamén a capacidade de recoñecer neles moitos dos profetas do noso tempo. Que os hai, só necesitamos abrir os ollos, ensanchar o corazón e superar a tentación de crer que por ter un determinado apelido, vestir dun xeito concreto ou ser nomeado non sei que cousas xa nos somos iguais aos demais. Canto camiño nos queda aínda por percorrer!. Por iso hai tanta envexa agochada nas actitudes de desprezo.

ORACIÓN DA COMUNIDADE

    Dispostos a superar prexuízos, e sabedores de que nos invitas á sinxeleza de corazón, dicímosche:

QUE O DESPREZO NO ANIÑE NO NOSO CORAZÓN

  • Que na Igrexa se saiba valorar o esforzo de tantas persoas que, sen necesidade de crerse importantes, ter títulos de moitas universidades ou acumular cargos de notorieade; entregan a súa vida á causa da felicidade e da xustiza dos demais, Oremos.

QUE O DESPREZO NO ANIÑE NO NOSO CORAZÓN

  • Que nas nosas parroquias controlemos o que dicimos sobre os demais, porque moitas veces falamos sen coñecer e ferimos querendo, Oremos.

QUE O DESPREZO NO ANIÑE NO NOSO CORAZÓN

  • Por nós, para que non agochemos endexamais detrás dunha crítica a outra persoa envexa pola que ela fai, e incapacidade do que nós nos queremos, sabemos ou podemos facer.Oremos.

QUE O DESPREZO NO ANIÑE NO NOSO CORAZÓN

Grazas,Señor, por abrirnos os ollos, e invitarnos a non crernos nin mellores nin superiores aos demais. P.X.N.S.Amén.

Reflexión

Xesús, mestre bo, queremos seguir os teus pasos.

Dános o teu Espírito, para aprender a vivir coma discípulos.

Danos paciencia,

respecto polos tempos dos outros,

amor que saiba esperar e acompañar.
Ensínanos, Señor,

a poñernos no lugar do outro,

a ser tolerantes,

a vivir na apertura de corazón e de mentalidade.
Acende en nós a luz do entendemento,

acrecenta a nosa empatía polos demais,

ensínanos a camiñar xunto cos outros.

Danos o teu Espírito, Xesús,

para aprender a vivir na comprensión.

Axúdanos a ser simples, a pasar facendo o ben.

Queremos ser sinxelos, abertos, amables, dispostos.

Danos forzas para pensar nos demais,

para preocuparnos e ocuparnos dos outros.

Para pensar primeiro nos irmáns,

para ofrecer e dar con alegría e xenerosidade

Danos o teu Espírito, Xesús,

para aprender a vivir na bondade.

Marcelo A. Murúa

Cantos

  • ENTRADA: Camiñarei / Vinde axiña
  • LECTURAS: Onda ti corremos os teus fillos
  • OFERTORIO: Pan do ceo, pan de vida
  • COMUÑÓN: O amor é o meirande

Comentarios

Entradas populares de este blog

Pentecostes 2026

PENTECOSTES: O MILAGRE DE NON SER LADRILLOS IGUAIS SENÓN PEZAS VIVAS DA DIVERSIDADE CANTO GOZOSO   ö ENTRADA: Vinde axiña (   10     ) ö ASPERSIÓN: A auga do Señor (Nº 125) ö LECTURAS: Manda o teu Espírito ö OFERTORIO: Sementar, sementarei ö COMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55) MIRADA AGRADECIDA Hoxe pechamos o tempo de Pascua, e facémolo do mellor xeito posible: co cumprimento por parte de Xesús da súa promesa de non deixarnos na orfandade, senón de agasallarnos co Espírito Santo. E se pensamos neste Espírito, a mellor imaxe non é a dun coro onde todas as persoas cantan a mesma melodía coa mesma voz. O Espírito parécese máis a unha gran orquestra, onde cada instrumento é totalmente diferente, ten o seu propio timbre, o seu propio xeito de soar e o seu propio acento. O milagre non é que o violín soe a trompeta, senón que cadaquén, estando ben afinada e ben afinado na súa propia identidade, contribúa a crear unha música final que a ningun...

Corpus 2026

ELIXE AMAR. ELIXE COMUNIDADE... ASÍ NINGUNHA PERSOA TERÁ QUE RECIBIR MIGALLAS. CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe celebramos o Corpus Christi, o Día da Caridade, e facémolo co corazón de festa pero cos pés afincados no chan. Moitas veces corremos o perigo de reducir este día a unha procesión fermosa, a custodias brillantes e a efémeras alfombras de flores. Pero o Corpus é o recordatorio de que Deus non quedou nunha teoría, senón que se fixo pan para poder ser alimento e para poder ser compartido. Non o esquezamos: o deserto segue aí fóra. O deserto da soidade da xente maior, o deserto da falta de oportunidades da mocidade, o deserto de tantas familias que non teñen vivenda ou que non chegan a fin de mes. E neses desertos resoa con forza a chamada deste ano: Elixe amar, elixe comunidade. Porque a caridade non é dar as sobr...

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...