Ir al contenido principal

DOMINGO 24 TO

A forza da fe, estímulo no noso camiño

Pórtico

    Que gratificante é escoitar unha palabra que nos fai sentir orgullosos da fe que profesamos!. Si, que ledicia atopar conforto nunha palabra que nos invita a superar desánimos, a non virnos abaixo diante das dificultades, a non abandonar inda que as cousas non parezan ir polo rego que a nós nos gustaría.


 

    Aquí está a forza, o sentido, a razón de sentírmonos crentes, e de descubrir que a fe non é unha durmideira, nin a maneira de non abordar os problemas e dificultades. Ao contrario, como nos di hoxe a Palabra que imos proclamar, a fe é confianza, solidariedade, capacidade de superación, apertura á utopía que non se conforma co pragmatismo do que só busca resultados… nunha palabra: a fe é seguimento da mensaxe do Reino, o proxecto de Xesús, é compromiso manifestado a través das nosas obras.


 

    Que poidamos saír hoxe da nosa celebración gozosamente alentados para traballar por todo o que dignifica e defende a dignidade das persoas, todas elas irm@ns e fill@s de Deus.


 

Perdón

  • Porque esquecendo que a fe necesita expresarse nas obras, conformámonos con prácticas baleiras de sentido,
    SEÑOR, QUE TE DESCUBRAMOS NA NOSA VIDA.
  • Porque son demasiadas as ocasións nas que nos deixamos levar do pesimismo de quen pensa que nada pode cambiar, e que é mellor que as cousas sigan igual, CRISTO, QUE TE DESCUBRAMOS NA NOSA VIDA.
  • Polas veces en que a nosa fe está lonxe da ida, porque nos resulta máis cómodo unha fe descarnada, que non se ve cuestionada por nada nin por ninguén, SEÑOR, QUE TE DESCUBRAMOS NA NOSA VIDA.


 

REMUÍÑO

  • Hoxe as lecturas que vimos de proclamar, invítanos a confiar no Señor sen ter unha actitude conflitiva. Nunha sociedade plural, na que ninguén ten a exclusividade do pensamento nin da forma de vivir, e moito menos a Igrexa, @s cristiáns estamos chamados a vivir no medio dela cunha actitude aberta, de diálogo, e non de confrontación ou loita. Sen sentirnos vítimas nin perseguidos inxustamente, pídesenos que, dende unha actitude de confianza, mostremos o noso xeito de vivir. Confianza en nós mesmos, crendo aquilo que vivimos e vivindo o que cremos con convición. Por iso máis que nunca a nosa oferta é unha oferta libre, comunitaria, gratuíta, sendo conscientes do mundo no que vivimos, interesados por el, polos cambios, polas persoas, polos acontecementos que configuran o tecido social e, por ende, ás persoas. Necesitamos saber o que pensan e o que senten as persoas para que a nosa fe sexa praxe, sexa vida no medio dela. Non nos serve de nada unha fe desencarnada, que non vive a realidade, que non se nutre dunha oración que se fai vida.


 

  • Pero isto esixe de nós esforzo, deixar a comodidade que nos atenaza nos templos, que nos ata a nós mesmos, que nos invita a vivir unha vida mediocre, infeliz, de neno, infantil. Esforzo de vivila, esforzo de ter unha vida dacordo cuns ideais, cun xeito de vivir que non se deixa levar das circunstancias, que non é indiferente ás persoas e ao seu sentir, que busca sempre unir e construír, que está disposta a ceder para o ben dos demais. Unha fe que se nega a si mesma, que carga coa vida e segue a Xesús. Isto é ir perdendo a vida polo evanxeo, sen grandes heroicidades senón dende o cotiá, dende a familia, dende o traballo, dende o barrio. Asumindo o sufrimento de ser incomprendido, o sufrimento de ver moitas veces que non somos capaces de conseguir aquilo que nos propuxemos, co sufrimento dunha Igrexa que non camiña unida ás persoas, co sufrimento dunhas persoas que van ao seu sen preocuparse dos demais.


 

  • Porque @s que nos confesamos seguidores de Xesús no noso tempo estamos a entrar con frecuencia nun xogo perigoso á hora de manifestar as nosas conviccións crentes e a nosa fe; porque parece que só hai dous xeitos de facer isto presente:


 

  • por un lado a marrullería da intolerancia, o "ordeno e mando", a cega obediencia, a postura de "que perseguid@s estamos, que mal nos tratan".
  • por outra banda, estaría a postura de identificar a fe só co culto, coa asistencia a unhas celebracións que non comprometen a vida máis que 30-45 minutos á semana.


 

Non é éstrano, pois, que cando lle preguntamos á xente sobre o que è importante na súa vida, a relixión non apareza por ningún lado, ou se aparece é coma un contravalor, coma algo negativo.


 

E iso a nós, que nos dicimos cristiáns e cristiás ten que cuestionarnos. Porque hoxe Xesús tamén nos está a preguntar a cada un e a cada unha de nós ¿quen son eu para ti?. Se cadra, as respostas serán moi variadas: un xuíz, un tapaburatos, un mago, un tolo, un irmán.... E esa resposta que nós deamos manifestará as nosas conviccións, transmitindo ao noso redor unha imaxe del, moitas veces distorsionada e mediatizada polos nosos intereses e conveniencias. Que nos deamos de conta que confesar que Xesús é o Mesías implica aceptalo na nosa vida coma o enviado de Deus, que nos trae a salvación e a liberación definitivas de todas as nosas cativeces. Este é o camiño verdadeiro, o da ortopraxe, o da fe e das obras, o do compromiso práctico ao que nos leva a escoita da Palabra.


 

ORACIÓN DA COMUNIDADE

Poñámonos na man do Señor. El invítanos a pasar polo mundo enchéndoo de compromiso e esforzo para que ninguén se sinta esquecido e excluído. Agradecid@s, dicimos xunt@s:

    QUE A NOSA FE SEXA ALENTO NO CAMIÑO

  • Pola Igrexa, para que ante situacións que poidan parecer adversas ou contrarias, saiba manter a calma, sinta a presenza do seu defensor e ante todo, con diálogo, delicadeza e cooperación, busque o que mais axuda a tódalas persoas. OREMOS:

    QUE A NOSA FE SEXA ALENTO NO CAMIÑO

  • Para que nas nosas comunidades, aprendamos a descubrir e valorar que non nos chega con simples palabras, senón que a sinceridade do noso crer ten que manifestarse nas obras, pois só elas son capaces de expresar a importancia da fe na nosa vida, Oremos.

    QUE A NOSA FE SEXA ALENTO NO CAMIÑO

  • Por tod@s e cada un de nós, para que desde o recoñecemento de Xesús como Mesías, vaiamos pondo na nosa vida de cada día o noso esforzo na creación de recunchos de esperanza e perdón na visita aos enfermos, no alento a quen se sente triste e desesperanzado, na comprensión e o tempo a quen necesita ser escoitado e o sorriso na vida dos que se ven desbordados pola incomprensión dos demais. Oremos.

QUE A NOSA FE SEXA ALENTO NO CAMIÑO

Grazas, Señor, porque un día máis pos diante de nós un proxecto de amor que nos invitas a ir realizando cada día, para darlle así sentido a nosa vida. PXNS. Amén.


 

PARA A REFLEXIÓN

Un día calquera,

nun momento calquera,

a tempo e a destempo,

sen aviso previo

lanzas ti a pregunta:

E ti, ¿quen dis que son eu?


 

Eu quedo a medio camiño

entre o correcto e o que sinto,

porque non me atrevo

a correr riscos

cando Ti me preguntas así.


 

Equivócome de novo

e pídesme silencio

para que escoite o teu latexo

e siga o teu camiño.

E pouco despois volves á carga:

E ti, ¿quen dis que son eu?.


 

Ensíname como sabes.

Lévame ao teu ritmo polos camiños do Pai

e polos vieiros marxinais que tanto che gustan.


 

Corríxeme,

cánsame.

E vólveme explicar os teus proxectos

e quen es.


 

Cando na túa vida toda

atope o sentido

para os trazos da miña vida rota;

cando no teu sufrimento e na túa cruz

atope o valor de todas as cruces;

cando faga da túa causa a miña causa,

cando xa non busque salvarme

senón perderme no teu amor...

Entón, Xesús, volve preguntarme:

e ti, ¿quen dis que son eu?


 

CANTOS

  • ENTRADA: Eu sei de quen me fiei
  • LECTURAS: Camiñarei na presenza do Señor
  • OFERTORIO: Xurdirá
  • COMUÑÓN: Ide e pregoade


 

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2024 B

ALÍ ONDE NOS NECESITAS, ABRIMOS CAMIÑOS Á ESPERANZA (CORPUS 2024) CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Baixo o lema “Alí onde nos necesitas, abrimos camiños á esperanza” celebramos a xornada da caridade, que nos convida a non esquecer que, sempre e en todo lugar, a Igrexa, cada unha das persoas que a formamos, estamos chamadas a ser servidoras e samaritanas, achegándonos para aliviar, acompañar, escoitar e erguer a tanta xente ferida e tirada nas cunetas da vida. O Señor, que hoxe sae ás nosas rúas, volve dicirnos: “Estou aquí, facendo o camiño contigo”. Abramos o noso corazón para escoitar a súa voz que, dun xeito alto e claro, convídanos a abrir camiños de esperanza. CO CORAZÓN FERIDO Ti convídasnos a abrir camiños de esperanza; pero nós moitas veces somos profetas de calamidades, por...

3 Coresma 2024

DIANTE DA TENTACIÓN DE MERCADEAR COA FE, PROPOÑAMOS GRATUIDADE CANTO GOZOSO o     ENTRADA .- Eu sei de quen me fiei  ( 64) o     LECTURAS .- Oh, Señor, escólleme ( 62 ) o     OFERTORIO.-  Grazas Señor na mañá ( 34) o     COMUÑÓN.-   Ti es camiño e verdade ( 57)   Sinal de Coresma.-  Engadimos unha nova parte do corazón roto que estamos a conformar.   ESPERTANDO Á RENOVACIÓN              As comunidades cristiás vanse conformando ao redor da persoa e a palabra de Xesús. Persoa e palabra desde as que se nos invita a interiorizar a fe, as conviccións, os valores e actitudes desde os que vivir. Pero ocorre que moitas veces, por razóns diversas, imos esquecendo estes dous aspectos fundamentais da fe para caer na inconsistencia das rutinas, os costumes, o aburrimento desde os que acabamos vivindo a fe. No evanxeo de hoxe escoitaremos co...

6 Pascua 2024

  CONSTRUÍNDO CASA COMÚN SEN FACER DISTINCIÓNS NIN PERDER A IDENTIDADE CANTOS ·        ENTRADA:  Con ledicia vimos todos ao altar (Nº 2) ·        LECTURAS:  Cantádelle ao Señor unha cantiga nova (Nº 23) ·        OFERTORIO:  O amor é o meirande (Nº 120) ·        COMUÑÓN:  No colo de miña nai (Nº 49)   AQUECENDO O CORAZÓN              Neste sexto domingo de Pascua invítasenos a prestar atención, poñendo corazón, ollos, mans, pensamento, pés... para vivir facendo do amor cerne da nosa vida. A isto chámanos o Evanxeo de hoxe. Non é doado, sabémolo, pero non podemos renunciar a tentalo, porque só quen se esforza pode recoller logo o froito do seu esforzo.          Cando Xesús fala do amor, non está a teorizar nin tampouco a dicir palabras pa...