Ir al contenido principal

DOMINGO 25 TO

NON TODO VALE, POÑAMOS LÍMITE AO INTERESE A AO INDIVIDUALISMO

Pórtico

Hoxe, nas relacións de traballo, entre amigos, e mesmo na familia, todos queremos obter a tallada mellor. O importante é ter a calquera costa, non importa se polo camiño quedan outras persoas, total,.... elas farían o mesmo, pensamos nós. Creamos así unha sociedade competitiva, sen regras e na que todo vale

Pero o evanxeo dinos todo o contrario, é dicir, que temos que buscar o ben de todos por riba de rivalidades e loitas, ser pequenos e colaborar entre todos, que a única aspiración sexa a de traballar para que entre todos busquemos o mellor. Que a celebración de hoxe nos faga conscientes do que temos que quitar da nosa vida porque nos fai individualistas e interesados.

Perdón

  • Polas veces en que queremos ser os primeiros e non escatimamos medios para conseguilo, mesmo a costa dos demais, DE SER OS PRIMEIROS, LIBRANOS SEÑOR
  • Porque moitas veces facemos as cousas para que nos vexan, para quedar ben con todos, esquecendo conviccións e valores, DE SER OS PRIMEIROS, LIBRANOS CRISTO
  • Polas veces en que falamos mal dos demais, mesmo sen coñecelos, condenándoos así á incomprensión e ao illamento, DE SER OS PRIMEIROS, LIBRANOS SEÑOR

REMUÍÑO

  • Moitas veces temos a sensación de fracaso. Nada do que tiñamos proxectado, do que pensabamos que iamos facer, somos capaces de conseguilo. Xúrdenos a idea de que non pagou a pena ter dedicado tempo, esforzo, ilusións... vida, poderíamos dicir, a ese proxecto. É verdade que a tod@s nos ten pasado esta situación. E se o vemos desde a perspectiva puramente humana, quizais teñamos razón para caer na desesperanza e no abandono. Pero os cristiáns temos que aprender a ver as situacións da vida, todas elas, as boas e tamén as malas, desde outra perspectiva, a perspectiva de Deus. El fainos ver a realidade con outros ollos. Invítanos a que tomemos conciencia de que nada está predestinado, que as cousas non son froito de algo preconcibido previamente, senón da nosa capacidade de elección, do noso ser libres. Por iso, para nós, a realidade, por moi difícil e dura que sexa, nunca acaba na desesperanza nin no fracaso. Si, é verdade que teremos que pasar por esa situación, pero sabemos que no camiño non iremos solos, e que ao final ha chegar o triunfo.
  • E como podemos ir percibindo que ese esforzo, as veces esa incomprensión, ou mesmo o trato inxusto, pagou a pena?. Santiago na súa carta ábrenos un camiño que nos pode axudar. Hoxe dásenos unha explicación sinxela e eficaz da causa de moitos conflictos nas nosas comunidades: a cobiza. O desexo de ser máis forte que os demais, de ter máis capacidade económica, de asegurarse esta vida... non son máis que manifestación da nosa cobiza. O problema é que as persoas que pensan así, comezan a ver ao resto do mundo coma un obstáculo a eliminar ou coma unha alfombra pola que pisar; e xorden entón as divisións, as liortas, os ciumes... Será bo lembrarnos do que escoitamos na súa carta: "o froito da paz é a xustiza". Sen optar por ser constructores de paz, por esforzarnos por facela posible cada día, dificilmente poderemos acadar unha vida e un mundo xusto, igual e fraterno.
  • E deste xeito aprenderemos, tamén nós, a responder á pregunta que Xesús lle fai aos seus discípulos: e vós, de que viñades a falar polo camiño?. Certamente non era de servizo, entrega ou compromiso. Non, tristemente os discípulos tamén se deixaran levar da tentación e falaban de prestixio, poder, importancia... Non entenderan nada; de aí que Xesús lles tivera que aclarar qué supuña seguilo e converterse en constructores do Reino, da súa Boa Nova. E só poderemos selo se respondemos na nosa vida traballando para que o amor se vaia concretando en feitos, en actitudes solidarias, en compromiso real e sincero por mellorar as cousas e facer a vida máis feliz a cantos máis poidamos.

Oración da comunidade

Señor, ti fixéchesnos a todos iguais en dignidade, e pídesnos que camiñemos cara á unidade e á igualdade entre todos nós. Por iso dicímosche con fe:

QUE SEXAMOS SERVIDORES DE TODOS

  • Pola Igrexa, para que evite as liortas entre os seus membros por conseguir postos e se deixe guiar polo Espírito que elixe a quen mellor é para a misión encomendada, OREMOS.

QUE SEXAMOS SERVIDORES DE TODOS

  • Polas nosas comunidades, para que entendamos os seus membros que quen queira ser o primeiro ten que servir, non como xeito de facerse ver e de escalar postos, senón como algo interiorizado e inherente á fe e á misión encomendadas, OREMOS.

QUE SEXAMOS SERVIDORES DE TODOS

  • Por todos e todas nós, para que deixemos de lado as rivalidades e envexas e apostemos pola paz, a unidade, o diálogo, a comprensión, e o perdón, como xeito único de construír un mundo máis humano e fraterno, OREMOS.

QUE SEXAMOS SERVIDORES DE TODOS

Grazas, Señor porque nos dás a verdadeira sabedoría que brota do Evanxeo: para ser grande cómpre ser servidor de tod@s. PXNS. Amén.

Para a reflexión

Onde haxa unha árbore que plantar,

plántaa ti.

Onde haxa un erro que resolver,

resólveo ti.

Onde haxa un esforzo que ninguén queira facer,

acéptao ti.

Que sexamos os que apartan as pedras do camiño,

a xenreira dos corazóns,

as dificultades dos problemas.

Hai a ledicia de ser san e xusto,

pero hai, sobre todo, a inmensa ledicia de servir.

Que non caiamos no erro de pensar

que só se fan méritos cos grandes traballos.

Hai pequenos servizos que nos fan grandes:

poñer unha mesa, ordenar uns libros,

estreitar unha man, axudar aos veciños...

Servir non é tarefa de seres inferiores.

Deus, que é froito e luz, serve.

E pregúntanos cada día: Serviches hoxe?.

(Gloria Fuertes)

Cantos

  • ENTRADA: Que ledos hoxe estamos
  • LECTURAS: Escoita o Señor
  • OFERTORIO: Recibe Señor.
  • COMUÑÓN: O amor é o meirande

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

1 Advento 2024

Carpinteiras do berce da esperanza   CANTOS ·        ENTRADA: Volve, Señor. (Nº 90) ·        LECTURAS: Amostrame, Señor, os camiños da vida (Nº 20) ·        OFERTORIO: Velaquí Señor o viño (Nº 37) ·        COMUÑÓN: Xesús chamado amigo (Nº 89)   SINAL O sinal que utilizaremos neste tempo de Advento vai ser un berce. Berce que iremos conformando ao longo dos catro domingos, para que cando chegue o día de Nadal poidamos poñer sobre el ao Neno recén nacido.   ABRINDO O CORAZÓN             Comezamos hoxe as catro semanas de Advento previas ao tempo de Nadal. Ao longo delas invitarásenos a volver os ollos e o corazón ao Señor, de xeito que cando El chegue nos atope cos brazos abertos e toda a mellor das disposicións para que quede con e entre nós.          ...

3 Advento 2024

  CARPINTEIRAS E CARPINTEIROS DO BERCE DA XUSTIZA SINAL DE ADVENTO:  Colocamos no taboleiro a terceira parte do noso berce. CANTO GOZOSO   §      Entrada: Volve, Señor (Nº 90)  §      Lecturas: Que ledicia miña (Nº 4) §      Ofertorio: Na nosa terra (Nº 36) §      Comuñón: Ven axiña visitarnos (Nº 86)   OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN   Estamos xa no terceiro domingo do Advento. Nas semanas anteriores a Palabra de Deus invitábanos a espertar e a ir preparando o berce do noso corazón. Neste domingo, entre as palabras de ánimo do profeta Sofonías e a invitación á ledicia de Paulo, fáisenos unha nova indicación que vén responder, coma nos tempos do Bautista, á nosa pregunta de “que temos que facer?”. A indicación desta terceira semana é ben directa e clara: convértete e practica a xustiza!. Porque non nos enganemos: todas as persoas estamos necesitadas de conversión, de cambiar actitud...