Ir al contenido principal

Todos os Santos

AS BENAVENTURANZAS, CAMIÑO DE FELICIDADE

Pórtico

Vivimos nun mundo cada vez máis apático, no que medra a incapacidade para percibir o sufrimento alleo. Evitamos de mil xeitos a relación e o contacto con quen sofre, levantamos muros que nos separan da experiencia e da realidade do sufrimento; e mesmo a organización da vida moderna parece axudar a agochar a miseria e a soidade da xente, e así raramente experimentamos, de forma sensible e inmediata a miseria de tantas persoas ao noso redor. No medio desta apatía social, faise aínda máis significativa a mensaxe das benaventuranzas que hoxe proclamaremos. Porque, non nos enganemos, seriamos tomados por tolos se ao perdedor, ao que non lle saen os plans, aos enfermos, aos pobres e perseguidos, lles chamásemos triunfadores ou ditosos. Porén hoxe a celebración vén a poñernos no noso sitio. No día de tódolos santos celebramos aos triunfadores; pero non do noso pensar, senón do pensar de Deus, dos benaventurados. Que esta celebración festiva e alegre nos axude a tomar conciencia do camiño no que atopamos a felicidade.

Perdón

  • Polas veces nas que o éxito, as riquezas, a vida segura e fácil son os motivos do noso existir, SEÑOR, MÓSTRANOS O TEU CAMIÑO.
  • Porque buscamos a felicidade para nós e para os nosos sen preocuparnos polo que os demais necesitan, CRISTO, MÓSTRANOS O TEU CAMIÑO.
  • Polas veces nas que excluímos e menosprezamos a aquelas persoas que non pensan coma nós, SEÑOR, MÓSTRANOS O TEU CAMIÑO.

Remuíño

  • Celebramos hoxe o día de Tódolos Santos. Facémolo lembrando a tódalas persoas que foron capaces de vivir as benaventuranzas, que foron ditosos na súa vida e o son para sempre no Reino de Deus. Persoas coñecidas, pero a maior parte delas descoñecidas, que no día a día, no cotiá, deron razón da súa fe cunha vida entregada. Unha vida na que xa aquí na terra, disfrutaron e fixeron disfrutar de anacos de ceo.

    Pero este día non é só para lembralo, senón para que tomemos conciencia e descubramos cómo ser felices. A nosa sociedade móstranos varios camiños aos cales podemos optar: o camiño do éxito, o camiño do pracer, o do consumo,... pero son todos camiños individuais, camiños nos que se pisa forte e non se mira a quen. Pola contra Xesús e os santos, preséntanos un camiño diferente: o das benaventuranzas. Un camiño que busca a felicidade dende a pobreza do que sente a necesidade de atopar, de vivir dende a humildade. O camiño do que sente o sufrimento propio e alleo como un xeito de denuncia. O que busca a dignidade e a xustiza nun mundo de desiguais, de ricos e dos que non teñen nada. O camiño do perdón, da misericordia, de sentir co outro, tanto ledicias como penas. O camiño de sentirnos sinalados por vivir de diferente xeito, por ir contracorrente, por ter un xeito diferente ao da masa. Porque se algo queda claro no evanxeo que vimos de proclamar, é que Deus é o Deus dos pobres, dos que choran, dos que sofren. Deus non é apático, El sofre onde sofre o amor. Por iso, o futuro proxectado por Deus pertence a todas as persoas que sofren porque non teñen sitio na nosa sociedade.

  • Como nos di a palabra, o día de hoxe é para sentirnos fillos e fillas de Deus se somos capaces de vivir así. Acheguémonos a Xesús e démoslle as grazas por tantas persoas que, coma nós, con debilidades, viviron nunha época diferente á nosa e que hoxe nos chaman a ser ditosos como foron eles.

Oración da comunidade

Señor, ti proposnos as benaventuranzas como un camiño de superación, de encontro e de felicidade compartida, contigo e cos demais. Danos azos para seguilo e non deixarnos ir polo camiño fácil do egoísmo. Por iso dicimos confiados:

GUÍANOS POLOS CAMIÑOS DAS BENAVENTURANZAS

  • Pola Igrexa, para que, estea cercana aos benaventurados do noso mundo, e atope neles ao mesmo Xesús que a chama á renovación e á creatividade, OREMOS.

GUÍANOS POLOS CAMIÑOS DAS BENAVENTURANZAS

  • Polas nosas comunidades para que non teñan medo daqueles que choran, dos pobres, dos desfavorecidos, dos misericordiosos, dos limpos e perseguidos, e mostre así á sociedade que o camiño da felicidade está na renuncia, na acollida e na humildade, OREMOS

GUÍANOS POLOS CAMIÑOS DAS BENAVENTURANZAS

  • Por todos nós, para que tomemos exemplo de entrega, de traballo, de servizo, e de amor de tantas persoas, familiares, amigos, veciños que viviron as benaventuranzas no medio de nós dende o silencio e a entrega. OREMOS:

GUÍANOS POLOS CAMIÑOS DAS BENAVENTURANZAS

Grazas, Señor, porque día a día nos mostras o camiño que nos leva a ti. PXNS.

REFLEXIÓN

Cómo poderá alguén axudar, si nunca precisou un ombreiro amigo.

Cómo poderá alguén consolar, se nunca tremeu coa dor.

Cómo poderá alguén curar, se nunca se sentiu ferido.

Cómo poderá alguén ter compaixón, se nunca estivo abatido.

Cómo poderá alguén comprender, se nunca tivo o corazón roto.

Cómo poderá alguén ser misericordioso, se nunca estivo necesitado de amor.

Cómo poderá alguén erguer a outros, se nunca se sentiu caído.

Cómo poderá alguén alegrar a outros, se nunca se riu da súa sombra.

Cómo poderá alguén ensinar, se nunca quixo ser discípulo.

Cómo poderá alguén abrazar, se nunca se deixou achuchar.

Cómo poderá alguén anunciar a boa nova, se nunca se preocupou dos signos dos tempos.

Cómo poderá alguén acompañar a outros, se a súa vida é un camiño solitario.

Cómo poderá alguén atopar, se nunca estivo perdido.

Cómo poderá alguén ser feliz, se as benaventuranzas lle parecen un acoso.


 


 

CANTOS

  • Entrada: Camiñarei
  • Lecturas: Sede o sal, sede a luz.
  • Ofertorio: O pouco que Deus nos dá

Comuñón: Benaventurados

Comentarios

Entradas populares de este blog

Pentecostes 2026

PENTECOSTES: O MILAGRE DE NON SER LADRILLOS IGUAIS SENÓN PEZAS VIVAS DA DIVERSIDADE CANTO GOZOSO   ö ENTRADA: Vinde axiña (   10     ) ö ASPERSIÓN: A auga do Señor (Nº 125) ö LECTURAS: Manda o teu Espírito ö OFERTORIO: Sementar, sementarei ö COMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55) MIRADA AGRADECIDA Hoxe pechamos o tempo de Pascua, e facémolo do mellor xeito posible: co cumprimento por parte de Xesús da súa promesa de non deixarnos na orfandade, senón de agasallarnos co Espírito Santo. E se pensamos neste Espírito, a mellor imaxe non é a dun coro onde todas as persoas cantan a mesma melodía coa mesma voz. O Espírito parécese máis a unha gran orquestra, onde cada instrumento é totalmente diferente, ten o seu propio timbre, o seu propio xeito de soar e o seu propio acento. O milagre non é que o violín soe a trompeta, senón que cadaquén, estando ben afinada e ben afinado na súa propia identidade, contribúa a crear unha música final que a ningun...

Corpus 2026

ELIXE AMAR. ELIXE COMUNIDADE... ASÍ NINGUNHA PERSOA TERÁ QUE RECIBIR MIGALLAS. CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe celebramos o Corpus Christi, o Día da Caridade, e facémolo co corazón de festa pero cos pés afincados no chan. Moitas veces corremos o perigo de reducir este día a unha procesión fermosa, a custodias brillantes e a efémeras alfombras de flores. Pero o Corpus é o recordatorio de que Deus non quedou nunha teoría, senón que se fixo pan para poder ser alimento e para poder ser compartido. Non o esquezamos: o deserto segue aí fóra. O deserto da soidade da xente maior, o deserto da falta de oportunidades da mocidade, o deserto de tantas familias que non teñen vivenda ou que non chegan a fin de mes. E neses desertos resoa con forza a chamada deste ano: Elixe amar, elixe comunidade. Porque a caridade non é dar as sobr...

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...