Ir al contenido principal

Remol domingo 6 TO 2010

CONTRA A FAME, DEFENDE A TERRA

(XORNADA DE MANS UNIDAS)

PÓRTICO

Cada domingo xuntámonos coma crentes en Cristo, para celebrar o misterio salvador da súa morte e resurrección. O Señor faise presente na nosa vida para salvarnos.

Hoxe, en todas as comunidades cristiás, fáisenos presente o berro dos máis pobres da terra por medio da Xornada Nacional de Mans Unidas, a Campaña contra a fame. Este ano o lema proposto é "Contra a fame, defende a terra". Abramos o noso corazón ao que Deus nos manifesta nesta celebración.

O PERDÓN

  • Ti, que queres a vida e a felicidade para todas as persoas, purifica os nosos egoísmos, SEÑOR, LIMPA O NOSO CORAZÓN
  • Ti, que te fixeches persoa coma nós, perdoa a nosa falta de achegamento a irmáns nosos que viven na pobreza extrema, CRISTO, LIMPA O NOSO CORAZÓN
  • Ti, que nos chamas a todos á ledicia do teu Reino, perdoa a nosa falla de xenerosidade para compartir cos que petan na nosa porta, SEÑOR, LIMPA O NOSO CORAZÓN

REMUÍÑO

  • As persoas todas buscamos a felicidade, estanmos feitas para ser felices. A diferenza está no camiño que se escolle para buscar esta felicidade. Así, hai xente que pensa que é máis feliz quen ten poder, quen asoballa, quen acumula, quen ten fama ou prestixio. Pero o perigo está en que esta felicidade é pasaxeira, sempre quereremos máis, sempre estaremos insatisfeitos e iso que o conseguimos con gran esforzo. A longo prazo, esta "felicidade" convértese en frustración e en desdita. Intentámola buscar fóra de nós e nas cousas, cousificamos a vida.
  • Porén, Xesús proclámanos outra felicidade, a que está nos valores interiores das persoas: na liberdade, no saber compartir, na esperanza, en amar, na presenza e cercanía de Deus. Ditosos nós se somos capaces de sermos pobres e sentir cos pobres, se temos un corazón humilde. Non bendí Xesús á pobreza, xa que causa miseria e morte; pero si bendice aos que miran e axudan a esas persoas a vivir con dignidade. Non se bendí a fame, senón aos que teñen fame, non ás bagoas senón aos que choran, non a pobreza e a exclusión pero si aos marxinados e perseguidos. Esta benaventuranza vén sempre polos camiños do amor e a esperanza e atoparémola se somos capaces de compartir, de servir, de negarnos a nós mesmos facendo felices aos demais.
  • Porque a pobreza e a miseria son algo escandaloso que van contra o querer de Deus. Todo esforzo por suprimila é un paso cara adiante no avance do seu Reino. Porén, na situación actual na que viven tantas persoas e países, elixir a pobreza como solidariedade cos pobres para loitar contra ela, convértese en boa nova, porque é proseguir a causa de Xesús e vivir a nosa fraternidade construíndo o Reino. Xesús contrapuña dous mundos: o dos pobres, que se apoian en Deus; e o dos satisfeitos da vida, egoístas e perseguidores que non precisan del. Pero ademais, as benaventuranzas desestabilizan a escala de valores que predomina na sociedade. Xesús aporta unha nova comprensión da existencia, moi distinta da que ofrece o noso mundo. Coloca aos seus discípulos, e colócanos a todos, diante dunha alternativa, investindo os valores da sociedade.
  • Os que vivimos acomodados nesta sociedade da abundancia, sentimos unha especial dificultade para vivir as benaventuranzas. Temos que escoitalas e empezar a mirar cara aos pobres, aos famentos e aos que choran como os mira Deus. De aí pode nacer a nosa conversión, e hoxe, día no que celebramos a Xornada de Mans Unidas, a Campaña contra a Fame, é un bo momento para principiala. A que estamos esperando para comezar este camiño das benaventuranzas?.

ORACIÓN DA COMUNIDADE

Oremos a Deus Pai, que en Cristo nos mostra o seu amor, dicindo:

QUE CAMIÑEMOS NA SOLIDARIEDADE

  • Para que a Igrexa sexa sinal da misericordia de Deus no medio do mundo e se manifeste como lugar de acollida para todas as persoas, OREMOS.

QUE CAMIÑEMOS NA SOLIDARIEDADE

  • Para que os que gobernan as nacións promovan e garden a xustiza, distribuíndo fraternalmente os bens deste mundo entre todos os pobos da terra, OREMOS.

QUE CAMIÑEMOS NA SOLIDARIEDADE

  • Para que nestes tempos de crise económica sexamos xenerosos e compartamos o que temos con quen o precisa, descubrindo así o verdadeiro sentido da palabra solidariedade, OREMOS.

QUE CAMIÑEMOS NA SOLIDARIEDADE

  • Por todas as persoas que, a través de Mans Unidas ou de calquera ONG, traballan porque o Reino se vaia facendo vida e realidade, OREMOS.

QUE CAMIÑEMOS NA SOLIDARIEDADE

  • Para que esta celebración aumente en nós o desexo de traballar por un desenvolvemento xusto e fraternal de todos os pobos, OREMOS.

QUE CAMIÑEMOS NA SOLIDARIEDADE

Escoita, Señor as nosas peticións e fainos descubrir a solidariedade como camiño para ser benaventurados. PXNS. Amén.

PARA A REFLEXIÓN

Mira, non te trabuques,

non busques a felicidade barata,

non a busques polos camiños trillados que nos pintan.

Non fagas caso dos reclamos da publicidade

nin te deixes levar da sedución das cousas.

Non está a dita en ter moitas cousas,

en lucir boas marcas, en conseguir gran fortuna.

Non está a dita nos praceres da vida

ou en chegar a ser unha estrela.

Esta dita é enganosa, e fuxe.

A xente mátase por ela e terminan sendo infelices.

Eu vin a felicidade na cara dos pobres, que eran libres.

Eu vin a dita en persoas que choraban; pero facíano con fe e abertos á esperanza.

Non é máis feliz o que máis ten, senón o que máis comparte.

Non é máis feliz o ansioso que mendiga o pracer de porta en porta,

senón o que escala a montaña da liberdade.

Non é máis feliz o escravo dos seus instintos, senón o escravo do amor.

Ditoso, pois, quen se abre aos camiños do amor.

Bendito o que se nega a si mesmo para dar vida aos demais.

CANTOS

  • Entrada: Temos unha festa
  • Lecturas: Escoita ao Señor.
  • Ofertorio: Sede o sal
  • Comuñón: Benaventurados.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Santos 2025

  BENAVENTURADAS AS XENTES DE BEN QUE, AO ESTILO DE XESÚS, PASARON SEMENTANDO XENEROSIDADE Canto para agradecer Ø    Entrada.-  Benaventurados Ø    Lecturas.-  Podo do divino e do humano Ø    Ofertorio.-  Na nosa terra Ø    Comuñón.-  No colo da miña nai Ollos para ver          Hoxe é a festa de tódolos Santos, a festa do agradecemento a tantas persoas de ben que foron deixando no medio de nós pegadas de solidariedade xenerosa e entregada. Falamos daquelas persoas, moitas delas témolas coñecido, que nos deixaron esa sementiña de esperanza en momentos nos que a vida se volvía dura e difícil.          Homes e mulleres que foron construíndo a súa santidade desde a sinxeleza e a humildade de facer canto o corazón lle pedía para construír un mundo mellor. Homes e mulleres aos que Francisco lles chamaba os santos da porta do lado, porque a ...

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...