Ir al contenido principal

2 coresma 2010

CHAMADOS A FACER REALIDADE A PROMESA DE ABRAHAM NO NOSO TEMPO

SIGNO: Colocamos unha segunda cuncha de cartolina na que escribimos a frase: ESCOITADE A VOZ DO SEÑOR

Pórtico

Sempre, pero hoxe se cabe máis, chámasenos á esperanza, a confiar en que o presente vai mellorar, en que o futuro será moito mellor co pasado e co presente. Cabería preguntármonos cal é a nosa postura diante destas chamadas. Xesús coa súa transfiguración, quere darlle azos aos seus discípulos, quere mostrarlles o que vai vir, pero facéndoos conscientes de que o presente hai que loitalo e hai que esforzarse por transformalo. E nós a que esperamos para ser conscientes da urxencia de cambiar para que moitas actitudes de inmobilismo e frustración non teñan cabida en nos?

Comecemos esta celebración e deixemos que a palabra, o pan que se nos parte e a comunidade reunida transfigure o noso ser.

Perdón

· Polas veces en que pensamos que coas nosas forzas somos quen de transformar o mundo, rexeitando a axuda e colaboración dos nosos irmáns e irmás, SEÑOR, PERDOA A NOSA DESCONFIANZA.

· Porque non nos importa dicir mentiras dos demais e incluso empregalos para os noso fins, tratándoos como obxectos e non como iguais, CRISTO, PERDOA A NOSA DESCONFIANZA.

· Porque nun mundo no que prima o individual, prima o subir, prima o pracer, o fácil….nós bailamos ao son desta música e mesmo xa somos capaces de compoñer melodías, SEÑOR, PERDOA A NOSA DESCONFIANZA.

Remuíño

· Neste segundo domingo da Coresma aparece a figura dun Deus que promete, que bendí, que regala, que non se esgota, que sempre dá máis… que nos invita a saír de nós mesmos, a superarnos, a crecer, á ESPERANZA. Esperanza nun Deus que non se queda ancorado no pasado senón que se abre ao futuro e fai que nós tamén avancemos. Deus achégase ás persoas, neste caso Abraham, para buscar a nosa amizade. De aí a invitación constante que temos que facernos a achegarnos aos demais, a ser esa proximidade de Deus. Coa alianza con Abraham Deus tamén fai unha alianza connosco: por un lado estar preto das demais persoas, ser irmáns que dialogan, que están pendentes uns de outros; por outro lado ser conscientes da urxencia de coidar a terra, de preservar os recursos, de recrear a creación, pondo esforzo, creatividade e ilusión para que sexa a terra de todos e non duns poucos.

· Tamén a fe ten un lugar moi presente neste domingo. Dásenos o exemplo de Abraham como pai na fe.. pero que fe?. Como pode axudar á nosa fe? .Como confortar a nosa coa de Abraham?. Aquí algúns resgos desa fe: sobresae a palabra confiar; entregarse a Deus; entregarse para amar; esperar contra toda esperanza. Estes son os trazos da fe á que todos nos estamos chamados, non tendo medo a deixarnos levar por Deus ante a promesa de felicidade entregada aos demais.

· Cara o Tabor encamíñase Xesús e encamiñámonos todos nesta Coresma, cara o encontro con Deus que sae, como con Abraham, ao noso encontro. No alto da montaña, lugar de encontro, con tres discípulos, signo da gratuidade da elección… alí transfigúrase, colle folgos para a loita que lle queda… Na teofanía temos ao Pai que nos da ao Fillo, que nos regala e nos bendí; ao Fillo que se fai coma nós, achegado, sufrinte.. Como pois nos, cristiáns, somos ás veces tan soberbios e lonxanos, dando para recoller e prestando para lembrar logo?. O Espírito é quen nos dá enerxía e nos ilumina. E que ten que dicirnos a nós o Tabor hoxe?. Por un lado a xenerosidade de Deus; a necesidade da fe, da docilidade, de deixarnos levar; o saber escoitar, a forza da palabra, da promesa, o sentido da cruz en nóls e nos demais, tratando de que esas cruces se transformen en resurrección; o valor da esperanza, especialmente nestes tempos nos que nos tocou vir de crise e falta de futuro; por último a necesidade de superarnos.

· Que sexamos quen de poñer todos da nosa parte para non desaproveitar a oportunidade de atoparnos co Señor en el coas demais persoas.

Oración da comunidade

Señor, ao igual que a Abraham, ti escóllesnos para ser os teus amigos e queres que confiemos en ti. Por iso dicimos confiados:

QUE SEXAMOS PORTADORES DE ESPERANZA PARA OS DEMAIS

· Pola Igrexa, para que sexa consciente de que o Tabor significa o encontro sincero con Deus que invita aos seus membros a baixar do monte e a atoparse coa cruz de tantas persoas faltas de esperanza, futuro, ilusión e amor, OREMOS:

QUE SEXAMOS PORTADORES DE ESPERANZA PARA OS DEMAIS

· Polas nosas comunidades, para que potencien entre os seus membros, unha fe encarnada nunha realidade concreta: o barrio, a familia, os veciños; que os leve a comprometerse para facer realidade as promesas de Deus: unha terra con futuro e unhas persoas renovadas, OREMOS:

QUE SEXAMOS PORTADORES DE ESPERANZA PARA OS DEMAIS

· Por nós mesmos, para que teñamos unha actitude de escoita con tódalas persoas, xa que son voz de Deus, que nos invita a non ter medo de comprometernos e de perder parte do noso a favor dos demais. OREMOS:

QUE SEXAMOS PORTADORES DE ESPERANZA PARA OS DEMAIS

Grazas Señor, porque nos dás azos para transformarnos neste tempo da Coresma. Acompaña o noso camiñar. PXNS.Amén

Para a reflexión

Nos momentos duros, míranos con misericordia.

Cando somos tentados e fraqueamos, míranos con misericordia.

Cando estamos cegos e ofuscados, míranos con misericordia.

Cando somos capaces do peor, míranos con misericordia.

Cando tropezamos e caemos, míranos con misericordia.

Cando non recoñecemos os nosos erros, míranos con misericordia.

Cando facemos sufrir ao irmán ou á irmá, míranos con misericordia.

Cando nos facemos sufrir a nós mesmos, míranos con misericordia.

E cando pasamos pola noite, axúdanos coa túa misericordia.

Cando entramos no deserto, axúdanos coa túa misericordia.

Cando buscamos sedentos, axúdanos coa túa misericordia.

Cando subimos ao monte, axúdanos coa túa misericordia.

Cando nos pesa a cruz, axúdanos coa túa misericordia.

Cando nos pesa o irmán ou a irmá, axúdanos coa túa misericordia.

Cando nos morde a crítica ou un bico traizoeiro, axúdanos coa túa misericordia.

Cando xa non podemos máis, axúdanos coa túa misericordia.

Cantos

· Entrada: Na noite escura

· Lecturas: Arrepentido

· Ofertorio: O Señor é o mau pastor

· Comuñón: Seguirei os teus pasos

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2024 B

ALÍ ONDE NOS NECESITAS, ABRIMOS CAMIÑOS Á ESPERANZA (CORPUS 2024) CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Baixo o lema “Alí onde nos necesitas, abrimos camiños á esperanza” celebramos a xornada da caridade, que nos convida a non esquecer que, sempre e en todo lugar, a Igrexa, cada unha das persoas que a formamos, estamos chamadas a ser servidoras e samaritanas, achegándonos para aliviar, acompañar, escoitar e erguer a tanta xente ferida e tirada nas cunetas da vida. O Señor, que hoxe sae ás nosas rúas, volve dicirnos: “Estou aquí, facendo o camiño contigo”. Abramos o noso corazón para escoitar a súa voz que, dun xeito alto e claro, convídanos a abrir camiños de esperanza. CO CORAZÓN FERIDO Ti convídasnos a abrir camiños de esperanza; pero nós moitas veces somos profetas de calamidades, por...

Santos 2024

  Tódolos Santos. 2024 Camiñando na comuñón do Pai, do Fillo e do Espírito Santo Cantos Entrada.-  Benaventurados  ( 118) Lecturas.-  O amor é o meirande  ( 119) Ofertorio.-  Quédate, Señor, connosco   ( 63 ) Comuñón.-  Non vou so   ( 60 )   Ollos para ver          As persoas cristiás celebramos hoxe a festa da esperanza. Non é nin a festa dos disfraces nin a festa do medo, é a festa do agradecemento polo testemuño de vida que nos teñen deixado homes e mulleres, os santos da porta do lado, como diría o papa Francisco, que foron quen de construír comunidade en comuñón. Sabendo unir, escoitar, acompañar e mostrar que na vida, o que nos fai verdadeiramente felices é facer o ben, e non rosmar e estar permanentemente facendo crítica e vendo so o negativo das demais persoas.          E hoxe entón a festa da comuñón no Pai, no Fillo e no espírito...

4 advento 2024

    HUMILDES CARPINTEIRAS E CARPINTEIROS DO BERCE DA SINXELEZA ACOLLEDORA SINAL DE ADVENTO Completamos o noso berce.   CANTO GOZOSO o    ENTRADA:  Volve Señor (Nº 90) o    LECTURAS:  Vén axiña visitarnos (Nº 86) o    OFERTORIO:  Recibe, Señor (Nº 31) o    COMUÑÓN:  No colo de miña nai (Nº 49)   OLLOS DE ESPERANZA              Belén era unha aldea pequeniña, un lugar que pasaba totalmente desapercibido e que semellaba pouco ou nada importante. Ata que unha noite converteuse en lugar de salvación e acollida, porque alí naceu o Fillo de Deus. Neste cuarto e derradeiro domingo do Advento, Belén quere ser para todas e todos nós un recordatorio claro de que Deus está no sinxelo, no humilde, na xente máis esquecida e que, ao igual que Belén, é moitas veces invisibilizada e marxinada.    CORAZÓN MISERICORDIOSO ·      ...