Ir al contenido principal

23 Domingo TO 2010

REMOL DOMINGO XXIII

Por que os mediocres dan mellor imaxe que os arriscan no nome de Xesús?.

Veña, acabemos dunha vez co conto!!!!!!!!!!!!

Pórtico

Todo proxecto, dígase empresarial, educativo ou cultural, necesita unha reflexión pausada previa, que nos leve a valorar e buscar obxectivos e liñas de acción axeitadas para responder a uns retos. E isto tamén nos vale na nosa vida de fe. Calcular os gastos é un elemento de todas as invitacións a entrar no Reino. Non podemos actuar por arroutadas, senón que temos que reflexionar, ponderar, examinar a nosa realidade persoal. Non se constrúe como é debido nin se traballa con posibilidades de éxito se non se coñecen os efectivos. O seguimento de Xesús non pode, entón, depender dun impulso fácil, dunha necesidade de seguridade, dunha herdanza e moito menos dunha rutina. É unha decisión que non se pode facer á lixeira. El invítanos a escoller o mellor; pero, a diferenza de nós, non obriga, só ofrece e invita. E con claridade fala dos custos... Oxalá teñamos oídos e corazón abertos para escoitar a súa chamada e, desde unha opción persoal, responder con coherencia... e coa vida.

PERDÓN

  • Porque, mentres que Ti nos falas de paz, amor, xustiza, perdón... nós seguimos empeñándonos en vivir no enfrontamento, na xenreira, na inxustiza e no rancor, SEÑOR, QUE AS DIFICULTADES NON ENSOMBREZAN A NOSA FE.
  • Porque seguimos sendo "teóric@s do Reino, vendedores de fume"; e non estamos dispost@s a ser vida onde o corazón saiba amar, a cabeciña descorrer e reflexionar e as mans traballar, CRISTO, QUE AS DIFICULTADES NON ENSOMBREZAN A NOSA FE.
  • Por non ter sabido descubrir a túa forza diante da tentación da mediocridade, o costume, a rutina e o noso "para que se todo vai seguir igual", SEÑOR, QUE AS DIFICULTADES NON ENSOMBREZAN A NOSA FE.

REMUÍÑO

  • Moitas veces quedamos abraiados polo actuar das persoas, dos mozos ou dos non tan mozos. Dámonos conta de que o que antes tardaba unha xeración en cambiar (hábitos, costumes, ditos…) hoxe cambia nunha década... e, lonxe de entender os cambios que se van producindo e ás persoas que os fan, tendemos a dramatizar e demonizar a todos. O que nos pasa é que somos incapaces de comprender estes cambios, de ir ás súas ás raíces. Preferimos condenar e non comprender: "a xuventude está tola","isto sempre se fixo así", "por que temos que cambiar algo que antes funcionaba?". Estas e outras expresións tan comúns na nosa boca, poñen de manifesto unha realidade obvia: temos dificultades á hora de comprender os signos dos tempos. Isto lévanos ao pasotismo ou á cerrazón de cabeza. E que respostas damos?. Como educar aos nosos fillos que son adolescentes antes de tempo?. Como motivalos para que estuden ou se divirtan sanamente?.
  • E non digamos na Igrexa… como facer fronte a que os nosos templos quedan baleiros?, por que facemos tanto fincapé no número e tan pouco na calidade?. POIS IMPROVISANDO. Porén, xa nos di Xesús no evanxeo que temos que pararnos a botar contas… pero non as da leiteira: se fago isto véñenme tantos, se retraso a idade da confirmación quédanme tantos… NON. As solucións e as respostas non se poden improvisar: celebracións, funerais, conversas… que son froito do momentáneo, do "xa o farei".
  • Pero o seguimento de Xesús non é improvisación. El chámanos a unha misión, a unha responsabilidade que temos como cristiáns. Non podemos deixar pasar a oportunidade de aferrarnos ao que verdadeiramente ten importancia. Nun cristián non caben pelexas por cartos, por lindeiros, por herdanzas… Como nos di o libro da Sabedoría, iso non ten importancia e como nos di Xesús: se lle damos importancia a iso non podemos ser discípulos seus. Aquí está a verdadeira sabedoría, a do seguidor desprendido de dogmatismos, de ideas preconcibidas, de exclusións,… Na sociedade na que estamos iso é unha cruz, pois supón ir contracorrente,.. pero así é o seguimento: unha vida coherente co que se cre, unha vida que se reflicte no actuar.Non vaia ser como no evanxeo: que se rían de nós porque un día dicimos isto e mañá todo o contrario, xa que así énos mellor. Descubramos, pois, que Deus se manifesta nos acontecementos para mostrarnos o camiño do seguimento dende o desprendemento e a dispoñibilidade cara ós demais.

Oración da comunidade

Compartamos agora un momento de oración comunitaria dicindo xuntos:

QUE SAIBAMOS FACER DA VIDA UNHA EXPERIENCIA COMUNITARIA

  • Para que nos esforcemos sempre por cimentar a Igrexa na forza do Evanxeo, que nos chama a deixar atrás a rutina e a pompa, para invitarnos a camiñar na austeridade, Oremos.

QUE SAIBAMOS FACER DA VIDA UNHA EXPERIENCIA COMUNITARIA

  • Para que as nosas comunidades sexan verdadeiras escolas de sinxeleza, perdón, misericordia e creatividade, Oremos.

QUE SAIBAMOS FACER DA VIDA UNHA EXPERIENCIA COMUNITARIA

  • Para que cada un e cada unha de nós saibamos construír a vida sobre o cimento da alegría, a dispoñibilidade e a fraternidade na familia, nos barrios, nas parroquias e nas nosas relacións de amizade, Oremos.

QUE SAIBAMOS FACER DA VIDA UNHA EXPERIENCIA COMUNITARIA

Que a oración compartida nos faga caer na conta de que só camiñando xuntos poderemos sentirnos construtores dunha verdadeira Igrexa fiel a Xesús e aos irmáns.P.X.N.S. Amén.

Para a reflexión

O MEU EQUIPAXE

O noso equipaxe será lixeiro, para poder avanzar rápido.

Teremos que deixar tras de nós a carga inútil:

as dúbidas, que nos paralizan e non nos deixan mover;

os temores, que nos impiden saltar ao baleiro contigo;

as cousas que nos encadean e nos dan unha seguridade falsa.

Teremos que deixar tras de nós o espello de nós mesmos;

o "eu" como únicas gafas, as nosas palabras ruidosas.

E levaremos todo aquilo que non pesa:

moitos nomes coa súa historia,

mil facianas no recordo,

a vida no horizonte,

proxectos para o camiño,

o valor que Ti nos dás,

o amor que cura e non esixe.

Ti como guía e mestre

e unha oración que te faga presente:

"A Ti, Señor, levantamos a nosa alma, en Ti confiamos, non nos deixes. Ensínanos o teu camiño. Mira o noso esforzo. Perdoa as nosas faltas. Ilumina a nosa vida, porque esperamos en Ti". Amén.

Cantos

  • ENTRADA: Seguirei os teus pasos.
  • LECTURAS: Cantade as marabillas do Señor
  • OFERTORIO: Como che cantarei?
  • COMUÑÓN: Todo o mundo unha familia

Comentarios

Entradas populares de este blog

Pentecostes 2026

PENTECOSTES: O MILAGRE DE NON SER LADRILLOS IGUAIS SENÓN PEZAS VIVAS DA DIVERSIDADE CANTO GOZOSO   ö ENTRADA: Vinde axiña (   10     ) ö ASPERSIÓN: A auga do Señor (Nº 125) ö LECTURAS: Manda o teu Espírito ö OFERTORIO: Sementar, sementarei ö COMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55) MIRADA AGRADECIDA Hoxe pechamos o tempo de Pascua, e facémolo do mellor xeito posible: co cumprimento por parte de Xesús da súa promesa de non deixarnos na orfandade, senón de agasallarnos co Espírito Santo. E se pensamos neste Espírito, a mellor imaxe non é a dun coro onde todas as persoas cantan a mesma melodía coa mesma voz. O Espírito parécese máis a unha gran orquestra, onde cada instrumento é totalmente diferente, ten o seu propio timbre, o seu propio xeito de soar e o seu propio acento. O milagre non é que o violín soe a trompeta, senón que cadaquén, estando ben afinada e ben afinado na súa propia identidade, contribúa a crear unha música final que a ningun...

Corpus 2026

ELIXE AMAR. ELIXE COMUNIDADE... ASÍ NINGUNHA PERSOA TERÁ QUE RECIBIR MIGALLAS. CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe celebramos o Corpus Christi, o Día da Caridade, e facémolo co corazón de festa pero cos pés afincados no chan. Moitas veces corremos o perigo de reducir este día a unha procesión fermosa, a custodias brillantes e a efémeras alfombras de flores. Pero o Corpus é o recordatorio de que Deus non quedou nunha teoría, senón que se fixo pan para poder ser alimento e para poder ser compartido. Non o esquezamos: o deserto segue aí fóra. O deserto da soidade da xente maior, o deserto da falta de oportunidades da mocidade, o deserto de tantas familias que non teñen vivenda ou que non chegan a fin de mes. E neses desertos resoa con forza a chamada deste ano: Elixe amar, elixe comunidade. Porque a caridade non é dar as sobr...

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...