Ir al contenido principal

Domingo 22 TO 2010

A grandeza da misericordia de Deus pasa polo compromiso dos cristiáns e das cristiás en saberse construtores do Reino: misioneir@s a tempo completo dunha fonda e fermosa historia de amor

Pórtico

    Estamos moi acostumados a escoitar a expresión "historia de amor". Con ela quérese significar unha relación chea de positividade entre dúas persoas que consideran que teñen moitas cousas en común, mesmo a capacidade de compartir unha vida en diálogo e solidariedade, de entrega de un para co outro, de dispoñibilidade e sinxeleza que sabe vencer dificultades e resaltar logros. Moitos de nós seguro que temos sido testemuñas de historias de amor de entre a xente que coñecemos: familiares, amigos, veciños… E tamén todos nós somos o suficientemente realistas e intelixentes para darnos conta de que nesta historia de amor non teñen faltado dificultades, e non pequenas, moitas veces; pero con esforzo por ambas partes fóronse vencendo. Nada que ver entón coas historias de amor das que nos falan no cine, tamén irreais, pero que tantas persoas cren verdadeiras e tanto mal lles ten feito.

    A historia de amor coa que comezabamos esta celebración fálanos dun amor que se vai asentando no e desde o esforzo, desde a loita por deixar atrás canto entorpece e desde a ledicia por acadar proxectos e ilusións froito do traballo compartido. Non son logo historias para un día, para o momento, para o efémero, senón para sempre, como a historia de amor de Deus para con nós, que un domingo máis queremos renovar e compartir. Unámonos para seguir deixando que se faga realidade.

Perdón

  • Por seguir preguntándolle ao vento se está permitido curar en sábado mentres os irmáns e as irmás xacen doentes esperando que lles deamos a nosa man para erguerse, SEÑOR, QUE NON PERDAMOS O NOSO SENTIDIÑO.
  • Polas veces, e xa están a ser moitas, Señor, nas que desconectamos do sufrimento e da dor pola que están a pasar familiares, veciños e amigos, CRISTO, QUE NON PERDAMOS O NOSO SENTIDIÑO.
  • Por non ter sido misericordiosos en gratitude nin grandes en esperanza nos nosos proxectos e esforzos comunitarios, SEÑOR, QUE NON PERDAMOS O NOSO SENTIDIÑO.

REMUÍÑO

Moitas veces, para facernos ver, por aquilo da imaxe que agora tanto se leva, e polo que máis dos que pensamos perden o cu –con perdón– fanse, dinse, invéntanse… cousas: fotos, películas, programas de televisión, gastos innecesarios e cuantiosísimos… e todo para que os demais, polo que ven, non polo que coñecen –coñecer é outra cousas máis seria e importante– falen ben de nós. Que pobreza interior!. E que tristeza de tantas vidas que se desenvolven deste xeito. Porén, o texto que lemos na primeira das lecturas, o Eclesiástico, fainos unha chamada de atención, de realismo diriamos mellor, para que non esquezamos nunca camiñar poñendo os pés no chan, para avanzar ao noso ritmo, non ao que marquen outros, que pouco ou nada teñen que ver con nós, para que aprendamos a ir do fácil ao difícil. Nunha palabra, para que lle poñamos sentido común á nosa vida. Porque sendo conscientes dos nosos límites, sabendo tamén cales son as nosas posibilidades, aprenderemos a poñer na nosa vida sentidiño, sinceridade, realismo, capacidade e responsabilidade á hora de poñernos metas … e o máis importante: amor.Si, porque sen amor na vida, de nada nos vale ter ou facer. É baleiro, e iso si que é unha tristeza.

ESTÁ PERMITIDO CURAR EN SÁBADO?: Pero nós, a pesares do que nos di a carta aos Hebreos, seguimos apostando polo medo e non polo amor, pola lei e non pola liberdade, pola imposición e non pola educación, polo autoritarismo e non pola coherencia, polo comercio e non pola gratuidade.... e así nos luce o pelo. Seguimos preguntándolle ao vento se está permitido curar en sábado, se se pode comer carne os venres de coresma, se cómpre ir gañar as indulxencias no ano santo, se se poden bautizar nen@s cuxos pais viven en pecado, pero son coherentes coa súa fe, se podo ir comulgar aínda que falten cinco minutos para cumprir a hora do xexún eucarístico, se.... sen ternos decatado de que iso son tonterías, porque non temos descuberto que non é mellor cristián o doutrinalmente seguro, senón aquel cuxo corazón reborda de amor cara aos irmáns e irmás, aquel que é quen de abandonar unha vida cómoda para arriscarse na aventura da fe, que implica ser a voz dos que non teñen voz, que chama a ser eclesialmente incorrectos nunha Igrexa que atufa a polilla e na que cómpre abrir as ventás para que entre o aire renovador do Espírito. Ao final da nosa vida, a pesares do que moitos predican, pensan e din, non se nos vai examinar do número de celebracións nas que participamos, das oracións que coñecemos, dos rosarios que rezamos ou das novenas ás que asistimos, senón que o Señor, para que entremos pola porta estreita, diranos: canto amaches?. E iso implica que van aprobar:

  • @s que practican a xustiza, entendida como dar ao irmán e á irmá o que precisa para desenvolverse coma persoa.
  • @s que non calumnian nin utilizan aos demais para o seu beneficio.
  • @s que buscan o ben común por riba do individualismo.
  • @s que son coherentes e fieis aos seus principios, e nunca están en venda.
  • @s que visitan aos enferm@s, aos tristes, aos que están sos... aínda que sexan mulleres.
  • @s que buscan e traballan pola paz
  • @s que denuncian calquera tipo de atentado contra a dignidade da persoa.
  • @s que protexen e coidan a creación que puxeches nas nosas mans.

Este é o culto que o Señor quere que lle deamos: o do amor. Sen amor, o demais será baleiro e estéril, mera anécdota. Porque o amor sempre nos fai mellores persoas; a relixión, ás veces; o poder, nunca. Non o esquezamos.

ORACIÓN DA COMUNIDADE

Como misioneir@s do teu Reino, queremos agora presentar canto nos preocupa, pero tamén canto nos estimula no noso camiño da vida, e facémolo dicindo:

GRAZAS POR INVITARNOS Á CASA DO AMOR

  • Para que na Igrexa, comuñón de comunidades, saibamos deixar sempre unha cadeira baleira para quen chega canso e necesita sentar, OREMOS.

GRAZAS POR INVITARNOS Á CASA DO AMOR

  • Polas nosas comunidades, para que fomenten nos seus membros unha actitude de xenerosidade e desprendemento, non só de bens materiais, senón de tempo, ilusión, alegría, OREMOS.

GRAZAS POR INVITARNOS Á CASA DO AMOR

  • Para que cada un e cada unha dos que hoxe rezamos xuntos, saibamos facer dos nosos xestos, das nosas palabras, das nosas actitudes… expresión evanxelizadora da misión que Xesús nos encomendou cando dixo "ide e traede", OREMOS

GRAZAS POR INVITARNOS Á CASA DO AMOR

Señor, que canto agora compartimos sexa resposta sincera á túa invitación de sermos construtores do teu Reino no medio do noso mundo.P.X.N.S. Amén.

Reflexión

Non viñeches para xulgar os nosos erros e as nosas tonterías

senón a buscar a quen anda perdido,

a defender a quen está acusado,

a liberar a quen está cautivo,

a curar a quen está ferido,

a acoller a quen está desamparado,

a lavar a quen está manchado,

a sandar a quen está enfermo,

a erguer a quen caeu,

a salvar a quen se sente culpable,

a devolverlle a dignidade a quen a perdeu.

Ti que cres en nós,

Ti que esperas de nós,

Ti que nos amas máis que nós mesmos,

Ti que es máis grande que todos os nosos pecados,

recréanos e danos un futuro novo e mellor.

Cantos

  • ENTRADA: Camiñarei na presenza do Señor
  • LECTURAS: Veña o teu Reino
  • OFERTORIO: Seguirei os teus pasos
  • COMUÑÓN: O amor é o meirande

Comentarios

Entradas populares de este blog

Pentecostes 2026

PENTECOSTES: O MILAGRE DE NON SER LADRILLOS IGUAIS SENÓN PEZAS VIVAS DA DIVERSIDADE CANTO GOZOSO   ö ENTRADA: Vinde axiña (   10     ) ö ASPERSIÓN: A auga do Señor (Nº 125) ö LECTURAS: Manda o teu Espírito ö OFERTORIO: Sementar, sementarei ö COMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55) MIRADA AGRADECIDA Hoxe pechamos o tempo de Pascua, e facémolo do mellor xeito posible: co cumprimento por parte de Xesús da súa promesa de non deixarnos na orfandade, senón de agasallarnos co Espírito Santo. E se pensamos neste Espírito, a mellor imaxe non é a dun coro onde todas as persoas cantan a mesma melodía coa mesma voz. O Espírito parécese máis a unha gran orquestra, onde cada instrumento é totalmente diferente, ten o seu propio timbre, o seu propio xeito de soar e o seu propio acento. O milagre non é que o violín soe a trompeta, senón que cadaquén, estando ben afinada e ben afinado na súa propia identidade, contribúa a crear unha música final que a ningun...

Corpus 2026

ELIXE AMAR. ELIXE COMUNIDADE... ASÍ NINGUNHA PERSOA TERÁ QUE RECIBIR MIGALLAS. CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe celebramos o Corpus Christi, o Día da Caridade, e facémolo co corazón de festa pero cos pés afincados no chan. Moitas veces corremos o perigo de reducir este día a unha procesión fermosa, a custodias brillantes e a efémeras alfombras de flores. Pero o Corpus é o recordatorio de que Deus non quedou nunha teoría, senón que se fixo pan para poder ser alimento e para poder ser compartido. Non o esquezamos: o deserto segue aí fóra. O deserto da soidade da xente maior, o deserto da falta de oportunidades da mocidade, o deserto de tantas familias que non teñen vivenda ou que non chegan a fin de mes. E neses desertos resoa con forza a chamada deste ano: Elixe amar, elixe comunidade. Porque a caridade non é dar as sobr...

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...