Ir al contenido principal

7 domingo TO 2011

A confianza en Deus afástanos do desacougo e ábrenos ao seu reinado

PÓRTICO

A nosa sociedade caracterízase principalmente pola agonía, a agonía das présas, a agonía de non chegar a fin de mes, a agonía de non ter traballo, a agonía de non quedar ben diante dos outros, a agonía do que dirán. E así metémonos nunha espiral que non nos deixa ser nós, que fai que pensemos en todo menos no importante. Xesús hoxe invítanos ao contrario, é dicir, a sentir que, sen desprezar as nosas responsabilidades, estamos chamados á confianza: en Deus, nas persoas e en nós mesmos. Unha confianza que fará que busquemos o diálogo, o perdón, a dispoñibilidade, a gratuidade... Unha confianza que nos levará a descubrir que si é importante no noso tempo, xa que moitas persoas están faltas diso precisamente e enchidas de moitas cousas que só producen soidade.

O PERDÓN

  • Diante de Ti, Señor, recoñecemos a nosa pobreza, que nos leva a utilizarte como se foses un vendedor de valores e actitudes de saldo, por iso che dicimos, SEÑOR, QUE NOS AFASTEMOS DO DESACOUGO.
  • Diante da nosa pouca formación, preguiza e descoñecemento da túa mensaxe, rogámosche, CRISTO, QUE NOS AFASTEMOS DO DESACOUGO.
  • Diante da nosa pouca fe en Ti, que nos leva a vivir con medo e inseguridade, pedímosche, SEÑOR, QUE NOS AFASTEMOS DO DESACOUGO.

Remuíño

  • O texto de Isaías responde á sensación de desgana, tristura e desconcerto no que se atopaba o pobo de Israel. Diante disto, o profeta non fai unha defensa apoloxética de Deus, tampouco lles berra nin lles vai pasando por diante canto de bo Deus tiña feito con eles; ao contrario, faille unha presentación en positivo – fe propositiva, non impositiva-, presentando a Deus como aquel que sabe estar sempre, nas duras e nas maduras, como aquel do que un se pode fiar a fondo perdido, porque nunca nos abandona. Para El sempre estamos presentes, somos a súa razón de ser, por iso o seu amor mostrouse, segue a mostrársenos cada día, en canto vai pondo ao noso dispor –"todo o sometiches baixo os seus pés", dicimos no Salmo 8-. Do mesmo xeito que lle falaba aos israelitas, Deus, a través da palabra do profeta, tamén nos fala hoxe a nós. E por iso tamén somos invitados, unha vez máis, a descubrir a imaxe achegada e sempre acolledora do Deus que non nos deixa solos nin tampouco nos esquece. Coñécenos, sabe os nosos nomes, sabe como somos e por que actuamos; a El non o enganamos, e tampouco quere que nos enganemos a nós mesmos. Para que xogar ao escondite con El se sabe perfectamente onde nos temos agochado?. Cando nos daremos conta?. Coma Israel tamén hoxe somos invitados a rezar co Salmo: "Señor, ti escúlcasme e coñécesme…"
  • Nesta confianza, que experimentara e sentira en carne propia, Paulo invítanos a descubrir, se aínda non o temos feito, a vivencia da fe como un camiño de servizo. esa é mellor maneira de darnos conta de que Deus non só está, senón que está ao noso lado, camiña con nós. Sabendo isto, a reposta que deberiamos dar é a do servizo aos demais –solidariedade-, a da confianza nos irmáns, espello da nosa confianza en Deus. E se temos que ser espello, non debemos ser nunca xuíces dos demais. Cantas veces o temos sido?. Cantas veces temos pronunciado palabras durísimas sobre este ou aquel, sabendo que non deberiamos telo feito, sabendo o moito dano que lle iamos causar; sabendo que non nos corresponde a nós facer xuízos do interior das persoas, pois ese cometido temos que reservalo para Deus?. E ben seguro que o fará moito mellor ca nós!. A nós correspóndenos ser servidores, e quen serve non enxuíza, senón que abre, tende e acolle coas súas mans.
  • Non facelo así é o que nos produce desacougo, inseguridade, dependencia de ritos e costumes, pero non de confianza en Deus. Cambiar unha praxe de moitos anos e ritos verdadeiramente non é doado. Pero algunha vez teremos que poñernos en camiño e comezar, non si?. E que mellor momento que hoxe, desde esta palabra proclamada e compartida comunitariamente?. Deixemos atrás o superficial, o secundario, o que non é importante, e poñámonos, dunha vez por todas, a construír o Reino de Deus. E para facelo non necesitamos cousas raras nin estrañas, soamente esforzo para achegar ao irmán unha palabra, un sorriso, unha presenza, unha chamada… que poida facelo feliz. Que confianza puxo Deus en nós para ser testemuñas desta tarefa!.

ORACIÓN DA COMUNIDADE

Porque queremos seguir camiñando na presenza do Señor, unímonos para presentar a nosa oración comunitaria e dicir xuntos:

QUE CONFIEMOS NOS IRMÁNS PARA CONFIAR EN TI

  • Para que a Igrexa saiba facer autocrítica e recoñecer que moitas foron as veces nas que por medio das súas actitudes, palabras ou tomas de postura diante dos acontecementos se afastou do amor e da confianza de Deus, Oremos.

QUE CONFIEMOS NOS IRMÁNS PARA CONFIAR EN TI

  • Polas nosas comunidades, para que vaiamos descubrindo e tomando en serio o que nos di Xesús: "non desacouguedes", e o saibamos converter en actitude sempre presente en nós, Oremos.

QUE CONFIEMOS NOS IRMÁNS PARA CONFIAR EN TI

  • Por cada un e cada unha de nós, para que deixemos atrás unha fe baleira e orfa, e comecemos a vivir desde o evanxeo a fe que nos fala de confianza en Deus e nos irmáns, e de perda dos nosos medos, Oremos.

QUE CONFIEMOS NOS IRMÁNS PARA CONFIAR EN TI

Grazas, Señor, por abrirnos unha vez máis o corazón a ti a través do noso compromiso por facer felices aos irmáns. P.X.N.S.

Reflexión

Ando polo meu camiño, pasaxeiro,

e ás veces creo que vou sen compañía,

ata que sinto o paso que me guía,

ao compás do meu andar, de outro viaxeiro.

Non o vexo, pero está.

Si vou lixeiro, El apresura o paso;

diríase que quere ir ao meu lado todo o día,

invisible e seguro o compañeiro.

Ao chegar a terreo solitario,

El préstame valor para que siga,

e se descanso, onda min repousa.

E cando hai que subir ao monte (Calvario chámalle El),

sinto na súa man amiga,

que me axuda, unha chaga dolorosa.


 

(J.Mª Souvirón)

Cantos

  • Entrada: Camiñarei na presenza
  • Lecturas: Canta o sol
  • Ofertorio: Grazas, Señor, na mañá
  • Comuñón: Acharte presente na vida

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Ascensión 2025 C

  7º Domingo de pascua. Ascensión.2025 A ASCENSIÓN:  ATRÁS QUEDARON OS CENÁCULOS NOS QUE ESCONDERSE E APARTARSE DO MUNDO CANTOS · Entrada.- Con ledicia vimos ( 3 ) · Lecturas.- Cantade ao Señor ( 23 ) · Ofertorio.- Cantádelle ao Señor ( 33 ) · Comuñón.- Señor Xesús bendito sexas (52) ABRÍNDONOS AO ESPÍRITO A Ascensión do Señor é a festa coa que Xesús nos quere transmitir que unha vez que El xa non está correspóndenos a nós perder os medos, saír da casa e anunciar no medio do mundo a forza, sempre alentadora e esperanzada, da súa mensaxe. El chámanos a ser testemuñas de toda a alegría rebordante que nos ofrece coa súa Boa Nova, porque xa non é tempo de esconderse e laiarse. Agora comeza o tempo do compromiso, da presenza activa e non excluínte, no medio do mundo. E sempre desde alí onde esteamos. Atrás quedaron os cenáculos nos que esconderse e apartarse do mundo. El farase presente se nós, co noso actuar e coa coherencia e honestidade de da nosa palabra, o facemos presente. CU...

Pascua 2025

  CANTO GOZOSO Ao prender o lume: Lumiño de lúa clara (Nº 123) Na procesión cara ao templo : A Cristo cantamos (Nº 110) Lecturas 1ª Manda o teu Espírito (Nº 125) 2ª Cantádelle ao Señor (Nº 33) 3ª As túas palabras, Señor, son Espírito e vida (Nº 113) 3ª Dános un corazón 4ª Aleluia, aleluia; aleluia, aleluia (Bis) Aspersión: A auga do Señor (Nº 124) Ofertorio : Sementar, sementarei Santo: Santo es Ti, Señor da vida (Nº 39) Noso Pai : No camiño do amor (Nº 43) Paz : Que veña a paz (Nº 45) Comuñón : Grazas, Señor, graciñas (Nº 50)  Canto final á Virxe: Nosa Señora da Luz SINAL No momento das ofrendas achegamos ao altar o sinal de coresma, a flor de follas murchas. E alí mesmo, poñemos o primeiro dos pétalos ao que, ao longo do tempo de Pascua, se irán unindo ata completar unha nova flor chea da savia nova da resurrección. COA CHEGADA DA PASCUA, AS NOSAS SEDES SON SACIADAS. CRISTO CONVÉRTESE EN FONTE DE AUGA FRESCA E SEMPRE VIVA Porque o evanxeo é Boa Nova, vinde e achegádevos...