Ir al contenido principal

9 domingo TO 2011

Invitad@s a camiñar sabendo poñer os pés no camiño adecuado: amor e servizo

Pórtico

Basta con botar unha ollada superficial aos medios de comunicación para decatarnos de que estamos pasando por un momento de crise, non só económica, senón tamén de valores. Palabras como responsabilidade, honestidade, sinxeleza, compromiso ou sinceridade parece que quedaron obsoletas e que pertencen a un pasado que non queremos lembrar.

Pero hoxe o Señor volve lembrarnos que temos que ter coidado á hora de edificar a nosa vida, que temos que construír sobre rocha firme, porque no caso contrario, cando veñan as dificultades, que virán, quedaremos ao pairo e non seremos quen de afrontalas serena e esperanzadamente.

Que o Deus que nos convoca aquí nesta mañá de domingo nos dea sentidiño para edificar a nosa vida sobre o cimento firme do Evanxeo do amor e da xustiza.

O PERDÓN

  • Porque esquecemos que ter fe esíxenos manifestalo coas nosas obras, SEÑOR, ACOMPAÑA A NOSA CONSTANCIA.
  • Porque nos cansamos demasiado rápido á hora de poñer o noso tempo a servizo dos demais, CRISTO, ACOMPAÑA A NOSA CONSTANCIA.
  • Porque a nosa comodidade e preguiza lévannos moitas veces polo camiño equivocado, SEÑOR, ACOMPAÑA A NOSA CONSTANCIA.

REMUÍÑO

  • Na lectura do Evanxeo de hoxe, final do discurso do Monte, descubrimos cal é o cerne do noso ser cristián. Un descubrimento que servirá para estimular a moit@s crentes a seguir actuando como o viñan facendo ata o de agora, á vez que fará tamén que moitos outr@s cristiáns, boas persoas e de cumprimento dominical, descubran que non estando mal ter unha vivencia da fe na que ocupen o seu lugar as prácticas de piedade, as celebracións litúrxicas e moitas outras accións paralitúrxicas, é necesario dar un paso máis para que todo iso que se reza e vive con convicción e confianza, se mostre no actuar de cada día en relación aos demais. Sen compromiso, a fe permanece orfa, e Deus segue a dicirnos que é Pai. Camiñar no compromiso é querer facelo desde actitudes e valores que poñan sempre de manifesto que non imos solos, que con nós vai moita máis xente que cre e loita por unha parroquia, un Concello, un país… un mundo máis humano e xusto. Un mundo no que se lle vaian dando oportunidades a tod@s, e non soamente a uns poucos privilexiados e escollidos. Non, Deus é Pai de tod@s, e pide de nós que o compromiso por facer xustas e liberadoras as vidas dos homes e mulleres que nos rodean, ha ser sen exclusións e sincero. O Evanxeo de hoxe ben podemos resumilo no famoso refrán que tantas veces temos dito e escoitado: "a Deus rogando e co mazo dando"; ou dun xeito menos coloquial, "ora et labora" como nos di a regra de S.Bieito.
  • Facernos, logo, construtores do Reino esixe que espabilemos, que deixemos atrás o desencanto de quen celebra da fe só o externo –poñendo nela a boca, pero non o corazón-, esquecendo a fondura de canto nos ten deixado o legado de Xesús: "IDE E ANUNCIADE"; un ir e anunciar que fai de nós persoas activas e preocupadas por canto pasa onda nós e moito máis alá de nós; persoas que somos capaces de superar a tentación do ritualismo baleiro, para encher a vida de actitudes de esperanza e solidariedade. Si, solidariedade, alí onde esteamos e cos que máis preto están de nós. Facendo da fe unha construción de cimentos firmes e estables, que non se moven ao vaivén do que nos diga ou non nos diga o cura, o Bispo ou o Papa. A fe ben cimentada sabe abordar e dar adecuada resposta, desde a vida comprometida a favor dos demais, ao vento forte que cuestiona comportamentos e denuncia actitudes contrarias ao Evanxeo en quen afirma e se proclama seguidor e albacea do proxecto de Xesús. Porque, ao final da vida o único, pero tamén o máis importante dos exames que temos que superar é aquel no que nos van examinar do amor.

Oración Da comunidade

Diante de Ti, Señor, compartimos xuntos a nosa oración comunitaria e dicimos coa palabra e o corazón:

SEÑOR, QUE NON CAMIÑEMOS NA INDIFERENZA

  • Grazas, Señor, pola Igrexa, que quere mostrar ás persoas o verdadeiro sentido da vida, para que non caia na tentación de manexalas e de pensar por elas e ao contrario, sexa fonte de liberdade responsable e construtiva, OREMOS:

SEÑOR, QUE NON CAMIÑEMOS NA INDIFERENZA

  • Grazas, Señor, por seguir alimentando o noso esforzo para que aprendamos a compartir o noso tempo en tarefas e esforzos que dignifican ás persoas e abren camiños de liberación, OREMOS.

SEÑOR, QUE NON CAMIÑEMOS NA INDIFERENZA

  • Grazas, Señor, porque a pesares da nosa apatía, desgana e pesimismo, segues estando ao noso lado e ofrecéndonos a túa confianza, invitándonos a renovar todo canto axuda a crear pontes de liberdade e igualdade entre as persoas, OREMOS.

SEÑOR, QUE NON CAMIÑEMOS NA INDIFERENZA

Grazas, Señor, por non deixar que adormezamos na comodidade dunha vida que só xira ao redor de nós mesmos, esquecendo as angustias e sufrimentos dos irmáns. P.X.N.S.

PARA A REFLEXIÓN

COMA TI, PAI

Sobre bos e malos, Pai,

fas saír o sol e mandas a chuvia.

Sostés a todas as persoas,

ofréceslles a todas as persoas o teu colo

e fálaslles baixiño de vida e tenrura,

independentemente dos seus méritos e do seu credo.

Amas a todas as persoas, pero non es neutral.

Amas á persoa inxusta, pero detestas a inxustiza.

Amas á persoa pobre, pero rexeitas a pobreza.

Amas á persoa engreída, pero aborreces o orgullo.

Amas á persoa pecadora, pero odias toda maldade.

Grava en nós as claves do teu corazón

para respectar a quen é diferente,

para ser tolerante con quen non coinciden,

para dialogar cos disidentes,

para acoller ao estranxeiro,

para prestar sen esperar recompensa,

para saudar ao camiñante

e para amar a todas as persoas por riba das nosas preferencias.

Ensínanos, Pai, a ser coma Ti.

Que todos poidan dicir: son fill@s dign@s de tal Pai.

Ensínanos a construír a nosa vida sobre a rocha firme da túa Palabra.

CANTOS

  • ENTRADA: Pedras vivas
  • LECTURAS: Benaventurados
  • OFERTORIO: Velaquí Señor o viño
  • COMUÑÓN: Quédate Señor connosco

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2024 B

ALÍ ONDE NOS NECESITAS, ABRIMOS CAMIÑOS Á ESPERANZA (CORPUS 2024) CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Baixo o lema “Alí onde nos necesitas, abrimos camiños á esperanza” celebramos a xornada da caridade, que nos convida a non esquecer que, sempre e en todo lugar, a Igrexa, cada unha das persoas que a formamos, estamos chamadas a ser servidoras e samaritanas, achegándonos para aliviar, acompañar, escoitar e erguer a tanta xente ferida e tirada nas cunetas da vida. O Señor, que hoxe sae ás nosas rúas, volve dicirnos: “Estou aquí, facendo o camiño contigo”. Abramos o noso corazón para escoitar a súa voz que, dun xeito alto e claro, convídanos a abrir camiños de esperanza. CO CORAZÓN FERIDO Ti convídasnos a abrir camiños de esperanza; pero nós moitas veces somos profetas de calamidades, por...

3 Coresma 2024

DIANTE DA TENTACIÓN DE MERCADEAR COA FE, PROPOÑAMOS GRATUIDADE CANTO GOZOSO o     ENTRADA .- Eu sei de quen me fiei  ( 64) o     LECTURAS .- Oh, Señor, escólleme ( 62 ) o     OFERTORIO.-  Grazas Señor na mañá ( 34) o     COMUÑÓN.-   Ti es camiño e verdade ( 57)   Sinal de Coresma.-  Engadimos unha nova parte do corazón roto que estamos a conformar.   ESPERTANDO Á RENOVACIÓN              As comunidades cristiás vanse conformando ao redor da persoa e a palabra de Xesús. Persoa e palabra desde as que se nos invita a interiorizar a fe, as conviccións, os valores e actitudes desde os que vivir. Pero ocorre que moitas veces, por razóns diversas, imos esquecendo estes dous aspectos fundamentais da fe para caer na inconsistencia das rutinas, os costumes, o aburrimento desde os que acabamos vivindo a fe. No evanxeo de hoxe escoitaremos co...

6 Pascua 2024

  CONSTRUÍNDO CASA COMÚN SEN FACER DISTINCIÓNS NIN PERDER A IDENTIDADE CANTOS ·        ENTRADA:  Con ledicia vimos todos ao altar (Nº 2) ·        LECTURAS:  Cantádelle ao Señor unha cantiga nova (Nº 23) ·        OFERTORIO:  O amor é o meirande (Nº 120) ·        COMUÑÓN:  No colo de miña nai (Nº 49)   AQUECENDO O CORAZÓN              Neste sexto domingo de Pascua invítasenos a prestar atención, poñendo corazón, ollos, mans, pensamento, pés... para vivir facendo do amor cerne da nosa vida. A isto chámanos o Evanxeo de hoxe. Non é doado, sabémolo, pero non podemos renunciar a tentalo, porque só quen se esforza pode recoller logo o froito do seu esforzo.          Cando Xesús fala do amor, non está a teorizar nin tampouco a dicir palabras pa...