Ir al contenido principal

5 domingo Pascua 2011

GRAZAS, SEÑOR, POR NON TERES RESERVADO O DEREITO DE ADMISIÓN


PÓRTICO


Moitas veces na nosa vida crémonos cristiáns “con denominación de orixe”, é dicir, cristiáns auténticos, con privilexios, porque desde sempre cumprimos cunhas prácticas relixiosas, aínda que as máis das veces, é certo, non comprometemos nelas a nosa vida. E desde ese sermos “cristiáns con pedriguí”, crémonos co dereito a xulgar, criticar ou condenar aos que se senten chamados por Deus máis tarde, aos que inculturan a súa mensaxe dun xeito diferente ao noso ou a aqueles que, poñendo a persoa coma orixe, centro e meta das súas accións, traen novas ideas, e abren novas fiestras para que se renove o aire.

Coma os de Emaús: Que torpes somos en comprender!!!!!!!!!!!!!!!!!!. Hoxe Xesús no evanxeo volveranos dicir que na súa casa hai un cuarto para cada persoa: máis soleados e con cheminea para os que teñen frío, máis fresquiño para os calorosos, con moito colorido para os creativos, máis sobrios para os serios, empapelados, pintados...

Só cómpre unha cousa: fiármonos del e .... amar, a tempo e a destempo, a todos e a todas. Que esta celebración pascual que agora comezamos nos axude a encamiñar a nosa vida para ir decorando o noso cuarto.


O PERDÓN


  • Porque coa nosa boca pequena dicimos que nos fiamos completamente de Ti, pero logo seguimos poñéndolle unha candea tamén ao demo, non vaia ser o conto... SEÑOR, QUE O NOSO DOGMA SEXA O SERVIZO.

  • Porque non acabamos de deixar entrar na nosa vida a quen é camiño, verdade e vida, CRISTO, QUE O NOSO DOGMA SEXA O SERVIZO.

  • Polas veces en que queremos impoñer o noso pensamento e a nosa verdade aos demais, impedindo outros puntos de vista ou opinións, SEÑOR, QUE O NOSO DOGMA SEXA O SERVIZO.

REMUÍÑO


E NO CENTRO, AGORA E SEMPRE, O SERVIZO E O AMOR: O Libro dos Feitos dos Apóstolos que relemos neste tempo pascual, ten que ser para cada un e cada unha de nós unha chamada a saber redefinir as nosas coordenadas de fe: onde estamos e onde queremos chegar. Porque son moitas as ocasións nas que perdemos o rumbo e afogamos a frescura dunha mensaxe liberadora nunha manchea de obrigas e de cultos baleiros e sen sentido que, as máis das veces, en vez de producirnos liberación, ledicia e serenidade, só conseguen agoniarnos e converternos en meros “monicreques“ de repetición. Así, canto tempo perdido en discusións, enfrontamentos, enfados... cando o único que nos día Xesús é: “querédevos“.

Pois ben desde esa primeira lectura á que facemos referencia, hoxe descubrimos como as diferenzas (que, grazas a Deus, sempre as houbo, as hai e as haberá, pois non esquezamos que son froito do Espírito) nas primeiras comunidades van tendo resposta desde a escoita, o diálogo, o querer entenderse, nunca desde a imposición e o ordeno e mando. Ai, que tempos aqueles!!!!!!!!!. E ademais, dános outra pista moi interesante que moitas veces esquecemos: a salvación de Deus pasa pola salvación das persoas; por iso non descoidan a atención e o coidado dos máis empobrecidos e dos últimos da comunidade. Para eles a fe non é un entretemento nin tampouco algo puramente espiritual, senón que a vivencia da fe lévaos ao compromiso, ou dito doutro xeito, eran quen de mirar en abano e de traballar en rede. Podemos dicir nós o mesmo?.


UN AMOR QUE É SOLIDARIEDADE E CONFIANZA EN DEUS E NOS DEMAIS: Porque non nos enganemos: unha comunidade que só mira para dentro de si mesma e non é capaz de concretar o compromiso de servizo e entrega aos pobres, é unha comunidade inmadura e infantil. De que nos vale rezar moito e con moita pulcritude, sen que ninguén nos moleste, non vaia ser..., se despois falamos mal uns dos outros, endurecemos o corazón diante do que sufre, somos incapaces de compartir con quen non ten, nos mostramos insensibles diante de quen o está a pasar mal ou non estamos dispostos a mover nin un só dedo para axudar a quen precisa de nós?. Desenganémonos: unha comunidade que non descubre que a solidariedade é un dos cimentos da fe e da Igrexa, é unha comunidade que non pode levar con dignidade o nome de cristiá. A solidariedade ten que ser a pedra angular do noso actuar, do noso sentirnos e descubrirnos cristiáns.

E porque sabemos que paga a pena fiarnos, cómpre que escoitemos ben o que o Señor nos di: que non nos agoniemos, hai cuartos para todos.... Cuartos, que non sotos.....Ufffffffffffffffffff!. Cantos esquemas se rompen!!!!!!!!!!!!!!!!!. Algúns dos nosos pastores, si, daqueles que nos ocuparon o domingo pasado, pasan a vida asustando aos rabaños coa condenación, con sotos cheos de lume nos que arderán os “inxustos” (por suposto os que non pensan, rezan e cren coma eles)... e resulta que hoxe o Señor di que el é camiño, verdade e vida e que na súa casa hai sitio para todos. Lo más!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!. Que aprendamos del a ser persoas incluíntes, nunca excluíntes. A Pascua que estamos a vivir é un bo momento para comezar, porque para a tenrura sempre é tempo.



ORACIÓN DA COMUNIDADE


Porque a misericordia do Señor enche toda a terra, unímonos para compartir e ofrecer o mellor de canto podemos dar, e dicimos xunt@s:


QUE NOS ESFORCEMOS POR SER PEDRAS VIVAS


  • Para que na Igrexa aprendamos a vivir o servizo como un valor evanxélico, e non como unha actitude paternalista, Oremos.


QUE NOS ESFORCEMOS POR SER PEDRAS VIVAS


  • Para que nas nosas comunidades non nos preocupemos tanto polo pouco número que somos e poñamos máis esforzo na nosa principal tarefa: ser diante do mundo testemuñas do Deus amor e auténticas pedras vivas, acollendo, perdoando, comprendendo... tamén a quen non pensa coma nós, Oremos.


QUE NOS ESFORCEMOS POR SER PEDRAS VIVAS


  • Para que cada un e cada unha de nós, que estamos aquí celebrando a túa resurrección, poñamos toda a nosa confianza en Ti, seguros de que nos darás a forza que nos leve a converter Palabra e Pan en compañía para quen está só, voz para quen enmudece e xustiza para quen se sente maltratado e incomprendido, Oremos.


QUE NOS ESFORCEMOS POR SER PEDRAS VIVAS

Porque somos na túa casa, que tamén e a nosa, pedras vivas, unímonos para reforzar a forza desta fe que hoxe agradecemos poder compartir.P.X.N.S. Amén.


PARA A REFLEXIÓN

Ti ofreces a túa casa labrega

a toda a xente que camiña ao pairo polos camiños da vida.

Ti es amigo de acoller sen preguntar,

ofrecendo primeiro a calor da túa aperta,

a tenrura da túa amizade

e o alimento do teu amor.

Canto temos que aprender de ti!!!!!!!!!!!!.

Ti reservas un cuarto para cada persoa,

respectando o noso ser e as nosas teimas,

prezando a nosa voz e a nosa decisión,

provocando sempre a nosa responsabilidade.

Ti gardas sempre o sitio mellor,

o máis tranquilo, o que está mellor amoblado

para a persoa máis pobre e pequena,

para quen está máis marcada pola vida.

Canto temos que aprender de ti!!!!!

Ti lémbrasnos cada día

a infinidade de persoas que temos no mundo

orfas de casa e pan,

orfas de presente e de porvir,

mentres o teu soño primeiro

foi un fogar amplo, quentiño e común

no que poidamos vivir a ledicia da irmandade.

Canto temos que aprender de ti!!!!!!!!!!!!!

Ti non quedas parado.

Reclamas a nosa colaboración

para esta tarefa, sublime e elemental,

de darlle a cada persoa un cuarto

nesa casa grande, na túa casa labrega,

que é a humanidade.

Canto temos que aprender de ti!!!!!.



CANTOS

  • ENTRADA: Pedras vivas

  • GLORIA

  • LECTURAS: Eu soñei

  • OFERTORIO: Eu sei de quen me fiei

  • COMUÑÓN: Grazas, Señor, graciñas

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Santos 2025

  BENAVENTURADAS AS XENTES DE BEN QUE, AO ESTILO DE XESÚS, PASARON SEMENTANDO XENEROSIDADE Canto para agradecer Ø    Entrada.-  Benaventurados Ø    Lecturas.-  Podo do divino e do humano Ø    Ofertorio.-  Na nosa terra Ø    Comuñón.-  No colo da miña nai Ollos para ver          Hoxe é a festa de tódolos Santos, a festa do agradecemento a tantas persoas de ben que foron deixando no medio de nós pegadas de solidariedade xenerosa e entregada. Falamos daquelas persoas, moitas delas témolas coñecido, que nos deixaron esa sementiña de esperanza en momentos nos que a vida se volvía dura e difícil.          Homes e mulleres que foron construíndo a súa santidade desde a sinxeleza e a humildade de facer canto o corazón lle pedía para construír un mundo mellor. Homes e mulleres aos que Francisco lles chamaba os santos da porta do lado, porque a ...

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...