Ir al contenido principal

REMOL ASCENSIÓN 2011

A confianza na presenza de quen está sen importarlle ser visto. Grazas, Señor!

Pórtico

Como lle pasou aos discípulos, tamén a nós o Señor nos ten ido dando oportunidades para poder velo levantarse: na solidariedade que move o corazón de tantas persoas hoxe en día, no traballo de quen é capaz de poñer o seu tempo para que alguén poida sentirse acompañado, na renuncia á comodidade e a unha boa conta corrente por parte de quen non dubida en poñerse á fronte de iniciativas que van facendo a vida moito máis humana ás persoas. Si, as presenzas a través das que o Señor se vai erguendo diante de nós son e seguirán a ser múltiples, o que ocorre é que nós non estamos sempre en disposición de levantar os ollos e descubrilas.

Que a festa de hoxe nos axude a tomar conciencia que non son as paredes do templo, senón o latexo do corazón de tantas persoas ao noso redor, as que nos levan a poder ver que o Señor se ergue cada día a través das mans abertas de quen, porque confía nel, sabe tendelas a quen as necesita.

Perdón

  • Polas veces en que somos incapaces de axudar aos demais, porque temos outros intereses que tiran máis de nós, SEÑOR, QUE ABRAMOS OS OLLOS A TÚA PRESENZA
  • Porque moitas veces escrutamos o ceo esperando que nos solucione os problemas, mentres nós somos incapaces de mover un dedo para solucionalos, CRISTO, QUE ABRAMOS OS OLLOS A TÚA PRESENZA.
  • Polo noso costume de botarlle a culpa do que lle ocorre á Igrexa aos demais, sen facer autocrítica sobre a nosa falta de ilusión e testemuño, SEÑOR, QUE ABRAMOS OS OLLOS A TÚA PRESENZA.


REMUÍÑO

  • Quedaron pasmados mirando ao ceo: Quizás esta afirmación podémola poñer en primeira persoa do plural, porque parece que hoxe máis ca nunca os cristiáns estamos pasmados mirando ao ceo e somos incapaces de mirar á realidade. Así, diante de cuestións que moitas veces escapan ás nosas respostas, defendémonos dentro dos templos, esperando outras épocas e facendo da nosa fe algo individualista e ritualista. É moito mais cómoda esta actitude que non nos cuestiona, que non interfire na nosa vida e que non desestabiliza o noso xeito de actuar na familia, no traballo, na Igrexa, no pobo. De aí que se nos acuse de estar á marxe da realidade, de buscar só uns intereses de institución e un posto prominente na sociedade que hoxe non ten sentido pero que nós resistimos a abandonar. É cousa só da xerarquía, dos que mandan na Igrexa?. Pois non, xa que nós non valoramos o crecemento da fe, a súa implicación na realidade e coas xentes que nos rodean. Danos o mesmo. Con tal de cumprir cos domingos e festas de gardar xa chega, non sexa que a formación, os grupos parroquiais, e as chamadas a non ser indiferentes e monicreques nas mans doutros que atúan por nós, nos cuestione todo. O mesmo lle pasaba aos apóstolos, pero eles sentíronse empurrados pola forza do Espírito e puxéronse en camiño. Foron a Xerusalén e alí comezaron a dar testemuño. E nós, que necesitamos para darnos conta de que a fe sen a vida está morta?. De que a indiferenza fainos cómplices da realidade que temos e que tanto criticamos?

  • Tarefa que nos enche de ledicia: Os cristiáns, unha vez que descubrimos no cotiá, no discorrer dos nosos días que estamos chamados a unha tarefa, que a realidade nos urxe a descubrila cunha actitude sempre aberta, cuestionante e transformadora, estamos chamados a: evanxelizar coa nosa vida, a levar a mensaxe de Xesús mais aló de nós mesmos. Unha mensaxe liberadora, non excluínte, solidaria, transformadora, alegre e sobre todo non sentíndonos solos, porque convén non esquecer que é a comunidade, a Igrexa a que nos envía, a que nos acolle, a que nos mostra a Xesús presente e animando sempre. Non estamos solos, non temos un Deus ausente, senón que queda no medio de nós, especialmente nas persoas, e que tan esquecido temos cos nosos comportamentos. Tamén se nos chama a celebrar a nosa fe encarnada, facendo das nosas celebracións unha chamada á vida, a presentarlle ao Señor, dende a nosa limitación, ás persoas todas, especialmente as menos favorecidas, as excluídas, as malogradas, as débiles, as que ninguén quere. Por último, a nosa vida ten que transformar a realidade, ao igual que fixeron os primeiros cristiáns,. dende o convencemento, dende a ledicia, dende o respecto, dende o traballo ben feito, dende a responsabilidade que temos coma cristiáns cara ás persoas e ao mundo.

Que non fagamos oídos xordos a esta chamada do Señor, prometeu estar connosco deica a fin do mundo.


ORACIÓN DA COMUNIDADE

Acheguémonos co corazón e coa palabra a compartir este momento de oración comunitaria e digamos xunt@s:

QUE A TÚA PRESENZA ENCHOUPE A NOSA VIDA

Que saibamos mostrarnos Igrexa desde o diálogo, o traballo compartido e a aposta pola defensa da dignidade humana, presente en tódalas persoas, crentes ou non, e deixemos atrás poder e dominio, OREMOS.

QUE A TÚA PRESENZA ENCHOUPE A NOSA VIDA

  • Que construamos comunidades vivas, adultas, maduras e con criterio, vencendo a tentación de ser simple correa de transmisión dos que mandan e toman decisións, OREMOS.

QUE A TÚA PRESENZA ENCHOUPE A NOSA VIDA

  • Que cada un/ha de nós, nos esforcemos por testemuñar, con alegría e gozo, a fe compartida, estando sempre dispost@s a aprender dos irmáns, a deixarnos corrixir cando o necesitemos, recoñecendo que nin o sabemos todo nin a única verdade é a nosa, OREMOS.

QUE A TÚA PRESENZA ENCHOUPE A NOSA VIDA

Señor, que nós traballemos cada día por sentirte presente ao noso lado, descubrindo que ti es para nós alento, luz e xustiza. P.X.N.S. Amén.


PARA A REFLEXIÓN

Non nos deixas orfos, Señor,

nunca nos deixas orfos.

Cando amamos e seguimos os teus mandados,

o teu Espírito de amor fainos compaña

e é para nós forza e alento, sopro gratuíto de vida

e descanso no traballo

para continuar en amor e fidelidade.

Cando facemos mal as cousas,

o teu Espírito de verdade move o noso interior

e é para nós luz na escuridade,

auga limpa que nos limpa,

menciña nas feridas

e garantía do teu amor e da túa fidelidade.

Á hora de testemuñar a fe

e dar razón do noso xeito de vivir,

o teu Espírito de vida acompáñanos sempre

e pon as palabras precisas ao noso alcance.

E se o medo á liberdade e a pobreza dos nosos proxectos

secan o noso corazón,

o teu Espírito, manancial de auga viva,

régao para convertelo en oasis fecundo.

Vivimos o presente con serenidade

e miramos cara ao futuro con esperanza,

porque Ti non te esqueces de nós,

aínda que nós nos esquezamos de Ti.

Aínda que pasemos dificultades,

aínda que fracasemos nos nosos intentos,

aínda que nos visite a desgraza,

aínda que nos rompamos en cachiños,

aínda que a morte nos recolla antes de tempo,

fiámonos de Ti,

confiamos na túa promesa.

Non nos deixas orfos, Señor,

nunca nos deixas orfos.


CANTOS

  • ENTRADA: Ti es camiño e verdade

  • GLORIA

  • LECTURAS: A túa Palabra

  • OFETORIO: Xurdirá

  • COMUÑÓN: Ide e pregoade

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Santos 2025

  BENAVENTURADAS AS XENTES DE BEN QUE, AO ESTILO DE XESÚS, PASARON SEMENTANDO XENEROSIDADE Canto para agradecer Ø    Entrada.-  Benaventurados Ø    Lecturas.-  Podo do divino e do humano Ø    Ofertorio.-  Na nosa terra Ø    Comuñón.-  No colo da miña nai Ollos para ver          Hoxe é a festa de tódolos Santos, a festa do agradecemento a tantas persoas de ben que foron deixando no medio de nós pegadas de solidariedade xenerosa e entregada. Falamos daquelas persoas, moitas delas témolas coñecido, que nos deixaron esa sementiña de esperanza en momentos nos que a vida se volvía dura e difícil.          Homes e mulleres que foron construíndo a súa santidade desde a sinxeleza e a humildade de facer canto o corazón lle pedía para construír un mundo mellor. Homes e mulleres aos que Francisco lles chamaba os santos da porta do lado, porque a ...

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...