Ir al contenido principal

3 domingo advento 2011


ADVENTO, TEMPO DE ACCIÓN DE GRAZAS

Iniciad@s na Eucaristía

SIGNO: Colocamos no taboleiro ou prendemos a terceira candea, que terá o nome do sacramento da Eucaristía ou algún signo alusivo ao mesmo.

PÓRTICO

O terceiro sacramento da iniciación é a Eucaristía. Cara el han levarnos tanto o bautismo como a confirmación, e con el pechamos a triloxía que nos invita a estar no medio do mundo cunha actitude activa de fidelidade, compromiso e seguimento daquel en quen cremos, daquel a quen rezamos –pedindo, pero tamén agradecendo- e desde o que traballamos para que o mundo sexa casa común de encontro, diálogo e presenza de Deus. E que mellor que no comezo da celebración sexamos invitados non só a participar da Eucaristía estando fisicamente, senón a vivila con espírito de comuñón fraterna cos irmáns, de diálogo sincero desde a relación con Deus e en permanente acción de grazas por todo canto imos atopando no camiño da vida, e que vai facendo de nós man solidaria, corazón quente e pés sempre dispostos a poñerse en camiño para servir a quen se senta necesitado do noso tempo e atención; pois é nestas persoas nas que sabemos apreciar e descubrir a presenza de Deus. Na “fonte e cume” de todo o proceso de vida e de fe que é a Eucaristía, celebremos o encontro con Deus e cos irmáns de xeito gozoso, fraterno e agradecido. Que a candea que agora colocaremos no taboleiro (prendemos) non só non nos faga esquecer, senón que reafirme que esa luz é luz para o camiño que persoal e comunitariamente todos debemos facer como resposta á confianza que en nós puxo Aquel que “pasou polo mundo facendo o ben”.

O PERDÓN

·         Señor, agoniados polos nosos quefaceres de cada día, esquecémonos moitas veces de dar grazas por todo o que vas poñendo na nosa vida, SEÑOR, QUE SAIBAMOS SER AGRADECIDOS.
·         Cristo, cómo nos custa asumir e entender que as cruces que van aparecendo no noso camiño non rematan no fracaso, senón que nos abren á esperanza, CRISTO, QUE SAIBAMOS SER AGRADECIDOS.
·         Señor, qué fácil nos resulta preparar o noso camiños esquecéndonos dos teus, SEÑOR, QUE SAIBAMOS SER AGRADECIDOS.

REMUÍÑO

Isaías na primeira lectura fai un canto de esperanza para que o pobo, nun momento de especial dificultade, non esmoreza, non se veña abaixo, non desespere. A confianza en Deus é sempre para o profeta o alento no camiño no que vai atopando dificultades, e non poucas. Fronte á dureza da vida, el vai apoiándose no Deus que non só quere gardar para si, senón que se fai presente en cantos vai atopando no camiño frustrado ou se ven desacougados: os que sofren, os que teñen o corazón desgarrado –e quen non en máis dunha ocasión!- os que senten presos da enfermidade,a dor, a tristura, aos que non se lles respecta a súa dignidade... Para tod@s eles vén o Señor. E vén porque nos abre á forza para non deixarnos ir sen rumbo, para non permitir que a rutina nos converta en indiferentes e despreocupados, para que nunca poidamos dicir: deixo a fe porque non me aporta nada, ao contrario só adormece e xustifica o que me pasa. Contra disto, dinos Isaías que a fe é gromo de novidade, ilusión, esperanza, forza e proxecto de presente e futuro para que a vida de cada unh@ de nós sexa un río que sempre reborda, e non un regato que seca. Para que sexa así, podemos dicir tamén nós: o Espírito do Señor está sobre nós!.
Porque non podemos esquecer que o proxecto de Deus chámanos a vivir a salvación non como algo abstracto; nin tampouco desde o “buenismo” hipócrita ou desde o medo. Non. A salvación hai que vivila desde a confianza de quen se deixa levar pola man agarimosa e sempre acolledora daquel que se nos ofrece como guieiro da nosa vida, para curar os “corazóns destrozados”. Nós ben sabemos que ao noso redor son moitos os “corazóns rotos e sen esperanza”: a dureza e as dificultades da vida vanse concretando en situacións de soidade, perda de traballo, violencia, explotación, falta de respecto aos dereitos fundamentais da persoa... Pois nestas situacións, Deus, solidario con estas persoas, maniféstase de moitos xeitos e maneiras. Unha delas é a través da nosa mediación. El non nos deixa solos, e o texto de Isaías lémbranolo. No Servo están presentes tantas persoas que non poden facer o camiño da vida desde a dignidade que posúen. Por iso nos corresponde a nós saber poñer nestas vidas rotas afecto, sinceridade, consolo... cercanía... como sinais da manifestación da salvación de Deus.
A Eucaristía quere ser ese momento de agradecemento persoal e compartido dunha comunidade que ao longo da semana camiña, non sen dificultades, pero tamén con ledicias, facendo familia, parroquia e sociedade guiada pola forza da fe vivida e celebrada sen medo nin complexos. O noso encontro do domingo, no que estamos pequenos e grandes, maiores e novos, sen diferenzas nin distincións, querendo mostrarnos como comunidade, é unha chamada, tamén invitación para que a Eucaristía sexa verdadeira acción de grazas por non estar solos, por descubrir por que dicimos que a fe é gromo de esperanza e forza desde a que facer fronte a canto na vida se nos vai manifestando. Este tempo de Advento, que pouco a pouco imos decorrendo, quere hoxe facernos conscientes de que só preparando o camiño poderemos escoitar a súa Palabra. A Palabra que, no deserto no que tantas veces vivimos, nos di que a fe é oasis comunitario de encontro e fraternidade.

ORACIÓN DA COMUNIDADE

A Eucaristía é acción de grazas, encontro comunitario e diálogo confiado con Deus. Invitados a participar dela, dicimos agora xunt@s:
GRAZAS, SEÑOR POR ACOMPAÑARNOS
En momentos de dificultade, dureza e desencanto no que moitas persoas viven hoxe, que saibamos ser verdadeira comunidade que acolle, escoita, comparte a acompaña, OREMOS.
GRAZAS, SEÑOR POR ACOMPAÑARNOS
Nas nosas parroquias coñecemos persoas que están a vivir momentos de especial dificultade, tristura, desesperanza e coa sensación de que todo se lle pecha e non atopan luz no seu camiño. Para que saibamos estar atent@s para que a exclusión e o anonimato non prendan nas súas vidas, OREMOS.
GRAZAS, SEÑOR POR ACOMPAÑARNOS
Por tod@s nós, que hoxe compartimos, unha vez máis, a mesa solidaria da Eucaristía. Para que comprendamos que esta mesa significa comuñón fronte a exclusión, integración fronte a marxinación; participación fronte a insolidariedade, OREMOS.
GRAZAS, SEÑOR POR ACOMPAÑARNOS
Que a nosa oración saiba ser sempre agradecida por todo canto vas pondo ao noso redor. Por P.X.N.S. Amén.

PARA A REFLEXIÓN

Señor da Vida:
invítasnos a ser persoas solidarias
para cambiar o mundo,
para que naza o Reino.
Abre as nosas mans e os nosos corazóns
para aprender a compartir o que somos e o que temos;
para vivir a festa diaria da solidariedade,
que é o amor polos demais feito acción e compromiso.
Ensínanos a ofrecer o que temos,
a compartilo coas outras persoas,
a dalo con xenerosidade.
Ensínanos a compartir os nosos bens, a vivir co preciso,
a ser persoas xenerosas e desprendidas.
Ensínanos a dar o noso tempo, a ofrecer a nosa colaboración,
a compartir os nosos dons;
porque cando un dá o que ten,
a solidariedade fai o resto,
e chega para a vida de todas as persoas.
Ensínanos a ser persoas solidarias.
Ensínanos a compartir desde a gratuidade.
Ensínanos a ledicia de dar,
para construír o Reino,
para vivir o amor,
para cambiar o mundo e achegalo máis a Deus.

CANTOS

Entrada: Vinde axiña
Lecturas: Volve Señor
Ofertorio: Grazas, Señor, graciñas
Comuñón: Pan do ceo


Comentarios

Entradas populares de este blog

Epifania 2025

A ESTRELA DE DEUS GUÍA O CAMIÑO CARA Á BELÉN DA SINXELEZA CANTOS:  Panxoliñas OLLOS ABERTOS Paz e ben. Hoxe é un día máxico e de maxia. Máxico porque Deus móstrasenos a toda a humanidade, sen distincións. El non repara na nosa condición social, na cor da nosa pel, no noso xénero ou na nosa idade. El é man aberta que acolle e abraza sen exclusións de ningún tipo. Pero tamén é día de verdadeira maxia, para pequenos e grandes: a maxia da ilusión e da capacidade de sorprendernos pola estrela do Señor, que guía a nosa vida. Con esta invitación a non perder nunca a maxia da ilusión, comecemos a nosa celebración de hoxe. CORAZÓN MISERICORDIOSO Señor, inda que Ti nos invitas á maxia da ilusión, nós confundimos o camiño e andamos no pesimismo, por iso che dicimos, SEÑOR, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, Ti non cansas nunca de dicirnos que só quen ten capacidade de sorprenderse seguirá fiel no teu vieiro, por iso che pedimos, CRISTO, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, pol...

1 Advento 2024

Carpinteiras do berce da esperanza   CANTOS ·        ENTRADA: Volve, Señor. (Nº 90) ·        LECTURAS: Amostrame, Señor, os camiños da vida (Nº 20) ·        OFERTORIO: Velaquí Señor o viño (Nº 37) ·        COMUÑÓN: Xesús chamado amigo (Nº 89)   SINAL O sinal que utilizaremos neste tempo de Advento vai ser un berce. Berce que iremos conformando ao longo dos catro domingos, para que cando chegue o día de Nadal poidamos poñer sobre el ao Neno recén nacido.   ABRINDO O CORAZÓN             Comezamos hoxe as catro semanas de Advento previas ao tempo de Nadal. Ao longo delas invitarásenos a volver os ollos e o corazón ao Señor, de xeito que cando El chegue nos atope cos brazos abertos e toda a mellor das disposicións para que quede con e entre nós.          ...

Santos 2024

  Tódolos Santos. 2024 Camiñando na comuñón do Pai, do Fillo e do Espírito Santo Cantos Entrada.-  Benaventurados  ( 118) Lecturas.-  O amor é o meirande  ( 119) Ofertorio.-  Quédate, Señor, connosco   ( 63 ) Comuñón.-  Non vou so   ( 60 )   Ollos para ver          As persoas cristiás celebramos hoxe a festa da esperanza. Non é nin a festa dos disfraces nin a festa do medo, é a festa do agradecemento polo testemuño de vida que nos teñen deixado homes e mulleres, os santos da porta do lado, como diría o papa Francisco, que foron quen de construír comunidade en comuñón. Sabendo unir, escoitar, acompañar e mostrar que na vida, o que nos fai verdadeiramente felices é facer o ben, e non rosmar e estar permanentemente facendo crítica e vendo so o negativo das demais persoas.          E hoxe entón a festa da comuñón no Pai, no Fillo e no espírito...