Ir al contenido principal

4 advento 2011

ADVENTO, TEMPO DE AIRE RENOVADOR NUNHA IGREXA NECESITADA DELINICIAD@S NA RECONCILIACIÓN

SIGNO: Colocamos no taboleiro ou prendemos a cuarta e derradeira candea, que terá o nome do sacramento da reconciliación ou algún signo alusivo a dito sacramento.

PÓRTICO
No camiño do Advento atopamos tamén con María, muller, cristiá da primeira fornada, nai e sempre fiel discípula disposta a acoller e enxergar no seu corazón canto vía e escoitaba dos beizos e accións de seu Fillo. A candea de hoxe, coa presenza da Señora do Advento, Santa María da Esperanza, quere lembrarnos que moitas veces a iniciación queda interrompida porque o noso actuar vaille dando, pouco a pouco, as costas a Deus e esquecéndose de que a fidelidade é constancia, paciencia, esforzo e renuncia. E como nós moitas veces, ou non queremos ou nos custa en exceso camiñar nestas catro actitudes, tiramos por terra canto o Bautismo, a Confirmación e a Eucaristía foron sementando en nós. Por iso, antes de dar o paso final e traspasar a porta que nos leva ao Nadal, somos invitados a iniciármonos no camiño da reconciliación, a deixar atrás canto nos entristece, fire, destrúe e afasta dos irmáns, do mundo, de nós mesmos, e, como consecuencia de todo isto, de Deus. Por iso esta cuarta candea quere lembrarnos que o Nadal non é algo externo, senón un punto de chegada de todo camiño anterior no que nos fomos preparando. Sentir a necesidade da reconciliación no final deste camiño do Advento é o mellor indicador de que pagou a pena todo o andado, porque Deus ábrenos de novo os brazos para acollernos e a súa misericordia é sempre moito máis grande e xenerosa que o noso pecado. Que este Nadal que xa está ás portas, non quede sen esta experiencia sempre nova e lediciosa que é a reconciliación. Deixémonos reconciliar por El!.
O PERDÓN
* Porque en demasiadas ocasións esquecemos que a fidelidade é constancia, paciencia, esforzo e renuncia, SEÑOR, QUE NOS DEIXEMOS RECONCILIAR CONTIGO.
* Por non ter sabido tornar o pesimismo, o andazo, a desconfianza e a falla de misericordia que tantas veces están á espreita na nosa vida, CRISTO, QUE NOS DEIXEMOS RECONCILIAR CONTIGO.
* Por non dar aprendido que só poderemos atoparnos contigo se baixamos do monte da soberbia e da grandeza deste mundo, reconciliándonos coa humildade e a sinxeleza, SEÑOR, QUE NOS DEIXEMOS RECONCILIAR CONTIGO.


REMUÍÑO
Irrompe María como invitación renovadora no tempo de Advento. A súa concepción segue a ser para nós hoxe exemplo de confianza e acollida da voz de Deus na nosa vida, en todo canto imos enchendo da nosa presenza e do noso actuar. Porque, coma Ela, tamén nós somos chamados a facer nacer en nós ao Deus que esperamos, ao Deus que nos chama a non permanecer calados diante de canto está a ocorrer ao noso redor. Non basta ver as cousas e deixarnos estar, pois o noso si a Deus chámanos a un actuar responsable, libre e sempre comprometido con aquelas causas nas que é posible facer presente o seu Reinado. A súa manifestación será posible se tomamos en serio actuar coma seguidores da persoa e da mensaxe de Xesús. El segue chamándonos, de nós vai depender a resposta. Que saibamos dicirlle, coma ela, si a canto vai facendo do mundo lugar de entendemento e acollida que non cala fronte os abusos, as inxustizas ou a mentir. Porque ser cristián no mundo de hoxe xa non é un rito ou un costume familiar, senón unha decisión libre e activa para facer posible toda a riqueza que lle aporta ás persoas a mensaxe de Xesús. E que mellor que este momento do tempo de Advento para plantexarnos revisar que actitudes e comportamentos deberiamos cambiar para chegar en disposición de celebrar de xeito cristián o Nadal!. 

 A presenza do Señor no cotián de cada un/ha de nós vaise manifestando pouco a pouco, sen facer barullo e sen necesidade de organizar unha campaña de publicidade. Ao contrario, a súa presenza percíbese nese xeito sinxelo de facer as cousas, sen artificio e con seriedade, facendo crible que aquilo que estamos a dicir somos capaces de poñelo en práctica, de vivilo, que non é unha construción teórica de algo xa dito moitas veces, pero imposible de vivir. E podemos dicir isto porque a historia destes dous mil anos de vida da Igrexa ensínanos que sendo difícil facelo, si que é posible. Moitos homes e mulleres conseguírono, e fixérono porque sabían que con ilusión e gañas, a presenza do Espírito manifestábase na súa vida para seguir avanzando e para vencer a tentación de recuar e deixalo. Homes e mulleres que sen estar no calendario de celebración litúrxicas, souberon facer da súa vida experiencia de felicidade persoal e comunitaria. E se eles, de carne e oso coma nós, puideron, por que non imos poder tamén nós?

Nesta última semana invítasenos á preparación interior cara o Nadal. A Luz que chega, esa luz que María levou no seu ventre, quere ser agora luz que ilumine o noso camiño e nos acompañe a recoñecer as sombras que nel atopamos, sombras que a reconciliación, experiencia de amor e misericordia de Deus, nos invita a deixar atrás para cando nesa noite de esperanza e futuro, El chegue e poida entrar na vida de cada un/ha de nós. Que saibamos dicir si coma David, Paulo, Gabriel e María, que hoxe nos teñen acompañado nos textos proclamados durante a celebración!.


ORACIÓN DA COMUNIDADE
Logo de escoitar resoar en nós a Palabra que nos invita a deixarnos reconciliar con ese Deus que é Palabra e vida, presentamos a nosa oración comunitaria dicindo xunt@s: 
SEÑOR, ÁBRENOS Á RECONCILIACIÓN
Para que cant@s formamos parte da Igrexa saibamos recoñecer a necesidade e importancia da reconciliación, deixando atrás canto nos fai infelices e nos aparta de Deus e dos irmáns, Oremos. 
SEÑOR, ÁBRENOS Á RECONCILIACIÓN
As nosas comunidades parroquiais están tamén moi necesitadas de reconciliación. Por todas as veces nas que discutimos uns cos outros, creamos problemas de relación ou deixamos de axudar, Oremos.
SEÑOR, ÁBRENOS Á RECONCILIACIÓN
Para que descubramos neste Advento a necesidade de ser reconciliados por todo canto temos que deixar atrás porque nin nos fai felices nin nos achega a túa confianza, Oremos.
SEÑOR, ÁBRENOS Á RECONCILIACIÓN
Grazas, Señor, pola invitación a facer da nosa vida unha experiencia de reconciliación. P.X.N.S. Amén.

PARA A REFLEXIÓN
Virxe da Esperanza,
Nai dos pobres,
Señora dos que peregrinan:
escóitanos.
Hoxe pedímosche
pola terra que ti visitas
cos pés descalzos,
ofrecéndolle a riqueza do neno
que levas no teu colo.

Un neno fráxil que nos fai fortes;
un neno pobre que nos fai ricos;
un neno escravo que nos fai libres.
Virxe da Esperanza:
a terra esperta,
despunta a luz dunha mañá nova.
É o día da salvación
que xa chega.

Señora das persoas que peregrinan:
somos o pobo de Deus,
somos a Igrexa que camiña cara á Pascua.

Nosa Señora,
ilumina a nosa esperanza,
alivia a nosa pobreza,
peregrina con nós cara ao Pai.
Amén

CANTOS
  • ENTRADA: Vén axiña a visitarnos
  • LECTURAS: Arrepentido
  • OFERTORIO: Na nosa terra
  • COMUÑÓN: Volve, Señor

Comentarios

Entradas populares de este blog

Pentecostes 2026

PENTECOSTES: O MILAGRE DE NON SER LADRILLOS IGUAIS SENÓN PEZAS VIVAS DA DIVERSIDADE CANTO GOZOSO   ö ENTRADA: Vinde axiña (   10     ) ö ASPERSIÓN: A auga do Señor (Nº 125) ö LECTURAS: Manda o teu Espírito ö OFERTORIO: Sementar, sementarei ö COMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55) MIRADA AGRADECIDA Hoxe pechamos o tempo de Pascua, e facémolo do mellor xeito posible: co cumprimento por parte de Xesús da súa promesa de non deixarnos na orfandade, senón de agasallarnos co Espírito Santo. E se pensamos neste Espírito, a mellor imaxe non é a dun coro onde todas as persoas cantan a mesma melodía coa mesma voz. O Espírito parécese máis a unha gran orquestra, onde cada instrumento é totalmente diferente, ten o seu propio timbre, o seu propio xeito de soar e o seu propio acento. O milagre non é que o violín soe a trompeta, senón que cadaquén, estando ben afinada e ben afinado na súa propia identidade, contribúa a crear unha música final que a ningun...

Corpus 2026

ELIXE AMAR. ELIXE COMUNIDADE... ASÍ NINGUNHA PERSOA TERÁ QUE RECIBIR MIGALLAS. CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe celebramos o Corpus Christi, o Día da Caridade, e facémolo co corazón de festa pero cos pés afincados no chan. Moitas veces corremos o perigo de reducir este día a unha procesión fermosa, a custodias brillantes e a efémeras alfombras de flores. Pero o Corpus é o recordatorio de que Deus non quedou nunha teoría, senón que se fixo pan para poder ser alimento e para poder ser compartido. Non o esquezamos: o deserto segue aí fóra. O deserto da soidade da xente maior, o deserto da falta de oportunidades da mocidade, o deserto de tantas familias que non teñen vivenda ou que non chegan a fin de mes. E neses desertos resoa con forza a chamada deste ano: Elixe amar, elixe comunidade. Porque a caridade non é dar as sobr...

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...