Ir al contenido principal

Domingo 16 TO B

NUN MUNDO DE LOBOS, NECESITAMOS PASTORES QUE ACOLLAN, ESCOITEN E AGARIMEN, NON QUE ESCORRENTEN
PÓRTICO
O domingo é para nós os seguidores de Xesús o Día do Señor; o día no que nos reunimos ao redor do altar para compartir a fe, alentarnos mutuamente, rezar xuntos agradecendo a graza de ter ao noso carón persoas que coma nós, sen sentirse nin superiores nin mellores que os demais, compartimos o mesmo reto de ir facendo da nosa vida, de canto dicimos e facemos, experiencia de presenza e imaxe de Deus. Non é logo a nosa unha reunión movida por un simple ritual que se repite de xeito cansiño cada oito días. Tampouco é a reunión dun grupo que se considera excluído, perseguido ou incomprendido, e desde o complexo de ser vítima, convértese en guetto que escapa do mundo. Non, o noso encontro do Domingo quere ser sempre experiencia compartida de fe, agradecemento comunitario de solidariedade e presenza viva de Deus no medio dunha comunidade que se reúne para celebrar e gozar de que o amor de Deus é esperanza, alegría e participación. E para iso, hoxe máis ca nunca, necesitamos pastores alegres, solidarios, cercanos, creativos e capaces de ilusionar e ilusionarse servindo á comunidade e á sociedade desde o seu ministerio.

O PERDÓN
ð Por faltarnos moitas veces ilusión, e sobrarnos crítica, SEÑOR, QUE NOS REUNAMOS CON GOZO NO TEU NOME.
ð Por deixarnos levar polo cómodo e fácil, facendo da nosa vida desilusión e aborrecemento, CRISTO, QUE NOS REUNAMOS CON GOZO NO TEU NOME.
ð Por deixar que as nosas actitudes e comportamentos se afasten do ideal ao que Ti nos invitas e propós como sentido e camiño de vida, SEÑOR, QUE NOS REUNAMOS CON GOZO NO TEU NOME.
REMUÍÑO
  • Moito temos falado e escoitado sobre os curas. Que se son deste xeito, que se son daquel outro, que se non escoitan, que se non deixan participar, que non fan máis ca propoñer cousas e non nos deixan tranquilos, que si berra e é malencarado, que si é afable e dialogante ... Dun xeito ou doutro, sempre os curas acaban sendo motivo de comentario, positivo ou negativo, en moitas ocasións. Cando falamos deste xeito esquecemos algo fundamental que non deberiamos ter esquecido: os curas serán o que nós, membros das comunidades, queremos que sexan. Si a nós o único que nos preocupa é ter misas polos defuntos, funerais e novenas, o cura acabará entrando nesa dinámica e facendo o que lle pidamos. Claro que, se despois nos di que iso ten un prezo e que as cousas da fe tamén se pagan, entón pagaremos, pero atoparemos aí a xustificación de volver a comezar coa cantinela de que son deste ou daquel xeito; se porén, o que queremos son pastores que nos alenten, nos animen, saiban estar preto nos momentos difíciles para acompañar, alentarnos, animarnos... a maneira de vivir a fe será tamén distinta, xa que non pasará polos cartos, senón polas actitudes das que nos fala a palabra de Deus que imos proclamando nas celebracións e nas que hoxe nos ten insistido de novo: pastores que apacenten non desde o medo, senón na confianza, a axuda, a acollida, o agarimo, a alegría, a esperanza, o testemuño gozoso dunha fe e dun ministerio que está para servir e non para vivir del. Pastores, nunha palabra, xustos, que desde Xesús, gocen coas súas comunidades e se deixen acoller na colaboración compartida e o traballo participativo, que se preocupa dos “gozos e das esperanzas, das tristuras e  das angustias” das persoas ás que serven.
  • Non é logo a misión dos pastores escorrentar, senón todo o contrario, achegar, escoitar, ter actitudes de dispoñibilidade para cos demais, de xeito que o seu ministerio sexa un esforzo constante por facer presenza de Cristo e do seu Evanxeo. E para isto non poden estar solos: as comunidades nas que están e serven, han ser a man colaboradora que camiñe xunto con eles para entre tod@s ir avanzando no desenvolvemento de comunidades adultas, vivas, responsables e dispostas a participar, para que a Igrexa non se converta nun ordeno e mando de quen as preside. Porque presidir non é o mesmo que monopolizar e mandar impoñendo criterios e voz, e non permitindo que afloren outras voces que enriquezan e axuden a madurar a vida das comunidades e dos seus membros. A referencia deste actuar non pode nunca ser outra, inda que, tamén debemos dicilo, non o ten sido moitas das veces, que Xesús. El non só é o pastor, é tamén mestre, guieiro e referencia do actuar e comprometerse xusto e pacífico. El é o que nos achega, o que vai derrubando muros que tantas veces imos construíndo e que non fan máis que separarnos e afastarnos uns dos outros. Porque nos achega, non é a súa unha propostas de normas e imposicións, senón de entendemento, confianza e responsabilidade. El créanos libres, e invítanos a crecer e madurar. Non nos fai servos nin submisos, por iso, inda que nos equivoquemos vai dándonos continuas oportunidades. E se El nolas da, por que a nós nos custa tanto dárllelas aos demais?. Sería bo que desde esta palabra que hoxe temos proclamado aquí, vaiamos facendo reflexión sobre o percorrido da nosa vida, para ir deixando atrás canto non serve, e potenciando e valorando todo canto nos ten axudado a ser mellores persoas. Esta é a nova humanidade que El nos viu traer.
  • Xesús vivíao todo desde a compaixón. Era o seu xeito de ser, a súa primeira reacción diante das persoas. Nunca lle estorbaba ninguén. Non sabía mirar con indiferenza, que é a peor das miradas. Non soportaba ver ás persoas sufrir, era algo superior ás súas forzas. Pero a Xesús non o conmoven só as persoas concretas que atopa no seu camiño (enfermos que o buscan, indesexables que se lle achegan, nenos a quen ninguén abraza...), senón que tamén sente compaixón pola multitude de xente que vive desorientada e non ten quen a guíe e alimente. Un día teremos que revisar diante del como miramos e tratamos a esa moitedume de xente que marcha silenciosamente da igrexa; ás persoas sinxelas e boas que estamos decepcionando porque non atopan en nós a compaixón de Xesús; crentes que non saben a quen acudir nin que camiño seguir para atoparse cun Deus máis humano; cristiáns e cristiás que calan porque están convencid@s de que a súa palabra non será tida en conta por ninguén “importante” na Igrexa.... Pero se nós nos empeñamos, un día o rostro desta Igrexa mudará: aprenderá a actuar con máis compaixón, esquecerase dos seus discursos e poñerase a escoitar o sufrimento da xente. Xesús ten forza para transformar os nosos corazóns e para renovar as nosas comunidades. Só fai falla que nolo creamos e volvamos a El.
ORACIÓN DA COMUNIDADE
O altar é mesa de encontro e comuñón.A mesma comuñón desde a que agora compartimos as nosas angueiras e esperanzas dicindo:
PASTOR BO, ENSÍNANOS A AGRADECER
Para que na Igrexa atopemos sempre lugares e momentos nos que poder compartir espazos de solidariedade e axuda cos excluídos e esquecidos da nosa sociedade, Oremos.
PASTOR BO, ENSÍNANOS A AGRADECER
Para que nas nosas parroquias saibamos acompañar e estar sempre atentos á situación das persoas que viven na tristura, están enfermas ou necesitan da nosa solidariedade. Oremos.
PASTOR BO, ENSÍNANOS A AGRADECER
Para que nós, no día a día da vida, non deixemos que xermolen actitudes de indiferenza, superioridade ou exclusión cara quen non pensa, vive ou actúa coma nós, Oremos.
PASTOR BO, ENSÍNANOS A AGRADECER
Baixo o teu amparo, Señor, poñemos hoxe esta nosa oración que temos compartido. P.X.N.S. Amén.
PARA A REFLEXIÓN
Xesús está na nosa vida. Non o atoparemos nas nubes. Seguilo significa vivir o que temos como El quere que o vivamos. Isto esixe moito máis que coller aquí e alí un punto do Evanxeo, porque eses anacos non terán forza transformadora se non chegamos a un encontro que nos levante e nos endereite, sempre dispostos a vivir, sempre, con El. Podemos dicir que temos atopado a Xesús cando lle abramos a nosa vida sen reservar ningún recuncho. (Andrè Sève )

CANTOS
  • ENTRADA: Todos xuntos
  • LECTURAS: O señor é o meu pastor
  • OFERTORIO: Eu sei de quen me fiei
  • COMUÑÓN: Grazas, Señor, graciñas

Comentarios

Entradas populares de este blog

Pentecostes 2026

PENTECOSTES: O MILAGRE DE NON SER LADRILLOS IGUAIS SENÓN PEZAS VIVAS DA DIVERSIDADE CANTO GOZOSO   ö ENTRADA: Vinde axiña (   10     ) ö ASPERSIÓN: A auga do Señor (Nº 125) ö LECTURAS: Manda o teu Espírito ö OFERTORIO: Sementar, sementarei ö COMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55) MIRADA AGRADECIDA Hoxe pechamos o tempo de Pascua, e facémolo do mellor xeito posible: co cumprimento por parte de Xesús da súa promesa de non deixarnos na orfandade, senón de agasallarnos co Espírito Santo. E se pensamos neste Espírito, a mellor imaxe non é a dun coro onde todas as persoas cantan a mesma melodía coa mesma voz. O Espírito parécese máis a unha gran orquestra, onde cada instrumento é totalmente diferente, ten o seu propio timbre, o seu propio xeito de soar e o seu propio acento. O milagre non é que o violín soe a trompeta, senón que cadaquén, estando ben afinada e ben afinado na súa propia identidade, contribúa a crear unha música final que a ningun...

Corpus 2026

ELIXE AMAR. ELIXE COMUNIDADE... ASÍ NINGUNHA PERSOA TERÁ QUE RECIBIR MIGALLAS. CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe celebramos o Corpus Christi, o Día da Caridade, e facémolo co corazón de festa pero cos pés afincados no chan. Moitas veces corremos o perigo de reducir este día a unha procesión fermosa, a custodias brillantes e a efémeras alfombras de flores. Pero o Corpus é o recordatorio de que Deus non quedou nunha teoría, senón que se fixo pan para poder ser alimento e para poder ser compartido. Non o esquezamos: o deserto segue aí fóra. O deserto da soidade da xente maior, o deserto da falta de oportunidades da mocidade, o deserto de tantas familias que non teñen vivenda ou que non chegan a fin de mes. E neses desertos resoa con forza a chamada deste ano: Elixe amar, elixe comunidade. Porque a caridade non é dar as sobr...

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...