Ir al contenido principal

17 domingo TO B

CANDO DEUS SE CONVERTE EN SOLIDARIEDADE, O POUCO SEMPRE É MOITO.
SEN EL, O MOITO QUEDA EN NADA
PÓRTICO
A medida que pasan os días as dificultades son cada vez maiores e a esperanza vai esmorecendo. O que noutro tempo era de moitas cores, pasou logo a gris, para irse convertendo, cada vez para máis persoas, na negrura máis absoluta. A negrura de quen non ve saída e a quen todas as posibilidades se lle van pechando; a negrura da decepción de quen se esforzou, buscou e non conseguiu atopar un pequeno claro na súa vida.
En situacións así, a fe, sen que teña solucións de tipo técnico, convértese en pequena lumieira que vai mantendo a forza para non virse abaixo de xeito definitivo. Unha fe que ve en Xesús a aquel que loitou contra toda desesperanza, que confiou a pesares de que os seus o abandonaran renegando del. Como lle ocorreu a Xesús, tamén a fe volve a ofrecérsenos como chama que mantén viva en nós a capacidade de non deixarnos vencer polo abatemento e a desesperación, creando redes de solidariedade, axuda, escoita e achega, facéndonos sentir comunidade que se quere e preocupa polo que lles pasa aos seus membros. Que saibamos aproveitar o pouco ou o moito para, desde nós, vivilo con quen o necesite.
O PERDÓN
  • Por non querer comprender que o pouco compartido convértese en moito solidario, SEÑOR, QUE NON RENUNCIEMOS Á ESPERANZA.
  • Por desperdiciar tempo e ocasións nas que poder ser samaritan@s dos irmáns e das irmás, CRISTO, QUE NON RENUNCIEMOS Á ESPERANZA.
  • Porque nos xuntamos para as celebracións dominicais, pero ás veces estamos moi lonxe de formar comunidades cristiás, SEÑOR, QUE NON RENUNCIEMOS Á ESPERANZA.
REMUÍÑO
ö  No noso mundo egoísta e autosuficiente, tanto ao servidor de Eliseo coma ao propio Filipe, poderíamos describilos coma persoas realistas, cos pés no chan: con tan pouco pan, non chega para tanta xente..... E claro, se funcionamos así a solución que se impón é contundente: se non hai para comezar, mellor non preocuparse!!!!. Esa é a nosa lóxica infantil e inmatura: se eu non son presidente de goberno nin teño ningunha responsabilidade política, social ou económica, que vou facer diante de temas coma a crise económica, a fame no mundo, o subdesenvolvemento, o deterioro do medio ambiente...... Botamos balóns fóra, rañamos os nosos petos cando hai unha colecta especial para os pobriños do terceiro mundo, mesmo derramamos algunha bágoa cando a televisión nos mostra a crúa realidade na que malviven...; pero, a outra cousa bolboreta!!!!: aos cinco segundos xa nos esquecemos e imos de novo ao noso.
ö  Porén, a lóxica de Eliseo e a de Xesús é outra ben diferente: dá o que teñas, así haberá suficiente para todos e aínda sobrará...Por que nos custa tanto razoar así, por que se nos fai tan costa arriba?. Non será porque nos contaminamos nesta sociedade materialista e egoísta na que estamos acostumados ao intercambio -dou para que me dean- e non temos en conta o valor da gratuidade?. Esquecemos que mentres só deamos as sobras do que temos nunca conseguiremos que chegue para todos. Mentres non nos eduquemos na austeridade e no compartir, como moito chegaremos a tranquilizar enganosamente a nosa conciencia; pero seguirá a faltar o pan para moitas persoas. E o que dicimos das cousas materiais, tamén o podemos dicir das nosas calidades, pois moitas veces parapetámonos en expresións do tipo “eu son tan pouca cousa...”, “iso ten que facelo xente preparada, non coma min”... e outras lindezas parecidas para aforrarnos o perder a tranquilidade do noso ir facendo. E así privamos aos demais da nosa aportación.
ö  “Dádelles vós de comer”. O pobo está a pasar por unha tremenda crise económica, o paro multiplícase de día en día, a necesidade é angustiosa en moitas familias.... Non só experimentamos a fame dunha vida máis feliz, senón tamén, coma a moitedume que acompañaba a Xesús, a fame e a indixencia material. En todo o que poida facerse para solucionar esta situación, os cristiáns e as cristiás temos que estar presentes, loitando contra das desigualdades e os egoísmos, contra das excesivas diferenzas de salarios, contra do emprego precario, contra da fuga de capitais, contra dos cartos negros.... É verdade que non temos a solución, pero debemos infundir no noso mundo un novo xeito que renove os sistemas económicos e faga posible o milagre da multiplicación dos bens mediante un reparto máis xusto.
ö  Hoxe a Palabra pon diante de nós dúas opcións radicais e sinxelas: a dos que botan balóns fóra e a dos que saben compartir o que teñen e o que son. Cantas veces nos temos escudado en infantís non sei, non podo, non vallo, se de min dependera....... Pois claro que depende de nós!!!. De quen senón?. O Señor chámanos a endereitar o noso rumbo. Nós buscamos que nos vexan, que nos aplaudan, que nos gaben... pero El insiste en que só desde a sinxeleza, a humildade, o respecto e a valoración dos demais (Paulo) seremos capaces de facer crible a súa mensaxe e seremos verdadeiras testemuñas no noso mundo. E así, cunha actitude realista e positiva, soñando utopías posibles, seremos quen de descubrir ao noso redor tantas milagres que nos pasan desapercibidas, entre elas a de SER: persoa, irmán, amigo, consolo, man, sorriso.... A que esperamos?.
ORACIÓN DA COMUNIDADE
Unámonos en oración a Deus, para que El alente o noso camiño de fe desde o compartir con humildade canto somos e temos e digamos xunt@s:
QUE NON ESTRAGUEMOS OS DONS QUE POS NAS NOSAS MANS
*        Moitas veces, Señor, esquecemos que somos Igrexa; unha Igrexa na que Ti nos invitas a camiñar e vivir na comuñón, o respecto e non na imposición, para que sempre o teñamos presente, OREMOS.
QUE NON ESTRAGUEMOS OS DONS QUE POS NAS NOSAS MANS
*        Moitas veces, Señor, esquecemos que somos comunidade; unha comunidade formada cos que temos ao noso lado: os familiares, os veciños, os compañeiros de traballo, os amigos.... Para que volvamos sentir o gozo do compartir coma un dos valores fundamentais da nosa fe, OREMOS.
QUE NON ESTRAGUEMOS OS DONS QUE POS NAS NOSAS MANS
*        Moitas veces, Señor, esquecemos que os camiños da vida teñen ida e volta, e non nos damos conta de que o hoxe lle está a pasar ao veciñ@, irm@n, amig@... mañá pode pasarnos a nós. Para que non nos sintamos superiores a ninguén, senón sempre preocupados e achegados a quen poida necesitarnos, OREMOS.
QUE NON ESTRAGUEMOS OS DONS QUE POS NAS NOSAS MANS
Que o corazón ,Señor, saibamos abrilo para entender e acompañar o sufrimento, as dificultades e tamén os gozos e esperanzas dos irmáns e das irmás. P.X.N.S. Amén.
PARA A REFLEXIÓN
Danos o pan de cada día,
danos folgos para traballar a terra
e sementar e colleitar e repartir e comer.
Danos o de cada día,
non o de mañá ou o de pasadomañá,
para que non confiemos nas nosas seguridades,
senón en Ti e na túa providencia.
Arrinca de nós a ambición,
para que non acaparemos o das outras persoas,
para que non as despoxemos do seu,
senón que saibamos respectar e colaborar.
Líbranos do egoísmo.
Aparta de nós a tentación
do crecemento indefinido.
Non nos deixes caer na soberbia nin na autosuficiencia,
nin na indiferenza nin no racismo.
Concédenos un corazón novo
para poder chamarte cada día Pai-Nai,
para chamar a todas as persoas irmás,
para ser irmáns e irmás repartindo,
compartindo,
sentados á mesma mesa neste mundo,
para sentar contigo na mesa do teu reino. Amén.
CANTOS
  • ENTRADA: Vinde axiña
  • LECTURAS: O amor é o meirande
  • OFERTORIO: Ti es o pan do ceo
  • COMUÑÓN: Pan do ceo, pan de vida

Comentarios

Entradas populares de este blog

Epifania 2025

A ESTRELA DE DEUS GUÍA O CAMIÑO CARA Á BELÉN DA SINXELEZA CANTOS:  Panxoliñas OLLOS ABERTOS Paz e ben. Hoxe é un día máxico e de maxia. Máxico porque Deus móstrasenos a toda a humanidade, sen distincións. El non repara na nosa condición social, na cor da nosa pel, no noso xénero ou na nosa idade. El é man aberta que acolle e abraza sen exclusións de ningún tipo. Pero tamén é día de verdadeira maxia, para pequenos e grandes: a maxia da ilusión e da capacidade de sorprendernos pola estrela do Señor, que guía a nosa vida. Con esta invitación a non perder nunca a maxia da ilusión, comecemos a nosa celebración de hoxe. CORAZÓN MISERICORDIOSO Señor, inda que Ti nos invitas á maxia da ilusión, nós confundimos o camiño e andamos no pesimismo, por iso che dicimos, SEÑOR, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, Ti non cansas nunca de dicirnos que só quen ten capacidade de sorprenderse seguirá fiel no teu vieiro, por iso che pedimos, CRISTO, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, pol...

1 Advento 2024

Carpinteiras do berce da esperanza   CANTOS ·        ENTRADA: Volve, Señor. (Nº 90) ·        LECTURAS: Amostrame, Señor, os camiños da vida (Nº 20) ·        OFERTORIO: Velaquí Señor o viño (Nº 37) ·        COMUÑÓN: Xesús chamado amigo (Nº 89)   SINAL O sinal que utilizaremos neste tempo de Advento vai ser un berce. Berce que iremos conformando ao longo dos catro domingos, para que cando chegue o día de Nadal poidamos poñer sobre el ao Neno recén nacido.   ABRINDO O CORAZÓN             Comezamos hoxe as catro semanas de Advento previas ao tempo de Nadal. Ao longo delas invitarásenos a volver os ollos e o corazón ao Señor, de xeito que cando El chegue nos atope cos brazos abertos e toda a mellor das disposicións para que quede con e entre nós.          ...

Santos 2024

  Tódolos Santos. 2024 Camiñando na comuñón do Pai, do Fillo e do Espírito Santo Cantos Entrada.-  Benaventurados  ( 118) Lecturas.-  O amor é o meirande  ( 119) Ofertorio.-  Quédate, Señor, connosco   ( 63 ) Comuñón.-  Non vou so   ( 60 )   Ollos para ver          As persoas cristiás celebramos hoxe a festa da esperanza. Non é nin a festa dos disfraces nin a festa do medo, é a festa do agradecemento polo testemuño de vida que nos teñen deixado homes e mulleres, os santos da porta do lado, como diría o papa Francisco, que foron quen de construír comunidade en comuñón. Sabendo unir, escoitar, acompañar e mostrar que na vida, o que nos fai verdadeiramente felices é facer o ben, e non rosmar e estar permanentemente facendo crítica e vendo so o negativo das demais persoas.          E hoxe entón a festa da comuñón no Pai, no Fillo e no espírito...