Ir al contenido principal

2 Advento 2012



PALABRA VIVA, TRANSFORMADORA E GOZOSA

Pórtico

Neste querer acompasar os domingos de Advento coa conmemoración da celebración dos cincuenta anos do Concilio Vaticano II, queremos traer hoxe á nosa celebración o texto que o concilio, non sen grandes esforzos polos debates que a súa elaboración suscitou, adicaba ao tema da Revelación de Deus ao mundo. Con el quería invitar aos cristiáns a comprender toda a experiencia de amor, gratuíto e servizal, de Deus para con nós; quen de moitos xeitos e ao longo de tódolos tempos se foi facendo presente na experiencia humana. Esta invitación do concilio supuxo un gran desenvolvemento e dinamismo para coñecer e estudar a Palabra de Deus, Palabra sempre viva e alentadora da fe e da vida da Igrexa. Con isto, os pais conciliares queren resaltar que ela é a “alma” da vida cristiá. É dicir, o cerne, da que bebe e fundamenta todo canto nós queremos expresar cando dicimos: teño fe. Este documento chamouse a Dei Verbum –Palabra de Deus– e supuxo que a partires daquel momento a Palabra de Deus non estaba encadeada nin secuestrada pola xerarquía da Igrexa; todo o contrario, invítasenos a tódolos cristiáns a coñecela máis e mellor, para buscar nela a presenza de Deus e as razóns para testemuñala no actuar de cada día.
Que mellor que este tempo de Advento para preguntarnos si de verdade coñecemos esa Palabra, e se desde ela, imos dando razón da esperanza que ela nos ofrece!. Nesta invitación a profundar na Palabra que sempre proclamamos nas celebracións, comecemos hoxe poñéndonos na man daquel que, desde ela, nos invita a vivir este tempo de Advento como experiencia de cambio e conversión persoal e comunitaria.


Perdón

  • Por ter valorado pouco o coñecemento da Palabra de Deus como forza e motor da nosa vida, SEÑOR, QUE A TÚA PALABRA NOS ALENTE.
  • Por non acabar de convencernos de que a Biblia é palabra viva e reveladora da presenza de Deus, CRISTO, QUE A TÚA PALABRA NOS ALENTE.
  • Por esquecer que non podemos ser verdadeiros seguidores de Xesús se non bebemos da fonte da Palabra de Deus, que é para nós auga viva e fresca, SEÑOR, QUE A TÚA PALABRA NOS ALENTE. 

Remuíño
Avanzando polo camiño que nos levará ata a celebración do Nadal, as palabras do profeta Baruc volven insistir nunha idea que, de xeito permanente, vai desenvolvéndose ao longo de tódolos libros da Biblia: fe e desesperanza son incompatibles. Desde esta afirmación entendemos as palabras do profeta chamando a deixar atrás aflición, angustia ou tristura. Se Deus, que para nós é fonte de auga limpa e fresca, nace para facernos participar da súa luz e do seu esplendor, non podemos vivir como se isto non significara nada na vida de cada un/ha de nós. Se El é esplendor, a nós correspóndenos facer que este esplendor se propague, sexa acollido e entendido alí onde esteamos. Só así poderemos participar da súa misericordia e da súa xustiza. Ámbalas dúas, neste momento principalmente, bótanse en falta diante da situación de dificultade e ruptura de proxectos que tantas persoas foron alentando e sacando cara adiante. Que podemos, diante destes nosos irmáns, ofrecer nós senón misericordia e xustiza, fronte ao engano, a manipulación, o roubo e a mentira que lles ofreceron outros que se presentaban como salvadores e alquimistas capaces de converter canto tocaban en ouro?.

Para posibilitar que a Palabra de Deus entrase verdadeira e definitivamente na vida dos crentes, puidera alentar a animar proxectos e decisións que as persoas imos tomando ao longo da vida, e se convertese en “Alma da vida cristiá”, o Concilio Vaticano II quixo tratar nun dos seus documentos o tema da Revelación, é dicir, esa experiencia pola que Deus se fai presente e se mostra no medio das nosas vidas. Un Deus que de moitas maneiras e xeitos lle foi falando á vida e á historia de persoas e pobos. Revelarse é manifestarse, mostrarse, facerse presente e visible. Toda esta experiencia témola recollida na Biblia, cuxas partes dalgúns dos seus textos proclamamos nas celebracións litúrxicas. Tratando o tema da Biblia, o Concilio volvía poñer no centro da vida cristiá a mensaxe dun Deus que por amor e desde o amor, se vai achegando aos seres humanos para facelos partícipes dese amor. E dicimos volvía poñer porque desde o século XVI, polas disputas con aqueles cristiáns que se separaran de Roma (Lutero), a Palabra de Deus, por medo a que se interpretara de xeito literal e libre, desaparecera das celebracións e das casas dos cristiáns. De aí que unha das grandes aportacións deste documento do concilio -Dei Verbum- foi falarnos da importancia, valor e necesidade de coñecer a Palabra de Deus. E para iso invitaba a formarse para comprendela, coñecela e buscar de ver como podiamos aplicala á nosa vida, para que non quedase nunha simple proclamación do texto na celebración. Non chegaba unicamente con deixar atrás o latín –idioma no que se lían antes do Concilio as lecturas, e que ninguén entendía–, senón que era necesario dar un paso máis: esforzarnos por estudala, descubrir o seu sentido, o que nos quería transmitir ou con que situacións e aspectos da vida é necesario poñela en relación. Por iso utiliza a expresión de que ten que ser a “alma“, centro da vida cristiá, a que permite que o proxecto de amor de Deus se vaia manifestando a través da nosa vida. E isto non podería ser posible se non coñecemos onde está a raíz que alenta e move ese proxecto que Deus ten para nós: na súa Palabra. A partires do concilio a Biblia empezou a entrar nas nosas casas, a entenderse cando se proclamaba nas celebracións, a coñecerse porque moit@s cristiáns buscaron tempo para participar en grupos de estudo desta Palabra.

O servizo que a constitución Deu Verbum ten feito á Igrexa é impagable, pois pasouse da ausencia da Palabra na vida dos cristiáns, a unha invitación a coñecela e estudala, pois este é o único camiño para poder vivila. Abre así o concilio de novo unha nova ventá, como dicía o Papa Xoán, para que entrase aire novo da Igrexa. Un aire que renovase e afastase a inercia dunha fe na que a Palabra estaba ausente e se sustentaba sobre o xuridicismo do Dereito canónico e o casuísmo da Moral. Só volvendo ás fontes, como nos di a Dei Verbum, podemos os cristiáns saber cal é camiño que Xesús nos invita a vivir, e percorrelo sen medo nin imposicións. E desde a fidelidade a esta Palabra; tradición –que non tradicionalismo-, e maxisterio convértense en acompañantes nesta volta á fonte que se ofrece como camiño de salvación. Que mellor que este tempo de Advento que dedicar cada día un pouco do noso tempo a ler, reflexionar e coñecer mellor esta Palabra que segue a ser viva e a converterse en alento de liberdade para os que queremos prepararnos para facerlle sitio ao Deus que quere nacer no corazón de cada un de nós.


Oración da comunidade 

Chamados a construír a nosa experiencia de fe desde o coñecemento e meditación da Palabra de Deus, acollamos esta invitación para dicir xunt@s ao Deus que fai da súa Palabra camiño de vida e digamos:
A TÚA, SEÑOR, É PALABRA DE SALVACIÓN
* Para que cantos formamos parte da Igrexa de Xesús nos esforcemos por coñecer mellor a Palabra de Deus e atopemos nela razóns para vivir e transmitir esperanza coa nosa vida, Oremos.
A TÚA, SEÑOR, É PALABRA DE SALVACIÓN
* Para que nas nosas comunidades prestemos atención á palabra proclamada nas celebracións, e nos esforcemos por coñecela e entendela mellor, pois só o que se coñece se pode vivir con alegría, Oremos.
A TÚA, SEÑOR, É PALABRA DE SALVACIÓN
* Para que cada un/ha de nós, fagamos o esforzo por achegarnos á Palabra de Deus, dedicando cada día un pouco do noso tempo para lela e formarnos máis e mellor no seu coñecemento, Oremos.
A TÚA, SEÑOR, É PALABRA DE SALVACIÓN
Grazas, Señor, por invitarnos a acoller e vivir a túa Palabra, ofrecéndonola como Palabra sempre viva e chea de vida. P.X.N.S. Amén.



Reflexión 


“ … o Santo Concilio exhorta con vehemencia a todos os cristiáns, en particular aos relixiosos, a que aprendan "o sublime coñecemento de Xesucristo", coa lectura frecuente das divinas Escrituras. “Porque o descoñecemento das Escrituras é descoñecemento de Cristo". Achéguense, pois, gustosamente, ao mesmo sagrado texto, xa pola Sagrada Liturxia, chea da linguaxe de Deus, xa pola lectura espiritual, xa por institucións aptas para tal fin, e por outros medios, que coa aprobación ou o coidado dos Pastores da Igrexa se difunden agora loadamente por todas partes. Pero non esquezan que debe acompañar a oración á lectura da Sagrada Escritura para que se estableza diálogo entre Deus e a persoa; porque "a El lle falamos cando oramos, e a El oímos cando lemos as palabras divinas.. “ .
(D.V. 25)

Cantos
o   ENTRADA: Volve, Señor
o   LECTURAS: A túa Palabra
o   OFERTORIO: Grazas, Señor, na mañá
o   COMUÑÓN: Xesús chamado amigo
 

Comentarios

Entradas populares de este blog

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Santos 2025

  BENAVENTURADAS AS XENTES DE BEN QUE, AO ESTILO DE XESÚS, PASARON SEMENTANDO XENEROSIDADE Canto para agradecer Ø    Entrada.-  Benaventurados Ø    Lecturas.-  Podo do divino e do humano Ø    Ofertorio.-  Na nosa terra Ø    Comuñón.-  No colo da miña nai Ollos para ver          Hoxe é a festa de tódolos Santos, a festa do agradecemento a tantas persoas de ben que foron deixando no medio de nós pegadas de solidariedade xenerosa e entregada. Falamos daquelas persoas, moitas delas témolas coñecido, que nos deixaron esa sementiña de esperanza en momentos nos que a vida se volvía dura e difícil.          Homes e mulleres que foron construíndo a súa santidade desde a sinxeleza e a humildade de facer canto o corazón lle pedía para construír un mundo mellor. Homes e mulleres aos que Francisco lles chamaba os santos da porta do lado, porque a ...