XA NON SOMOS PERSOAS
SOLITARIAS, SENÓN SOLIDARIAS
Celebramos
o nacemento de Xesús en Belén e a súa presenza no Pan repartido en comuñón.
Desde a nosa pequenez, e tamén desde a nosa confianza de fillos e fillas,
pedímoslle ao Pai, que nos deu e nos dá a Cristo, dicindo:
(Cáritas Advento e Nadal 2012-13 páx.
108)
PÓRTICO
Bo día e bo Nadal para todos e
todas vós!!!!!!!!!!!!. Non foron poucos os anos nos que a nosa mirada durante
este tempo de Nadal se dirixiu cara fóra, cara ao superficial, cara a
aparencia. Agora, coa que está caendo, resúltanos difícil comprender o Nadal
sen moitas cousas materiais ás que, por mor da crise económica, temos que
renunciar este ano: un agasallo custoso, unha boa comida ou unha decoración
propia. Parece que o Nadal se volveu estraño para os nosos fogares e mesmo semella
un pouco paradóxico falar de ledicia, de esperanza, de tenrura.
Porén,
como lle ocorreu á Igrexa coa graza do Concilio Vaticano II, este tempo de
crise obrígannos a mirar cara dentro de nós, abrir a ventá do noso corazón e
deixar que entre a luz e o sol de Deus...para nacer unha vez máis con aquel que
nace pobre, indefenso, desprezado. Aínda que ás veces parece que vivimos nunha
noite escura, e pensamos que nunca pasará, que non poderemos vencela, que
sempre seremos tebra, a festa de hoxe lémbranos que non hai mal que non se
poida superar, que non hai tristura nin angustia que non se poidan derrotar...
Deus enviounos ao seu Fillo para acompañarnos, para mostrarnos a luz e a vida.
Porque o seu nacemento é un
anuncio de paz para os nosos corazóns.... comecemos a saborear esta
celebración.
O PERDÓN
*
Porque
a miúdo estamos tan atarefad@s buscando a satisfación dos nosos desexos e a
solución dos nosos problemas, que somos insensibles ao sufrimento de quen está
ao noso lado, SEÑOR,
NACE DE NOVO NO NOSO CORAZÓN.
*
Porque
os nosos medos, os nosos complexos e as nosas inseguridades atenázannos e
impídennos camiñar cara á Belén da xustiza, da misericordia e da acollida, CRISTO, NACE DE
NOVO NO NOSO CORAZÓN.
*
Por
ter esquecido que, onte coma hoxe, coma sempre Ti naces cada día no noso
corazón cando somos berce para quen precisa de nós, SEÑOR, NACE DE NOVO NO NOSO CORAZÓN.
REMUÍÑO
- O evanxeo do nacemento de Xesús que
vimos de escoitar de mans de Lucas, máis alá de parafernalias e
adherencias que se lle foron engadindo ao longo do tempo, relata os feitos
imprescindibles para dar a coñecer tal acontecemento. Por que?. Pois
porque os evanxeos non son biografías, senón que a intención dos
evanxelistas é transmitir unha boa nova e dar testemuño de fe: Xesús e o
Salvador. Nin tan sequera di o día e o mes no que se produce dito
nacemento, simplemente nos dá unhas coordenadas históricas que nos
permiten situalo. E nós, que tantas veces confundimos o fundamental co
accesorio, resgámonos as vestiduras porque o Papa di que non había boi nin
mula en Belén. Como vimos de escoitar, está claro que a escena que
atoparon os pastores no pesebre non ten nada que ver co belén que estamos
afeitos a colocar nas nosas casas, un belén de ríos de prata, con reis
magos, camelos e dromedarios cargados de tesouros, con pastores inxenuos e
escenas costumistas, neve de algodón e paisaxes de serrín, verde musgo,
árbores, fogueiras e luces intermitentes de cores e panxoliñas, e
pandeiretas e a súa estrela cravada no ceo, custodiando o portal, con
Xosé, María e Xesús, o boi e a mula....E a forza de ilo representando así,
caemos no erro de pensar que a realidade tamén foi esta. Porén, o primeiro belén foi un acontecemento
que berraba/berra aos catro ventos que non había/hai dereito a que as
cousas estiveran/estean como están. Aquel belén levantou a esperanza
das persoas pobres, a persecución das persoas poderosas, o esquecemento e
o desinterese das persoas cultas.
- Hoxe nós tamén viñemos aquí, coma
os pastores, para escoitar, lembrar,
celebrar e vivir a grande noticia que será a grande ledicia para todo
o pobo: na cidade de David,
naceunos un Salvador. Así de sinxelo, así de real, así de marabilloso.
Aquel que esperabamos desde hai tanto tempo, Aquel que é luz para o pobo
que camiñaba nas tebras, Aquel que vén para anunciar a paz, para
consolidala co dereito e a xustiza. Tamén nós escoitamos as palabras do
anxo, que nos anuncia o sinal para recoñecelo: un neno envolto en capizos e deitado nunha manxadoira. E tamén
nós, coma os pastores, quixemos achegarnos a ver o que Deus nos comunicou.
E saímos de nós mesmos e recoñecémolo na persoa que quedou sen traballo,
no neno que non pode ter unha infancia digna, na muller que é ninguneada e
tratada coma unha escrava, na familia á que lle quitaron a súa casa, na
persoa que está enferma, naquela que foi enganada e estafada polos poderes
económicos, naquela á que se lle nega a asistencia sanitaria ou o dereito
a unha educación de calidade.... en tantos e tantos rostros, con nomes e
apelidos (para Deus non hai anónimos) que van quedando nas beiras da nosa
sociedade neste tempo de crise.
- Neste Ano da Fe, no que se nos
chama a unha nova evanxelización, sexamos quen de descubir a necesidade
que todos temos de formarnos para non confundir o fundamental co accesorio
e para poder encarnar na nosa vida os contidos da fe a fin de que poidan
dar froito. Que ao Neno que vén de nacer en Belén lle deamos o mellor dos
beléns: o noso corazón... sen boi, sen mula, sen río de papel albal, sen
castelo de Herodes, sen figuriñas..... pero iso si, cheíño de amor e
misericordia. Iso é o máis importante.... todo o demais.... é prescindible.
ORACIÓN DA COMUNIDADE
PAI, BENDINOS EN
XESUCRISTO
ö Bendí a todos os pobos, para que
floreza neles a xustiza e a paz, OREMOS.
PAI, BENDINOS EN
XESUCRISTO
ö Bendí á túa Igrexa, para que
sexamos sempre construtores de paz e exemplo de solidariedade, OREMOS.
PAI, BENDINOS EN
XESUCRISTO
ö Bendí a todas as familias, para
que sexan viveiros de fe, de laboriosidade e de solidariedade, OREMOS.
PAI, BENDINOS EN
XESUCRISTO
ö Bendí a todas as persoas que
sofren os efectos das inxustizas sociais e do desaxuste económico,
especialmente aos parados, os orfos, os que quedan sen fogar, os emigrantes,
para que atopen razóns de esperanza, OREMOS.
PAI, BENDINOS EN
XESUCRISTO
ö Bendí a todos os nenos e nenas,
para que sexan educados na fe e en valores evanxélicos, OREMOS.
PAI, BENDINOS EN
XESUCRISTO
ö Bendinos a todos e a todas nós,
testemuñas sempre do teu amor, para que vivamos e fomentemos o espírito do
Nadal, OREMOS.
PAI, BENDINOS EN
XESUCRISTO
Bendinos,
Pai, en Xesucristo, e énchenos da súa graza salvadora. Que saibamos dalo a
coñecer coas nosas palabras e coa nosa vida. P.X.N.S. Amén.
PARA A REFLEXIÓN
Coma un meniño no colo da súa
nai:
feble, fráxil, indefenso....
pero seguro, confiado,
arroupado, querido, desexado...
Así queremos recibirte, Señor.
Porque queremos ser:
berce da acollida para a persoa
emigrante,
berce do traballo xusto para a
persoa parada,
berce da escoita para a persoa
anciá,
berce do respecto para a persoa
que pensa distinto,
berce das gañas de vivir para a
persoa enferma,
berce do amor auténtico para a
persoa namorada,
berce da amizade para o
compañeiro novo,
berce da luz para a persoa que
camiña nas tebras,
berce da tolerancia para a
persoa que reza distinto,
berce da ledicia para a persoa
triste e deprimida,
berce da esperanza para a persoa
que está cansa da vida,
berce do entendemento para a
parella en trámites de separación,
berce da hospitalidade para a
persoa que peta na porta,
berce da fe para a persoa
incrédula,
berce da fraternidade para a
persoa que non é parente nosa.
Meu Deus,
coma un meniño no colo da súa
nai,
coma todo un Deus nos brazos do
seu Fillo,
benvido ao teu mundo, ao meu
mundo...ao noso querido mundo.
CANTOS
o
Panxoliñas
o
Comuñón:
No colo de miña nai
Comentarios