Ir al contenido principal

Inmaculada 2012



PORQUE PARA DEUS NON HAI IMPOSIBLES.... QUE SE CUMPRA A TÚA PALABRA!

PÓRTICO

Nun tempo no que, mesmo dentro da Igrexa, se fala moito de volver ás orixes, na nosa fe, se vamos á orixe, alí atopamos a María, atopamos o seu si incondicional, atopamos a súa opción radical por Deus... que ten que ser modelo para a nosa vida. Cremos na Igrexa, e nunha Igrexa que quere tomar conciencia, cada vez máis e maior, do papel da muller na construción da propia comunidade e da sociedade. Por que, entón, despois de tantos séculos as mulleres seguimos estando silenciadas, marxinadas, seguimos sen ser valoradas na Igrexa?. Quizá cómpre volver ás orixes, volver aos alicerces, para reconducir o camiño, para andar polos vieiros da igualdade e da complementariedade.
María, a muller, preséntasenos hoxe coma porta da nova humanidade e como porta da nosa salvación. Se queremos chegar a Cristo debemos entrar pola muller, descubrindo o que de feminino, de fecundo, de portadores de vida hai en nós.
Que esta celebración que agora comezamos nos axude a tod@s nós a que iso sexa unha realidade, e valoremos e respectemos o traballo de tantas e tantas mulleres ao noso redor.

O PERDÓN

*      Polas veces nas que a Igrexa, basicamente a súa xerarquía, nin coñece nin recoñece o papel fundamental da muller, SEÑOR, ILUSIÓNANOS DE NOVO.
*      Polas veces en que non respectamos as opinións dos demais, o seu xeito de vivir e de pensar, CRISTO, ILUSIÓNANOS DE NOVO.
*      Polas veces nas que á voz da muller lle esiximos máis ca do home para ser escoitada, SEÑOR, ILUSIÓNANOS DE NOVO.

REMUÍÑO

¨      A consecuencia do pecado é a aparición de hostilidades entre o varón e a muller. Se queremos restituír o tempo da graza, é indispensable comezar por construír a reconciliación entre ambas dimensións fundamentais do humano. Non se trata, pois, de dominador-dominada, de primeiros-segundas, de actores-espectadoras, de voceiros-mudas.... Trátase máis ben de traballar a prol da igualdade, de compartir funcións, de valorar a complementariedade entre ambos xéneros. Temos un longo camiño por facer. Un camiño aberto na persoa de María. A nós, cristiáns e cristiás, tócanos ir dando pasiños para que a igualdade sexa, dentro da nosa Igrexa, unha realidade. O noso sermos cristiáns e cristiás é tomar conciencia da nosa elección por parte de Deus para este combate: a santidade, que esixe ir morrendo ao “home vello”, que nos pide coraxe para sermos sant@s, recuperadores da graza. Isto vai supor de cada un e de cada unha de nós sermos, no medio do mundo, oíntes da Palabra, mensaxeir@s da Boa Nova, construtores e construtoras do Reino.
¨      En María, a muller, a Igrexa contempla o triunfo deste combate e descóbrese vencedora do mesmo na medida na que como ela, entende a súa existencia como nai dunha humanidade xa reconciliada, unha humanidade dadora de vida, unha humanidade que atopa sentido ao seu camiño sendo, como María, servidora. Ela soubo superar vellos prexuízos, soubo estar por riba do qué dirán, soubo, nunha palabra, poñerse nas mans de Deus. Que a súa sexa hoxe tamén a nosa resposta agradecida: “Fágase en min segundo a túa Palabra”, que nos deixemos modelar por Deus, que só quere que sexamos felices.
¨      Por iso María é para tódalas mulleres un berro que abanea as nosas conciencias: non hai que ter medo, nós tamén somos Igrexa, tamén somos quen de adquirir responsabilidades. Estamos fartas de ser cristiás de segunda. Porén, moitas veces somos nós mesmas as que pomos freo ó noso papel nas nosas comunidades. Frases como “sempre se fixo así”, “eu non vallo”, “eu non sei”, fannos un fraco favor ás mulleres, que temos que tomar conciencia da nosa valía e de todo o potencial que levamos dentro. Para ese Deus para quen non hai imposibles, non hai cristiáns de primeira e cristiás de segunda, senón que nos crea iguais na complementariedade. María dinos que xa pasou o tempo dos laios. É hora de camiñar cara adiante, de construír comunidade, de facernos escoitar, de ser luz das xentes, como nos lembra a L.G., porque tod@s somos pobo de Deus. Sen medos, sen prexuízos, afrontando responsabilidades. O si de María ten que ser un aguillón para todas nós: ESPERTEMOS E CAMIÑEMOS.

ORACIÓN DA COMUNIDADE

Como María, poñámonos tamén nós hoxe en actitude de confianza e compromiso diante de Deus e da comunidade, e digamos:
MARÍA, AXÚDANOS A ROMPER AS NOSAS CADEAS
  • Para que a Igrexa, como María, saiba ser para tod@s colo de nai que acubilla, mans de nai que acariñan, corazón de nai, que dá sen pedir contas, OREMOS.
MARÍA, AXÚDANOS A ROMPER AS NOSAS CADEAS.
  • Para que nas nosas comunidades e ó noso redor, saibamos descubrir e valorar o esforzo calado e constante de tantas mulleres que loitan, traballan e entregan a súa vida polos demais sen pedir nada a cambio, OREMOS.
MARÍA, AXÚDANOS A ROMPER AS NOSAS CADEAS.
  • Hoxe queremos lembrarnos na nosa oración de todas aquelas mulleres que, en calquera parte do mundo sofren polo simple feito de ser mulleres: as vítimas da violencia doméstica, as que ven atropelada a súa dignidade, as que non ven respectados os seus dereitos fundamentais. Por todas elas, OREMOS.
MARÍA, AXÚDANOS A ROMPER AS NOSAS CADEAS.
Grazas, Señor, por estar sendo alento, forza, camiño e esperanza na nosa vida. Que, coma María, perdamos os nosos medos e traballemos por afastar de nós a tentación do silencio diante das inxustizas. P.X.N.S. Amén.

REFLEXIÓN
BENAVENTURANZAS DA MULLER
BENAVENTURADAS
as que loitan pola igualdade, porque nelas agroma un novo xeito de vida.
BENAVENTURADAS
as rescatadoras de liberdade porque, coa súa vida, conquistan a xustiza.
BENAVENTURADAS
aquelas que se converten elas mesmas en Evanxeo, porque fan crible que Deus vive entre nós.
BENAVENTURADAS
mulleres fortes, xenerosas, que nunha procura conxunta e solidaria cos homes testemuñan que é posible sermos iguais na diferenza.
BENAVENTURADAS
mulleres tenras, dilixentes que, co seu esforzo e labor, deron realizado a transformación que soñaron.
BENAVENTURADAS
aquelas que, expresando a súa sensibilidade, dan recuperado a face materna de Deus.
BENAVENTURADAS
aquelas que, coa súa resistencia e constancia, glorifican a Deus transformando a sociedade.
BENAVENTURADAS
aquelas que, con fidelidade ao espírito, recuperan para o noso tempo a vida na igrexa dos pobres.

ALÉDENSE
cando, nunha andaina de oración e contemplación, saben descubrir a historia da revelación e interprétana para os outr@s.
ALÉDENSE
cando, adiantándose á utopía da liberación, cultivan, colleitan e reparten o pan da fraternidade e da solidariedade.
ALÉDENSE
cando, sendo a un tempo nais e pais, fanse responsables da vida con espírito combativo.

De certo, recoñecemos hoxe que é agasallo do Pai, rescate do Fillo, forza do Espírito, que:

NEGRAS, BRANCAS, INDIAS, NAIS, LABREGAS, RELIXIOSAS, MILITANTES; MULLERES TODAS, SOMOS SACRAMENTO DE VIDA, FACE SALVADORA DE DEUS.

¡GRAZAS, SEÑOR, POR TERME FEITO MULLER!

CANTOS
ð  ENTRADA:Xa nos tes aquí
ð  LECTURAS: Noraboa María
ð  OFERTORIO: Camiñar sen Xesús
ð  COMUÑÓN: Esa é María

Comentarios

Entradas populares de este blog

Pentecostes 2026

PENTECOSTES: O MILAGRE DE NON SER LADRILLOS IGUAIS SENÓN PEZAS VIVAS DA DIVERSIDADE CANTO GOZOSO   ö ENTRADA: Vinde axiña (   10     ) ö ASPERSIÓN: A auga do Señor (Nº 125) ö LECTURAS: Manda o teu Espírito ö OFERTORIO: Sementar, sementarei ö COMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55) MIRADA AGRADECIDA Hoxe pechamos o tempo de Pascua, e facémolo do mellor xeito posible: co cumprimento por parte de Xesús da súa promesa de non deixarnos na orfandade, senón de agasallarnos co Espírito Santo. E se pensamos neste Espírito, a mellor imaxe non é a dun coro onde todas as persoas cantan a mesma melodía coa mesma voz. O Espírito parécese máis a unha gran orquestra, onde cada instrumento é totalmente diferente, ten o seu propio timbre, o seu propio xeito de soar e o seu propio acento. O milagre non é que o violín soe a trompeta, senón que cadaquén, estando ben afinada e ben afinado na súa propia identidade, contribúa a crear unha música final que a ningun...

Corpus 2026

ELIXE AMAR. ELIXE COMUNIDADE... ASÍ NINGUNHA PERSOA TERÁ QUE RECIBIR MIGALLAS. CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe celebramos o Corpus Christi, o Día da Caridade, e facémolo co corazón de festa pero cos pés afincados no chan. Moitas veces corremos o perigo de reducir este día a unha procesión fermosa, a custodias brillantes e a efémeras alfombras de flores. Pero o Corpus é o recordatorio de que Deus non quedou nunha teoría, senón que se fixo pan para poder ser alimento e para poder ser compartido. Non o esquezamos: o deserto segue aí fóra. O deserto da soidade da xente maior, o deserto da falta de oportunidades da mocidade, o deserto de tantas familias que non teñen vivenda ou que non chegan a fin de mes. E neses desertos resoa con forza a chamada deste ano: Elixe amar, elixe comunidade. Porque a caridade non é dar as sobr...

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...