Ir al contenido principal

3 Advento C

A DEUS TAMÉN SE LLE REZA EN ZAPATILLAS. A DISIDENCIA FRONTE AOS PROFETAS DO “ESTILISMO”·

Pórtico

Nos anteriores domingos, ao falar do Concilio Vaticano II, quixemos presentar canto significaron os documentos sobre a Igrexa e sobre a Revelación. Diciamos que o recoñecernos como Pobo e a necesidade de alimentarnos da palabra de Deus eran dous aspectos fundamentais e relevantes para a nosa vida como cristiáns. Neste domingo queremos achegarnos ao documento no que o Concilio estuda e desenvolve o tema da liturxia, é dicir, todo canto supón, mostra e axuda a celebrar e expresar a fe de xeito que non só o entendamos, senón que tamén participemos. Diante dun quefacer litúrxico no que non eramos máis ca espectadores, o concilio insiste unha e outra vez na importancia de recoñecermos participantes do que celebramos. Non estamos para mirar, senón para unirnos como comunidade e facer da celebración expresión da vida. E isto non pode realizarse se non é sentíndonos comunidade que con gozo se reúne para expresar, celebrar e vivir a fe, sendo tod@s participantes e facendo da celebración un momento de vivencia persoal e comunitaria de canto sentimos e queremos agradecer e compartir con Deus. Logo de escoitar tantas veces que a Deus non se lle pode rezar en zapatillas, o concilio quere invitarnos a que descubramos que a forza e a importancia da oración non está nin nos zapatos nin no traxe, senón na disposición de cada un de nós a poñernos na man de Deus, e a facelo xunt@s. Por iso lembraremos a constitución sobre a Liturxia, a Sacrosanctum Concilium, onde entre outras cousas, se nos invita a rezar na lingua propia, a lingua que falamos na casa e cos veciños, porque esa tamén é a lingua que entende Deus.
Que a celebración que comezamos sexa a mellor expresión da invitación do concilio a facer da celebración litúrxica unha verdadeira mesa de irmandade.

Perdón

  • Porque moitas veces a nosa disposición a participar nas celebración litúrxicas é rutinaria e pouco comunitaria, SEÑOR, QUE A NOSA ORACIÓN NON CAIA NO INDIVIDUALISMO.
  • Porque o noso esforzo por escoitar, coñecer e poñer en práctica a Palabra proclamada nas celebracións é máis ben escaso, CRISTO, QUE A NOSA ORACIÓN NON CAIA NO INDIVIDUALISMO.
  • Porque inda que escoitamos e dicimos moitas veces a palabra participar, cústanos facer das nosas celebracións momentos de participación que enriquece e anima a nosa fe, SEÑOR, QUE A NOSA ORACIÓN NON CAIA NO INDIVIDUALISMO. 

Remuíño

Como nos di Sofonías, o Señor alédase en e con cada un de nós. E faino cunha ledicia que non é enganosa, que non busca a comenencia, senón a sinceridade. A ledicia que brota do fondo do que é e significa Deus: amor, sinceridade, franqueza, gozo, colaboración, entrega, xenerosidade... e que, na medida en que nós imos facendo nosas estas actitudes, El vai estendéndose por todo canto somos e facemos. Que gozo poder vivir e sentir esta presenza!. Unha presenza que pouco a pouco vai configurando a nosa vida e invitándonos a encher de todo canto nos axuda a descubrirnos con sensibilidade para ir facendo posible que o amor nin se reduza a unha palabra baleira de contido nin se identifique coa expresión, efémera, dun contacto puramente físico. Amar e sentirnos amados por Deus, é o celme da vida dun crente que non se pecha en si mesmo, senón que vai dando e facendo partícipes do amor de Deus aos demais. Por iso o gozo e a ledicia da que nos fala Sofonías. Por iso é tan grande o xúbilo que sentimos, e non podemos gardalo dentro de nós, necesitamos expandilo, anuncialo, compartilo ... solidarizalo. Esa é a nosa tarefa e o noso compromiso sempre, pero especialmente neste tempo de Advento.
Gritando con xúbilo, que non dando voces nin berrando, porque o xúbilo sae do profundo e vai avanzando en nós ata mostrársenos no brillo dos ollos, na expresión dos xesto, na modulación da voz... no latexar do corazón que nos invita a non caer na somnolencia do aburrimento e da desgana, Deus, que é Xubilo, quere aos que se chaman amigos seus xubilosos. E se a vida é a mellor praza para ilo manifestando, tamén necesitamos de pequenos espazos, de recunchos cheos de sinxeleza e agarimo para celebrar esta chamada que Deus nos fai. Un deles, que non o único, é a celebración. Unha celebración que ha ser preparada e participada por tod@s os que nela están, sen quedarnos ao marxe, sen estar nela como se fosemos simples espectadores dunha representación que alguén fai para aplacar as iras de Deus ou para abrandar o seu corazón. Non, a celebración ha ser nosa, de tod@s os que nela participamos. Por iso recalca o concilio o importante que é celebrar na lingua propia, a lingua que utilizamos na casa, cos amigos e veciños; a lingua, que sempre é vehículo de comunicación, ten que servirnos para falar, comunicarnos, dialogar ou dirixirnos a Deus. E que mellor que facelo naquela na que nos sentimos máis cómodos e na que podemos contar como mellor sabemos o que nos pasa, o que sentimos ou do que nos vemos necesitados. Conscientes disto, cantos participaron no concilio Vaticano II, invitan a deixar atrás o latín –lingua que os que participaban nas celebracións nin coñecían nin entendían– para comezar a utilizar o que se chaman as linguas vernáculas, é dicir, as linguas propias de cada lugar. Asemade, neste camiño de renovar a liturxia e de facela máis achegada á vida dos cristiáns, insisten na importancia da participación, porque non imos a un espectáculo, senón a participar dun encontro de oración e comunitario, no que cada un pon o mellor de si mesmo e rompe coa tentación de deixar que outros, por cartos ou oficio, o fagan no nome deles. E isto non se aprende nun día nin dun momento para outro. É necesario ir coñecendo e educándonos nesta chamada a facer das celebracións momentos de comuñón e participación. Corresponde a aqueles que acompañan e presiden as comunidades levar a cabo esta tarefa de educar e renovar a vida litúrxica. Unha vida litúrxica que non está nos ritos, por moi bonitos que sexan, senón en descubrir que é Cristo o centro da nosa vida de fe, non os ritos nin os costumes. A partires de aí, todo canto supoña resaltar esta centralidade de Cristo responderá non só ao que pide o concilio, senón, e é o máis importante, a ser máis fieis á súa invitación a seguilo. A fe é un seguimento, non unha angustia nin unha culpabilidade permanente, de aí a importancia dunha boa proclamación da palabra, a elección axeitada dos cantos, a oración comunitaria que exprese o que nos preocupa e o que necesitamos compartir; a sinxeleza dos ritos e a necesidade de que tod@s participemos como membros activos da Igrexa na celebración; o descubrimento do domingo como o día do Señor -e non como unha imposición normativa e chea de medo e culpabilidade-...., son tarefas que temos que coidar e promover.
Que mellor que revisar como cada un de nós ten acollido esta renovación que hai cincuenta anos invitaba a realizar o concilio, e que hoxe, cincuenta anos despois, segue sendo para moit@s unha invitación descoñecida. Como nos dicía Xoán Bautista no Evanxeo de hoxe: que facemos nós?. Busquemos sinceramente a resposta para dignificar a liturxia, renovar as celebracións e participar nesta preparación que cada vez nos achega máis ao Señor que vén, que xa está a petar na porta. Abrámoslla!

Oración da comunidade

Como nos di o concilio, é fundamental romper o individualismo da vida cristiá para comezar a camiñar na súa dimensión comunitaria. Respondamos a esta invitación, presentándolle ao Señor a nosa oración e dicindo xunt@s:
QUE PARTICIPEMOS CON GOZO NAS CELEBRACIÓNS
Para que respondendo á chamada do concilio, a Igrexa non esqueza nunca a importancia da participación dos segrares nas celebracións, para que estas sexan fonte e cume da túa presenza, Señor. OREMOS.
QUE PARTICIPEMOS CON GOZO NAS CELEBRACIÓNS
Para que nas nosas comunidades esteamos sempre dispost@s a colaborar e así conseguir unhas celebracións máis vivas, participativas e expresivas da dimensión comunitaria da fe, OREMOS.
QUE PARTICIPEMOS CON GOZO NAS CELEBRACIÓNS
Para que a nosa disposición a participar nas celebracións rompa a tentación de converternos en simples espectadores dun espectáculo que outros representan para e por nós, OREMOS.
QUE PARTICIPEMOS CON GOZO NAS CELEBRACIÓNS
Grazas, Señor, por invitarnos a tomar conciencia da importancia de que as celebracións litúrxicas sexan vivas, comprensibles e sinxelas, expresión do que vivimos cada día e queremos poñer nas túas mans. P.X.N.S. Amén.

Reflexión

(Lemos durante o momento da acción de grazas o esquema da S.C. Pode ser este texto ou un que adaptemos para tal fin )
A grandes liñas, este é o esquema da Constitución sobre a reforma da Liturxia:
1) Principios xerais para a reforma litúrxica: a importancia da liturxia na vida da Igrexa; como promover a educación litúrxica e a participación activa do clero e fieis; algúns criterios: combinar tradición e progreso, dar prioridade á Sagrada Escritura, ao comunitario, á participación activa.
2) Renovación da Eucaristía: simplificar os ritos, incrementar a lectura da Biblia.
3) Renovación doutros sacramentos e sacramentais. O catecumenado de adultos.
4) O ano litúrxico: importancia do domingo e das festas do Señor. Centralidade da parroquia.
5) Renovación da música relixiosa: o canto gregoriano e o canto popular.
6) Renovación da arte sagrada: máis beleza que suntuosidade.
En fin, aceptación dun calendario perpetuo, fixando a Pascua nun domingo determinado.

Cantos

  • ENTRADA: Pedras vivas
  • LECTURAS: Vén axiña visitarnos
  • OFERTORIO: Sede o sal
  • COMUÑÓN: Volve, Señor

Comentarios

Entradas populares de este blog

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Santos 2025

  BENAVENTURADAS AS XENTES DE BEN QUE, AO ESTILO DE XESÚS, PASARON SEMENTANDO XENEROSIDADE Canto para agradecer Ø    Entrada.-  Benaventurados Ø    Lecturas.-  Podo do divino e do humano Ø    Ofertorio.-  Na nosa terra Ø    Comuñón.-  No colo da miña nai Ollos para ver          Hoxe é a festa de tódolos Santos, a festa do agradecemento a tantas persoas de ben que foron deixando no medio de nós pegadas de solidariedade xenerosa e entregada. Falamos daquelas persoas, moitas delas témolas coñecido, que nos deixaron esa sementiña de esperanza en momentos nos que a vida se volvía dura e difícil.          Homes e mulleres que foron construíndo a súa santidade desde a sinxeleza e a humildade de facer canto o corazón lle pedía para construír un mundo mellor. Homes e mulleres aos que Francisco lles chamaba os santos da porta do lado, porque a ...