QUEN NON
APRENDE A DISTINGUIR O DESERTO DO BOSQUE, CORRE O RISCO DE PERDERSE
SÍMBOLO CORESMAL
Continuamos desenvolvendo o sinal
do colector de lixo que temos escollido para esta coresma. Hoxe botaremos nel os
abandonos, os cansazos, a mentira, o esquecemento -buscado ou non-, de tantas
persoas que co seu esforzo, traballo e entrega non permitiron que o legado da
fe se perdese e chegara ata nós
Neste terceiro domingo, o noso
colector será de cor verde e levará escrito: “O Señor é misericordioso e
clemente”.
Moisés e Paulo non deixan de lembrar ao pobo, vello e
novo Israel,que se non se esforzan por saber quen son e de onde veñen, se non
se esforzan por coñecer as súas raíces, poden acabar perdidos e desorientados,
como se non souberan que facer ou como orientar a vida. Do mesmo xeito, tamén
nós, se non facemos ese esforzo por non perder a historia que outros foron
construíndo e nos foron legando, por coñecer e recoñecer o esforzo de xeracións
anteriores, de parentes e amigos, de tantas persoas que quixeron ser guieiros
ao longo do tempo; se non facemos ese esforzo de memoria, corremos o risco de
camiñar sen rumbo, desorientados, sen saber que nos ten que animar, alentar e
acompañar no camiño da vida. Esta é gran chamada que nos fai hoxe a Palabra de
Deus neste domingo de coresma, para que botemos ao colector do lixo os
abandonos, os cansazos, a mentira, o esquecemento -buscado ou non-, de tantas
persoas que co seu esforzo, traballo e entrega non permitiron que o legado da
fe se perdese e chegara ata nós. Grazas a eles, a pesares dos desertos en forma
de dificultades, atrancos, incomprensións... acabaron xurdindo bosques
frondosos de solidariedade, paz, servizo, entrega aos demais. Isto lémbranos
que é Deus quen está no comezo da nosa historia, e segue sendo Deus o que nos
acompaña ao longo dela, e será tamén o que nos acolla ao final para darlle
sentido e plenitude.
Que
este terceiro domingo de coresma saibamos vivilo desde a fidelidade a un Deus
que se fai historia desde a historia de todas as persoas que mantiveron viva a
súa presenza, para que os bosques non tiveran claudicado diante dos desertos.
O PERDÓN
Que botemos ao colector do lixo todas as veces nas que
fomos covardes e non continuamos a tarefa que outros comezaron por nós
transmitíndonos, sen medo nin prexuízos, a fe como esperanza e loita, SEÑOR, GRAZAS POLA HERDANZA DA FE.
Que deixemos que
vaian ao colector do lixo todas as actitudes coas que lle demos as costas
cando, por mor das situación que estaban pasando, outros necesitaban da nosa
man, a nosa palabra ou a nosa compaña, CRISTO,
GRAZAS POLA HERDANZA DA FE.
Que non retiremos do colector de lixo aqueles
comportamentos que supuxeron que adoptasemos actitudes de soberbia, créndonos
mellores, máis listos e superiores aos demais, sen estar dispostos a poñer ao
seu dispor canto de ben lle puideramos ter feito, SEÑOR, GRAZAS POLA HERDANZA DA FE.
REMUÍÑO
û En moitas ocasións temos escoitado ben sexa nos textos da
palabra de Deus ben sexa en homilías, charlas, meditacións... que O Deus ao que
os cristiáns rezamos é o Deus da Alianza, o Deus que sae ao encontro, que se
ofrece para facer con nós o traxecto da vida. E iso é verdade, pero tamén é
verdade que a esa expresión temos que poñerlle rostro, concreción, experiencia
persoal. Porque falar de Deus non nos pode levar a utilizar unha linguaxe que
non entendemos ou que non nos di nada por resultar falsa, afastada dos nosos
problemas ou da nosa situación vital. Xa vai sendo hora de que poñamos en
relación a Palabra de Deus que escoitamos, lemos e meditamos coa nosa vida. Esa
vida na que temos que tomar decisións, concretar proxectos, atoparnos con
persoas; unha vida na que tamén hai fracaso, tristura, desolación... e na que
cando dicimos Deus, queremos dicir sempre esperanza, salvación e amor. E para
iso é necesario aprender a sentir a Deus na cercanía, no alento, na compaña de
quen quere facer con nós o camiño para non deixarnos solos. E do mesmo xeito
que a Moisés o soubo acompañar, tamén de nós se quere facer compañeiro. O seu “eu son“ ten que resoar nos nosos oídos
como un estou aquí, ao teu lado, sufrindo e tamén aledándome contigo. Non te
deixo só, estórzate por escoitarme!.
û Moitos anos
despois, tamén Paulo se achega ao texto do libro do Éxodo para dicirlles aos
corintios que non debían esquecer que tiñan historia compartida. Unha historia
que vén de lonxe, e na que moitas persoas foron poñendo esforzo para non perder
as raíces, porque non era unha historia calquera, senón que era unha historia
de salvación. E, do mesmo xeito que Deus saíra ao encontro de Israel, agora sae
tamén ao encontro do Novo Israel, do Novo Pobo de Deus, da comunidade de
seguidores de Xesús. Non hai ruptura entre unha e outra experiencia porque é o
mesmo Deus o que as une. Deste mesmo xeito, tampouco hai ruptura entre nós,
entre as persoas. Sexamos brancos ou negros, católicos ou agnósticos, máis ou
menos cultos, tod@s compartimos o mesmo proxecto de Deus: facer do mundo e dos
que nel vivimos un espazo de verdadeira experiencia humana, onde sexamos
capaces, ou polos menos nos esforcemos, de superar atrancos e dificultades que
nos separan, para camiñar na busca do que nos une, do que temos en común, do
que lle podemos aportar aos demais e deste xeito enriquecernos mutuamente.
Estas afirmacións, que seguro temos escoitado moitas veces, teñen que deixar de
soar coma retóricas para converterse verdadeiramente en eixos que nos leven a
buscar o común dos seres humanos. Un común que evite pretender aparentar ser,
uns ou outros, mellores, superiores ou tocados dunha elección especial por
parte de Deus. A experiencia humana únenos a tod@s, vivámola como experiencia e
presenza de Deus, ou como experiencia simplemente humana. Pero únenos. Por iso,
con Paulo, tamén podemos dicir que somos herdeiros dunha historia común que non
debemos deixar morrer; ao contrario, temos que esforzarnos por transmitirlla
aos que veñen detrás. Se lle prestamos atención e a tomamos en serio, a vida
para uns e outros sería moito máis doada. O que ocorre é que son os nosos
intereses persoais, os nosos desexos de destacar, de marcar a diferenza, de
facer valer o noso, de... non ter o corazón verdadeiramente disposto ao cambio e
á conversión –a vivir e tomar en serio o tempo de coresma– o que fai que por
riba da posibilidade de entendernos aparezan, e con moita máis forza, os
desencontros. Non seriamos capaces de dar un paso adiante e vivir e entender a
coresma doutro xeito, ao xeito da invitación de Xesús?. Non sería xa tempo de
deixar os desertos para entrar no bosque, que se ben tamén ten dificultades,
nos abre un camiño de árbores, auga e natureza viva. E este é o camiño que non
deberiamos esquecer de facer nesta coresma.
û O que nos levaría a convertelo nun camiño de conversión,
de sensibilidade diante dos problemas e dificultades dos demais; de superación
de crernos mellores e superiores aos outros; de rectificación de decisións e
escollas equivocadas que non nos traen máis ca dor, tristura e desacougo. Deus,
como ocorre coa figueira da que fala o evanxeo, volve darnos outra vez a
oportunidade de dar froitos de crecer e madurar humanamente. Que a coresma sexa
a auga, o abono, o sol que faga posible que ese froito que El espera de nós o
manifestemos desde o noso xeito de poñerlle positividade e esperanza ás
dificultades, que non desaparecen, pero se afrontan doutro xeito. Que o arrouto
de crernos os bos, dea paso á reflexión de sentir a necesidade dos demais.
ORACIÓN DA COMUNIDADE
No momento no que Deus nos invita a poñer en común todo
canto queremos que El alente e os irmáns acompañen, dicimos xunt@s:
QUE A FE SEXA OASIS FRONTE AOS DESERTOS DA VIDA
* Para que a Igrexa non se preocupe tanto en dar titulares
aos medios de comunicación, canto en esforzarse por non perder a raíz dunha
historia que vén de hai dous mil anos e chámanos a ser humildes e servizais,
OREMOS.
QUE A FE SEXA OASIS FRONTE AOS DESERTOS DA VIDA
* Para que os que nos chamamos cristiáns e cristiás, non
esquezamos nunca que o noso esforzo ten que ser vivir en comunidade, superando
o individualismo de crernos mellores, superiores e máis importantes cós demais,
OREMOS.
QUE A FE SEXA OASIS FRONTE AOS DESERTOS DA VIDA
* Para que este tempo de coresma nos leve a prestarlle
moita máis atención á Palabra de Deus para, desde ela, descubrir todas aquelas
actitudes que, porque nos afastan de Deus, temos que tirar ao colector do lixo,
OREMOS.
QUE A FE SEXA OASIS FRONTE AOS DESERTOS DA VIDA
Grazas, Señor,
porque queres que este tempo de coresma nos axude a espertar do soño de crernos
autosuficientes e non necesitados de canto nos impida caer no deserto sen vida
para camiñar no bosque frondoso da vexetación esperanzada que nos chama á
conversión. P.X.N.S. Amén.
PARA A REFLEXIÓN
Señor,
outra vez
volves chamarme polo meu nome,
convócasme á
túa comunidade
e invítasme a
desatar,
para os meus
irm@ns a palabra de vida
que sementas,
día a día, nas miñas entrañas.
Que o teu
Espírito me acompañe,
en todo momento
e circunstancia,
para que os
meus beizos e o meu corazón
te anuncien,
con alegría e tenrura,
como a boa nova
da liberación
neste mundo que
desexa e busca.
Que coa miña
palabra e o meu testemuño
saia de présa
ao encontro
de todas as
persoas que buscan unha vida máis digna,
de todas as
persoas que ansían e necesitan cercanía,
saúde e
traballo, xustiza e paz,
diálogo e
fraternidade, vida ...
(Florentino
Ullibarri, tomado do libro de Cáritas de Cuaresma e Pascua de 2013, p. 64)
* ENTRADA: Na noite escura
* LECTURAS: Arrepentido
* OFERTORIO: O Señor é o meu pastor
* COMUÑÓN: Seguirei os teus pasos
Comentarios