Ir al contenido principal

2 Coresma C


PÓRTICO
Como se non fósemos conscientes do que está ocorrendo, cada día son máis os colectivos que a sociedade vai deixando nas beiras, entrando na dinámica da invisibilidade, como se esquecer, aparcar ou non falar de persoas e situacións supuxera que xa non están, que desapareceron, que xa non son problema. E tan así é que pouco a pouco a sociedade vai permitindo que esta invisibilidade creza. De certas cousas non se fala –control ideolóxico para evitalo-, cámbianse as palabras para que non asomen con toda a dureza do seu significado, evítase calquera referencia a colectivos que están pasando por momentos de dificultade ou foron enganados por aqueles nos que confiaban. Prodúcese así o paradoxo de que na sociedade da información, vívese na máis absoluta desinformación. O que hai que dicir, cando dicilo, como dicilo... regúlase, contrólase e modúlase, como se non mostrar a realidade supuxera que non existe!. Teremos que seguir calados e adormecidos diante desta situación?.

O Evanxeo de hoxe, a Transfiguración, volve invitarnos a caer na conta de que escapar da realidade ou varrer para debaixo da alfombra non da solución aos problemas; pola contra, só poñendo os pés no chan seremos capaces de abordalos e tentar superalos.

Que a celebración de hoxe esperte en nós a forza para non volvernos indiferentes diante dos que, querendo ocultarnos a realidade, trátannos coma se foramos monicreques.

O PERDÓN

*        Por ter desconectado da realidade e dos seus problemas para pecharnos nas nosas actitudes individualistas, SEÑOR, QUE NON CAIAMOS NA INDIFERENZA.

*        Por deixarnos vencer pola preguiza que nos fai despreocupados e distantes dos problemas e dificultades dos veciños, CRISTO, QUE NON CAIAMOS NA INDIFERENZA.

*        Por seguir a política do avestruz, e escapar dos problemas e dificultades, como se non facerlles fronte supuxera a súa desaparición, SEÑOR, QUE NON CAIAMOS NA INDIFERENZA.

REMUÍÑO

Hoxe a Palabra márcanos un roteiro de viaxe:

ü  CONFÍA: A confianza que Deus manifesta en Abrahán pon a este no camiño da Alianza. Con el establece un compromiso de ser o que acompañe, anime, alente o descorrer do pobo de Israel; e non hai outra razón para que iso sexa así que a de que é Deus mesmo o que o quere. Sen intermediarios, sen mediacións, sen ninguén que poida utilizar esta oferta no seu beneficio. Este saír ao encontro por parte de Deus é o que move a Abrahán a dicir que si, a responder, logo das súas dúbidas e vacilacións, con confianza á confianza que Deus puxera nel. Un si co que da comezo á historia da relación e amor entre Deus e o seu pobo. Pero tamén unha historia na que diante da fidelidade e confianza por parte de Deus, se atopaba moitas veces a infidelidade e desconfianza por parte do pobo. Deus estaba... o pobo, non sempre. Unha experiencia coma esta pode servirnos a nós hoxe, segundo domingo de coresma, para que tamén nos preguntemos se somos capaces de percibir a confianza e fidelidade que Deus vai poñendo en nós, na nosa vida, no noso proxecto de realización persoal.

ü SAE: Unha vez que confías, cómpre dar un paso máis.... liberarse das ataduras. Sae do teu templo, das túas costumes relixiosas, do teu culto rutinario e baleiro, de todo aquilo co que cres poder comprar a Deus. Sae de ti mesmo, do teu illamento, do teu refuxio, das túas seguridades, dos teus complexos… despóxate do teu poder, dos teus bens, da nosa prepotencia cultural…. Porque para camiñar cómpre ir o máis lixeiro posible. A fe non adormece nin as nosas conciencias nin a percepción da realidade; ao contrario, mantena viva e axúdanos a non pasar como se o que ocorre non fora con nós.

ü  SUBE: A meta final non está no aplauso ou no recoñecemento dos aduladores, senón na tarefa, nada doada, de renunciar ao cómodo, ao fácil ,á palmada nas costas dos que só nos queren namentres lles valemos, para poñernos a camiñar buscando razóns, proxectos e esperanzas que nos cambien, persoal e comunitariamente, e fagan de nós crentes comprometidos na defensa das causas xustas que teñan á persoa como centro, e non como simple peón a utilizar segundo intereses persoais. Non todo o camiño é chan; pero nel iremos atopando cos acontecementos da vida e descubrindo a presenza do Señor. Non teñamos medo, non nos deixemos levar polos profetas de calamidades. Atoparemos pendentes, baixadas, curvas..... tamén rectas. Pero, de seguro que o Señor vai con nós... E sabendo que estamos de paso, e que só en Deus atoparemos o verdadeiro acougo.

ü  ESCOITA: Pedro falaba moito, e non sabía o que dicía. Na nosa sociedade, na que son moitos os discursos, na que hai saturación de palabras, onde tod@s din que teñen algo que ofrecer, ás veces queda pouco tempo para a reflexión e podemos deixarnos levar polo que nos resulta máis gracioso, cómodo ou fácil. Por iso cómpre que saibamos facer silencio para poder escoitar a Palabra de Deus, o berro dos irmáns e das irmás, as sinais da historia. Porque…escoitar é confianza e compromiso.

ü  BAIXA: O evanxeo da Transfiguración do Señor que vimos de proclamar é un lóstrego ás nosas conciencias para saír do papanatismo que moitas veces nos invade. É verdade que Paulo nos lembra que somos cidadáns do ceo, pero iso non é quere dicir, como moitos pensan, “estar nas nubes”, pasar das cousas da terra, vivir desarraigad@ do momento e da circunstancia na que se vive, sen compromisos concretos, sen preocupacións polas cousas e polas persoas, sen ler e interpretar “os sinais dos tempos. Cidadán e cidadá do ceo terá máis ver co feito de proxectar a nosa vida desde os valores de Deus, estando presentes no noso entorno con toda intensidade para poñer en cada acontecemento, por pequeno que sexa, un sentido sobrenatural, en persoas que viven con estilo transcendente e que xusto por iso non escapan das responsabilidades que teñen como membros da sociedade.

ü  DEIXA PEGADA: Tabor e Calvario son dous montes que enmarcan a vida pública de Xesús. Tabor e Calvario compleméntanse e enmarcan o discurso da existencia cristiá. Hai que subir ao Tabor desde a rutina da vida para ver, para coller folgos e esperanza no camiño; pero non hai que perder de vista a terra, non sexa que o resplandor e os destellos do Tabor se convertan en fogos artificiais, e a esperanza se desvaneza en ilusións. Tabor e Calvario son tamén dous xeitos de posicionarse na vida e fronte a vida. Nós, que estamos no Tabor da sociedade do benestar, miramos o mundo coma o reino da liberdade, cheo da luz dos Dereitos Humanos, lanzado cara ao progreso, o desenvolvemento, o crecemento... Pero fronte desta visión, moit@s irmáns nos@s viven no Calvario, é a sociedade doente d@s que agonizan na cruz do subdesenvolvemento, da pobreza inxusta, da fame innecesaria, do salario e da pensión discriminada. Por iso non é de recibo que digamos “que ben se está aquí” e que fagamos oídos xordos aos berros de tantas e tantas persoas que piden xustiza. Hai que baixar da montaña máxica, do falso Tabor no que poñen as súas tendas os poderosos, porque os cristiáns e cristiás temos a obriga de mostrarlles a estas persoas que Deus está con eles.

Ao noso colector do lixo, hoxe poderiamos, desde a escoita atenta desta palabra coa que Deus nos fala, botar todo canto nos fai crer inmunes a todo e non necesitados de nada nin de ninguén, porque o falso conforto afástanos de Deus e fainos insolidarios cos irmáns. Non sexamos, logo, tan ilusos como para crer que todo vai ben, a pesares da invisibilidade coa que a nosa sociedade vai cubrindo e escondendo a quen non lle gusta ou pon en cuestións a súa “falsa” imaxe. Baixemos do pedestal para non vivir do conto coma os que se cren por riba dos demais, imprescindibles e necesitados de que os outros se humillen diante deles. Que mellor que o tempo de coresma para baixar deste falso Tabor.

ORACIÓN DA COMUNIDADE

 

            Porque non queremos quedarnos mirando ao ceo, senón poñernos na túa man para sentir a forza que nos mova a aportar o noso gran de area na búsquea de solucións aos problemas que estamos a sufrir na comunidade, dicimos:

PAI/ NAI, QUE BUSQUEMOS SEMPRE EN TI A CONFIANZA DOS FILLOS

*    Que neste tempo de coresma camiñemos na sinceridade de botar ao colector do lixo canto nos fai covardes, insolidarios e indiferentes diante dos problemas dos irmáns e irmás, OREMOS.

PAI/ NAI, QUE BUSQUEMOS SEMPRE EN TI A CONFIANZA DOS FILLOS

*    Que neste tempo de coresma fagamos da nosa experiencia de fe un esforzo continuado por botar no colector do lixo o que nos leva a desconfiar de Ti, a afastarnos da oración como puntal de cada día, o que nos fai cómodos e parasitos, OREMOS.

PAI/ NAI, QUE BUSQUEMOS SEMPRE EN TI A CONFIANZA DOS FILLOS

*    Que neste tempo de coresma nos esforcemos por non dar as costas aos irmáns que viven situacións de perda de traballo, enfermidade, dificultades de relación e comunicación nas familias ou desconsolo e desencanto pola traizón de persoas que consideraban amigas, OREMOS

PAI/ NAI, QUE BUSQUEMOS SEMPRE EN TI A CONFIANZA DOS FILLOS

Pai/Nai, que saibamos descubrir a túa presenza no camiñar persoal e comunitario ao que nos enfrontamos cada día, para así non deixarnos levar pola indiferenza e o desencanto diante das dificultades. P.X.N.S. Amén.

 

PARA A REFLEXIÓN

Para estar contigo,

libérome da miña alforxa,

quito as miñas gafas,

esquezo a miña axenda,

gardo a pluma no meu peto,

boto a un lado o meu reloxo,

despóxome da miña roupa,

despréndome das miñas xoias,

renuncio ao meu anel,

quito os meus zapatos,

deixo tamén as miñas chaves...

Para estar contigo.

E despois de estar contigo....

 

Tomo as chaves para poder abrir as túas portas,

calzo os zapatos para poder andar polos teus vieiros,

poño o anel para comprometerme contigo,

adórnome con xoias para asistir á túa festa,

visto a túa roupa para saír ao teu mundo,

recupero o meu reloxo para vivir ao compás do teu tempo,

collo a miña pluma para escribir os teus pensamentos,

recobro a axenda para non esquecer

as túas citas comigo e as miñas citas comigo,

Poño as gafas, para poder ver o mundo ao teu xeito.

E cargo coa miña alforxa, para levar e sementar as túas promesas.

CANTOS

*      ENTRADA: Andarei na presenza do Señor

*      LECTURAS: Seguirei os teus pasos

*      OFERTORIO: Déixate querer

*      COMUÑÓN: Quédate Señor connosco

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2024 B

ALÍ ONDE NOS NECESITAS, ABRIMOS CAMIÑOS Á ESPERANZA (CORPUS 2024) CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Baixo o lema “Alí onde nos necesitas, abrimos camiños á esperanza” celebramos a xornada da caridade, que nos convida a non esquecer que, sempre e en todo lugar, a Igrexa, cada unha das persoas que a formamos, estamos chamadas a ser servidoras e samaritanas, achegándonos para aliviar, acompañar, escoitar e erguer a tanta xente ferida e tirada nas cunetas da vida. O Señor, que hoxe sae ás nosas rúas, volve dicirnos: “Estou aquí, facendo o camiño contigo”. Abramos o noso corazón para escoitar a súa voz que, dun xeito alto e claro, convídanos a abrir camiños de esperanza. CO CORAZÓN FERIDO Ti convídasnos a abrir camiños de esperanza; pero nós moitas veces somos profetas de calamidades, por...

3 Coresma 2024

DIANTE DA TENTACIÓN DE MERCADEAR COA FE, PROPOÑAMOS GRATUIDADE CANTO GOZOSO o     ENTRADA .- Eu sei de quen me fiei  ( 64) o     LECTURAS .- Oh, Señor, escólleme ( 62 ) o     OFERTORIO.-  Grazas Señor na mañá ( 34) o     COMUÑÓN.-   Ti es camiño e verdade ( 57)   Sinal de Coresma.-  Engadimos unha nova parte do corazón roto que estamos a conformar.   ESPERTANDO Á RENOVACIÓN              As comunidades cristiás vanse conformando ao redor da persoa e a palabra de Xesús. Persoa e palabra desde as que se nos invita a interiorizar a fe, as conviccións, os valores e actitudes desde os que vivir. Pero ocorre que moitas veces, por razóns diversas, imos esquecendo estes dous aspectos fundamentais da fe para caer na inconsistencia das rutinas, os costumes, o aburrimento desde os que acabamos vivindo a fe. No evanxeo de hoxe escoitaremos co...

6 Pascua 2024

  CONSTRUÍNDO CASA COMÚN SEN FACER DISTINCIÓNS NIN PERDER A IDENTIDADE CANTOS ·        ENTRADA:  Con ledicia vimos todos ao altar (Nº 2) ·        LECTURAS:  Cantádelle ao Señor unha cantiga nova (Nº 23) ·        OFERTORIO:  O amor é o meirande (Nº 120) ·        COMUÑÓN:  No colo de miña nai (Nº 49)   AQUECENDO O CORAZÓN              Neste sexto domingo de Pascua invítasenos a prestar atención, poñendo corazón, ollos, mans, pensamento, pés... para vivir facendo do amor cerne da nosa vida. A isto chámanos o Evanxeo de hoxe. Non é doado, sabémolo, pero non podemos renunciar a tentalo, porque só quen se esforza pode recoller logo o froito do seu esforzo.          Cando Xesús fala do amor, non está a teorizar nin tampouco a dicir palabras pa...