Ir al contenido principal

4 Coresma C


CHAMADOS A SER EMBAIXADORES DA RECONCILIACIÓN NO MEDIO DO MUNDO
SÍMBOLO CORESMAL
Continuamos desenvolvendo o sinal do colector de lixo que temos escollido para esta coresma. Neste cuarto domingo, botamos no noso colector todo canto nos impide entrar de verdade na invitación de Deus á reconciliación con El, cos irmáns e coas irmás. O noso colector será de cor morada e levará escrito: “Gustade e vede que bo é o Señor”.

PÓRTICO
            Unha frase da carta de Paulo aos Corintios que escoitaremos hoxe no momento da Palabra sitúanos no cerne da celebración deste domingo de coresma. Paulo invitaba, e hoxe tamén nos dirixe a nós esa invitación, a deixarse reconciliar con Deus; a abrirse a acoller a Deus en nós, no corazón e na vida. En tempos duros e de tanta desesperanza para quen non ten traballo, para quen ve que xorden problemas e dificultades na súa familia, para quen descobre que a enfermidade lle rompe proxectos e ilusións, para quen se sente enganado por aquel/es aos que consideraba amigos e confiaba na súa palabra, para tantas e tantas persoas ás que a tebra asoma unha e outra vez na súa vida, as palabras invitándonos a deixarnos reconciliar con Deus, ábrennos a responder desde unha actitude de confianza e cambio, para que a xustiza, que todos tanto desexamos, vaia facéndose realidade ao noso redor.

            Que esta oración que agora nos dispomos a compartir, siga a axudarnos a abrir camiños que nos leven a botar ao colector de lixo canto nos impide entrar de verdade nesta invitación de Deus á reconciliación con El e os irmáns.
 
O PERDÓN
  • Porque a nosa racionalidade impídenos abrirnos á linguaxe relixiosa que nos achega a Deus desde os sinais da súa presenza en mans que se saúdan con confianza, ollos que se encontran con sinceridade e sorrisos que se mostran con sinxeleza, SEÑOR, QUE NOS ABRAMOS Á RECONCILIACIÓN.
  • Porque o noso testemuño de vida non fai de nós auténticos embaixadores de Deus no medio dos irmáns e das irmás, CRISTO, QUE NOS ABRAMOS Á RECONCILIACIÓN.
  • Porque nos custa moito recoñecer que necesitamos pedir perdón e tamén perdoar a quen se achega a nós buscando o noso perdón, SEÑOR, QUE NOS ABRAMOS Á RECONCILIACIÓN.

REMUÍÑO
Ao redor da necesidade de deixarnos reconciliar, xira o texto de Paulo que temos escoitado no momento da proclamación da Palabra. E se ben son moitas as veces nas que temos escoitado, tamén utilizado a palabra reconciliación, quizais o teñamos feito sen prestarlle toda a atención que merece. Reconciliarse non é algo que se queda na superficie de dicir unha palabra ou facer un xesto externo cara a outra persoa coa que a nosa relación se ten deteriorado; ao contrario, a reconciliación di sempre relación ao profundo de cada un/ha de nós, a canto non se pode aprezar visualmente. Reconciliarse é estar disposto a fundirnos no máis fondo de nós mesmos e, nun acto de sinceridade persoal e intelectual, recoñecer que hai cousas que pola nosa teimosía nos están a baleirar por dentro, facendo que a ilusión, a esperanza, a capacidade de atoparnos, e que os demais nos atopen, se vaia esgotando. Reconciliarse pide ser conscientes de que non é agochando o que non nos gusta como podemos encarar os problemas, dificultades e mesmo limitacións persoais. Cando un verdadeiramente quere recompoñer todo canto ten roto no seu interior, podemos dicir que estamos no camiño que nos leva á verdadeira reconciliación. Pero para iso necesitamos non pouca sinceridade, recoñecer como somos, sen aparentar, sen mostrarnos para quedar ben e que os demais pensen que somos xeniais, impolutos e sen tacha. A chamada de Paulo a deixarnos reconciliar con Deus, pasa, primeira e necesariamente, por reconciliarnos con nós mesmos, sabendo aceptarnos, nas nosas limitacións e tamén nas nosas capacidades. Sen querer aparentar o que non somos, pero tamén sen caer no vitimismo de que non valemos nada. Reconciliarse é poñer as cousas no seu punto xusto, sen alardes, pero tamén sen complexos de inferioridade. Todos valemos, e valemos moito, inda que non valemos para todo. Saber distinguir ambas situacións xa nos vai poñendo en camiño. Un segundo eixo desta reconciliación, é a de descubrir a necesidade de reconciliarnos tamén cos demais, aqueles cos que día a día compartimos gozos e tristuras, proxectos e fracasos. E ha ser esta unha reconciliación real, concreta, que se vaia manifestando no xeito de prestarlles atención, de valorar canto din, de saber dicir non -desde o respecto que sempre supón a discrepancia- cando vemos que o que se di ademais de non responder á verdade, dana a quen vai dirixido. Reconciliarse, logo, é unha tarefa constante que nos pide non decaer, senón estar constantemente alerta, con capacidade crítica e sabendo que necesitamos estar a ben con nós, e desde a nosa aceptación saber valorar, escoitar e deixarnos acompañar polos demais. Unha vez asentados estes dous primeiros pasos, daremos o terceiro e derradeiro, consecuencia dos dous anteriores: deixarnos reconciliar por Deus. Porque Deus non é algo externo, afastado e distante de nós, a reconciliación con El, esixe e necesita a reconciliación cun mesmo e cos demais. Todo canto non nos leve a isto non é máis que superficialidade e aparencia. Pero a invitación de hoxe é ir ao profundo de cada un de nós, a ese momento no que afirmamos que nos atopamos diante da nosa conciencia, sen presións e sen ter que quedar ben con ninguén. Só nunha situación así poderemos entender que significa reconciliarse e se de verdade estamos nese camiño. A coresma non quere ser máis ca un medio para buscar e aproveitar ese momento no que nin nos enganamos a nós mesmos nin tampouco aos demais.

Como acabamos de escoitar tamén na parábola, o Pai bo, Deus, sempre está á nosa espera e cos brazos abertos, pero temos que ser nós os que nos poñamos en camiño e queiramos de verdade cambiar -reconciliarnos-. Se non estamos dispostos, El seguirá cos brazos abertos, pero nós non imos querer achegarnos ata El. O fillo pequeno, namentres non se deu conta disto, non puido comezar a súa transformación, o seu cambio. Deus estaba, pero el non quería achegarse ata El. Pola contra, o grande estaba presente, pero non desde unha disposición de acoller, senón a de esixir e crerse que como bo cumpridor merecía o seu premio. Verdade que nos soa este xeito de entender e facer as cousas?. Non actuamos nós moitas veces tamén así, crendo merecer recoñecemento, loanzas, bens … por estar, quedar e preocuparnos, negándolle aos demais e encirrando en nós xenreira contra deles?. Prestemos atención a esta parábola e poñámoslle como rostro identificador as nosas actitudes, os nosos pensamentos ou os nosos mesquiños intereses. Verdade que non estamos moi lonxe do que fixo o fillo maior?. Por que será que sempre temos na punta da lingua a frase: “eu merézoo, porque namentres el/es foron, eu quedei aquí e carguei con todo”?. Deixémonos reconciliar con nós e abandonemos as nosas propias pantasmas que non nos deixan ser felices, de xeito que academos tamén a reconciliación cos demais e con Deus.

ORACIÓN DA COMUNIDADE
Como Pai bo que saes ao noso encontro para ofrecernos a túa man de paz e misericordia, presentamos a nosa oración comunitaria dicindo xunt@s:
QUE NOS ALEGREMOS CO BEN DO IRMÁN
û  Que cantos nos sentimos parte activa da Igrexa, non esquezamos nunca que ser embaixadores de Deus no medio do mundo, chámanos tanto a acoller ao irmán que se achega buscando reconciliación, como a sentírmonos necesitados de ser reconciliados, OREMOS
QUE NOS ALEGREMOS CO BEN DO IRMÁN
û  Que cantos formamos parte das comunidades cristiás e nos reunimos cada domingo para compartir e celebrar a fe, nos esforcemos por practicar as actitudes de Xesús que sempre reconcilia e nunca garda rancor, senón que ofrece perdón e acollida, OREMOS.
QUE NOS ALEGREMOS CO BEN DO IRMÁN
û  Para que nós aprendamos tamén que a reconciliación cos demais esixe reconciliarnos con nós mesmos,superando vellas pantasmas que nos fan culpables, inferiores e sen gañas nin forza para queremos e aceptarnos a nós mesmos, OREMOS.
QUE NOS ALEGREMOS CO BEN DO IRMÁN
û  Que a forza do Espírito alente a cantos teñen a misión -tamén a responsabilidade- de elixir ao próximo Pastor da Igrexa, para que a súa elección sexa desde criterios evanxélicos, e non desde intereses ideolóxicos e de poder, OREMOS.
QUE NOS ALEGREMOS CO BEN DO IRMÁN
Señor, que nos deixemos reconciliar interior e exteriormente desde a sinceridade e o esforzo de cambiar e ser máis xustos, honestos e responsables para con nós e os demais. P.X.N.S. Amén.

PARA A REFLEXIÓN
O Pai era o sol.
O fillo máis pequeno desenganchou da familia,
E quixo voar só cara ningures;
atolado, sen cabeza nin entendemento.
O Pai sentiu que algo rachaba no seu corazón,
e a ferida sangraba sen remedio.
Non era cousa da herdanza,
senón do afastamento, o silencio, a indiferenza...
Cando parecía que xa non había esperanza e todo estaba perdido,
o fillo volveu.

O sol saíu outra vez e a esperanza fíxose posible.
Aquel renacer merecía unha festa,
a ledicia hai que celebrala e compartila.
Non se pode gardar só para un.
O outro irmán non o entendía,
seguía a pensar en herdanzas e cartos;
non entendeu que o importante era a volta do irmán.
A envexa, o odio, o crerse mellor e cumpridor
non o deixaron descubrir que por riba do que un faga ou deixe de facer,
Deus sempre sae ao encontro.
Con paciencia espera, agarda e nunca abandona.
O pequeno volveu á calor de Deus,
Mágoa que o grande xeara e endurecera o seu corazón!
Non foi capaz de aledarse coa alegría do Pai e do irmán.
(A partires dunha idea do Libro de Cáritas, Cuaresma e Pascua 2013, p. 68 )

CANTOS
·        ENTRADA: Arrepentido
·        LECTURAS: Amigos nas penas
·        OFERTORIO: Xesús chamado amigo
·        COMUÑÓN: Cando me colle a noite no camiño 

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Ascensión 2025 C

  7º Domingo de pascua. Ascensión.2025 A ASCENSIÓN:  ATRÁS QUEDARON OS CENÁCULOS NOS QUE ESCONDERSE E APARTARSE DO MUNDO CANTOS · Entrada.- Con ledicia vimos ( 3 ) · Lecturas.- Cantade ao Señor ( 23 ) · Ofertorio.- Cantádelle ao Señor ( 33 ) · Comuñón.- Señor Xesús bendito sexas (52) ABRÍNDONOS AO ESPÍRITO A Ascensión do Señor é a festa coa que Xesús nos quere transmitir que unha vez que El xa non está correspóndenos a nós perder os medos, saír da casa e anunciar no medio do mundo a forza, sempre alentadora e esperanzada, da súa mensaxe. El chámanos a ser testemuñas de toda a alegría rebordante que nos ofrece coa súa Boa Nova, porque xa non é tempo de esconderse e laiarse. Agora comeza o tempo do compromiso, da presenza activa e non excluínte, no medio do mundo. E sempre desde alí onde esteamos. Atrás quedaron os cenáculos nos que esconderse e apartarse do mundo. El farase presente se nós, co noso actuar e coa coherencia e honestidade de da nosa palabra, o facemos presente. CU...

Epifania 2025

A ESTRELA DE DEUS GUÍA O CAMIÑO CARA Á BELÉN DA SINXELEZA CANTOS:  Panxoliñas OLLOS ABERTOS Paz e ben. Hoxe é un día máxico e de maxia. Máxico porque Deus móstrasenos a toda a humanidade, sen distincións. El non repara na nosa condición social, na cor da nosa pel, no noso xénero ou na nosa idade. El é man aberta que acolle e abraza sen exclusións de ningún tipo. Pero tamén é día de verdadeira maxia, para pequenos e grandes: a maxia da ilusión e da capacidade de sorprendernos pola estrela do Señor, que guía a nosa vida. Con esta invitación a non perder nunca a maxia da ilusión, comecemos a nosa celebración de hoxe. CORAZÓN MISERICORDIOSO Señor, inda que Ti nos invitas á maxia da ilusión, nós confundimos o camiño e andamos no pesimismo, por iso che dicimos, SEÑOR, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, Ti non cansas nunca de dicirnos que só quen ten capacidade de sorprenderse seguirá fiel no teu vieiro, por iso che pedimos, CRISTO, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, pol...