Descargar arquivo
1)
CANTO DE ENTRADA
2)
PÓRTICO
GLORIA
REMUÍÑO
ORACIÓN DA COMUNIDADE
PARA A REFLEXIÓN
CANTOS
1)
CANTO DE ENTRADA
2)
PÓRTICO
5)
ORACIÓN
COLECTA
6)
LECTURAS
1ª
Lectura:
Ex 12,1-8.11-14
2ª
Lectura:
1 Co 11,23.26.
Evanxeo: Xn 13,1-15
8)
CREDO
10)
OFRENDAS
11)
NOSO
PAI
12)PAZ
13) COMUÑÓN
14)
TRASLADO
AO MONUMENTO
15)ALTARES. RETÍRANSE OS MANTEIS
UN DÍA PARA SUPERAR TÓPICOS E TOMAR EN
SERIO AS PALABRAS. DICIR AMOR, SOLIDARIEDADE OU SERVIZO É POÑER DIANTE DE NÓS
PERSOAS COAS QUE COMPARTO E VIVO O AMOR, A SOLIDARIEDADE E O SERVIZO
PÓRTICO
Xoves
Santo é un día cargado de fondura e riqueza espiritual. Cando dicimos que é o
día do amor, do servizo e do compartir, estamos expresando que para os
cristiáns, por riba de recortes, axustes, manipulacións, enganos, subornos...
seguen a estar as persoas que sofren, son excluídas, son silenciadas e ás que
moitas veces parece que se nos quere esconder, como se non existiran. Que
mellor día ca hoxe para facer confesión de fe e compromiso de non deixar que
ninguén xogue con nós coma se foramos monicreques. Porque somos persoas, porque
cremos e confesamos que somos imaxe de Deus queremos, neste Xoves Santo, convencernos
de que só con e desde o amor será posible que o que nestes días celebramos sexa
raíz e cimento para que inflúa de tal xeito na nosa vida que a enchoupe da
tenrura e sensibilidade para entenrecernos, e achegarnos aos irmáns que nos
miran dicíndonos: non te esquezas de min.
O PERDÓN
ü Limpa, Señor, os nosos corazóns, para
que os nosos comportamentos non respondan a comportamentos egoístas, senón a
amor servizal e solidario, SEÑOR, QUE AS NOSAS PALABRAS AMEN E NON FIRAN.
ü Libéranos, Señor, das ataduras que nos
impiden que camiñemos con seguridade e convicción cando nos achegamos aos
irmáns, CRISTO,
QUE AS NOSAS PALABRAS AMEN E NON FIRAN.
ü Énchenos, Señor, da sinceridade para afastar
de nós canto provoca feridas e dor nas persoas coas que tratamos cada día, SEÑOR, QUE AS
NOSAS PALABRAS AMEN E NON FIRAN.
GLORIA
(Cantado)
REMUÍÑO
ö No libro do Éxodo acabamos de escoitar
que Israel tiña unha forte conciencia de pobo, de sentido comunitario, da
importancia simbólica dos sinais como encontros de presenza de Deus entre eles.
Cando celebran a pascua, saben que están non só rememorando un acontecemento do
pasado que lles lembra quen son e de onde veñen, senón que nese rememorar están
tomando conciencia de que a súa misión segue viva no presente, e que a eles
lles corresponde ser testemuñas do camiño iniciado polos seus antepasados. Non
miran logo cara atrás con nostalxia porque xa non teñen nada que dicir nin
celebrar; ao contrario, a referencia ao seu pasado sérvelles de impulso para
manter actual e viva a súa conciencia de ser pobo de Deus, de que seguen en
camiño, de que o futuro do pobo depende deles. Tamén a nós, neste Xoves Santo,
nos corresponde tomar conciencia de quen somos, de cales son as nosas raíces e
de onde temos a nosa identidade. Para non perdernos nin diluírnos nun anonimato
que, cada vez máis, parece que imos relegando –non é que outros o fagan por nós
a modo de vinganza, senón que somos nós os que renunciamos por falta de
convencemento– á invisibilidade. No mundo de hoxe, na nosa sociedade, o obxectivo
non é o de volver nin á cristiandade nin ao nacional–catolicismo que tanto
poder deu á Igrexa, e tanto dano ten acabado producindo entre nós ao non sabelo
converter en servizo e participación plural. Cando unha Igrexa non é capaz de
superar as fronteiras da imposición, a intolerancia e o ritualismo baleiro de
contido, o tempo acaba poñéndoa nas beiras do descrédito e da falta de empatía e
recoñecemento ao seu labor e á súa presenza na sociedade. Isto ten ocorrido coa
Igrexa en occidente, e como consecuencia dese querer buscar prestixio
achegándose ao poder, e non recoñecemento por ter sabido estar ao lado dos
pobres e excluídos, estamos hoxe sendo unha Igrexa residual nun mundo que vai
moi a présa e para o que xa non temos folgos que nos leven a entendelo e entrar
en diálogo con el. Por iso, nesta tarde de Xoves Santo, como fixo o pobo de
Israel, e como fixo Xesús cos seus doce amigos, nós somos invitados a tomar
conciencia de que a celebración non é un rito que nos recorda a un Deus
afastado e a quen lle temos medo, senón presenza viva e actuante que nos leva a
ser, tod@s, non só o papa, bispos ou curas, sinal de presenza de Deus, seguidores
daquel que converteu en servizo a causa da súa vida, e desde el fixo presente
que Deus non é o que se afasta de nós, senón que somos nós os que lle damos as
costas a El. Comer hoxe o pan da Eucaristía ten que ser unha confesión de fe
que mostre que queremos ser Igrexa no medio do mundo. Igrexa de solidariedade,
escoita, encontro, comuñón fraterna e con capacidade de entender e dialogar co
mundo plural no que estamos e que axudamos a construír. Un diálogo que non é
nin busca condenar, senón entenderse para, entre uns e outros, apostar pola
causa do ser humano, da persoa, rompendo a lóxica do poder, do dominio, do
sometemento e da manipulación pola que nos queren ir levando os poderosos aos
que nin lles importa Deus nin lles importan as persoas, senón o beneficio, o
enriquecemento e a súa capacidade de humillar e poñer baixo de si aos demais. E
por iso compiten. De aí o importante que é que neste Xoves Santo tomemos
conciencia de que, espertando da atonía na que ás veces temos caído, debemos
impedírllelo. A verdadeira indignación marcóunola Xesús, cando denunciaba a
hipocrisía dos fariseos e o engano dos poderosos. Que mellor camiño e
invitación ao seguimento!.
ö A isto se refería Paulo cando nos
lembra, agradecido, o testemuño -palabra e vida- que recibira respecto ao que
ocorrera na derradeira Cea. Non foi un conto ou unha historia, senón que el
recibiu o compromiso concreto e real de que a presenza no mundo dos que queremos
ser seguidores de Xesús non pode ser pasivo, deixando que outros fagan e tomen
iniciativa por nós. Canto el nos conta do que ocorreu naquela sala con Xesús e
os seus amigos, foi a primeira toma de conciencia de que temos que estar sempre
en actitude activa, esperanzada e convencida. O “comede e bebede o meu corpo e sangue” non é un relato do pasado;
tampouco un xesto que recordamos cada ano por estas datas; senón a presenza
viva de Xesús no pan e no viño. É unha presenza sempre actuante, que nos fai
tomar conciencia de que non repetimos un rito, senón que actualizamos, facemos
presente un encontro que nos move, nos alenta e nos di que por moi mal que
vaian as cousas, El segue ao noso lado e non podemos deixarnos vencer pola
preguiza. Aquí radica o verdadeiro sentido que nos aporta e diferenza aos que
cremos en Xesús de Nazaret, o Fillo de Deus, o que na súa persoa fai presente o
Reino e mostra que o camiño cara á salvación non é doado, pero si é posible.
Xoves Santo é tamén renovación de todo canto fai que a vida pague a pena,
porque é un unirnos aos demais na construción de estruturas e relacións máis
humanas que mostren que Deus está presente nelas. O esforzo do día a día nesta
tarefa, e sen desfalecer, vén acompañado pola presenza do Espírito Santo que
alenta e fortalece os nosos esforzos e nos anima cando se achega a tentación de
abandonar e darlle as costas a Deus.
ö Desde este camiño que Deus abriu na
pascua de Israel e renovou coa encarnación do seu Fillo, Xesús de Nazaret,
celebramos nós, acompañados pola forza do Espírito, este Xoves Santo. O recoñecemento
do outro como irm@n, servizo desinteresado ao compartir gozoso coas comunidades,
que se reúnen ao redor do altar para non esquecer onde está a nosa raíz, e cal
ten que ser o noso traballo para dar froitos que rompan a dinámica da vida como
ganancia produtiva, e a convertan nunha experiencia humana e fraterna.
ORACIÓN DA COMUNIDADE
Na tarde do servizo desinteresado e do amor convertido en
rostro de persoas, irmáns e amigos, queremos agradecer este momento de oración
para unirnos e poñer diante de ti todo canto levamos nos corazón e queremos
compartir contigo. Facémolo dicindo:
FAINOS, SEÑOR, TESTEMUÑAS AGRADECIDAS DO
TEU AMOR
* Pola Igrexa, para que sexa mesa
compartida e así cantos chamen na súa porta atopen sempre un sitio libre para
poder sentar e ser acollidos sen desconfianza, OREMOS.
FAINOS, SEÑOR, TESTEMUÑAS AGRADECIDAS DO
TEU AMOR
* Polos pastores da Igrexa, para que
vivan e actúen sempre movidos polo amor a Xesucristo, manifestado no servizo
aos irmáns, OREMOS.
FAINOS, SEÑOR, TESTEMUÑAS AGRADECIDAS DO
TEU AMOR
* Para que o testemuño de Xesús, que neste Xoves Santo se converte en espello
para toda a Igrexa, chamada a ser no mundo gozo e esperanza, faga de nós
corazóns solidarios, mans servizais e mesa fraterna de pan compartido, OREMOS.
FAINOS, SEÑOR, TESTEMUÑAS AGRADECIDAS DO
TEU AMOR
* Por cantos neste momento duro e difícil
están sendo vítimas do desamor, do odio, e viven en sufrimento e soidade, para
que lles chegue o amor desinteresado e sincero dos que nos chamamos seguidores
de Xesús, OREMOS.
FAINOS, SEÑOR, TESTEMUÑAS AGRADECIDAS DO
TEU AMOR
* Polos voluntari@s de Cáritas, que en
todo o mundo, e a través do seu traballo gratuíto e xeneroso nas parroquias,
van poñendo folerpas de esperanza nas vidas das persoas que sofren, ás que eles
acollen con amor, OREMOS.
FAINOS, SEÑOR, TESTEMUÑAS AGRADECIDAS DO
TEU AMOR
Aléntanos e acompáñanos,
Señor, a ser verdadeiros seguidores da túa mensaxe e da túa vida, poñéndolle
nome e rostro ao traballo desinteresado que se esforza por facer das
comunidades cristiás mandamentos de amor entregado e sempre servizal. P.X.N.S.
Amén.
PARA A REFLEXIÓN
(Lémola no momento
da Adoración)
Amor namorado,
un amor roto en
mil anacos.
Comede do meu
amor, comédeme a min.
Así, pouco a
pouco, saboreando.
Ten as vitaminas
do ceo e mais da terra,
é alimento
completo e inmortal medicina.
Foi amasado e
levedou no seo dunha Virxe,
que no seu
desconcerto soubo dicir si.
Foi cocido no
forno do Espírito,
e sufriu a
división da incomprensión
e do fanatismo dos
golpes inimigos.
Soubo superar a
incomprensión
para ser acollido
por mans agarimosas e necesitadas.
É un pan fermoso,
inmenso, nutritivo,
peso de graza, recende
a resurrección,
comese no banquete
do Reino,
e sabe a Deus.
Comede do meu pan
ata fartar.
Comede do meu pan
para fortalecervos.
Comede do meu pan
ata a pascua,
E deste xeito,
resucitados, facédevos pan para os irmáns. Amén.
(Caritas, Yo
creo y espero en el amor.Cuaresma y pascua 2013, p.121)
CANTOS
ENTRADA: Temos unha festa
GLORIA
LECTURAS: Ti es o Pan do Ceo/Xesús é Señor
OFERTORIO: Pan do ceo, pan de vida
SANTO: Oh Señor noso Deus
PAZ: Douvos un mandato novo
COMUÑÓN: O amor é o meirande
ADORACIÓN SANTÍSIMO: Salve, Santo Sacramento
(Ao final da
celebración sácanse os manteis e déixanse os altares nus, para concentrar todo
no lugar a onde levamos a Eucaristía. Alí poñeremos o signo coresmal).
Comentarios