Ir al contenido principal

Domingo de Ramos


FÓRA DO TEMPLO
SAÚDO
PÓRTICO
PROCLAMACIÓN DA PALABRA (Is. 50, 4-7)
CANTO: AS TÚAS PALABRAS SON ESPÍRITO E VIDA
BENDICIÓN DOS RAMOS
CANTO PROCESIONAL: CAMIÑAREI NA PRESENZA DO SEÑOR

DENTRO DO TEMPLO








OFERTORIO: NA NOSA TERRA

PAZ: QUE VEÑA A PAZ

BENDICIÓN

BALEIREMOS COS COLECTORES PARA ENTRAR GOZOSOS NO CAMIÑO DA ESPERANZA

 

(Comézase fóra, a poder ser nun lugar un pouco afastado da Igrexa, para poder camiñar procesionalmente unha vez bendicidos os ramos).

SAÚDO


Quen preside: A paz, o ben e máis a xustiza de quen pasou polo mundo facendo o ben, estean con todas/os vós.

PÓRTICO


            A celebración de hoxe, na que bendiciremos os ramos que levamos nas nosas mans, está chea de simboloxía. Bendicimos aquí fóra, camiñamos ata o templo, acompañamos a procesión con cantos de gloria e aleluia. Todos estes sinais vannos indicando que chegar á pascua esixe sempre poñerse en camiño, que non é doado, que supón esforzo e non poucas dificultades. Como lle ocorreu a Xesús. Malia non ser doado, non perdemos o sorriso, porque querer estar na liña de saída é xa expresión de confianza, de convicción, de esperanza, por superar os atrancos e dificultades. Ademais, non imos solos, senón que camiñamos de xeito comunitario, termando uns de outros, buscando compartir o que nos une, preocupándonos de axudar a camiñar a cantos temos ao lado. Que mellor sinal ca este para abrir comunitariamente este percorrido no que somos invitados a gozar participando, colaborando e facendo persoalmente esta andaina que levou a Xesús da Xerusalén que o acollía á Xerusalén que mostra o seu asombro por ter resucitado; sen esquecer a Xerusalén que o condena a morrer na cruz, e con ela a cantos son vítimas da incomprensión e da ansia de dominio dos poderosos.

Que esta bendición non quede só nos ramos, senón que a acollamos en nós para sentir a presenza de Xesús na nosa vida, e coma El, consigamos chegar á resurrección que deixa atrás a crise, o engano e a insolidariedade.

PROCLAMACION DA PALABRA (Is. 50, 4-7)


PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE ISAÍAS

O Señor Deus concedeume lingua de discípulo para saber instruír ao cansado cunha palabra que o anime cada mañá.

El espreguiza pola mañá o meu oído para escoitar coma discípulo.

O Señor Iavé abriu o meu oído, e eu non me rebelei, non me botei para atrás.

Ofrecín o lombo aos que me azoutaban, e a miña cara aos que me arrincaban a barba. Non escondín a miña cara dos insultos e das cuspiñadas.

Pero o Señor axudarame, por isto non me sinto avergonzado, e poño a miña cara coma un diamante, pois sei que non me avergonzarei.

PALABRA DO SEÑOR

 

CANTO:


AS TÚAS PALABRAS, SEÑOR, SON ESPÍRITO E VIDA

BENDICIÓN DOS RAMOS


         En cada unha das nosas parroquias, Señor, queremos acollerte con alegría e espírito de festa. Ofrecémosche ramos e palmas, para agradecer a túa presenza e facerche un sitio entre nós. Queremos que te sintas a gusto ao noso lado e coa túa forza ser luz de xustiza e compromiso de amor para os demais. A bendición + que agora realizamos sobre estes ramos e estas palmas no teu nome, lévanos a sentirte como compañeiro nesta viaxe de estar presentes no mundo para dar testemuño da túa mensaxe de vida e esperanza. P.X.N.S. Amén.

CANTO PROCESIONAL:


CAMIÑAREI NA PRESENZA DO SEÑOR

 

--------------------------DENTRO DO TEMPLO------------------------------

O PERDÓN


v Para que botemos ao colector esas actitudes e comportamentos que por estar tan asentados en nós, resístense a abandonarnos, SEÑOR, QUE NON NOS SOLTEMOS DA TÚA MAN.

v Para que tomemos o camiño que nos leva a recoñecernos necesitados de cambio e renovación, CRISTO, QUE NON NOS SOLTEMOS DA TÚA MAN.

v Para que non poñamos desculpas nin atrancos á participación na Semana Santa, e a vivamos coma unha experiencia de fe persoal e comunitaria, SEÑOR, QUE NON NOS SOLTEMOS DA TÚA MAN.

GLORIA


ORACIÓN COLECTA


PROCLAMACION DA PAIXÓN SEGUNDO LUCAS


 

PAIXÓN DO NOSO SEÑOR XESÚS CRISTO SEGUNDO LUCAS

 

  C- Cando chegou a hora, púxose Xesús á mesa cos seus apóstolos. Díxolles:

  + ‑ ¡Moito levo desexado comer esta Pascua convosco antes de eu padecer!. Porque vos digo que xa non a volverei comer ata que chegue o seu cumprimento no Reino de Deus.

  C - E collendo unha copa, deu grazas e dixo:

  + ‑ Tomade e repartídea entre vós, pois asegúrovos que non volverei beber do produto da viña ata que chegue o Reino de Deus.

  C- E collendo pan, deu grazas, partiuno e déullelo, dicindo:

  + ‑ Este é o meu corpo, que se entrega por vós; facede isto en memoria de min.

  C - E despois de cear, fixo o mesmo coa copa, dicindo:

  + ‑ Esta copa é a Nova Alianza, selada co meu sangue, que se verte por vós.

Pero mirade o que vos digo: a man do que me entrega está aquí, sobre a mesa, a carón meu. Porque o Fillo do Home vaise, conforme o determinado; pero ¡ai daquel que o entrega!.

  C- Entón empezaron a discutir entre eles, sobre quen podería ser o que ía facer iso.

Armouse tamén unha discusión entre eles sobre a quen deles debían considerar máis importante. Pero el díxolles:

  + ‑ Os reis dos xentís asobállanos, e os tiranos fanse chamar benfeitores. Pero vós non fagades iso; non: que o maior entre vós sexa coma o máis pequeno, e o que goberna, coma quen serve. Pois, ¿quen é máis importante, o que está á mesa ou quen o serve? ¿Acaso non é o que está na mesa? Pero eu ando entre vós coma quen serve.

Pois vós sodes os que quedastes comigo nas miñas probas. E, coma o meu pai o dispuxo para min, así eu teño disposto para vós un reino, para que, cando eu sexa rei, comades e bebades na miña mesa, e sentedes en tronos para xulgar as doce tribos de Israel.

¡Simón, Simón, mira que Satanás vos reclamou para vos peneirar coma o trigo!. Pero eu roguei por ti, para que a túa fe non falle; e ti, ao que te arrepintas, debes confirmar os teus irmáns.

  C - Díxolle el:

  P- Señor, estou disposto a ir á cadea e á morte contigo.

Respondeulle Xesús:

  + ‑ Ten por seguro que hoxe, antes de que o galo cante, negarás tres veces que me coñeces.

  C -E logo preguntoulles a todos:

  + ‑Cando vos mandei sen bolsa, alforxas e calzado, ¿sentistes falta de algo?

  C - Eles responderon:

  P ‑ De nada.

  C- El continuou:

  + ‑ Pois agora quen teña unha bolsa, que a colla e que colla tamén unha alforxa; e quen non teña espada, que venda o seu manto e que merque unha. Porque vos aseguro que é preciso que se cumpra en min aquilo que está escrito: "Foi contado entre os malfeitores". E o tocante a min vaise cumprir.

  C - Eles dixéronlle:

  + ‑ Señor, temos aquí dúas espadas.

  C - Contestoulles:

  + ‑ Basta. Xa está ben.

  C - Despois de saír, foise como facía sempre ao Monte das Oliveiras, seguido dos seus discípulos. Cando chegaron ao sitio, díxolles:

  + ‑ Rogade que non caiades na tentación.

  C - E arredándose deles, coma un tiro de pedra, púxose a rogar axeonllado:

  + ‑ Meu Pai, se queres, arreda de min este cáliz. Pero que non se faga a miña vontade, senón a túa.

  C - E un anxo do ceo aparecéuselle para confortalo. E cheo de angustia, pregaba con máis teima aínda, mentres suaba coma pingas de sangue que esvaraban ata o chan.

Erguéndose da oración, volveu onda os discípulos e atopounos durmidos por mor da tristeza. Díxolles:

  + ‑ ¿Como é que estades a durmir?. Erguédevos e rogade, para que non caiades na tentación.

  C - Estaba aínda falando, cando apareceu xente; á fronte deles viña o chamado Xudas, un dos Doce; e achegouse a Xesús, para lle dar un bico. Pero Xesús díxolle:

  + ‑ Xudas, ¿cun bico entregas o Fillo do Home?

  C - Entón os seus acompañantes, decatándose do que pasaba, preguntáronlle:

  P - Señor, ¿sacamos as espadas?

  C - E un deles feriu ó criado do Sumo Sacerdote, rabenándolle a orella dereita.

Pero Xesús díxolle:

  + ‑ Deixádeos facer.

 C - E tocándolle a orella, sandoulla.

Entón díxolles aos que viñan contra el, sumos sacerdotes, oficiais da garda do templo e anciáns:

 + ‑ Viñéstesme prender con paus e espadas, coma se fose un bandido. Pero eu estiven a diario convosco no templo, e non me puxestes as mans enriba. Ben: esta é a vosa hora, e o poder das tebras.

 C - Prendérono e levárono á casa do Sumo Sacerdote. Pedro seguíao de lonxe. Prenderon lume no medio do patio, e sentaron arredor; e Pedro sentou tamén no medio deles. Pero unha criada, viuno sentado a carón do lume, cravou os ollos nel e dixo:

 P ‑ Este tamén andaba con el.

 C - El negouno dicindo:

 P ‑ Muller, eu non o coñezo.

 C - Pouco despois viuno outro criado, e dixo:

 P - Ti es deles tamén.

 C - Pero Pedro exclamou:

 P - Non, home, non son.

 C - Unha hora máis tarde, aínda volveu insistir outro criado:

 P - Si, seguro que andaba con el, que é galileo.

 C - Pedro replicou:

 P - Pero home, eu non che sei de que falas.

 C - E no intre, estando aínda el a falar, cantou o galo. O Señor, volvéndose, mirou a Pedro, e este acordouse das súas palabras: "antes de que o galo cante hoxe, ti hasme negar tres veces". Saíu para fóra, e chorou amargamente.

Os homes que o tiñan preso burlábanse del e mallábano; tapábanlle a cara e preguntábanlle:

 P ‑ Fai agora de profeta: ¿quen che zoupou?

 C - E aldraxábano, dicíndolle outras moitas cousas.

Cando se fixo de día, reuniuse o Consello dos anciáns do pobo, os sumos sacerdotes e mailos letrados, e acordaron levalo ao Sanedrín. E dixéronlle:

 P ‑ Se ti es o Mesías, dínolo.

 C - El contestoulles:

 + ‑ Se volo digo, non me ides crer; se vos fago preguntas, non me ides responder. Pero desde agora o Fillo do Home estará sentado á dereita do Todopoderoso.

 C - Preguntáronlle todos:

 P ‑ ¿Logo es ti o Fillo de Deus?

 C - El respondeu:

 + ‑ Vós o dicides: eu son.

 C - Eles exclamaron:

 P ‑ ¿Para que máis testemuñas?. Xa llo oímos nós mesmos da súa boca.

 C - Cando se levantou a sesión, conduciron a Xesús ante Pilato. Alí empezárono a acusar, dicindo:

 P ‑ Atopamos a este revolucionando ó pobo, impedíndolle pagar o tributo ao César, e declarándose ademais Mesías e rei.

 C -Pilato preguntoulle:

 P ‑¿ Es ti o rei dos xudeus?

 C - Respondeulle:

 + ‑ Ti o dis.

 C - Entón díxolles Pilato aos sumos sacerdotes e mais á xente:

 P ‑ Eu non atopo delito ningún neste home.

 C - Pero eles teimaban dicindo:

 P ‑ Anda encirrando á xente, ensinando por toda Xudea, desde Galilea ata aquí.

 C- Oíndo aquilo, Pilato preguntou se aquel home era galileo. O saber que pertencía á xurisdición de Herodes, remitiullo a el, que casualmente estaba por aqueles días en Xerusalén.

Herodes, ao ver a Xesús, alegrouse moito, porque había tempo que o quería ver, polo moito que tiña oído falar del; de por parte esperaba ver algún milagre. Fíxolle moitas preguntas, pero Xesús non dixo palabra. Tamén estaban alí os sumos sacerdotes e mailos letrados acusándoo arrufadamente. Herodes e mailos seus soldados aldraxárono, e, para faceren riso del, vestírono cunha roupa fachendosa; e despois Herodes mandoullo de volta a Pilato. E desde aquel día Herodes e Pilato, que se levaban moi mal, quedaron amigos.

Pilato convocou os sumos sacerdotes, os xefes e mailo pobo e díxolles:

 P ‑ Trouxéstesme este home coma se fose un revolucionario; pero eu, despois de o interrogar diante de vós, non atopei nel ningún delito deses dos que o acusades; nin tampouco Herodes, que nolo devolveu. Nada que mereza a morte cometeu; así que voulle pór un escarmento, e despois vouno soltar.

 C - Pero todos empezaron a berrar, dicindo:

 P - ¡Fóra ese, solta a Barrabás!

 C - (Este estaba na cadea por unha revolta con asasinato, ocorrido na cidade).

Pilato volveulles falar, pois quería librar a Xesús. Pero eles berraban:

 P - ‑ ¡Crucifícao, crucifícao!

 C - Pilato replicou por terceira vez:

 P ‑ ¿Pero que mal fixo?. Ningún delito de morte atopei nel. Dareille un escarmento e soltareino.

 C - Pero eles porfiaban a berros e pedían a crucifixión, facendo cada vez máis algareo. Por fin Pilato sentenciou tal coma eles querían. Soltou ó que reclamaban ‑o encadeado por revolta e asasinato-, e a Xesús entregóullelo ao seu antollo.

Cando o levaban, botaron man dun certo Simón de Cirene, que viña da leira, e cargáronlle a cruz, para que a levase detrás de Xesús. Ia tras eles unha chea de xente e mulleres batendo no peito e laiándose por el. Xesús volvéndose a elas, díxolles:

 + ‑ Fillas de Xerusalén, non choredes por min: chorade máis ben por vós e polos vosos fillos. Porque, mirade, veñen días nos que se dirá: "Afortunadas as estériles, os ventres que non enxendraron e os peitos que non criaron". E pediranlles ós montes: ¡Caede enriba de nós!, e ós outeiros: tapádenos. Porque se isto fan coa árbore verde, ¿que lle pasará á seca?

 C- Levaban con el tamén a outros dous bandidos, para executalos. E cando chegaron ao lugar chamado "A Caveira", crucificárono alí; e con el os dous bandidos: un á dereita e outro á esquerda del.

Xesús dicía:

 + ‑ Meu Pai, perdóaos que eles non saben o que fan.

 C - E, botando á sorte, repartiron a roupa del. A xente estaba a mirar, e os xefes moqueábanse del, dicindo:

 P - A outros salvounos. Pois que se salve agora el, se é o Mesías de Deus, o Elixido.

 C - Tamén os soldados se burlaban del, e achegándose ofrecíanlle vinagre, dicindo:

 P  ‑ Se ti es rei dos xudeus, sálvate a ti mesmo.

 C - E había un letreiro enriba del: "Este é o rei dos xudeus".

Un dos bandidos que estaban crucificados, insultábao tamén:

 P ‑ ¿Non es ti o Mesías?. Pois sálvate ti e sálvanos a nós.

 C - Pero contestoulle o outro, reprendéndoo:

 P ‑ ¿Seica non temes a Deus, ti que sofres a mesma condena ca el?. Nós, polo menos, recibimos o que merecemos, pero este non fixo mal ningún.

 C - E dicíalle:

 P - Xesús, lémbrate de min cando volvas coma rei.

 C - Xesús respondeulle:

 + ‑ Asegúroche que hoxe estarás comigo no paraíso.

 C - Chegado o mediodía, a escuridade cubriu a terra ata a media tarde. Pois houbo unha eclipse de sol. E o veo do Santuario rachou polo medio. Entón Xesús, pegou un berro moi alto e dixo:

 + ‑¡ Meu Pai! Nas túas mans entrego o meu espírito.

 C - E dicindo isto, morreu.

O centurión, vendo o que sucedera, glorificou a Deus, dicindo:

 P ‑ Realmente este home era inocente.

 C - E toda a xente que acudira ó espectáculo, ao ver o que pasaba, volvía batendo no peito. Os seus coñecidos seguían todo de lonxe, e igual as mulleres que o acompañaran desde Galilea.

Un home bo e honrado, chamado Xosé, que era conselleiro ‑anque el non estivera de acordo co proceder do Consello-, natural de Arimatea, vila de Xudea, e que esperaba o Reino de Deus, presentouse a Pilato e pediulle o corpo de Xesús. Logo, despois de o baixar, envolveuno nunha saba e púxoo nun sepulcro cavado na rocha, que estaba sen estrear. Era día da Preparación e xa despuntaba o sábado. Tamén estiveron presentes as mulleres que o acompañaban desde Galilea, pois seguiron a Xosé, e viron o sepulcro e como o depositaba. Cando regresaron, prepararon perfumes e bálsamos. Pero o sábado descansaron, conforme o mandado.

                                       PALABRA DO SEÑOR

REMUÍÑO


*       Por fin chegou o Domingo de Ramos!. Xa nos tardaba!. Fíxose longo o tempo de coresma, ese tempo no que non paramos de botar ao colector do lixo canto non nos deixaba tranquilos; canto non axudaba a que foramos felices; canto se convertía nun atranco para ser nós mesmos, sen medias verdades, sen enganos, sen dobreces. Todo isto xa o fomos deixando atrás, e hoxe presentámonos na nosa igrexa para facer ese camiño –simbólico e real– que nos leva do arrouto do Domingo de Ramos, onde a festa e a troula van dando paso ao pregón que nos invita a entrar na dinámica do sentido verdadeiramente crente que quere expresar sempre a Semana Santa. O sentido de estar de paso, de non quedar parado nin no Xoves Santo da Última Cea nin na cruz da dor e morte do Venres de Paixón, para seguir avanzando ata á amencida da resurrección que nos trae a Vixilia Pascual, na que se nos anuncia que xa non está no sepulcro, que a tristura pola súa morte ten que trocar en gozo e esperanza pola súa resurrección; que non o imos atopar no camposanto do silencio, das bágoas e da morte, senón no balbordo do que comeza a xermolar, en canto asoma como proxecto que se inicia, en renovación que nos move a cambiar e a deixar atrás medos, inseguridades e dúbidas. E non porque toque e non quede outra, senón porque a Semana Santa fómola convertendo nun camiño a través do que nos imos dando conta de que non podemos pararnos e renunciar a avanzar e a mirar adiante, instalados nin na nosa tristura permanente nin na nosa rutina de sempre; senón que estamos chamados, -somos urxidos- a seguir camiñando, a facer que as etapas nos leven a tomar conciencia de que non debemos quedar quedos nin asustados diante da morte, que o tempo do duelo hai, si, hai que pasalo, pero non quedarnos nel. Que hai aínda moito treito por andar. O treito que se nos abriu coa resurrección de Xesús. Por iso a celebración de hoxe quere ser un anticipo da primavera da Igrexa que cada un de nós temos que ir construíndo: abrindo as ventás que boten fóra o po do conservadorismo de ritos, formas e tradicións, para deixar que pola ventá aberta da resurrección entre o aire novo que nos renove a nivel persoal, e nos faga tomar conciencia que tamén como comunidade debemos cambiar, formarnos, comprender, e aprender a dar razón da nosa esperanza. Todo este camiño, que non foi doado, fórono facendo aqueles primeiros apóstolos. E tan así foi, que por iso estamos hoxe nós aquí, como continuadores de Pedro, André, Santiago, Filipe... e coma eles, hoxe nós, tamén seguimos dicindo: pagou a pena, a fe en Xesús é experiencia profunda de gozo, persoal e colectivo, de que ante a dificultade non me volvo para atrás, senón que a afronto coa axuda da comunidade da que formo parte e coa que comparto o gozo de saberme discípulo de Xesús. Neste Domingo de Ramos iniciamos este camiño. Que saibamos chegar á meta da noite da resurrección.

CREDO


ORACIÓN DA COMUNIDADE


Desde o agradecemento de sentírmonos acollidos por Ti, presentamos agora a nosa oración comunitaria, poñendo as nosas ledicias, preocupacións e esforzos baixo a túa guía para ser testemuñas agradecidas do teu amor. Por iso dicimos xunt@s:

QUE CAMIÑEMOS CON GOZO CARA Á PASCUA

û  Que camiñemos sempre seguindo as túas pegadas, sabéndonos Igrexa que se esforza por levar gozos e esperanzas a cantos nos tenden a súa man buscando consolo, acollida e servizo desinteresado, OREMOS.

QUE CAMIÑEMOS CON GOZO CARA Á PASCUA

û  Que camiñemos sempre renovando esforzos para facer das nosas comunidades experiencias vivas de encontro, respecto duns para cos outros, solidariedade e presenza cercana para escoitar, alentar e acompañar, OREMOS.

QUE CAMIÑEMOS CON GOZO CARA Á PASCUA

û  Que nos poñamos en camiño, sen medo e con esperanza, para que esta Semana de amor, realismo da cruz e solidariedade remate gozosamente na esperanza que nos renova interiormente e vivimos con alegría servindo aos demais, OREMOS.

QUE CAMIÑEMOS CON GOZO CARA Á PASCUA

Que o noso vivir a fe de xeito gozoso e non rutinario, nos leve a facer o camiño con cantos teñen á persoa como centro de canto fan e din. P.X.N.S. Amén.

Canto do ofertorio:


NA NOSA TERRA

Canto da paz:


QUE VEÑA A PAZ

Canto da comuñón:


DÉIXATE QUERER

Para a reflexión


ATOPÁMONOS NO CAMIÑO”

No camiño que nos leva á pascua,

imos atopando, Señor, con moitas persoas.

Persoas alegres, persoas tristes;

persoas ás que a vida lles sorrí,

persoas para ás que a esperanza se ve moi lonxe;

persoas que fan da súa vida solidariedade,

persoas para as que os demais son un frontón

no que rebotan as súas palabras, as súas preocupacións, o seu sufrimento.

De todas elas somos compañeir@s de viaxe.

Con elas facemos tramos deste camiño da vida no que ti; Señor, te mostras

Que aprendamos a non pasar de largo.

Que saibamos pararnos, mirarlles aos ollos e:

escoitar a súa palabra,

interpretar os seus silencios,

entender a súa mirada,

comprender os rasgos dos seus rostros,

adentrarnos na fondura dunha vida que e misterio

para descubrir neles a túa presenza que nos chama

e nos di: vén, acompáñame, dáme a túa man. Amén.

CANTOS


·        DESPOIS DA LECTURA: As túas palabras, Señor, son espírito e vida

·        CANTO PROCESIONAL: Camiñarei na presenza do Señor

·        OFERTORIO: Na nosa terra

·        PAZ: Que veña a paz

·        COMUÑÓN: Déixate que

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2024 B

ALÍ ONDE NOS NECESITAS, ABRIMOS CAMIÑOS Á ESPERANZA (CORPUS 2024) CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Baixo o lema “Alí onde nos necesitas, abrimos camiños á esperanza” celebramos a xornada da caridade, que nos convida a non esquecer que, sempre e en todo lugar, a Igrexa, cada unha das persoas que a formamos, estamos chamadas a ser servidoras e samaritanas, achegándonos para aliviar, acompañar, escoitar e erguer a tanta xente ferida e tirada nas cunetas da vida. O Señor, que hoxe sae ás nosas rúas, volve dicirnos: “Estou aquí, facendo o camiño contigo”. Abramos o noso corazón para escoitar a súa voz que, dun xeito alto e claro, convídanos a abrir camiños de esperanza. CO CORAZÓN FERIDO Ti convídasnos a abrir camiños de esperanza; pero nós moitas veces somos profetas de calamidades, por...

Santos 2024

  Tódolos Santos. 2024 Camiñando na comuñón do Pai, do Fillo e do Espírito Santo Cantos Entrada.-  Benaventurados  ( 118) Lecturas.-  O amor é o meirande  ( 119) Ofertorio.-  Quédate, Señor, connosco   ( 63 ) Comuñón.-  Non vou so   ( 60 )   Ollos para ver          As persoas cristiás celebramos hoxe a festa da esperanza. Non é nin a festa dos disfraces nin a festa do medo, é a festa do agradecemento polo testemuño de vida que nos teñen deixado homes e mulleres, os santos da porta do lado, como diría o papa Francisco, que foron quen de construír comunidade en comuñón. Sabendo unir, escoitar, acompañar e mostrar que na vida, o que nos fai verdadeiramente felices é facer o ben, e non rosmar e estar permanentemente facendo crítica e vendo so o negativo das demais persoas.          E hoxe entón a festa da comuñón no Pai, no Fillo e no espírito...

4 advento 2024

    HUMILDES CARPINTEIRAS E CARPINTEIROS DO BERCE DA SINXELEZA ACOLLEDORA SINAL DE ADVENTO Completamos o noso berce.   CANTO GOZOSO o    ENTRADA:  Volve Señor (Nº 90) o    LECTURAS:  Vén axiña visitarnos (Nº 86) o    OFERTORIO:  Recibe, Señor (Nº 31) o    COMUÑÓN:  No colo de miña nai (Nº 49)   OLLOS DE ESPERANZA              Belén era unha aldea pequeniña, un lugar que pasaba totalmente desapercibido e que semellaba pouco ou nada importante. Ata que unha noite converteuse en lugar de salvación e acollida, porque alí naceu o Fillo de Deus. Neste cuarto e derradeiro domingo do Advento, Belén quere ser para todas e todos nós un recordatorio claro de que Deus está no sinxelo, no humilde, na xente máis esquecida e que, ao igual que Belén, é moitas veces invisibilizada e marxinada.    CORAZÓN MISERICORDIOSO ·      ...