Ir al contenido principal

33 Domingo TO C

O QUE NON TRABALLA QUE NON COMA....  E TI, MORRERÍAS DE FAME?

PÓRTICO
As palabras da carta de Paulo resoan nos nosos oídos coma un aldabonazo que nos fai poñer as pilas. Si, porque moitas veces pensamos que o mundo do traballo era pura e simplemente un medio de gañar cartos para logo poder gastalos. Que equivocados estabamos!!!!!!!!!!!!!!!. O traballo é medio para obter uns ingresos, pero o seu fin non debemos situalo aí, pois estaríamos quitándolle todo o sentido de realización persoal, encontro cos demais, aportación ao desenvolvemento da sociedade...Pero....estivemos tan cegos que non nos decatamos e agora, como nos ocorre coas cousas importantes, botámolo de menos cando o temos perdido.

A Palabra lémbranos que temos que estar atentos ao mundo laboral para erguer a nosa voz sempre que por medio do traballo dos outros, haxa persoas que se enriquezan, os exploten, lles supriman dereitos ou manteñan situacións de escravitude –que neste tempo de crise medran coma o leite na ola-. Dignificar o traballo e as súas condicións é tarefa de tod@s, por iso ter un posto de traballo é moito máis que unha posibilidade de gañar cartos; é un medio que nos fai crecer coma persoas e abrirnos á sensibilidade de solidariedade e doazón á sociedade que entre tod@s imos creando.

Que a celebración de hoxe nos axude neste espertar .

O PERDÓN
§      Porque ás veces en lugar de “vivir coa suor da nosa fronte”, vivimos coa suor do de enfronte, explotando, utilizando e pisando aos demais, SEÑOR, QUE VALOREMOS O TRABALLO COMO DON.

§      Por non ter entendido que a nosa fe esixe de nós responsabilidade no eido do traballo, realizándoo dun xeito digno e serio, CRISTO, QUE VALOREMOS O TRABALLO COMO DON.

§      Por non temos estado comprometidos na defensa das condicións dignas e dos dereitos dos traballadores, SEÑOR, QUE VALOREMOS O TRABALLO COMO DON.

 

REMUÍÑO
·         Case a piques de rematar o ano litúrxico, a celebración deste domingo pon diante de nós o complexo mundo laboral, lembrándonos que para toda persoa, pero fundamentalmente para aos cristiáns, o traballo é o mellor camiño de crecemento e realización persoal. Paulo tíñao vivido e experimentado, por iso lle escribe aos Tesalonicenses para recordárllelo e transmitirlles que o seguimento de Xesús pasa por ocuparnos e preocuparnos polo que ocorre no noso mundo. Como máis tarde dirá o concilio Vaticano II, “nada hai verdadeiramente humano que non preocupe aos cristiáns”. E esa ten que ser a nosa implicación cada día, polo que non podemos converter a fe nun trankimazín que nos apampe, que nos impida comprometernos e implicarnos cos problemas e tamén cos retos que hai no mundo. E isto que Paulo lles dicía, pois había algúns daqueles cristiáns que, se desentendían das súas tarefas, tamén nolo lembra hoxe a nós. Si, porque hoxe a Palabra volve lembrarnos que fe e vida son dúas caras dunha mesma moeda, que somos cristiáns a tempo completo, 24 horas ao día e 365 días ao ano. Non podemos ser carga para ninguén, ao contrario, como crentes estamos, se cabe, moito máis urxidos a liderar proxectos e accións que busquen canto fai que o ser humano, en calquera parte do mundo, pero comezando polos que temos á porta da casa, viva dignamente e se lle respecte e recoñezan os seus dereitos, o que supón traballar pola igualdade a xustiza e a liberdade. E isto non pode ser unha moda dunha igrexa que como se vai quedando sen xente se apunta ao que se leva. Non, isto é unha esixencia da fe recibida no bautismo e que nos alenta a estar no mundo con actitude de unión, solidariedade e esforzo, sabendo que iso foi o que fixeron moitos crentes ao longo dos séculos, e cuxo testemuño debe servirnos a nós para non recuar.

·         Pero teñamos en conta que o traballo, o compromiso a prol de tod@s por construír o Reino é laborioso, e mesmo algunhas veces ingrato. Ingrato porque nos leva a sermos incomprendid@s pol@s nos@s veciñ@s, que poden ver intereses particulares ou protagonismo; incomprendid@s pola sociedade, que nos ve trasnoitad@s e pouco valorad@s moitas veces polo mal facer doutros cristiáns; incomprendid@s por algúns sectores da Igrexa, nostálxicos dos tempos pasados. Xa o escoitamos no evanxeo. Non nos perseguen nin discriminan, pero si pasamos dificultades e incomprensións. E como di Xesús, só se somos perseverantes poderemos levar a cabo este compromiso, e entender, sen demagoxia de ningún tipo e non deixándonos utilizar nin manipular, o qué supón, esixe e conleva a salvación. Que a celebración de hoxe nos dea azos e ilusión para traballar por todas as persoas desde o compromiso por facer presente entre nós o amor de Deus.

·         Vivir, actuar, comportarse deixándose acompañar por Xesús, vai facendo que a nosa vida vaia descubrindo a esperanza, a forza da fe, a radicalidade do amor vivido en entrega cara os que menos teñen e máis o necesitan. O deixarse acompañar por El, confórmanos como homes e mulleres que teñen descuberto no día a día da súa vida, da súa oración, das relacións cos demais, que a nosa fe susténtase nun Deus de vida e non de morte. Un Deus no que atopamos a forza para asumir retos e afrontar desafíos cada día e en cada momento da Historia. Un Deus que non mira ao pasado, senón que se deixa seducir por nós para acompañarnos nas decisións, acertadas ou equivocadas, que imos tomando na vida. Nunha palabra, un Deus de vivos, de esperanza, de tenrura, de ledicia, de dinamismo e servizo, de solidariedade e loita polo ben común. Un Deus que mira ao futuro, a vida, e deixa  atrás o pasado e o ritualismo, a morte. Que o descubramos e nos poñamos con prontitude na disposición de seguilo.

ORACIÓN DA COMUNIDADE
Presentemos a nosa oración a Deus, Pai de todas as persoas, para que alente e acompañe a nosa vida, dicindo:

GRAZAS POR CHAMARNOS A TRABALLAR NO TEU EIDO

*        Pola Igrexa, para que nunca utilice a relixión para intereses persoais privados: adquisición de poder, de prestixio, de bens materiais… senón que saiba presentala coma camiño que dá sentido á vida das persoas, OREMOS.
GRAZAS POR CHAMARNOS A TRABALLAR NO TEU EIDO

*        Polas nosas comunidades, para que a riqueza, o posto de traballo ou o status económico nunca se convertan no raseiro polo que medimos e xulgamos ás persoas, senón que, pola contra, sempre teñamos as mans abertas para axudar aos que menos teñen, aos que pasan dificultades, OREMOS.
GRAZAS POR CHAMARNOS A TRABALLAR NO TEU EIDO

*        Por todos e todas nós, para que saibamos redescubrir o traballo como camiño de realización persoal, e non coma unha canga pesada enriba dos nosos ombreiros, e así esteamos sempre dispostos a loitar pola dignificación do mundo laboral, OREMOS.
GRAZAS POR CHAMARNOS A TRABALLAR NO TEU EIDO
Grazas, Señor, por ternos chamado e por contar con nós. Axúdanos no noso camiñar, para que sexa xusto e solidario. PXNS. Amén.

 

PARA A REFLEXIÓN
Queremos vivir coma Ti nos ensinaches;
pero, ás veces coma unha fervenza e outras coma unha lousa,
sentimos medo e acoso,
vergoña e compromiso,
dilema e conflito,
sono e vixilia,
ridículo e aplausos...
E cústanos moito ser nós mesmos,
e aínda nos custa máis deixarnos guiar polo Espírito.

Non sabemos para qué vale tanto apreto,
en qué dará esta loita,
qué será da nosa terra,
cómo xerminarán os nosos soños,
qué será dos que sofren e esperan,
qué será dos que testemuñan,
a onde irán as nosas vidas.

Pero poñemos todo nas túas mans, Señor,
coa esperanza e a seguridade de que nada se perda,
nada de canto penamos, sufrimos e queremos.

 

CANTOS

·         ENTRADA: Temos unha festa

·         LECTURAS: Benaventurados

·         OFERTORIO: Grazas, Señor, graciñas

·         COMUÑÓN: Eu sei de quen me fiei

 

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Ascensión 2025 C

  7º Domingo de pascua. Ascensión.2025 A ASCENSIÓN:  ATRÁS QUEDARON OS CENÁCULOS NOS QUE ESCONDERSE E APARTARSE DO MUNDO CANTOS · Entrada.- Con ledicia vimos ( 3 ) · Lecturas.- Cantade ao Señor ( 23 ) · Ofertorio.- Cantádelle ao Señor ( 33 ) · Comuñón.- Señor Xesús bendito sexas (52) ABRÍNDONOS AO ESPÍRITO A Ascensión do Señor é a festa coa que Xesús nos quere transmitir que unha vez que El xa non está correspóndenos a nós perder os medos, saír da casa e anunciar no medio do mundo a forza, sempre alentadora e esperanzada, da súa mensaxe. El chámanos a ser testemuñas de toda a alegría rebordante que nos ofrece coa súa Boa Nova, porque xa non é tempo de esconderse e laiarse. Agora comeza o tempo do compromiso, da presenza activa e non excluínte, no medio do mundo. E sempre desde alí onde esteamos. Atrás quedaron os cenáculos nos que esconderse e apartarse do mundo. El farase presente se nós, co noso actuar e coa coherencia e honestidade de da nosa palabra, o facemos presente. CU...

Epifania 2025

A ESTRELA DE DEUS GUÍA O CAMIÑO CARA Á BELÉN DA SINXELEZA CANTOS:  Panxoliñas OLLOS ABERTOS Paz e ben. Hoxe é un día máxico e de maxia. Máxico porque Deus móstrasenos a toda a humanidade, sen distincións. El non repara na nosa condición social, na cor da nosa pel, no noso xénero ou na nosa idade. El é man aberta que acolle e abraza sen exclusións de ningún tipo. Pero tamén é día de verdadeira maxia, para pequenos e grandes: a maxia da ilusión e da capacidade de sorprendernos pola estrela do Señor, que guía a nosa vida. Con esta invitación a non perder nunca a maxia da ilusión, comecemos a nosa celebración de hoxe. CORAZÓN MISERICORDIOSO Señor, inda que Ti nos invitas á maxia da ilusión, nós confundimos o camiño e andamos no pesimismo, por iso che dicimos, SEÑOR, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, Ti non cansas nunca de dicirnos que só quen ten capacidade de sorprenderse seguirá fiel no teu vieiro, por iso che pedimos, CRISTO, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, pol...