Ir al contenido principal

Domingo 32 TO C

PORQUE NOS TROUXO A VIDA..... CELEBRÉMOLO!!!!!!!!!!!

PÓRTICO
As persoas fixemos e facemos de todo con Deus. Unhas séntense na obriga de defendelo (aínda que sexa condenando aos irmáns); outras mesmo ousan dicirlle o que debería facer nestes tempos de ateísmo e crise moral; algunhas seguen aferrándose a imaxes relixiosas e concepcións infantís. Hainas tamén que falan del coma se coñecen ao detalle os seus plans e designios; e quen invoca a súa autoridade a tempo e a destempo. Fanse e fixéronse demasiadas caricaturas de Deus.

Pola contra, é sorprendente constatar que Xesús case non ofrece explicacións sobre a súa concepción de Deus: invócao, confía nel como Pai, busca cumprir a súa vontade... pero non se adica a facer teoloxía nin retratos. Porén, con ocasión dunha discusión cos saduceos, confesa a súa fe nun Deus que non é Deus de mortos, senón de vivos. Este mesmo Deus de vida, que nos convoca aquí nesta mañá de domingo, quere ser para tod@s nós, neste mes de novembro no que recordamos dun xeito especial aos nosos defuntos, fonte de esperanza. Porque non é un Deus destrutor, senón un Deus que crea, sostén e leva á plenitude a vida das persoas, o mellor xeito de crer nel é acollelo coma fonte, fundamento e cerne da nosa existencia.

 
O PERDÓN
*    Porque dicimos que queremos vivir, e pola contra facemos imposible a vida contaminando, explotando e asolando, SEÑOR, LÉVANOS NO TEU COLO.

*    Porque pola febleza da nosa fe seguimos vendo a morte como final de meta, cando en realidade é comezo de vida en plenitude, CRISTO, LÉVANOS NO TEU COLO.

*    Polas veces nas que non fomos capaces de ir morrendo un pouco cada día á nosa comodidade, ao noso egoísmo, á nosa apatía, á nosa deseperanza, ao noso pesimismo, para resucitar a unha vida nova e plena, SEÑOR, LÉVANOS NO TEU COLO.
 

REMUÍÑO
Afirmar que Deus é un Deus de vida e non de morte, supón que nunca creremos:

ö  no Deus que sorprenda ás persoas nun pecado de debilidade,

ö  no Deus que ame a dor,

ö  no Deus que lle poña luz vermella ás ledicias humanas,

ö  no Deus que esterilice a razón das persoas,

ö  no Deus que bendiga aos novos Caíns da humanidade,

ö  no Deus mago e feiticieiro,

ö  no Deus que se fai temer.

 

Afirmar que Deus é un Deus de vida e non de morte, supón que nunca creremos:

ö  no Deus que non se deixa chamar de ti,

ö  no Deus que non precisa das persoas,

ö  no Deus quiniela.... co que se acerta só por sorte,

ö  no Deus árbitro, que xulga só co regulamento na man,

ö  no Deus incapaz de sorrir diante das trasnadas das persoas,

ö  no Deus que manda ao inferno,

ö  no Deus que non sabe esperar

 

Afirmar que Deus é un Deus de vida e non de morte, supón que nunca creremos:

ö  no Deus que adoran os que son capaces de condenar ás persoas,

ö  no Deus incapaz de amar o que moitos desprezan,

ö  no Deus incapaz de perdoar o que moitos condenan,

ö  no Deus incapaz de redimir a miseria,

ö  no Deus que lle impida ás persoas medrar, conquistar, transformarse,

ö  no Deus que esixa renunciar a ser persoa para crer,

ö  no Deus que non acepte unha cadeira baleira nas nosas festas.

 

Afirmar que Deus é un Deus de vida e non de morte, supón que nunca creremos:

ö  no Deus que só poden entender as persoas maduras, sabias e ben situadas,

ö  no Deus a quen lle agrade a beneficencia de quen non practica a xustiza,

ö  no Deus que condena a sexualidade,

ö  no Deus que se arrepinte de terlle dado a liberdade ás persoas,

ö  no Deus que prefira a inxustiza á desorde,

ö  no Deus mudo e insensible nos problemas da humanidade,

ö  no Deus que cre discípulos desertores das tarefas do mundo.

 

Afirmar que Deus é un Deus de vida e non de morte, supón que nunca creremos:

ö  no Deus que poña a lei por riba da conciencia,

ö  no Deus que dea por boa a guerra,

ö  no Deus que cause o cancro, a sida ou calquera enfermidade,

ö  no Deus que non saia ao encontro de quen o abandonou,

ö  no Deus que non tivese unha palabra distinta, persoal, propia para cada persoa,

ö  no Deus que non tivese misterio,

ö  no Deus que non fose maior ca nós,

ö  no Deus incapaz de facer novas todas as cousas.

A Palabra que vimos de escoitar é clara. A que tren subimos, ao de vida ou ao de morte?.

 

ORACIÓN DA COMUNIDADE

Pondo a nosa esperanza no Deus que sabe acompañar as nosas vidas e respectar a nosa liberdade, compartamos agora a nosa oración, sabéndoa por ao seu dispor para dar froitos de amor solidario e confiado, e digamos.

GRAZAS, SEÑOR DA VIDA

§  Dámosche grazas pola Igrexa, que en todas as circunstancias aposta pola vida, especialmente no caso daquelas persoas que van esmorecendo e morrendo día a día por non ter unhas condicións dignas de vida, de traballo, de dignidade, OREMOS
GRAZAS, SEÑOR DA VIDA

§  Dámosche grazas polos nosos grupos cristiáns, parroquiais ou non, e pedímosche que non nos deixemos levar pola indiferenza, de xeito que convertamos a nosa resposta de fe en acción a favor dos que máis necesitan do noso tempo: os que están solos, os vellos, os enfermos, os que son mal vistos, os que teñen pouca relación cos outros veciños, OREMOS.
GRAZAS, SEÑOR DA VIDA

§  Dámosche grazas tamén pola vida, por cantos estamos agora celebrando a fe desde a escoita da palabra e o pan compartido, para que nos esforcemos cada día en vencer a tentación de facer da resposta que nos pide Xesús un simple cumprimento de preceptos, normas ou mandatos, sen ser capaces de poñerlle vida, ilusión e risco, OREMOS.
GRAZAS, SEÑOR DA VIDA

Grazas, Señor, por lembrarnos unha vez máis que Ti es un Deus de vida e que por iso podemos atoparte sempre onde as persoas traballan por unha humanidade máis humana. P.X.N.S. Amén.

 

PARA A REFLEXIÓN
(Propoñemos coller unha parte do remuíño, cadaquén a que queira, e lela como reflexión)

CANTOS
ö  ENTRADA: Andarei

ö  LECTURAS: A túa Palabra

ö  OFERTORIO: Eu soñei

ö  COMUÑÓN: No colo da miña nai

 

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2026

ELIXE AMAR. ELIXE COMUNIDADE... ASÍ NINGUNHA PERSOA TERÁ QUE RECIBIR MIGALLAS. CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe celebramos o Corpus Christi, o Día da Caridade, e facémolo co corazón de festa pero cos pés afincados no chan. Moitas veces corremos o perigo de reducir este día a unha procesión fermosa, a custodias brillantes e a efémeras alfombras de flores. Pero o Corpus é o recordatorio de que Deus non quedou nunha teoría, senón que se fixo pan para poder ser alimento e para poder ser compartido. Non o esquezamos: o deserto segue aí fóra. O deserto da soidade da xente maior, o deserto da falta de oportunidades da mocidade, o deserto de tantas familias que non teñen vivenda ou que non chegan a fin de mes. E neses desertos resoa con forza a chamada deste ano: Elixe amar, elixe comunidade. Porque a caridade non é dar as sobr...

Pentecostes 2026

PENTECOSTES: O MILAGRE DE NON SER LADRILLOS IGUAIS SENÓN PEZAS VIVAS DA DIVERSIDADE CANTO GOZOSO   ö ENTRADA: Vinde axiña (   10     ) ö ASPERSIÓN: A auga do Señor (Nº 125) ö LECTURAS: Manda o teu Espírito ö OFERTORIO: Sementar, sementarei ö COMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55) MIRADA AGRADECIDA Hoxe pechamos o tempo de Pascua, e facémolo do mellor xeito posible: co cumprimento por parte de Xesús da súa promesa de non deixarnos na orfandade, senón de agasallarnos co Espírito Santo. E se pensamos neste Espírito, a mellor imaxe non é a dun coro onde todas as persoas cantan a mesma melodía coa mesma voz. O Espírito parécese máis a unha gran orquestra, onde cada instrumento é totalmente diferente, ten o seu propio timbre, o seu propio xeito de soar e o seu propio acento. O milagre non é que o violín soe a trompeta, senón que cadaquén, estando ben afinada e ben afinado na súa propia identidade, contribúa a crear unha música final que a ningun...

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...