Ir al contenido principal

2 Nadal 2015 B

UNHA SABEDORÍA IMPREGNADA DE HUMANISMO
Descarga o arquivo
ESCOITA ACTIVA
                Non é doado facer entender que o Evanxeo é ledicia, e que a vida dun cristián ten que estar impregnada desa ledicia. E non é doado porque tod@s estamos demasiado impregnados non da humanidade que nos ofrece a sabedoría de Deus, senón da mundanidade que nos ofrecen os homes; e prestámoslle pouca atención á sabedoría que vén de Deus. As lecturas e interpretacións que facemos das situacións e acontecementos do día a día están cheas dos tópicos que escoitamos na televisión, na radio ou lemos nos xornais. Poucas veces son froito dun tempo repousado no que deixamos que a Boa Nova de Xesús resoe nos nosos oídos e enchoupe o noso corazón. E todo isto o que fai é que acabemos dicindo cousas co mesmo derrotismo co que o fan as páxinas de sucesos dos xornais ou os moitos minutos consumidos por espazos de televisión onde so se fala de morte, violencia ou abuso. Darémonos algún día conta de que hai vida máis alá dos telexornais?. Seremos capaces de descubrir que os sucesos enchen un pouco de tempo nos medios de comunicación; pero as vidas de moitas persoas que traballan polos demais, son honestas, tentan ser bos pais/nais, curas, albaneis, médicos, mestres... son moitas máis?.
CORAZÓN MISERICORDIOSO
·         Por non deixar que a sabedoría do amor guíe a nosa vida, SEÑOR,GRAZAS POR QUERERNOS.
·         Por non acabar de entender que o Evanxeo é ledicia que transforma os nosos corazóns, CRISTO, GRAZAS POR QUERERNOS.
·         Por esquecer que sen esperanza a fe esmorece e faise costume e non testemuño, SEÑOR, GRAZAS POR QUERERNOS.
PALABRA ENRAIZADA
*      O libro do Eclesiástico segue a mostrarnos as consecuencias de vivir e acoller a fe desde un esforzo e compromiso por descubrir a presenza de Deus. Se El non está presente no que facemos, no como o facemos ou no que dicimos, que sentido ten que afirmemos que cremos?. Cal é logo a razón que nos leva a reunirnos o domingo no templo para rezar?. Que entendemos cando escoitamos unha e outra vez que somos comunidade?. Se Deus non é importante para nós, se as celebracións dicimos –porque así as facemos nós por non querer participar e poñer gañas– que son aburridas e que están ausentes dos problemas de cada día, por que non tomamos a decisión de revisarnos e preguntarnos por que nos pasa isto?. Non será xa o momento de que o foco da análise o poñamos en nós e non nos demais?. Non será momento de prestar atención ao que nos di a Palabra de Deus?. Non será o momento de que nolo tomemos en serio e venzamos as nosas resistencias e medos?. Por que non facemos da experiencia de fe humanidade que non cala ante as inxustizas e berro que denuncia non só a incoherencia dos outros, senón a nosa?. A sabedoría de Deus non vai deixar de lembrárnolo.
*      Desde a sabedoría de Deus sabémonos bendicidos, escollidos a porfillados. Non nos deixa solos. Somos nós os que imos deixando abandonados a quen xa non nos resulta atraente, interesante ou medio para acadar os nosos propios fins, a nosa comenencia. Ás veces escoitamos, ou mesmo dicimos, que a fe, a oración, a confianza en Deus só serven para os pequenos, como se fose un conto de maxia ou de falsa ilusión. De verdade pensamos así?. Dámonos conta, se queremos ser e falar seriamente, cantos proxectos, ilusións e tarefas teñen movido os corazóns dos homes e mulleres desde a fe?. Ou é que tamén somos dos que reducimos o foco da nosa intelixencia e da nosa visión só ao que sae na televisión? Porque máis alá da televisión segue a haber vida; e moita desa vida vai sendo xerada por quen ten ao Deus de Xesús como forza, horizonte e esperanza. Somos tan mesquiños que seguimos pensando que a fe é un reducionismo á infancia, un dominio das conciencias ou unha durmideira diante das inxustizas?. Cantas persoas foron e son, desde o Evanxeo de Xesús e coa a ledicia que este supón, capaces de entregar a súa vida para que outros poidan vivir?. Polo seu exemplo, polo seu compromiso, pola súa entrega, tamén nós, como lle dicía Paulo aos Efesios, damos grazas.
*      É grazas a esa Palabra –Xesús– que quixo ser coma nós –dos nosos, dicíamos o outro día- pola que falamos da Encarnación. É grazas a esa Palabra pola que fomos capaces de saír da tebra. É grazas a esa Palabra por quen atopamos a quen está disposto a escoitarnos e dedicarnos tempo. Son as grazas de tantas ilusións e ledicias que nos foron aledando o corazón e axudando a superar o pesimismo no que ás veces temos caído. Nunha palabra,son as grazas do amor que nos fai sentirnos queridos e prezados; que nos fai sentir alguén e non algo. E iso chegounos coa Encarnación. Cando El veu onda nós e quedou para sempre. É a isto, e non a outra cousa, -por moito que teña luces de moitas cores e supoña regalos que acumulan espazo pero non enchen o corazón- ao que nós, os cristiáns, chamamos Nadal: A luz veu onda nós para quedarse.
FRATERNIDADE ORANTE
Desde a sabedoría do Deus que se fai un dos nosos, e polo tanto compréndenos e enténdenos, rezamos xunt@s dicindo:
SEÑOR, GRAZAS POR ENSINARNOS O QUE É VIVIR HUMANAMENTE
*        Para que a Igrexa se esforce por mostrar ao mundo que só a ledicia do Evanxeo nos fai fieis a Ti e a túa mensaxe, OREMOS.
SEÑOR, GRAZAS POR ENSINARNOS O QUE É VIVIR HUMANAMENTE
*        Para que nas nosas comunidades cristiás espertemos a túa Palabra e fagamos da nosa vida e da dos noso veciños, un encontro de colaboración, preocupación por canto lles pasa e axuda solidaria, OREMOS.
SEÑOR, GRAZAS POR ENSINARNOS O QUE É VIVIR HUMANAMENTE
*        Por nós, para que deixemos que a túa Palabra transforme o noso corazón á sinceridade con nós mesmos e á honestidade entre o que pensamos, vivimos e cremos, OREMOS.

SEÑOR, GRAZAS POR ENSINARNOS O QUE É VIVIR HUMANAMENTE
Grazas, Señor, por abrirnos os ollos e o pensamento a tomar conciencia de que só desde un comportamento humano e solidario, podemos descubrirte como luz que nos ilumine nas tebras do mundo. P.X.N.S. Amén.
MIRADA ESPERANZADA
Señor, poñémonos na túa man e na confianza facémosche un rogo: terma de nós e danos azos para que nós termemos tamén dos demais, porque:
“Esta multitude axitada, confusa ou distinta, cuxa inmensidade nos aterroriza –este océano humano cuxas lentas e monótonas oscilacións poñen zozobra nos corazóns máis crentes- quero que neste momento o meu ser resoe ao seu murmurio profundo. Todo o que vai aumentar no mundo no curso desta xornada, todo o que vai diminuír –todo o que vai morrer tamén- isto, Señor, é o que me esforzo en reunir en min para ofrecercho”. (Teilhard de Chardin).
E dáme , Señor, un corazón sinxelo, para que eu saiba chorar cos que choran, e gozar cos que viven no gozo. Amén.
CANTO GOZOSO
ENTRADA: Camiñarei
LECTURAS: Benaventurados
OFERTORIO: Déixate querer

COMUÑÓN: Eu soñei

Comentarios

Entradas populares de este blog

Epifania 2025

A ESTRELA DE DEUS GUÍA O CAMIÑO CARA Á BELÉN DA SINXELEZA CANTOS:  Panxoliñas OLLOS ABERTOS Paz e ben. Hoxe é un día máxico e de maxia. Máxico porque Deus móstrasenos a toda a humanidade, sen distincións. El non repara na nosa condición social, na cor da nosa pel, no noso xénero ou na nosa idade. El é man aberta que acolle e abraza sen exclusións de ningún tipo. Pero tamén é día de verdadeira maxia, para pequenos e grandes: a maxia da ilusión e da capacidade de sorprendernos pola estrela do Señor, que guía a nosa vida. Con esta invitación a non perder nunca a maxia da ilusión, comecemos a nosa celebración de hoxe. CORAZÓN MISERICORDIOSO Señor, inda que Ti nos invitas á maxia da ilusión, nós confundimos o camiño e andamos no pesimismo, por iso che dicimos, SEÑOR, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, Ti non cansas nunca de dicirnos que só quen ten capacidade de sorprenderse seguirá fiel no teu vieiro, por iso che pedimos, CRISTO, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, pol...

1 Advento 2024

Carpinteiras do berce da esperanza   CANTOS ·        ENTRADA: Volve, Señor. (Nº 90) ·        LECTURAS: Amostrame, Señor, os camiños da vida (Nº 20) ·        OFERTORIO: Velaquí Señor o viño (Nº 37) ·        COMUÑÓN: Xesús chamado amigo (Nº 89)   SINAL O sinal que utilizaremos neste tempo de Advento vai ser un berce. Berce que iremos conformando ao longo dos catro domingos, para que cando chegue o día de Nadal poidamos poñer sobre el ao Neno recén nacido.   ABRINDO O CORAZÓN             Comezamos hoxe as catro semanas de Advento previas ao tempo de Nadal. Ao longo delas invitarásenos a volver os ollos e o corazón ao Señor, de xeito que cando El chegue nos atope cos brazos abertos e toda a mellor das disposicións para que quede con e entre nós.          ...

Santos 2024

  Tódolos Santos. 2024 Camiñando na comuñón do Pai, do Fillo e do Espírito Santo Cantos Entrada.-  Benaventurados  ( 118) Lecturas.-  O amor é o meirande  ( 119) Ofertorio.-  Quédate, Señor, connosco   ( 63 ) Comuñón.-  Non vou so   ( 60 )   Ollos para ver          As persoas cristiás celebramos hoxe a festa da esperanza. Non é nin a festa dos disfraces nin a festa do medo, é a festa do agradecemento polo testemuño de vida que nos teñen deixado homes e mulleres, os santos da porta do lado, como diría o papa Francisco, que foron quen de construír comunidade en comuñón. Sabendo unir, escoitar, acompañar e mostrar que na vida, o que nos fai verdadeiramente felices é facer o ben, e non rosmar e estar permanentemente facendo crítica e vendo so o negativo das demais persoas.          E hoxe entón a festa da comuñón no Pai, no Fillo e no espírito...