Ir al contenido principal

4 Domingo TO B

O PODER DA PALABRA
Descarga o ficheiro

ESCOITA ACTIVA
A palabra é unha arma poderosa que podemos usar de xeito negativo ou positivo. Convéncenos unha persoa que sabe argumentar as súas ideas e causas, pónsenos a pel de galiña cando escoitamos a alguén recitar un poema con sentimento, acoden as bágoas aos nosos ollos cando alguén a quen queremos nos fire coas súas palabras, sorrimos e mesmo se nos soben as cores cando alguén nos dirixe unhas palabras de amor ou gaba algo de nós....
Pois ben, a Palabra é tamén a que nos convoca nesta mañá de domingo. Unha Palabra con autoridade, que non con autoritarismo, que sae ao noso encontro para ser caxato na nosa vida. Escoitaremos a súa voz ou endureceremos o noso corazón?.

CORAZÓN MISERICORDIOSO
Porque as nosas teimas impídennos moitas veces escoitar a túa voz, que nos fala de esperanza e gozo, SEÑOR, QUE NON ENDUREZAMOS O NOSO CORAZÓN.
Porque facemos oídos xordos á túa voz, que nos fala de sinxeleza, unión, diálogo, xustiza, solidariedade e paz, CRISTO, QUE NON ENDUREZAMOS O NOSO CORAZÓN.
Porque non estamos dispost@s a ser a túa voz denunciando abusos, inxustizas, explotacións ou discriminacións, SEÑOR, QUE NON ENDUREZAMOS O NOSO CORAZÓN.

PALABRA ENRAIZADA
  • Neste mundo desencantado e aburrido, no que nada nin ninguén consegue chamar a nosa atención; neste mundo tan saturado de coñecementos e noticias no que prima o pragmatismo; neste mundo tan falto de esperanza e de boas novas, o Evanxeo pasa sen pena nin gloria. Por que?. Velaí a pregunta do millón que ten varias posibles respostas: a xente non quere compromisos, a xente non conecta con el, a xente non o considera unha boa nova, a xente non está disposta a cumprir as súas esixencias.... e, se cadra, tamén é posible que nós ensinemos coma os letrados e coma os rabinos, e non coma Xesús. Eles ensinaban en Israel por oficio; e o seu era comentar a Lei e as tradicións dos maiores, ler o que estaba escrito e repetir o que eles aprenderan antes nas escolas, administrar as verdades e crenzas adquiridas, o que sempre se dixera. O seu maxisterio era conservador, legalista e ritualista; conservaban ben a letra; pero esquecían o espírito; e a letra sen espírito mata...mata tamén de aburrimento. Por iso, non asombraban a ninguén. Porén, Xesús ensinaba con autoridade. No fondo está, onte coma hoxe, o conflito entre dúas concepcións relixiosas: unha, a dos letrados, que privilexia como acceso a Deus as esixencias rituais da pureza; outra, a de Xesús, que privilexia o compromiso coa xente. Así, na sinagoga interprétase con rigor e precisión a lei, pero o endemoñado continúa dominado pola súa enfermidade e aplastado pola mesma sensación de desamparo e dependencia. Ata que chega Xesús. A súa práctica revoluciona o ambiente. Os letrados calan, pero a xente sabe discernir: Xesús libera e sanda, ensina con autoridade, non coma os letrados. Iso é bo, é unha boa nova, e provoca asombro no pobo. Pero os que se senten desenmascarados e desposuídos do seu poder pola súa práctica, calan ou berran, evádense da conversión. E non aceptan os sinais do Reino. E hoxe, non nos estará pasando o mesmo a moitos cristiáns que seguen a rasgarse as vestiduras mesmo diante dalgunhas palabras do Papa Francisco que son milimetricamente analizadas e cuestionadas?. Como diría Hélder Cámara: “Se lle dou de comer aos pobres, din que son un santo. Pero se pregunto por que hai pobres, din que son comunista”.
  • Porén, Xesús atraía moitedumes, porque non había discrepancia entre o que dicía e o que facía. No seu caso, falar con autoridade era todo o contrario a falar autoritariamente. Non sentaba cátedra, senón que daba testemuño. Por iso nós, que somos a súa Igrexa, debemos escoitar antes de falar; e debemos coidar moito de non dicir no nome de Deus o que non é a súa Palabra, senón que responde máis ben a intereses ocultos dalgúns grupos de presión, de poder, ou do utilitarismo deste mundo que fai que esquezamos, tamén dentro da Igrexa, que a persoa é o centro do noso sentir, do noso pensar e do noso actuar.
  • A Palabra invítanos a mirar ao noso redor e preguntarnos: onde están os profetas hoxe?, quen son os que anuncian, sen necesidade de facer cousas extravagantes e raras, a Xesucristo?. Ao mellor non nos facemos estas preguntas; tamén pode pasar que escoitemos a Palabra e a deixemos esvarar por nós, sen tentar de remoela e levala á vida de cada día. Pois inda que nos pareza estraño, El segue suscitando nas persoas actitudes de compromiso, loita e traballo a prol das cousas do mundo, para cambialas e facer delas lugares e ámbitos da súa presenza. Seguen xurdindo homes e mulleres que, deixándose levar pola forza da Palabra, son no medio do mundo ollos, boca e mans do mandado de Deus: amádevos. Porque cando un é coherente con aquilo que cre, reza e vive.... iso é autoridade.

FRATERNIDADE ORANTE
Pómonos, Señor, nas túas mans e abrímonos a túa confianza, para que acompañes e alentes a nosa vida, dicíndoche:
QUEREMOS ESCOITAR A TÚA VOZ
*        Para que entre tod@s fagamos da Igrexa unha comunidade viva, aberta e fraterna, que ten que saber escoitar a túa voz no medio dun mundo tantas veces cheo de ruído, OREMOS.
QUEREMOS ESCOITAR A TÚA VOZ
*        Para que entre tod@s nos esforcemos por crear nas nosas comunidades espazos que sirvan para vernos, escoitarnos, alentarnos e compartir as riquezas e pobrezas das nosas vidas, OREMOS.
QUEREMOS ESCOITAR A TÚA VOZ
*        Para que cada un/unha dos que nos sentimos esperanzados e gozosos pola Palabra do teu Fillo, nos esforcemos día a día en superar a tentación de reducila a simple vivencia desencarnada do que cada día nos preocupa e ilusiona, OREMOS.
QUEREMOS ESCOITAR A TÚA VOZ
Grazas, Señor, por esta nova oportunidade que nos dás de facer da nosa vida unha experiencia gozosa de encontro contigo e cos irmáns. P.X.N.S. Amén.

MIRADA DE ESPERANZA
Anunciamos a Boa Nova de Xesús
cando seguimos as súas pegadas
e a nosa vida dá testemuño
do Reino que Deus quere para todas as persoas.
Anunciamos a boa Nova de Xesús
cando vivimos para os demais,
cando nos interesa o que lle pasa á outra persoa,
cando nos comprometemos pola vida,
cando traballamos pola xustiza,
cando construímos a paz,
cando nos rebelamos diante da inxustiza,
cando comezamos a compartir,
cando aprendemos xuntos,
cando superamos as diferenzas,
cando nos preocupamos dos problemas desta terra,
cando temos a mirada atenta para ver a Deus que fala na vida,
cando confiamos en que el camiña con nós e nos dará as forzas necesarias.
Entón... e só entón... teremos autoridade.

CANTO GOZOSO
ENTRADA: Andarei na presenza do Señor
LECTURAS: Escoita ti
OFERTORIO: Acharte presente

COMUÑÓN: Ti es o pan do ceo

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Ascensión 2025 C

  7º Domingo de pascua. Ascensión.2025 A ASCENSIÓN:  ATRÁS QUEDARON OS CENÁCULOS NOS QUE ESCONDERSE E APARTARSE DO MUNDO CANTOS · Entrada.- Con ledicia vimos ( 3 ) · Lecturas.- Cantade ao Señor ( 23 ) · Ofertorio.- Cantádelle ao Señor ( 33 ) · Comuñón.- Señor Xesús bendito sexas (52) ABRÍNDONOS AO ESPÍRITO A Ascensión do Señor é a festa coa que Xesús nos quere transmitir que unha vez que El xa non está correspóndenos a nós perder os medos, saír da casa e anunciar no medio do mundo a forza, sempre alentadora e esperanzada, da súa mensaxe. El chámanos a ser testemuñas de toda a alegría rebordante que nos ofrece coa súa Boa Nova, porque xa non é tempo de esconderse e laiarse. Agora comeza o tempo do compromiso, da presenza activa e non excluínte, no medio do mundo. E sempre desde alí onde esteamos. Atrás quedaron os cenáculos nos que esconderse e apartarse do mundo. El farase presente se nós, co noso actuar e coa coherencia e honestidade de da nosa palabra, o facemos presente. CU...

Cristo Rei 2025

  UN REI DE SERVIZO NUN MUNDO PRECISADO DE ACOLLIDA E ESCOITA: XESÚS CRISTO CANTO GOZOSO   ·        ENTRADA .- Que ledos hoxe estamos (  ) ·        LECTURAS .- Moito me alegrei (  ) ·        OFERTORIO.-  Na nosa terra ( 36 ) ·        COMUÑÓN.-  No colo de miña nai   ESCOITA ACTIVA          Remata hoxe o ano litúrxico que comezabamos o primeiro domingo de Advento, hai xa un ano. Un ano de ledicias e tristuras, de esperanzas e desacougos, de loitas e cansazos, pero sempre guiados pola forza e a presenza de Xesús o Mestre, aquel que pasou facendo o ben e tendendo a man a quen ía atopando ao longo do camiño.          E hoxe, como remate deste camiñar, celebramos a festa de Cristo Rei coa que queremos poñer de manifesto que o seu r...