Ir al contenido principal

Epifania 2015

E A LUZ ENCHEU O MUNDO DE VIDA E MAIS DE PAZ
Descarga o arquivo
ESCOITA ACTIVA
Chegou a luz por medio dunha estrela, e a nosa vida viuse iluminada, chea de gozo, aberta á esperanza. A festa dos Reis quere ser un metáfora dunha fe que chega e se ofrece a tod@s; unha fe que non exclúe, senón que une e achega; unha fe que se mostra a tod@s e que só nos pide agrandar o corazón para facerlle oco, e poder así quedar para sempre con e entre nós. E iso só o pode ofrecer un Deus que é para tod@s –UNIVERSAL– desde a tolerancia, a paz e a xustiza. Abrámonos a compartir esta fe nesta nosa oración comunitaria que agora comezamos.
CORAZÓN MISERICORDIOSO
·         Polas veces nas que cansamos de entender que a túa mensaxe é universal, para tod@s, e non só para os nosos, SEÑOR, QUE NON PRACTIQUEMOS A DISCRIMINACIÓN.
·         Polas veces nas que reducimos a fe a memorizar oracións sen poñer a vida e as ilusións nas túas mans, CRISTO, QUE NON PRACTIQUEMOS A DISCRIMINACIÓN.
·         Polas veces nas que, a diferenza dos reis, non deixamos que a túa estrela de paz e esperanza guíe a nosa vida, SEÑOR, QUE NON PRACTIQUEMOS A DISCRIMINACIÓN.
PALABRA ENRAIZADA
*        Estrelas. Si, hoxe a Palabra de Deus fálanos de estrelas. Pero non das estrelas efémeras que saen nas revistas ou son populares porque aparecen en películas ou series de televisión. Tampouco das estrelas que se moven polo ceo na noite de san Lourenzo facendo un espectáculo fermoso e digno de ver e gozar. Non, a estrela á que os textos proclamados da Palabra fan referencia é a estrela dos valores que nos descobren como persoas máis humanas e humanizadoras, sensibles á vida -“gozos e esperanzas”– dos que comparten con nós o ser cidadáns do mundo; as que nos chaman –como di Francisco– a ser unha Igrexa de saída e non de burocracia nin “alcanfor”, que conserva moi ben o que foi doutro tempo; pero que é incapaz de xerar novas situacións que poñan a mensaxe do Evanxeo no centro do vivir e actuar dos que o seguimos. Unha Igrexa que denuncia, porque non cala nin se acomoda ao que fan os poderosos, o reducionismo das persoas a simples “descartes”, como se foramos cousas de usar e tirar. As estrelas das que hoxe falamos son as que nos traen a maxia de que todo está por mellorar; as que nos din que sempre hai unha raiola que segue a dar luz e a mostrarnos novos camiños; as que non deixan que as ilusións esmorezan e maten as esperanzas de que as cousas sempre poden ser mellores; as estrelas que non se conforman con afirmar que nada pode cambiar e que os de sempre: os poderosos, os corruptos, os maltratadores, os abusadores, os violentos... van volver vencer. Non, a estrela que hoxe nos mostra a Palabra de Deus é a que nos dí que todo isto pode vencerse, e que o derrotismo non ha callar nos corazóns dos que, coma Xesús, recibimos a visita dos magos para ofrecernos, dun cabo ao outro do mundo, un xeito novo, diferente de ver e facer as cousas. Por iso somos capaces de entender o que di o profeta: a estrela, esa estrela que nos fala de universalidade e rompe os “mojóns” cos que nós nos empeñamos en poñerlle límites ao mundo, é a que “aleda o noso corazón”.
*        Por iso nela recoñecemos a Aquel que veu traer algo novo que cambia e fai diferente os nosos corazóns; algo novo que non deixa que matemos a ledicia e mais a esperanza; algo novo que quere facer da nosa vida non un simple sufrir o que veña –como se Deus fose o que nolo envía– senón que nos chama a non deixar que o fasquío e o pesimismo vaian agromando en nós. Hoxe chegou a estrela que nos fai recoñecernos iguais e irmáns uns nos outros. Este é o gran misterio, o gran tesouro que debemos compartir e anunciar a quen non o coñece ou a aqueles que non foron capaces de entendelo cando lles dixeron que Deus é amor e se fixo un dos nosos para que non estiveramos solos. Adoralo a El non é vestirse de capas e poñer coroas, senón respectar a quen pensa distinto, darlle a palabra a quen non nos dá a razón, escoitar a quen ten outro xeito vivir e entender a vida. Saber recoñecer nesta actitude de ir cara ao irmán a Deus é o gran misterio que hoxe celebramos.
*        A diferenza de Herodes, nós si coñecemos e sabemos quen é El e cara onde levaba a estrela a aqueles homes que o buscaban. A diferenza de Herodes, nós non debemos andar ás agachadas, senón á luz do día, seguindo a relampo que a estrela vai marcando. Un relampo que nos indica por onde debemos trazar o noso camiño, e cales son os portais nos que temos que parar e ofrecer o noso tempo. Porque a diferenza do tempo de Xesús, hoxe non hai un só portal no que a estrela se ten que pousar, senón que son moitos os que esperan a súa visita, e nós estamos chamados a ser as mans, os corazóns e a cabeza que converte a estrela non nun obxecto astronómico que brila con luz propia, senón na luz que nos ofrece Xesús. Do seu portal, pobre e ignorado polos poderosos, aos portais de hoxe, pobres tamén e ignorados polos poderosos. O rei non está nos pazos do saber, do diñeiro nin do poder, o Rei hoxe está nos parad@s, nos desafiuzados, nos que non poden pagar o recibo da luz ao fin de mes, nos... alí é onde temos que atopalo e cara eles nos guía a estrela.
FRATERNIDADE ORANTE
Coma os magos, tamén nós necesitamos da estrela para que nos guíe polos camiños que poñen no corazón dos necesitados e excluídos amor e humanidade, por iso dicimos:
QUE NON DEIXEMOS QUE A ESTRELA PASE DE LARGO
o   Para que sexamos unha Igrexa que ofrece luz e tenrura, e non unha Igrexa de medo e imposición, OREMOS.

QUE NON DEIXEMOS QUE A ESTRELA PASE DE LARGO
o   Para que traballemos nas nosas parroquias por levar a luz da solidariedade, o entendemento e o trato igualitario entre os veciños, OREMOS.

QUE NON DEIXEMOS QUE A ESTRELA PASE DE LARGO
o   Para que non deixemos que a estrela pase de largo na nosa vida. Que saibamos descubrila, e non confundila, entre tódalas estrelas efémeras que cegan pero non iluminan nin orientan, OREMOS.

QUE NON DEIXEMOS QUE A ESTRELA PASE DE LARGO
Grazas, Señor, por ofrecernos a túa estrela, para que a súa luz chegue a tódolos recunchos da terra, convertendo a fe que profesamos en universal e incluínte. P.X.N.S. Amén.
MIRADA ESPERANZADA
A túa, estrela divina
axúdanos a descubrir o corazón de Deus que latexa nun portal;
a prostrarnos ante Aquel que, sendo Deus, se fai home;
a ofrecer, entre miserias e debilidades, a fortuna da nosa fe.
Es, estrela celeste, manifestación dun Deus que guía á persoa ata Xesús,
corredoira pola que camiñan os que erguen os seus ollos cara ao Creador,
luz para todo aquel que, vivindo na escuridade, busca nitidez para a súa fe.
Es, estrela que cruza o inmenso ceo,
dedo que sinala ao rei que todos esperan.
Es, estrela que se mostra con chiscar de ollos de Deus.
Grazas, Señor, xa non necesitamos máis estrelas
pois, ben sabemos, que cando hai LUZ; a LUZ xa non ten estrelas.
E Ti, Señor, es luz que apaga esconde todas as demais estrelas. Amén.
(P. Javier Leoz)
CANTO GOZOSO

Ø PANXOLIÑAS

Comentarios

Entradas populares de este blog

Epifania 2025

A ESTRELA DE DEUS GUÍA O CAMIÑO CARA Á BELÉN DA SINXELEZA CANTOS:  Panxoliñas OLLOS ABERTOS Paz e ben. Hoxe é un día máxico e de maxia. Máxico porque Deus móstrasenos a toda a humanidade, sen distincións. El non repara na nosa condición social, na cor da nosa pel, no noso xénero ou na nosa idade. El é man aberta que acolle e abraza sen exclusións de ningún tipo. Pero tamén é día de verdadeira maxia, para pequenos e grandes: a maxia da ilusión e da capacidade de sorprendernos pola estrela do Señor, que guía a nosa vida. Con esta invitación a non perder nunca a maxia da ilusión, comecemos a nosa celebración de hoxe. CORAZÓN MISERICORDIOSO Señor, inda que Ti nos invitas á maxia da ilusión, nós confundimos o camiño e andamos no pesimismo, por iso che dicimos, SEÑOR, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, Ti non cansas nunca de dicirnos que só quen ten capacidade de sorprenderse seguirá fiel no teu vieiro, por iso che pedimos, CRISTO, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, pol...

1 Advento 2024

Carpinteiras do berce da esperanza   CANTOS ·        ENTRADA: Volve, Señor. (Nº 90) ·        LECTURAS: Amostrame, Señor, os camiños da vida (Nº 20) ·        OFERTORIO: Velaquí Señor o viño (Nº 37) ·        COMUÑÓN: Xesús chamado amigo (Nº 89)   SINAL O sinal que utilizaremos neste tempo de Advento vai ser un berce. Berce que iremos conformando ao longo dos catro domingos, para que cando chegue o día de Nadal poidamos poñer sobre el ao Neno recén nacido.   ABRINDO O CORAZÓN             Comezamos hoxe as catro semanas de Advento previas ao tempo de Nadal. Ao longo delas invitarásenos a volver os ollos e o corazón ao Señor, de xeito que cando El chegue nos atope cos brazos abertos e toda a mellor das disposicións para que quede con e entre nós.          ...

Santos 2024

  Tódolos Santos. 2024 Camiñando na comuñón do Pai, do Fillo e do Espírito Santo Cantos Entrada.-  Benaventurados  ( 118) Lecturas.-  O amor é o meirande  ( 119) Ofertorio.-  Quédate, Señor, connosco   ( 63 ) Comuñón.-  Non vou so   ( 60 )   Ollos para ver          As persoas cristiás celebramos hoxe a festa da esperanza. Non é nin a festa dos disfraces nin a festa do medo, é a festa do agradecemento polo testemuño de vida que nos teñen deixado homes e mulleres, os santos da porta do lado, como diría o papa Francisco, que foron quen de construír comunidade en comuñón. Sabendo unir, escoitar, acompañar e mostrar que na vida, o que nos fai verdadeiramente felices é facer o ben, e non rosmar e estar permanentemente facendo crítica e vendo so o negativo das demais persoas.          E hoxe entón a festa da comuñón no Pai, no Fillo e no espírito...