Ir al contenido principal

3 Domingo TO B

HOXE PODE SER UN DÍA GRANDE
Descarga o ficheiro

ESCOITA ACTIVA

É triste, pero cada día coñecemos a moita xente que nace, crece, traballa, reprodúcese (ou non), xubílase e morre. Así, sen máis. Endexamais se preguntaron quen son, como son, que fan, por que o fan, para que viven, cara onde camiñan…. ou cara onde quixeran camiñar. Porque ser protagonistas da nosa propia historia, vivir a tope a vida, chegar a ser persoa… non é algo que se nos dea feito, que se consegue con ir sumando anos ou que se atopa sen buscar seriamente.
Descubrir o sentido profundo da vida, ser nós mesmos, é tarefa persoal e intransferible. A tarefa máis urxente e primeira de toda a vida. Porque Deus chámanos a ser nós mesmos, a vivir unha existencia humana e humanizadora, libre e liberadora… e ensinounos o camiño: o servizo. Que a celebración que agora comezamos nos axude a decatarnos de que hoxe é un bo día para descubrilo.

CORAZÓN MISERICORDIOSO

·         Por non querer dedicar tempo a revisar a nosa vida, e recoñecer que moitas veces facémoslle mal aos demais co que dicimos e facemos, SEÑOR, AXÚDANOS A CONVERTERNOS.
·         Porque desconfiamos das persoas, dos seus intereses, da súas motivacións negándolles así a nosa confianza, CRISTO, AXÚDANOS A CONVERTERNOS.
·         Porque son demasiadas as ocasións nas que nos refuxiamos na masa, no ruído e na superficialidade, para evitar tomar decisións e enfrontarnos aos problemas, SEÑOR, AXÚDANOS A CONVERTERNOS.

PALABRA ENRAIZADA

·         Hai acontecementos na vida das persoas que fan cambiar o noso comportamento, o noso xeito de vida: namorarnos, unha nova amizade, o nacemento dun fillo… Por desgraza, a fe e o encontro co Resucitado non é un deles. Porque vinte séculos despois, o encontro con Xesús, desgraciadamente, non provoca en nós unha integración, un cambio de vida. É verdade que seguimos dicindo e escoitando que o Reino está cerca, mesmo que está dentro de nós; pero na meirande parte dos casos non cremos o que dicimos e, en consecuencia, non cambia a nosa vida. Pedro, André, Santiago e Xoán escoitaron estas palabras de Xesús e créronas. Deixaron as súas barcas, as súas redes, a súa casa… todo o que tiñan. Pero había algo naquela chamada que os convence. E nós?. É posible que ata o de agora, recibiramos unha chamada sociolóxica: nacemos nunha civilización, nunha familia e nun momento no que tiñamos que ser cristiáns. Herdámolo, coma os apelidos. Pero fáltanos o adestramento persoal, a resposta concreta, consciente, madura, reflexiva.
·         Porén, o encontro con Xesús debería transformar todas as realidades deste mundo: redes, familia, barca, negocios, traballo… quedarán descentradas. Porque o Deus que nos revela Xesús é o Deus do Reino: bo, misericordioso, próximos aos pobres e aos que precisan xustiza. E nós, coma seguidores seus, somos as súas mans, os seus ollos, o seu corazón, neste noso Nínive de crise, de nihilismo, de paro, de marxinación, de contratos-lixo.
·         Porque só desde unha actitude de coherencia e compromiso fondo con Aquel en quen cremos, só se realmente a fe pinta algo na nosa vida, seremos quen de facer que os demais se cuestionen pola relixión, se cuestionen por Deus. A isto é ao que fai referencia a expresión “pescadores de homes”, que hoxe escoitamos no evanxeo e que moitas veces interpretamos mal primando a cantidade sobre a calidade, converténdoa en sinónimo de imposición. Hoxe, máis que nunca, é importante que entendamos que o camiño nunca pode ser o da imposición, o do medo ou o da obriga, nin tampouco o da obediencia cega, pois ademais de seren contrarios á mensaxe de Xesús, son armas de dobre fío que se volven contra nós co paso do tempo. O camiño pasa pola invitación, e non pola imposición; polo discernimento, e non pola obediencia cega; polo afondamento da fe coma resposta ao sentido da vida, e non polo adoutrinamento ou cumprimento de normas sen sentido.
·         Hoxe tamén, Xesús, dinos a cada un e cada unha de nós: vinde comigo. Hoxe pode ser un gran día, vivámolo así.

FRATERNIDADE ORANTE

Abrámonos ao vento do Espírito para que El nos axude no noso proceso de conversión, e digamos xuntos:
QUE CAMIÑEMOS CON XESÚS
·         Pola Igrexa, para que fomente entre todos los cristiáns o respecto a outras crenzas, culturas e razas, e así entre todos busquemos aquelo que nos fai máis humanos e que fai da convivencia o mellor xeito de vivir, OREMOS.
QUE CAMIÑEMOS CON XESÚS
·          Para que as nosas comunidades descubran que só desde actitudes que saben asumir os seus erros e superar a tentación de crerse mellores que os demais, camiñamos na conversión do Reino, OREMOS.
QUE CAMIÑEMOS CON XESÚS
·          Por nós, para que no día a día da nosa vida saibamos recoñecer que estamos necesitados de tempo de calidade, tempo de reflexión, tempo de discernimento, para abrirnos á esperanza, OREMOS
QUE CAMIÑEMOS CON XESÚS
Señor, que nunca teñamos medo de revisar as nosas actitudes e comportamentos, pois sabemos que ti nos invitas sempre ao cambio e á renovación. P.X.N.S. Amén

MIRADA ESPERANZADA

Imos ver se é certo que o amamos
imos mirarnos por dentro un pouco.
Hai cousas colgadas que o mancan a El,
freguemos o chan e abramos as portas,
que saian os lagartos e entren as luces.
Borremos os nomes da lista negra
coloquemos os nosos inimigos enriba da ucha,
convidémolos a caldo.
Toquemos as frautas dos parvos, dos sinxelos,
que Deus se atope a gusto se baixa.
G. Fuertes

CANTO GOZOSO

·         ENTRADA: Amigos nas penas
·         LECTURAS: Arrepentido
·         OFERTORIO: Na nosa terra
·         COMUÑÓN: O amor é o meirande


Comentarios

Entradas populares de este blog

Epifania 2025

A ESTRELA DE DEUS GUÍA O CAMIÑO CARA Á BELÉN DA SINXELEZA CANTOS:  Panxoliñas OLLOS ABERTOS Paz e ben. Hoxe é un día máxico e de maxia. Máxico porque Deus móstrasenos a toda a humanidade, sen distincións. El non repara na nosa condición social, na cor da nosa pel, no noso xénero ou na nosa idade. El é man aberta que acolle e abraza sen exclusións de ningún tipo. Pero tamén é día de verdadeira maxia, para pequenos e grandes: a maxia da ilusión e da capacidade de sorprendernos pola estrela do Señor, que guía a nosa vida. Con esta invitación a non perder nunca a maxia da ilusión, comecemos a nosa celebración de hoxe. CORAZÓN MISERICORDIOSO Señor, inda que Ti nos invitas á maxia da ilusión, nós confundimos o camiño e andamos no pesimismo, por iso che dicimos, SEÑOR, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, Ti non cansas nunca de dicirnos que só quen ten capacidade de sorprenderse seguirá fiel no teu vieiro, por iso che pedimos, CRISTO, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, pol...

1 Advento 2024

Carpinteiras do berce da esperanza   CANTOS ·        ENTRADA: Volve, Señor. (Nº 90) ·        LECTURAS: Amostrame, Señor, os camiños da vida (Nº 20) ·        OFERTORIO: Velaquí Señor o viño (Nº 37) ·        COMUÑÓN: Xesús chamado amigo (Nº 89)   SINAL O sinal que utilizaremos neste tempo de Advento vai ser un berce. Berce que iremos conformando ao longo dos catro domingos, para que cando chegue o día de Nadal poidamos poñer sobre el ao Neno recén nacido.   ABRINDO O CORAZÓN             Comezamos hoxe as catro semanas de Advento previas ao tempo de Nadal. Ao longo delas invitarásenos a volver os ollos e o corazón ao Señor, de xeito que cando El chegue nos atope cos brazos abertos e toda a mellor das disposicións para que quede con e entre nós.          ...

Santos 2024

  Tódolos Santos. 2024 Camiñando na comuñón do Pai, do Fillo e do Espírito Santo Cantos Entrada.-  Benaventurados  ( 118) Lecturas.-  O amor é o meirande  ( 119) Ofertorio.-  Quédate, Señor, connosco   ( 63 ) Comuñón.-  Non vou so   ( 60 )   Ollos para ver          As persoas cristiás celebramos hoxe a festa da esperanza. Non é nin a festa dos disfraces nin a festa do medo, é a festa do agradecemento polo testemuño de vida que nos teñen deixado homes e mulleres, os santos da porta do lado, como diría o papa Francisco, que foron quen de construír comunidade en comuñón. Sabendo unir, escoitar, acompañar e mostrar que na vida, o que nos fai verdadeiramente felices é facer o ben, e non rosmar e estar permanentemente facendo crítica e vendo so o negativo das demais persoas.          E hoxe entón a festa da comuñón no Pai, no Fillo e no espírito...