Ir al contenido principal

28 domingo TO B 2015



Só un corazón quente é quen de entender que a misericordia de Deus é sabedoría de felicidade
RECENDOS DE SONS AGRADECIDOS
o   ENTRADA: Ti es camiño e verdade

o   LECTURAS: As túas palabras son espírito e vida
o   OFERTORIO: Na nosa terra
o   COMUÑÓN: Déixate querer
OLLOS ABERTOS
Vivimos con cara de tristeza. Non coa de vinagre, pero si coa de tristeza. Por que nos pasa isto se o temos todo: casa, coche, médicos, profes...? Estamos rodeados de xente, a televisión está permanentemente emitindo, as emisoras de radio no deixan de sonar, os teléfonos seica son intelixentes, os ordenadores persoais... por que entón ese corazón tan reseco e esa cara marcada polas engurras da tristeza? Non será que a nosa confianza seguimos a poñela no ter, no posuír, no gardar, no cobizar, e non no ser: ser persoa, ser amig@, ser feliz, ser bo marido, boa muller, bo fillo, bo cura...? Que mellor momento ca este, no que estamos reunidos sen présa, nun lugar tranquilo e sen o bombardeo da sobredose de palabras, para, no silencio da oración que agora imos comezar, preguntarnos por que tendo tan claros os horizontes aos que nos invita Xesús, facemos o posible por darlle as costas.
CORAZÓN MISERICORDIOSO
û  Porque nos fai máis felices ter moito que querer moito; SEÑOR, PERDOA O NOSO INMOBILISMO.
û  Porque nos fai máis felices ser importantes que ser servidores, CRISTO, PERDOA O NOSO INMOBILISMO.
û  Porque nos fai máis felices ter razón que escoitar; SEÑOR,PERDOA O NOSO INMOBILISMO.
PALABRA ACOLLIDA E PÉS NO CHAN
·        Para moitas persoas é desesperante, motivo de envexa e de non poder vivir en paz cun mesmo, pensar que un ten menos bens que o veciño, e fan todo o posible para quitarlle mérito e importancia a canto outros teñen feito ou logrado co seu traballo. Os seus corazóns están resecos, porque quedaron parados no externo, no aparente, no que non dá a felicidade. Si. Acumular riqueza, como única e exclusiva razón da vida, fainos persoas desconfiadas, pouco xenerosas e moi lonxe do proxecto de amor do Deus que nos crea non para que nos dobremos diante del, senón porque nos quere, nos recoñece iguais en dignidade e nos dá un plus de igualdade que nos une coma irmáns para descubrírmonos posuidores da súa mesma imaxe e semellanza. Somos de Deus; pero tamén somos coma Deus: merecedores do mesmo respecto. Non somos cousas nin algo. Somos os alguéns que camiñamos desde o proxecto de Deus para o mundo. Aquí está a verdadeira sabedoría, como acabamos de escoitar na lectura: a sabedoría que pon as cousas ao noso dispor, e non nos pon a nós ao dispor das cousas, de tal xeito que nos acaben escravizando.
·        Por iso a palabra de Deus o que busca e ao que nos chama é a ter corazóns quentes: humanos, afables, amables, sensibles, con capacidade de empatía... O que hoxe se lle chama ser persoas con intelixencia emocional. É entón esta Palabra unha Palabra sempre en saída, en busca, en tarefa permanente para que as persoas non nos pechemos en nós mesmos ata incomunicarnos, senón que nos abramos ao escoitar, acompañar, compartir, agarimar. Unha Palabra que nos di que non debemos –podemos?- ser nin limóns nin vinagre nin pomelo. Porque se nos falta a dozura á hora de ver o mundo como casa común, a amargura acabaría por devorarnos. Só no seguimento desta Palabra que sempre nos fala ao corazón poderemos dicir que temos entendido o por que da misericordia de Deus para con nós, e de nós para cos demais.
·        Esta misericordia que nos achega e iguala uns aos outros é a que guía a proposta de Xesús. Para aquel tempo e para hoxe. O “vende todo” e ségueme, non é máis que unha invitación a fitar a nosa mirada no que de verdade é importante: o que nos achega, humaniza, posibilita que nos atopemos, fai posible que unamos mans en tarefas e proxectos comúns. Nunha palabra: que non fagamos do enfrontamento nin da crispación metodoloxía do noso día a día. Desprenderse dun corazón cheo de adherencias que o insensibilizan diante do que pasa no noso mundo e ao noso redor responde á proposta que un día máis nos fai Xesús. Vender e seguir, unha dialéctica nada doada e pouco comprensible hoxe en día. Pouco comprensible no mundo pero tamén na Igrexa; e dentro desta, nos que deberiamos ser servidores da gratuidade e da permanente actitude de acollida e escoita. Canto corazón endurecido na celebración convertida en estipendio. Canto corazón endurecido no funeral dos cartos, máis importante que na oración comunitaria compartida! Canto corazón ennegrecido polo apego aos cartos e ás cousas, inda que sexan no nome de Deus! Canto engano en forma rito e consumo de tempo no templo cando á porta está o irmán que está só, pide unha axuda ou necesita un sorriso! Nin sequera xustificando que foi a praxe –foi, pero xa non pode seguir sendo– ou dicindo que son sacramentais aprobados pola Igrexa, poderemos facer dela nin o noso ministerio nin o xeito de ser cristián que testemuña aos homes e mulleres do noso tempo.

FRATERNIDADE ORANTE
Porque Deus non quere corazóns de pedra que só pensan nas cousas, senón corazóns de carne que nos une e fai sensibles diante das situacións de dor e tristeza dos irmáns, dicimos:
QUE A RIQUEZA NON NOS FAGA INSENSIBLES ANTE A INXUSTIZA
*        Para que a Igrexa sexa pobre e dos pobres, OREMOS.
QUE A RIQUEZA NON NOS FAGA INSENSIBLES ANTE A INXUSTIZA
*        Para que a indiferenza non marque as relacións entre os veciños das nosas comunidades parroquiais, OREMOS.
QUE A RIQUEZA NON NOS FAGA INSENSIBLES ANTE A INXUSTIZA
*        Para que a nosa fe saibamos vivila desde unha actitude de ser os ollos, as mans, os oídos e os pés de quen poida necesitarnos, OREMOS.
QUE A RIQUEZA NON NOS FAGA INSENSIBLES ANTE A INXUSTIZA
Grazas, Señor, por volver invitarnos a ter presentes na oración a todos sen exclusións:, amigos, veciños, parentes, compañeiros de traballo, inmigrantes, enfermos, presos, explotados... e a non esquecer que non é no ter, senón no saber ser: filla, nai, pai, fillo, avó, avoa... onde está o tesouro co que nos agasallas cada día desde o Evanxeo. P.X.N.S. Amén.
OÍDOS ATENTOS
O consumo, a riqueza, a abundancia,
a seguridade para o presente e para o futuro por riba de todo,
di a propaganda;
 e Ti disnos:
quen dea un vaso de auga a un pequeno,
non perderá a súa recompensa.
A orde, a ausencia de conflitos,
o respecto ao sistema e ás leis por riba de todo,
dinos o noso medo;
e Ti disnos:
vin traer lume á terra
e canto desexo que arda.

Grazas pola túa novidade,
que provoca e rompe tantos principios inamovibles da nosa sociedade;
que cuestiona, clara e limpamente,
sen panos quentes,
tantas cousas da nosa vida.
Ti que es máis grande que todos os nosos pecados,
recréanos e danos un futuro novo e mellor.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Pentecostes 2026

PENTECOSTES: O MILAGRE DE NON SER LADRILLOS IGUAIS SENÓN PEZAS VIVAS DA DIVERSIDADE CANTO GOZOSO   ö ENTRADA: Vinde axiña (   10     ) ö ASPERSIÓN: A auga do Señor (Nº 125) ö LECTURAS: Manda o teu Espírito ö OFERTORIO: Sementar, sementarei ö COMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55) MIRADA AGRADECIDA Hoxe pechamos o tempo de Pascua, e facémolo do mellor xeito posible: co cumprimento por parte de Xesús da súa promesa de non deixarnos na orfandade, senón de agasallarnos co Espírito Santo. E se pensamos neste Espírito, a mellor imaxe non é a dun coro onde todas as persoas cantan a mesma melodía coa mesma voz. O Espírito parécese máis a unha gran orquestra, onde cada instrumento é totalmente diferente, ten o seu propio timbre, o seu propio xeito de soar e o seu propio acento. O milagre non é que o violín soe a trompeta, senón que cadaquén, estando ben afinada e ben afinado na súa propia identidade, contribúa a crear unha música final que a ningun...

Corpus 2026

ELIXE AMAR. ELIXE COMUNIDADE... ASÍ NINGUNHA PERSOA TERÁ QUE RECIBIR MIGALLAS. CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe celebramos o Corpus Christi, o Día da Caridade, e facémolo co corazón de festa pero cos pés afincados no chan. Moitas veces corremos o perigo de reducir este día a unha procesión fermosa, a custodias brillantes e a efémeras alfombras de flores. Pero o Corpus é o recordatorio de que Deus non quedou nunha teoría, senón que se fixo pan para poder ser alimento e para poder ser compartido. Non o esquezamos: o deserto segue aí fóra. O deserto da soidade da xente maior, o deserto da falta de oportunidades da mocidade, o deserto de tantas familias que non teñen vivenda ou que non chegan a fin de mes. E neses desertos resoa con forza a chamada deste ano: Elixe amar, elixe comunidade. Porque a caridade non é dar as sobr...

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...