Ir al contenido principal

29 Domingo TO B 2015 DOMUND

Construamos unha Igrexa universal enchoupada de misericordia

Descarga o arquivo
RECENDOS DE SONS AGRADECIDOS
  • ENTRADA: Eu soñei
  • LECTURAS: Grazas, Señor, graciñas
  • OFERTORIO: Misioneiro serás
  • COMUÑÓN: Ide e pregoade
OLLOS ABERTOS
Hoxe é o día no que en toda a Igrexa celebramos a Xornada pola evanxelización dos pobos. Evanxelizar é facer da Boa Nova, do Evanxeo, proposta de vida para nós e para aqueles que, a través do noso testemuño, se ven sorprendidos pola nosa coherencia no actuar, a nosa honestidade no traballar e a nosa caridade no acoller.
Evanxelizar é tamén un verbo que expresa movemento, acción, dinamismo. Tres realidades que integramos na nosa vida cada día, desde que nos erguemos ata que nos deitamos, para poñelas na man de Deus e ofrecérllelas convertidas en obras que van poñendo nos ollos, beizos e corazón das persoas paz, igualdade e misericordia. Por iso esta Xornada non debe ser só para facer unha colecta e enviárllela aos máis pobres. Iso terá sentido e razón de ser se somos capaces de converter o anterior en maneira de estar cos outros e de facer as cousas. De nada nos valería poñer moitos cartos nos sobres se seguimos sendo inxustos, desconfiados, violentos, racistas ou deslinguados. Os cartos non cambian o corazón, senón que han ser expresión dese cambio.
Que a celebración que agora imos comezar remova a nosa conciencia, nos axude a descubrir o que temos que cambiar e alente en cada un de nós ese cambio. É esta a mellor maneira de facer da nosa vida verdadeira misión evanxelizadora.

CORAZÓN MISERICORDIOSO
  • Polas veces nas que no canto do cambio de corazón só poñemos cartos, SEÑOR, QUE NON NOS INSTALEMOS NUNHA FE DESCONECTADA DA VIDA.
  • Porque non acabamos de convencernos que a fe só é crible polo testemuño que deamos, non polo moito tempo botado dentro dos templos, CRISTO, QUE NON NOS INSTALEMOS NUNHA FE DESCONECTADA DA VIDA.
  • Para que non morramos de éxito pensando que nós somos os bos, e os demais malos e irrecuperables, SEÑOR, QUE NON NOS INSTALEMOS NUNHA FE DESCONECTADA DA VIDA.

PALABRA ACOLLIDA E PÉS NO CHAN
  • Hoxe, no día no que se nos invita a tomar conciencia de que tod@s os que buscamos vivir a fe con responsabilidade estamos chamados a ser MISIONEIR@S. E a misión, en palabras de Xesús, sintetízase na tarefa de pasar buscando servir e non ser servido. Un servizo ao que se lle vai poñendo mans, corazón e rostro: o/s outro/s: os que están preto; os que están afastados; os que aínda non están, pero algún día quizais estean... O servizo ao que nos chama Xesús é un servizo incluínte, humanizador, dialóxico, cordial. Desenvólvese na lóxica da presenza activa e colaboradora, non na imposición normativa e excluínte. Isto fai que o servizo que sempre debemos prestar os cristiáns, respondendo á misión, sexa xenuína solidariedade enchoupada de entrega xenerosa: escoitar, acompañar, dar.
  • Cal é a fonte na que temos que beber para que isto poida ser así? A Carta aos Hebreos vén na nosa axuda para clarificarnos: Cristo, o Señor. El pasou facendo o ben. Non quedou quieto, non se converteu en figura de barro, como lle pasou aos parentes de Lot, senón que poñéndose en camiño foi capaz de avanzar. Non mirou atrás, venceu a tentación do inmobilismo tan presente na Igrexa deste momento, á que lle custa, por este motivo, seguir o dinamismo do papa Francisco. Unha Igrexa á que lle custa deixar de mirar atrás e perder o medo. Unha Igrexa á que lle custa abandonar o laio para facerse presente saíndo ao encontro e ofrecéndose como man que acolle e acompaña. No Cristo que mirou sempre cara adiante, cara á esperanza que supera o derrotismo do que ten medo, podemos atopar a misericordia á que sempre estamos chamados e que temos que levarlle a quen se ve necesitado dela. Esta é a Igrexa que El quere, unha Igrexa de misericordia, de esperanza, de saída, de compromiso social por transformar o mundo. Porque só desde a misericordia que imos aprendendo de Xesús somos capaces e entender que o Evanxeo non é pasado senón presente; non é dar as costas ao mundo, senón saber acompañalo nos seus homes e mulleres, tantas veces con corazón magoado, e necesitados do bálsamos da misericordia, que non condena, pero que si alivia. E pode facelo porque sendo Deus amor, o rostro do seu amor móstrase na misericordia desde a que nós, os seus seguidores vivimos. E aquí está permanentemente a nosa misión.
  • Seguindo, logo, a Xesús, a nosa tarefa está en esforzarnos cada día por ser misioneiros da misericordia, tal e como nos lembra Francisco na carta de convocatoria deste ano da misericordia que comezaremos o primeiro domingo de Advento. Misioneiros de acción e oración; de contemplación e compromiso; de esforzo e acompañamento; de diálogo e escoita. Misioneiros sempre, e non só de cartos, senón de vivir e actuar seguindo a tarefa encomendada por Xesús. E sabéndonos tod@s misioneiros, hoxe na nosa oración debemos ter moi presente o traballo solidario, xeneroso e de gratuidade de tod@s @s misioneir@s que, en distintas partes do mundo e seguindo a Xesús, queren facer da súa presenza alí tarefa permanente de misericordia.
FRATERNIDADE ORANTE
Damos grazas a Deus por invitarnos e axudarnos a tomar conciencia de que camiñar na misericordia é o mellor agasallo para poder ser persoas felices. Por iso dicimos xunt@s:
QUE FAGAMOS DA NOSA VIDA GRATITUDE E MISERICORDIA
  • Para que a Igrexa ofreza sempre acollida e non medo nin sometemento, OREMOS.
QUE FAGAMOS DA NOSA VIDA GRATITUDE E MISERICORDIA
  • Para que o noso actuar nas parroquias se deixe guiar pola forza da cordialidade, do tempo compartido e do sorriso ofrecido a quen necesite deles, OREMOS.
QUE FAGAMOS DA NOSA VIDA GRATITUDE E MISERICORDIA
  • Para que nós saibamos facernos preguntas que nos axuden a non a vivir de costas aos problemas que temos ao noso lado, senón a ser capaces de descubrir como estar preto das persoas que os están a sufrir, OREMOS.
QUE FAGAMOS DA NOSA VIDA GRATITUDE E MISERICORDIA
  • Por tod@s cantos conformamos a Igrexa, para que nos esforcemos por ser unha Igrexa de misión. Hoxe temos especialmente presentes ás persoas que dan o mellor de si na misión de levar o Evanxeo da dignidade ás persoas dos países máis empobrecidos, tal e como nos invita Xesús, ofrecendo o agasallo do amor de Deus como o mellor dos tesouros, OREMOS.
QUE FAGAMOS DA NOSA VIDA GRATITUDE E MISERICORDIA
Acompaña, Señor, esta oración que un día máis poñemos na túa man. PXNS.

OÍDOS ATENTOS
A alegría do Evanxeo que enche a vida da comunidade dos discípulos é unha alegría misioneira. Experiméntana os setenta e dous discípulos, que retornan dunha misión chea de alegría (cf. Lc 10,17). O Xesús que se alegra no Espírito Santo e loa ao Pai porque a súa revelación alcanza aos máis pobres e pequenos (cf. Lc 10, 21) vive. Séntena cheos de admiración os primeiros que se converten ao escoitar predicar Apóstolos "cada un na súa propia lingua" (Feit 2,6) o día de Pentecoste. Esa alegría é un sinal de que o Evanxeo foi anunciado e está dando froitos. Pero sempre ten a dinámica do éxodo e don de saír fóra de si, do camiñar e sementar sempre de novo, sempre máis aló. O Señor di:"vaiamos a outro lugar predicar tamén nas cidades veciñas, porque para iso vin" (Mc 1,38). Cando a semente é plantada nun lugar, xa non se detén para explicar mellor ou facer máis sinais alí, senón que o Espírito móveo a saír cara outros pobos.(E. G. 21)

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...

Santos 2025

  BENAVENTURADAS AS XENTES DE BEN QUE, AO ESTILO DE XESÚS, PASARON SEMENTANDO XENEROSIDADE Canto para agradecer Ø    Entrada.-  Benaventurados Ø    Lecturas.-  Podo do divino e do humano Ø    Ofertorio.-  Na nosa terra Ø    Comuñón.-  No colo da miña nai Ollos para ver          Hoxe é a festa de tódolos Santos, a festa do agradecemento a tantas persoas de ben que foron deixando no medio de nós pegadas de solidariedade xenerosa e entregada. Falamos daquelas persoas, moitas delas témolas coñecido, que nos deixaron esa sementiña de esperanza en momentos nos que a vida se volvía dura e difícil.          Homes e mulleres que foron construíndo a súa santidade desde a sinxeleza e a humildade de facer canto o corazón lle pedía para construír un mundo mellor. Homes e mulleres aos que Francisco lles chamaba os santos da porta do lado, porque a ...